Casa de Andrade

liñaxe da nobreza galega

A casa de Andrade foi unha liñaxe da nobreza galega, que acadou o seu auxe na Baixa Idade Media. Os primeiros membros desta liñaxe aparecen nomeados a mediados do século XII, nos Tombos dos mosteiros de Caaveiro e Monfero. Collen o nome da freguesía, logo couto, de Andrade, situada entre os dominios de ambos os dous mosteiros. Na actualidade, dita freguesía é unha parroquia do concello de Pontedeume.

Casa de Andrade
caption
PaísReino de Galicia, Reino de Portugal, Coroa de Castela
TítulosCondes de Andrade, Señores de Ferrol e Pontedeume, Señores de Vilalba
FundadorFortunio Bermúdez ?
Mosteiro de San Xoán de Caaveiro (A Capela) do que foron encomendeiros os Andrade

Os primeiros Andrade

editar

Os primeiros Andrade, xunto con outras familias como os Atániz ou os Sillobre, formaban parte dunha nobreza de segunda categoría á sombra da familia Traba. Reciben tratamento de don e eran escudeiros, cabaleiros e prestameiros dos arciprestados de Pruzos e Bezoucos.

A fundación da vila e alfoz de Pontedeume en 1270 supón un duro golpe para a nobreza comarcal, non só pola imposibilidade de aumentar terras, senón tamén pola perda de poder. Porén, os Andrade conseguen manter o couto do mesmo nome, que non pasa a formar parte do alfoz de Pontedeume.

Enuméranse a continuación os primeiros cabaleiros de Andrade (as datas entre parénteses corresponden á documentación extrema onde aparecen mencionados):

  • Fortunio Bermúdez (1127?-1169): Aínda non engade ao seu apelido o topónimo Andrade. Sábese que recibía o tratamento de don e que en 1155 fixo unha doazón ao mosteiro de Monfero. Tivo tres fillos: Bermudo Fortúnez de Andrade, Elvira Fortúnez e Enxemena (Ximena) Fortúnez.
  • Bermudo Fortúnez de Andrade (1160-1182): En 1164 fixo unha doazón ao mosteiro de Monfero como cabaleiro de Andrade. Exerceu o cargo de prestameiro real, unha sorte de delegado rexio que velaba polo cumprimento da xustiza. Fillos del foron Martín Bermúdez de Andrade, Pedro Bermúdez de Andrade e Fernando Bermúdez.
  • Pedro Bermúdez de Andrade (1182-1235): Como seu pai, exerceu de prestameiro, e foi, posibelmente, o primeiro titular do couto de Andrade, cuxa existencia sábese que é anterior á fundación da vila de Pontedeume en 1270. Fixo doazóns ao mosteiro de Monfero (nunha delas, en documento de 1223, é citado como cabaleiro), mais o seu preferido foi o de Caaveiro ao que fixo tamén varias doazóns e onde foi sepultado. Emparentou cos Sillobre ao casar con Urraca González e tivo tres fillos: Fernán Pérez de Andrade, Lopo Pérez de Andrade e Urraca Pérez. Debeu morrer en 1235 ou ao pouco tempo.
  • Fernán Pérez de Andrade I (1231-1270?): Seguindo coa tradición familiar foi prestameiro. A diferenza dos seus devanceiros, racha coas boas relacións co mosteiro de Caaveiro ao tempo que estreita as relacións co de Monfero do que é nomeado encomendeiro (defensor ou protector). Como era habitual naqueles tempos, aproveita a encomenda para usurpar bens do mosteiro. En 1270, o Adiantado Maior de Galiza, por orde do rei Afonso X, obrígao a devolver ao mosteiro a freguesía e granxa de Ambroa. Tivo dúas esposas: María Yáñez e Sancha Rodríguez. Desta última tivo un fillo: Pero Fernández de Andrade.
  • Pero Fernández de Andrade I (1265-1277): Hai poucas referencias del. Nunha anotación cítase á súa esposa, Tareixa Gomez.
  • Fernán Pérez de Andrade II (1298-1320): Non se sabe con certeza se era fillo de Pero Fernández de Andrade I ou de Fernán Pérez de Andrade I. Con el ráchanse por completo as relacións co mosteiro de Caaveiro xa que entre 1298 e 1302 participa con outros cabaleiros, chamados "malfectores", na espoliación do mosteiro, obrigando ao prior a fuxir. Pola contra, mantén boas relacións co mosteiro de Monfero. O 16 de setembro de 1320, por orde de Berenguel de Landoira, arcebispo de Santiago, xunto con outros nobres entre os que se achaba o seu irmán Pero Fernández de Andrade II, foi axustizado no castelo da Rocha, por seren amigos do "traidor" Afonso Suárez de Deza, mordomo do infante Filipe, que se opuña ao dominio do arcebispo e a igrexa sobre a cidade de Santiago.

