Érbedo

especie de planta

O érbedo (Arbutus unedo) é un arbusto da familia das ericáceas, que produce uns froitos esféricos brandos entre vermellos e laranxas (fartabellacos ou morotes). Dáse nos vales interiores dos grandes ríos, onda o clima mediterráneo.

Érbedo

Follas e froito do érbedo
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Ericales
Familia: Ericaceae
Xénero: Arbutus
Especie: A. unedo
Nome binomial
Arbutus unedo
L.
Área de distribución do érbedo en Galicia
Área de distribución do érbedo en Galicia

Área de distribución do érbedo en Galicia
Sinonimia[Cómpre referencia]
Froitos
Arbusto

Etimoloxía

editar

Das características anteriores vénlle o nome científico, pois en latín:

  • arbutus (lat.) diminutivo de arbor, por ser unha pequena árbore ou de arboix, áspero, polas rugosidades do seu froito;
  • unedo procede de unum (lat.), un + edo (lat.), comer; e dicir, comer un só, en alusión a que comidos en cantidade poden producir borracheira a causa do seu leve contido en alcol cando está sobremadurado.

Nome vulgar

editar

Recibe en galego numerosos nomes comúns como: moragueiro, meroteiro, medroñeiro, medroño, esbedro, érbido, erbideiro, erbedro, érbedo, erbedeiro, érbeda, érbado, erbadeiro, ébedro, cabida, arbideiro, albelo, albeldreiro, albedro e albedredo[1]. A formación de érbedos denomínase erbedal ou erbededo.

Do seu nome parece ser que procede o topónimo Alvedro en Culleredo, lugar onde se instalou o aeroporto da Coruña.

Descrición

editar

Arbusto ou pequena árbore que pode chegar ata 10 m. Sistema radical forte, que forma unha gran cepa. Tronco curto. Cortiza delgada, parda-avermellada, gretada e caediza en pequenas tiras cando vella. Copa baixa, densa e irregularmente ovoide.

Follas persistentes, simples, alternas, algo coriáceas, oblongo-lanceoladas, case enteiras ou serradas, verde escuras e lustrosas na face, verde mate no envés, glabras excepto na base. Flores hermafroditas, corola urceolada, branca tirando de rosa a verdosa; as flores agrúpanse en panículas colgantes situadas ao final das ramas.

Florece en outono ou ao principio do inverno, a polinización é entomógama. O froito é unha baga globosa, verrugosa, pasando de verde, por amarela e escarlata a vermella escura ao final; madura no outono do ano seguinte coincidindo coa nova floración, aparecendo simultaneamente flores do ano e froitos do ano anterior.

Orixinaria do sur de Europa. Habita en matogueiras, bordo de bosques e ladeiras pedregosas de montañas. Espontánea nas zonas cálidas de Galicia (provincia de Ourense e o sur da de Lugo) e nas concas dos ríos.

Utilizada como ornamental, pois é árbore de aspecto elegante pola beleza da súa follaxe, ao que se engaden as flores e os froitos de cor vermella. Os froitos fermentados úsanse para elaborar licores e, en fresco, para aromatizar augardentes e preparar marmelada.

As follas e a cortiza son adstrinxentes e como tal combaten diarreas e a disentería; as follas tamén teñen propiedades antisépticas. A madeira tense utilizado en tornería; tamén arde moi ben mantendo moito tempo a brasa e dando calor; o carbón obtido é moi bo para as forxas.

  1. "Érbedo, albedro (Arbutus Unedo L.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 9 de setembro de 2016. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
mac 1
multimedia 1
os 36
todo 1