Afonso VII
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2010.) |
Afonso Raimúndez,[1] o Emperador, nado en Caldas de Reis o 1 de marzo de 1105 e finado en Fresneda (quizais El Viso del Marqués) o 21 de agosto de 1157, foi rei de Galiza, León e Castela, o primeiro da dinastía de Borgoña. Foi fillo de dona Orraca (filla á súa vez de Afonso VI) e do seu primeiro marido, o conde Raimundo de Borgoña.
Afonso VII integrou na monarquía leonesa aquel sector da nobreza galega rebelde que representaba a Casa de Traba. Pero tamén foi o rei que inauguraba a política de apoio á Igrexa, e polo tanto foi o primeiro que aplicou un certo criterio de centralización política.
Rei de Galiza, León e Castela
editarFoi proclamado rei en 1109 polo seu aio, Pedro Froilaz, Conde de Traba; dous anos máis tarde, o 17 de setembro de 1111, o Bispo Diego Xelmírez consagrouno como monarca na catedral compostelá. En realidade, a cerimonia tivo máis de formal que de efectivo; con ela, Pedro Froilaz procuraba que, no caso de que a súa nai, Orraca -casada con Afonso de Aragón- viñese ter un fillo deste, non se visen afectados os dereitos do futuro Afonso VII ao trono e, en todo caso, puidese preservar sempre a herdanza do seu pai, Raimundo de Borgoña. Aínda que algúns historiadores indican que, no acto compostelán, foi proclamado "rei de Galiza", o certo é que as crónicas falan de que o bispo o consagrou apenas como "rei", entendendo, deste xeito, que era o lexítimo herdeiro do seu avó, Afonso VI. O arcebispo Xelmírez, canda Pedro Froilaz e outros nobres galegos dirixíronse a confirmar en León a cerimonia de entronización, mais en Viadangos saíulles ó paso Afonso de Aragón, que presentou batalla, frustrando os plans de Xelmírez.
O 10 de marzo de 1126, á morte da súa nai, foi coroado rei de León e de inmediato emprendeu a recuperación do reino de Castela, que estaba baixo o dominio de Afonso I de Aragón. Coas Paces de Támara de 1127, púxose fin á disputa entre os dous monarcas e Afonso VII foi recoñecido como rei de Castela.
A pesar deste recoñecemento, Afonso tívose que enfrontar ás diversas rebelións suscitadas nos territorios máis próximos a Aragón, debido á longa autonomía que estas rexións atinxiran desde a morte do seu avó, o rei Afonso VI de Castela.
Aspiracións territoriais
editarApós a morte, sen descendencia, do rei navarro-aragonés Afonso I en 1134, Afonso VII pretendeu ao trono, mais sen éxito xa que, finalmente, a sucesión recaeu no irmán de Afonso I, Ramiro II. A pesar disto, Afonso ocupou A Rioxa, conquistou Zaragoza e ditaminou de feito os gobernos de ambos os dous reinos en diante. Desde entón o escudo de Zaragoza figura no escudo de armas do Reino de León. En escaramuzas varias, derrotou o exército navarro-aragonés, sometendo este reino á súa vasalaxe. Apoiado por nobres ao norte dos Pireneos, controlou amplos territorios do sur da Francia, chegando até o río Ródano.
Axudou nas loitas do conde de Barcelona, Ramón Berenguer IV contra os condados cataláns, conseguindo unificar a Marca Hispánica.
En 1135 foi corado imperador nos Reinos Hispánicos na catedral de León polo papa Gregorio VII, expresando así a súa pretensión de hexemonía peninsular e de exclusividade na reconquista. Porén, en 1123 tivo que recoñecer a seu curmán Afonso Henriques (Afonso I de Portugal) como rei de Portugal, así como o matrimonio de Ramón Berenguer IV con Petronila de Aragón, que uniu definitivamente Aragón cos condados cataláns, creando así a Coroa de Aragón. Con este último acordaría os límites da reconquista para cada un dos dous estados.
En 1137, Afonso Henriques adentrouse en terras de Afonso VII e ocupou Tui. A ocupación finalizou trala sinatura do Tratado de Tui.
Reconquista
editarDesde 1139 levou a cabo expedicións e ataques de saqueo incitando as sublevacións das poboacións almorábides. A invasión dos almohades a partir de 1146 obrigouno a fortificar a fronteira e a pactar co almorábide Ibn Ganiya para organizar a resistencia.
En 1144 chegou até Córdoba e en 1147 tomou Almería xunto co rei de Aragón e Navarra e o conde de Barcelona.
En 1157 os almohades recuperaron o control de Almería e Afonso morreu en canto regresaba a León.
Morte e soterramento
editarNo ano 1127, cando se cumpría o vinte aniversario da morte do seu pai, Raimundo de Borgoña, Afonso fixo unha serie de doazóns á Catedral de Compostela que aparecen recollidas no Tombo A[3]; o cabido compostelán acordou recibir ao rei como cóengo e este expresou os seus desexos de ser enterrado na catedral[4]. Os desexos do rei para recibir o enterro en Compostela repítense en 1140 e 1143, e chegou incluso a dispoñer como serían os funerais[5], porén, malia as promesas e os preparativos, o lugar elixido para o seu enterro foi Toledo[6].
