Anaerobio facultativo

Un organismo anaerobio facultativo é un ser vivo que produce ATP por medio da respiración aerobia se no medio está presente o oxíxeno, pero pode cambiar a un metabolismo fermentativo se o oxíxeno está ausente. Por tanto, son organismos cun metabolismo moi versátil, que poden vivir tanto utilizando o oxíxeno coma sen oxíxeno.

As bacterias anaeróbicas e aeróbicas poden identificarse pola súa forma de crecemento en tubos de ensaio de caldo de tioglicolato:
1: Aerobio obrigado, que necesita oxíxeno porque non pode fermentar nin respirar anaerobicamente. Xúntanse na parte superior do tubo, onde a concentración de oxíxeno é maior.
2: Anaerobio obrigado, que morre envelenado polo oxíxeno, polo que crecen todos xuntos no fondo do tubo, onde a concentración de oxíxeno é menor.
3: Anaerobio facultativo, que crece con ou sen oxíxeno, porque pode metabolizar enerxía aeróbica ou anaerobicamente. Crecen en maior número na parte superior do tubo porque a respiración aeróbica xera máis ATP que a fermentación ou a respiración anaeróbica, pero algúns crecen tamén no resto do tubo.
4: Microaerófilo, que necesita pequenas cantidades de oxíxeno porque non pode fermentar ou respirar anaerobicamente, pero que morre envelenado en altas concentracións de oxíxeno. Crecen na zona superior do tubo pero non na parte máis superior.
5: Aerotolerante, que non require oxíxeno, xa que ten un metabolismo enerxético anaerobio, pero non morre envelenado se está en presenza de oxíxeno. Crecen en todo o tubo.

Algúns exemplos de bacterias anaerobias facultativas son as bacterias Staphylococcus spp.,[1] Escherichia coli, Salmonella spp., Listeria spp.,[2] Shewanella oneidensis e Yersinia pestis. Certos eucariotas son tamén anaerobios facultativos, como algúns fungos como Saccharomyces cerevisiae[3] e moitos invertebrados acuáticos como algúns poliquetos nereidos.[4]

Tanto os organismos anaerobios facultativos coma os aerotolerantes poden realizar fermentacións en ausencia de oxíxeno, pero os aerobios facultativos cambian a un metabolismo aerobio cando o oxíxeno está presente (un fenómeno coñecido como efecto Pasteur). O efecto Pasteur utilízase por veces no laboratorio para distinguir entre anaerobios facultativos e aerotolerantes.

  1. Ryan KJ; Ray CG, eds. (2004). Sherris Medical Microbiology (4th ed.). McGraw Hill. pp. 261–271, 273–296. ISBN 0-8385-8529-9. 
  2. Singleton P (1999). Bacteria in Biology, Biotechnology and Medicine (5th ed.). Wiley. pp. 444–454. ISBN 0-471-98880-4. 
  3. Carlile MJ, Watkinson SC, Gooday GW (2001). The Fungi (2nd ed.). Academic Press. pp. 85–105. ISBN 0-12-738446-4. 
  4. Schöttler, U. (30 de novembro de 1979). "On the Anaerobic Metabolism of Three Species of Nereis (Annelida)" (PDF). Marine Ecology Progress Series 1: 249–54. ISSN 1616-1599. doi:10.3354/meps001249. Consultado o 14 de febreiro de 2010. 

Outros artigos

editar

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
todo 3