Os acilglicéridos, acilglicerois ou glicéridos son ésteres de ácidos graxos con glicerol, formados mediante unha reacción de condensación chamada esterificación. Unha molécula de glicerol (ou glicerina, que son equivalentes na nomenclatura) pode reaccionar con ata 3 moléculas de ácidos graxos, posto que ten tres grupos hidroxilo[1].

Triacilglicérido.

As cadeas carbonadas dos ácidos que reaccionan co glicerol, poden ser saturadas ou insaturadas. Se son saturadas, non hai ningún dobre enlace carbono-carbono, e dise que está "saturada" porque a cadea posúe todos os átomos de hidróxeno que pode chegar a acomodar. Os acilglicéridos con cadeas saturadas, denomínanse graxas. Están en estado sólido a temperatura ambiente, e son producidas polos animais.

Pola contra, se as cadeas son insaturadas (existe un ou máis dobre enlace carbono-carbono), esa insaturación provoca un cambio na conformación estérica bastante importante debido á rixidez do dobre enlace que produce que as moléculas non poidan estar en contacto do mesmo xeito que se fosen saturadas. Esta falta de contacto fai que non poidan establecerse as mesmas forzas intermoleculares, e ao haber menos atracción entre as mesmas, están en estado líquido a temperatura ambiente. Estes acilglicéridos denomínanse aceites, e son fabricados soamente polas plantas.

É moi frecuente atopar modificacións, por exemplo que un glicerol posúa dous dos seus tres carbonos participando en unións éster con dous ácidos graxos, e que o terceiro participe nun enlace fosfodiester cun grupo fosfato. O produto, é un fosfolípido, molécula altamente importante para a vida, xa que é o compoñente principal da membrana plasmática e do resto das membranas celulares das células de todos os seres vivos.

Tipos de acilglicéridos

editar

Segundo o número de ácidos graxos que se unan á molécula de glicerina, existen tres tipos de acilglicerois:

  • Monoacilglicéridos (ou monoglicéridos): Só existe un ácido graxo unido á molécula de glicerina.
  • Diacilglicéridos (ou diglicéridos): A molécula de glicerina únese a dous ácidos graxos.
  • Triacilglicéridos (ou triglicéridos): A glicerina está unida a tres ácidos graxos.
  1. IUPAC Goldbook Glycerides
  NODES
todo 3