A transición

editar
 
Sartego de Fernán Pérez de Andrade, O Boo na igrexa de San Francisco de Betanzos.

Coa morte traumática dos dous irmáns, comeza a mediados do século XIV un aparente baleiro documental ata que aparecen en escena os Freire de Andrade. Nuns recentes estudos[1][2], o historiador local eumés, Carlos de Castro apunta unha hipótese plausible tirada da documentación existente, que relaciona os primeiros Andrade cos Freire de Andrade.

Primeiramente, deixa meridianamente demostrado o erro dos xenealoxistas que afirman que Fernán Pérez de Andrade O Bo é descendente da liñaxe dos condes de Traba e Trastámara.

Sostén Carlos de Castro, que o apelido de Xohan Freire de Andrade (1270-1330), avó de Fernán Pérez de Andrade, O Boo, primeiro señor de Pontedeume, era un dictus (alcume) de Xohan Fernández, do cal si temos documentación como doante ao mosteiro de Monfero nun lugar onde tradicionalmente a familia Andrade doou ao este mosteiro. Baralla dúas hipóteses: Xohan Freire era fillo de Fernán Pérez de Andrade I, ou ben era fillo de Pero Fernández de Andrade I. Fíxose coa encomenda do couto de Caaveiro e casou con María Suárez da que tivo catro fillos.

O seu fillo, Rui Freire de Andrade (1308-1362) continúa coa encomenda de Caaveiro, que é a que dá o liderado familiar. Casou tres veces e foi pai de dúas mulleres e catro homes. Vai ser precisamente un dos seus fillos, Fernán Pérez de Andrade, quen se converta no primeiro señor de Pontedeume, Ferrol e, pouco despois, Vilalba.

É salientábel tamén a figura doutro fillo seu que exemplifica mellor que ninguén o espallamento da familia fóra da terra natal. Tal foi Nuno Freire de Andrade, emigrado a Portugal onde pasou a maior parte da súa vida. Iniciador da liñaxe dos Andrade portugueses, recibiu do rei don Pedro I a dignidade de Mestre da Orde de Cristo e foi valido seu. Pedro I encomendoulle o coidado do seu fillo bastardo don Joaõ que chegaría a ser rei de Portugal. Tamén tívoo en moita estima o rei Fernando I que o nomeou gobernador da cidade da Coruña durante un breve período (1370-1371) de ocupación portuguesa da cidade, pouco antes da súa morte. Descendentes salientábeis del son o seu neto García Rodríguez de Valcarce, primeiro señor da vila de As Pontes[3]; e o descubridor do Brasil, Pedro Álvares Cabral.

Os señores de Pontedeume, Ferrol e Vilalba

editar
 
Castelo dos Andrade en Nogueirosa (Pontedeume), mandado facer por Fernán Pérez de Andrade, O Boo.
 
