Ácido teicoico
Os ácidos teicoicos (do grego τεῖχος, teicos, 'parede') son un tipo de polímeros ácidos bacterianos [1] formados por unidades dos polialcohois glicerol fosfato ou ribitol fosfato unidos por enlaces fosfodiéster, e a miúdo presentan unidas moléculas de azucres e D-alanina.
Localización
editarOs ácidos teicoicos forman parte da parede celular das bacterias grampositivas, como por exemplo, as bacterias dos xéneros Staphylococcus, Streptococcus, Bacillus, Clostridium, Corynebacterium e Listeria, e esténdense pola superficie da capa de peptidoglicano da parede. Os ácidos teicoicos non se encontran nas bacterias gramnegativas. Poden unirse covalentemente a un ácido N-acetilmurámico do peptidoglicano, ou a lípidos da membrana plasmática, ou a unha D-alanina terminal do tetrapéptido que une as cadeas de peptidoglicano. A combinación de ácidos teicoicos e lípidos denomínase ácido lipoteicoico.
Funcións
editarA principal función dos ácidos teicoicos é darlle rixidez á parede celular ao atraeren catións como magnesio e sodio. Os ácidos teicoicos xeralmente, pero non sempre, levan unidos a eles por enlace éster residuos de D-alanina,[2] o que lle dá á molécula propiedades de zwitterión.[3] Estes ácidos teicoicos zwitteriónicos son posibles ligandos dos receptores de tipo Toll 2 e 4 do sistema inmunitario animal.
Debido á súa carga negativa son en parte responsables da carga negativa neta da superficie celular bacteriana e poden intervir no paso de ións a través da parede.[4]
Os ácidos teicoicos axudan na regulación do crecemento celular ao limitaren a capacidade das autolisinas de romper a enlace glicosídico β(1-4) entre a N-acetilglicosamina e o ácido N-acetilmurámico.
Os ácidos lipoteicoicos actúan ademais como moléculas receptoras para algúns bacteriófagos de bacterias grampositivas.[5] Diversas evidencias suxiren que os ácidos teicoicos poden actuar tamén como receptores para bacteriófagos, aínda que isto non foi aínda probado concluíntemente.
Notas
editar- ↑ MeshName - Teichoic+acids
- ↑ Knox KW, Wicken AJ (1973). "Immunological properties of teichoic acids". Bacteriological Reviews 37 (2): 215–57. PMC 413812. PMID 4578758.
- ↑ Garimella R, Halye JL, Harrison W, Klebba PE, Rice CV (2009). "Conformation of the phosphate D-alanine zwitterion in bacterial teichoic acid from nuclear magnetic resonance spectroscopy". Biochemistry 48 (39): 9242–9. PMID 19746945. doi:10.1021/bi900503k.
- ↑ M. T. Madigan, J. M. Martinko, J. Parker .Brock Biología de los Microorganismos. Pearson-Prentice Hall. 10ª edición (2003). Páxina 76. ISBN 84-205-3679-2.
- ↑ Raisanen, L., Draing, C., Pfizenmaier, M., Schubert, K., Jaakonsaari, T., Aulouck, S., Hartung, T. and Alatossava, T. (2007). "Molecular interaction between lipoteichoic acids and Lactobacillus delbrueckii phages depends on the D-Alanyl and a-glucose substituion of poly(glycerophosphate) backbones". J.Bac: 4135–4140.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editar- Ácido lipoteicoico, un importante constituínte da parede celular das bacterias grampositivas.
- Lipopolisacárido