Os seus dous fillos repartiron o reino que, de novo, ficou dividido en dous, o Reino de Galiza-León a Fernando II e o Reino de Castela-Toledo a Sancho III.
Matrimonio e descendencia
editarEn 1128 casou en Saldaña (Palencia) con Berenguela de Barcelona, filla do conde de Barcelona Ramón Berenguer III e, polo tanto, irmá de Ramón Berenguer IV. Desta unión naceron:
- Sancho III de Castela (1134 - 1158), rei de Castela entre 1157 e 1158.
- Ramón de Castela (1136 - 1151)
- Sancha de Castela (1137 - 1179), casada en 1157 co rei Sancho VI de Navarra.
- Fernando II de Galiza e León (1137 - 1188), rei de Galiza e León entre 1157 e 1188.
- Costanza de Castela (1141 - 1160), casada en 1154 co rei Luis VI de Francia.
- García de Castela (1142 - 1146)
- Alfonso de Castela (1145 - 1149)
En xullo de 1152 casou con Riquilda de Polonia, filla do rei Ladislau II de Polonia. Tiveron dous fillos:
- Fernando de Castela (1153 - 1155)
- Sancha de Castela (1156 - 1208), casada en 1174 co rei Afonso II de Aragón.
Dos seus amoríos con Gontrada Pérez (o Guntroda Díaz) naceu:
- Orraca Afonso de Castela (1126 - 1189), casada en 1144 co rei García Ramírez de Navarra "o Restaurador".
Dous seus amoríos con Sancha Fernández naceu:
Notas
editar- ↑ Boullón Agrelo, A. I. (coord). Real Academia Galega, ed. "Orraca". Guía de Nomes Galegos.
- ↑ Pacheco Sampedro, Rogelio (1997). "El signum manuum en el cartulario del monasterio de San Juan de Caaveiro (s. IX-XIII)" (PDF). Signo: revista de historia de la cultura escrita (en castelán) (Universidade de Alcalá) (4): 27–37, en 32–33. ISSN 1134-1165.
- ↑ Lucas Álvarez, Manuel (1997). La documentación del Tumbo A de la catedral de Santiago de Compostela: Estudio y edición. (PDF). ISBN= mkt0003324545. Centro de Estudios e investigación San Isidoro. pp. 244–245.
Dota o seu aniversario co castelo de San Jorge na serra do Pindo.
- ↑ Lucas Álvarez, Manuel (1997). La documentación del tumbo A de la catedral de Santiago de Compostela : estudio y edición (PDF). ISBN= mkt0003324545. Centro de Estudios e Investigación San Isidoro. p. 246.
Debido o seu acceso o cabildo, este prometelle o rei unha serie de privilexios na hora do seu pasamento
- ↑ Lucas Álvarez, Manuel (1997). La documentación del Tumbo A de la catedral de Santiago de Compostela. Estudio y edición (PDF). ISBN= mkt0003324545. Centro de Estudios San Isidoro. pp. 261–263.
- ↑ "Los enterramientos de los reyes de León y Castilla hasta Sancho IV. Continuidad dinástica y memoria regia". e-spania. Consultado o 07/02/2018.
Véxase tamén
editar Afonso VII. O tempo político do emperador galego. |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Afonso VII |
Bibliografía
editar- López Carreira, Anselmo (2003). Os reis de Galicia. Vigo: Edicións A Nosa Terra. pp. 46–47. ISBN 84-96203-44-1.
- López Ferreiro, Antonio (2006 [1885]). D. Afonso VII, Rei de Galiza, e o seu aio o Conde de Traba. Noia: Toxosoutos. ISBN 84-96673-01-4.
- Reilly, Bernard F. (1998). The Kingdom of León-Castilla under King Alfonso VII 1126-1157. Philadelphia: University of Pennsylvania Press. ISBN 0-8122-3452-9.
Outros artigos
editar- Annales Cambriae
- Historia compostellana
- Robert de Torigni
- Lista de monarcas de Galicia
- Lista de monarcas de León
- O reino medieval de Galicia na historiografía
Afonso VII Nacemento: 1 de marzo 1105 Falecemento: 21 de agosto 1157
| ||
Títulos Reais | ||
---|---|---|
Precedido por Urraca
|
Rei de Galiza 1111 – 1157 |
Sucedido por Fernando II |
Rei de León 1126 – 1157 | ||
Rei de Castela 1127 – 1157 |
Sucedido por Sancho III | |
Rei de Toledo 1127 – 1157 | ||
Títulos Honoríficos | ||
Precedido por Novo título
|
Emperador 1117-1135 |
Sucedido por – |
Outros títulos | ||
Precedido por Novo título
|
Emperador 1135-1157 |
Sucedido por – |