Escudo dos condes de Andrade

A casa de Andrade inicia a súa idade dourada cun fillo de Rui Freire de Andrade: Fernán Pérez de Andrade, chamado O Bo, figura sobranceira na Galiza do seu tempo. Foi nomeado señor de Ferrol e Pontedeume por Henrique II de Trastámara, mediante privilexio de 19 de decembro de 1371 e, polo mesmo rei, señor de Vilalba en 3 de agosto de 1373.

Sucédeno nestes señoríos sete descendentes ata a unión da casa de Andrade coa de Lemos. O penúltimo destes señores, Diego de Andrade, recibe dos Reis Católicos o título de Conde de Vilalba. Ao seu fillo Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, último señor antes da fusión coa casa de Lemos, se lle outorga o título de Conde de Andrade en data descoñecida.

Velaí a listaxe dos seis primeiros señores que non chegaron a seren condes:

  1. Fernán Pérez de Andrade, O Boo.
  2. Pedro Fernández de Andrade, sobriño do anterior.
  3. Nuno Freire de Andrade, O Mao, fillo do precedente.
  4. Pedro Fernández de Andrade II, fillo do Mao.
  5. María de Andrade, filla do anterior.
  6. Fernán Pérez de Andrade, O Mozo, tío de Dona María.

Os condes de Vilalba e Andrade e a fusión coa casa de Lemos

editar
 
Convento de Santo Agostiño en Pontedeume, fundado por Fernando de Andrade.

Casou Fernando de Andrade con Francisca de Zúñiga, viúva de Diego de Acevedo, conde de Monterrey e curmán seu. Unha das súas tres fillas, Tareixa de Andrade casou con Fernando Ruíz de Castro Osorio de Portugal, primeiro marqués de Sarria e, máis tarde, cuarto Conde de Lemos.

Por ter falecido dona Tareixa antes que o seu pai, foi o seu fillo, Pedro Fernández de Castro Andrade e Portugal, o segundo Conde de Andrade. Así mesmo sucede a seu pai sendo o quinto Conde de Lemos, fusionándose deste xeito as liñaxes de Andrade e Lemos. Hoxe forma parte do conxunto de títulos da casa de Alba.

A continuación vai a listaxe dos primeiros condes de Andrade, que a partir do terceiro o son tamén de Lemos. Todos eles continúan sendo señores de Ferrol e Pontedeume:

  1. Diego de Andrade m.1492, fillo de Fernán Pérez de Andrade, O Mozo; sétimo señor de Pontedeume e Ferrol e primeiro conde de Vilalba, pai de:
  2. Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas (1477-1542), primeiro conde de Andrade e segundo de Vilalba, avó de:
  3. Pedro Fernández de Castro Andrade e Portugal (1524-1590), segundo conde de Andrade, terceiro de Vilalba e quinto de Lemos, pai de:
  4. Fernando Ruiz de Castro Andrade e Portugal (1548-1601), terceiro conde de Andrade, cuarto de Vilalba e sesto de Lemos, pai de:
  5. Pedro Fernández de Castro e Andrade (1576-1622), cuarto conde de Andrade, quinto de Vilalba e sétimo de Lemos: Foi este conde vicerrei de Nápoles e gran mecenas, protector de Cervantes e Lope de Vega, entre outros.

Pedro Fernández de Castro e Andrade morreu sen descendencia polo que os seus títulos pasaron ao seu irmán, o oitavo conde de Lemos. Pódese continuar a relación dos condes en: Condado de Lemos.

  1. Carlos de Castro: "La genealogía de los Andrade". Revista Cátedra nº 7 (2000)) ISSN 1133-9608
  2. Carlos de Castro: "Sobre el eslabón perdido y los parientes cercanos de Fernán Pérez de Andrade O Bo". Revista Cátedra nº 9 (2002) ISSN 1133-9608
  3. Lamigueiro Fernández, Xosé L.:Ascendencia e familia próxima de García Rodríguez de Valcarce o das Pontes.Revista Cátedra nº 13 (2006). ISSN 1133-9608

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
todo 2