Aldán, Cangas
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2014.) |
San Cibrán de Aldán é unha parroquia que se localiza no norte do concello pontevedrés de Cangas, na comarca do Morrazo. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 2.533 habitantes distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 2.685 habitantes.
Aldán | |
---|---|
Igrexa parroquial e pazo-torre de Aldán | |
Concello | Cangas[1] |
Provincia | Pontevedra |
Coordenadas | 42°17′21″N 8°48′23″O / 42.28916, -8.8064 |
Poboación | 2.533 hab. (2013) |
Entidades de poboación | 6[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Está ligada ao mar, tanto polo seu porto e actividade pesqueira, do que depende a súa actividade económica, de longa tradición. Este recurso natural tamén se aproveita desde a década dos 80 para actividade hostaleira e turística, polas súas praias e clima excepcional.
Xeografía
editarSitúase preto do extremo da península do Morrazo. Enmarcada dentro do concello de Cangas, ocupa a súa parte Noroeste. Limita ao norte coa parroquia de Beluso, pertencente ao concello de Bueu, ao leste coa parroquia de Darbo, ao sur coa parroquia do Hío e ao oeste coa Ría de Aldán. Salvo por esta parte marítima na zona oeste, o resto da parroquia está rodeada por pequenas cadeas montañosas, destacando a Serra da Madalena.
Conta cun río principal, chamado río Orxas, que cruza gran parte do territorio de Aldán. Nace no polígono industrial de Castiñeiras, en Beluso, e desemboca no fondo da Ría de Aldán. O seu principal afluente é o río Fials, que fai o seu percorrido pola aldea de Herbello.
Ten varias praias e calas. Chámanse, de sur a norte, San Cibrán, Con de Sestadelo, Cova de Balea, Areacova, Francón, Sartaxéns, Menduíña, Margaritas e Lagoelas.
A praia de San Cibrán atópase ao fondo da ría e nela atópase a desembocadura do río Orxas, que a divide en dous. Ten un perfil plano, polo que en marea baixa aumenta moito a súa superficie e pode avanzarse grandes distancias camiñando cara ao mar ata que non faga pé. Posúe moita lama e parte da praia utilízase para o cultivo de berberechos, polo que constitúe un ecosistema natural rico. Non é un lugar moi axeitado para o baño. Serve tamén de punto de atraque de numerosas embarcacións pequenas. Está limitada pola estrada que conduce ao porto (Av. José Graña) e un paseo de madeira dende o que se pode apreciar ben a praia e o seu ámbito.
A praia de Areacova, na aldea de Espiñeira, é unha das que máis esperta atractivo turístico. É longa e estreita, rodeada de bosques con abruptas pendentes, o que fai que non teña accesos doados.
O mesmo sucede coa praia de Francón, moi próxima á de Areacova e máis pequena que esta.
A praia de Menduíña é a máis grande e popular. Luciu varios veráns a bandeira azul. Ten acceso por estrada. É a única que posúe vixilantes e biblioteca. Ten un pequeno porto en estado ruinoso.
Por último, está a praia de Lagoelas, no límite coa parroquia de Beluso. É a máis illada en canto a accesos, xa que non ten ningunha estrada preto.
Posúe dúas pequenas illas rochosas, chamadas Laxe do Aire, que ten un perfil chairo e baixo, e Niño do Corvo, cun perfil máis abrupto.
Demografía
editarConstitúena as aldeas de San Cibrán, Herbello, Gandón, Menduiña, Piñeiro e Espiñeira. Ten unha poboación lixeiramente superior aos 2.500 habitantes, cunha diminución do número de empadroados e cun aumento do turismo.
San Cibrán atopa ao fondo da ría e é a aldea máis urbana. Nesta aldea está o porto, o centro de saúde (Casa do Mar), a desembocadura do río Orxas, a alameda, o colexio Sagrada Familia, o colexio público de Espiñeira a nave do club de Piragüismo Ría de Aldán e a igrexa parroquial.
Comunicacións
editarPor estrada. O Corredor do Morrazo, unha vía para automóbiles que vai desde a Ponte de Rande ata Aldán, con conexións cara a Cangas e Moaña, que permite comunicar Vigo con Aldán en media hora.
De norte a sur é atravesado pola estrada C-550, o que lle dá acceso a Beluso polo norte e ó Hío polo sur. Polo leste, comunicando a aldea de Herbello coa parroquia de Darbo.
Existe unha liña de autobuses da empresa Cerqueiro que discorre pola C-550 que vai dende Bueu a Cangas. Ten paradas en A Cucaña, Panadaría San Amaro, Rozabales, Banco Galego, Veiga de Arriba e A Ponte en San Cibrán.
Economía
editarDestacada a industria mexilloeira, que inclúe o cultivo en bateas e a súa depuración. Antigamente tamén se realizaba aquí o enlatado en conservas.
Historia
editarA súa historia está escrita nas pedras de granito a través dos petróglifos da Idade de Bronce en Herbello, os seus sarcófagos suevos escavados no Outeiro do Pazo, e a propia pegada dos Aldao, familia que deu nome ao lugar. Os señores de Aldán, nobres que posuían as mellores terras, palacete-castelo, con frecuencia enfrontábanse a Pedro Madruga, Conde de Caminha e Soutomaior, na Idade Media. A industria pesqueira fixouse na bonanza das súas augas e instalou unha fábrica de conservas na praia de Menduíña no século XIX.
Desde 1821, momento en que se constituíron os actuais municipios, ata 1862 pertenceu a Bueu, de igual xeito que a veciña freguesía do Hío.
