Aeródromo de Rozas

aeródromo en Rozas (Mondriz, Castro de Rei)

O aeródromo de Rozas é un aeródromo situado no lugar de Rozas, na parroquia de Mondriz en Castro de Rei, a oito quilómetros[1] do centro da cidade de Lugo. Foi inaugurado o 4 de xuño de 1943, sendo o aeroporto central de Galicia ata a construción do aeroporto da Lavacolla. O aeródromo está destinado en xeral á aviación deportiva. Os terreos son propiedade do Ministerio de Defensa, e é xestionado polo INTA e polo Real Aeroclub de Lugo para os seus usos recreativos.

Aeródromo de Rozas

IATA: ningúnICAO: LERO
Sumario
Tipo Privado
Propietario Ministerio de Defensa
Operador INTA / Real Aeroclub de Lugo
Cidade/Illa Lugo, Galicia
Localización Mondriz, Castro de Rei
Elevación (msnm) 443 metros / 1 453 pés
Web aerolugo.com
Pista(s)
Dirección Longo Superficie
metros pés
04/22 1 200 3 937 asfalto

Anualmente celébrase nas instalacións un dos maiores acontecementos aeronáuticos de aviación deportiva do norte peninsular, a "Volta Aérea a Galicia".[2]

Historia

editar

Foi construído pola Luftwaffe alemá durante a segunda guerra mundial[3] con motivo de proporcionar un mantemento rápido das antenas do Radiofaro do sistema Consol de Arneiro. O aeródromo estaba constituído por tres hangares de considerables dimensións, que ademais dispoñían de barracóns auxiliares. O aeródromo era atendido por soldados do Exército do Aire español.

Unha vez finalizada a contenda, o aeródromo de Rozas foi recoñecido como un lugar excepcional para a creación dun aeroporto de maiores dimensións, e chegou a ser base aérea durante algún tempo no que había unha gornición militar de tropas de aviación. No ano 1949 o aeródromo de Rozas converteuse no aeroporto central de Galicia, situación que se mantivo durante dous anos mentres se levaba a cabo a construción do aeroporto da Lavacolla.

No ano 1953, a forza aérea decidiu desmantelalo e pouco a poouco caeu no esquecemento, chegando a pensarse no pechamento e no desmantelamento total das instalacións. O primeiro hangar desmontouse e foi trasladado a Palma en 1958, e outro deles á base aérea de Cuatro Vientos (Madrid) en 1959; o mesmo pretendían co terceiro e último pero, ante esta crítica situación constituíuse de maneira urxente e da man do por aquel entón alcalde de Lugo Ramiro Rueda Fernández, o Real Aero Club de Lugo, co fin de evitar a desaparición total das instalacións.

Unha vez aprobados os estatutos de devandita sociedade, e tralas pertinentes peticións ao ministro do Aire José Rodríguez Díaz de Lecea, conseguiuse manter o hangar que aínda se pode ver case no seu estado orixinal. Durante os anos 2008 e 2009 fixéronse importantes investimentos no aeródromo de Rozas por parte da Cámara de Comercio de Lugo,[4] como o peche perimetral da pista e a reforma da terminal pretendendo converter Rozas nun aeroporto de carga que tamén dispoña de voos a Madrid e a Barcelona.[5] A pista do aeródromo é de 1200×45 m, pista de tamaño semellante ás que dispoñen aeroportos como o de Sligo (Irlanda) ou o de Santos Dumont (Brasil), suficiente para avións de até 50-70 prazas turbohélices.

A Compañía Iberia usou esta pista durante dous anos.[3]

Centro de Investigación Aeroportada de Rozas

editar

En 2015, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) inaugurou no aeródromo o CIAR modernizando o seu sistema de comunicacións e xestión cun investimento duns 3,3 millóns de euros. O centro tamén recibiu un investimento de dez millóns de euros da Xunta de Galicia cofinanciada con fondos Feder.[6][7] Estas melloras pretenden aumentar o atractivo como polo de referencia para ensaios e investigacións. O aeródromo de Rozas ofrece unha localización axeitada dada a obriga para os avións non tripulados de voar só en espazo restrinxido.[8]

Pretende integrar tanto as Plataformas Aéreas de Investigación (PAI) como os novos desenvolvementos con avións non tripulados (UAS), nun centro de investigación que ofrece as infraestruturas e equipamentos en terra necesarios para o desenvolvemento das aeronaves e a avaliación das campañas que hai que realizar con elas.[9]

En novembro de 2018, confirmouse o desembarco do xigante estadounidense Boeing en Rozas para desenvolver un simulador de tráfico aéreo para aeronaves tripuladas e non tripuladas. A inauguracón oficial tivo lugar o 18 de decembro de 2019.[8]

O vehículo non tripulado ATLANTE de EADS C.A.S.A realizou o seu primeiro voo no aeródromo de Rozas o 28 de febreiro de 2013.[10]

  1. "Centros de Vo a Vela: Rozas". Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2011. Consultado o 02 de outubro de 2010. 
  2. López, Laura (17 de xullo de 2014). "Aviones, paracaídas y globos llenarán el cielo lucense en el Criterium Aeronáutico". La Voz de Galicia. Consultado o 24 de decembro de 2014. 
  3. 3,0 3,1 "O aeródromo de Rozas". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2010. Consultado o 02 de outubro de 2010. 
  4. "El aeródromo lucense de Rozas quiere reemprender el vuelo" Arquivado 12 de agosto de 2014 en Wayback Machine., artigo en El Correo Gallego, 3 de novembro de 2008 (en castelán).
  5. "El aeródromo de Rozas quiere reemprender el vuelo". www.elcorreogallego.es. 3 de novembro de 2008. 
  6. "Rozas certificará los drones de Europa". lavozdegalicia.es. 16 de decembro de 2019. 
  7. "Huelva y León rivalizan con Lugo por liderar el mercado de drones en España". www.abc.es. 12 de decembro de 2016. 
  8. 8,0 8,1 "Inauguración oficial del CIAR". 18 de decembro de 2019. 
  9. "INTA y Xunta de Galicia inauguran en Centro de Investigación Aeroportada de Rozas". infodefensa.com. 20 de decembro de 2019. Consultado o 30 de decembro de 2019. 
  10. "El avión no tripulado ATLANTE de Cassidian alza el vuelo en Lugo - Noticias Infodefensa España". 28 de febreiro de 2013. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2013. Consultado o 19 de marzo de 2022. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
todo 1