Construcións destacadas
editar- No núcleo urbano de San Cibrán están o pazo-torre e a igrexa parroquial, construída en 1866 en estilo neoclásico. As rúas están empedradas, e consérvanse construcións tradicionais como casas mariñeiras con patín e hórreos. Nun outeiro está unha necrópole sueva. Entre as construcións modernas destaca o centro de saúde.
- O pazo do Conde ou pazo de Aldán, tamén en San Cibrán, ten un acueduto e un muíño ameado. Os xardíns teñen camiños empedrados, mesas e bancos de pedra, fontes, campos de xogos, plantacións exóticas, pontes e unha illa artificial no río.
- En Menduíña está a capela de Santo Amaro.
- En Espiñeira está o pazo de Boavista.
- No río Orxas hai unha ponte de pedra de orixe medieval, cun arco de medio punto. Existe un paseo fluvial desde A Sobreira até San Cibran, a rrente muíños cun camiño e pontes ben acondicionadas.
Deportes
editarO deporte en Aldán destaca principalmente polos éxitos obtidos polo club de piragüismo Club de Mar Ría de Aldán, do que saíron campións do mundo e campións olímpicos, como David Cal, Teresa Portela e Carlos Pérez Rial.
Existe un club de fútbol na localidade chamado Rápido Baía, que na tempada 2017/2018 militaba no grupo V da Primeira Autonómica de Galicia. O seu campo de xogo, o campo de San Amaro, atópase no extremo norte de Aldán, ao lado da C-550, xunto ao límite co municipio de Bueu. A primeiros de xullo, celébrase no campo de San Amaro o Mundialito de Aldán, unha competición que atrae todos os anos a máis de cincocentos xogadores.
Educación
editarExisten dous colexios en Aldán, un público e outro privado. O CEIP de Espiñeira (Espiñeira, 4) posúe un pavillón de deportes. O colexio Sagrada Familia atópase na estrada de camiño ao porto (Avda. Xosé Graña, 4). Está dirixido polo padroado Fundación Sagrada Familia. A dirección pedagóxica está a cargo das Cruzadas de Santa María, esta composto por tres unidades de Educación Infantil, seis unidades de Educación Primaria e catro unidades de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).
Festas locais
editarSanto Amaro. 15 de xaneiro. Na capela de Santo Amaro. Componse dunha romaxe durante a mañá e mediodía. Ao longo da mañá celébranse misas retransmitidas cara ao exterior por altofalante. A última misa é a misa maior xa a súa finalización se celebra unha procesión arredor da capela cos dous santos existentes nela: Santo Amaro e Santa Mariña.
San Sebastián (Día da Danza de Aldán). 20 de xaneiro. Danza voto, en honor de San Sebastián.
Festas do Carme (festas maiores). Última semana de xullo. Durante a semana realízanse diversos actos culturais. A fin de semana polas noites, se ameniza as festas con orquestras na explanada do porto. A noite do sábado pola noite realízase a tiraxe de foguetes tradicional. O domingo ao mediodía celébrase unha profesión dende a igrexa ata o porto onde se celebra unha misa ao aire libre. Á súa finalización, celébrase unha procesión marítima pola Ría de Aldán coa maior parte da frota de barcos que se atopa no molle, na que todo o público pode participar. A imaxe da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, vai na procesión dende a igrexa ata o porto e participa da procesión marítima. Ao chegar ao punto da ría sobre a altura de Bon, tírase unha coroa de flores e os barcos dan media volta.
Santa Mariña. 18 de xullo. Na capela de Santo Amaro.
San Cibrán (patrón de Aldán). 16 de setembro.
Ningún dos días citados está declarado como festivo local.
Turismo
editarAs praias con maior interese turístico son Areacova, Francón e Menduíña. Existen pequenas calas como Cova de Balea ou Lagoelas.
Lugares a visitar: Porto pesqueiro, paseo marítimo, fonte e adro da capela de Santo Amaro, pazo (palacete) dos condes, igrexa de San Cibrán, pazo de armas, xardíns do conde (río e acueduto), ruínas doutro pazo e balcón de Montiño, Niño do Corvo, escola de Manuel Chouciño, cataratas do Fials, ponte e muíños do río Orxas, cova do Mouro Arturo, Duque de Tralalaxe.
Existen dous campings, o Cámping Aldán no cumio dunha pequena elevación, rodeada de bosques, e o Cámping Francón, ao lado da praia do mesmo nome.
O Cámping Aldán[2] (rúa dos Casás 1, Espiñeira) está situado no medio dunha zona boscosa e lixeiramente montañosa. A praia está a menos de 500 metros.
O Cámping Francón (baixada á Praia de Menduíña, s/n) sitúase preto da costa, entre as praias de Menduiña e Francón, cunha saída directa a esta última.
Lugares e parroquias
editarLugares de Aldán
editarLugares da parroquia de Aldán, no concello pontevedrés de Cangas | |
---|---|
Erbello | A Espiñeira | Gandón | Menduíña | Piñeiro | San Cibrán |
Parroquias de Cangas
editarGalicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Cangas | |
---|---|
Aldán (San Cibrán) | Cangas (Santiago e San Salvador) | Coiro (San Salvador) | Darbo (Santa María) | O Hío (Santo André) |
Galería de imaxes
editarNotas
editarVéxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- "Aldán, una ría en miniatura" El País 10/9/05 (en castelán).
- Pazo Torre de Aldán en Turgalicia.
- Pazo Vista Alegre en Turgalicia.
- Igrexa de San Cibrán de Aldán en Turgalicia.
- Ponte de San Cibrán en Turgalicia.