Anastasia Nikolaevna Romanova
Anastasia Nikolaevna Romanova (en ruso: Анастасия Николаевна Романова), nada en Peterhof o 5 de xuñoxul./ 18 de xuño de 1901greg. e finada en Ekaterimburgo o 17 de xullo de 1918. Foi a filla máis nova do emperador Nicolao II, o último tsar da Rusia Imperial, e da súa esposa Alexandra Feodorovna. Anastasia foi a irmá máis nova das grandes duquesas Olga, Tatiana e María, e a irmá máis vella do tsarévich Aleksei. Foi asasinada xunto ao resto da súa familia o 17 de xullo de 1918 por forzas da policía secreta bolxevique. A lenda de que Anastasia sobrevivira á Revolución Rusa estivo vixente durante todo o século XX e moitas impostoras afirmaron ser a princesa. A máis famosa delas foi Anna Anderson, pero a pesar do apoio que lle prestaron moitas persoas que coñeceran a Anastasia, as probas de ADN de Anderson no seu pano e pelo revelaron que non tiña ningún parentesco coa gran duquesa.[1]
Traxectoria
editarInfancia
editarCando Anastasia naceu, os seus pais e familiares achegados sentíronse decepcionados de que fora unha nena. Esperaban o nacemento dun neno para que ocupara o posto de tsarévich e herdeiro ao trono. O tsar Nicolao II tivo que dar un longo paseo para recompoñerse antes de ir a visitar a tsarina Alexandra e ver a acabada de nacer Anastasia por primeira vez.[2] A gran duquesa recibiu o seu nome en honra da mártir do século IV Anastasia de Sirmium, coñecida como a "rompedora de cadeas"[3] debido a que, polo seu nacemento, o tsar perdoou e rehabilitou un grupo de estudantes que estaban en prisión por participar nuns disturbios en San Petersburgo e Moscova no ano anterior.[4][a][b]
Os fillos do tsar creceron sen demasiados luxos. Durmían en catres portátiles sen almofadas, salvo cando estaban enfermos, tomaban baños de auga fría pola mañá, esperábase que mantivesen limpas e ordenadas os seus cuartos e as nenas adicábanse á costura para despois vendela en actos de caridade cando non estaban ocupados facendo outras cousas. A maior parte da corte, incluído o servizo, chamaba as grandes duquesas polo seu nome e despois o patronímico (Nikolaevna) e non utilizaban o seu título ou estilo formal. Nalgunha ocasión adoitaban referirse a Anastasia na versión francesa do seu nome "Anastasie", ou por alcumes rusos como "Nastia" ou "Nastenka". Outro alcume que utilizaban familiarmente para Anastasia era "Malenkaia," que significa "(a) pequena",[6] ou "shvibzik", a palabra rusa para "pícaro".
Facendo honra aos seus alcumes, Anastasia creceu como unha rapaza vivaz e chea de enerxía. Foi descrita como de curta estatura e algo grosa, de ollos azuis,[7] e cabelo rubio tirando a louro.[8][9] Margaret Eagar, a institutriz das catro grandes duquesas, comentou que Anastasia era «a criatura máis encantadora que coñecera».[4] A miúdo descrita como unha rapaza brillante e de gran talento, non sabía asimilar as restricións das horas de estudo, segundo os seus titores Pierre Gilliard e Sydney Gibbes. Gibbes, Gilliard e as damas de honra Lili Dehn e Anna Vyrubova describírona como unha nena moi animada, travesa e como unha actriz de gran talento. Os seus comentarios, enxeñosos e agudos, ferían a miúdo sensibilidades.[9][10][11]
Existen moitas testemuñas sobre o comportamento de Anastasia que bordeaba, ocasionalmente, o inaceptable para os costumes da época. Segundo Gleb Botkin, fillo do médico da corte Eugene Botkin, asasinado xunto á familia imperial en Ekaterimburgo, Anastasia «era a gran responsable da maioría de travesuras e feitos punibles da familia xa que nese aspecto era un auténtico xenio».[12] Sempre intentaba enganar os criados ou andar á brincadeira cos seus titores, como subirse ao alto dunha árbore e negarse a baixar, desvelando un comportamento tipicamente infantil. Ou golpear cunha gran bóla de neve a súa irmá Tatiana coa suficiente forza como para deixala tendida no chan.[9] Unha curmá, a princesa Nina Gueorguiievna, repetía que Anastasia «era tan horrible e repugnante como o mesmo demo» e que lle gustaba enganar, golpear e rabuñar os seus compañeiros de xogos; sentíase insultada polo feito de que Nina era máis alta ca ela a pesar de ser máis nova.[8] Preocupábase menos que as súas irmás polo seu aspecto e aparencia. Hallie Erminie Rives, unha escritora estadounidense, esposa dun diplomático, explicaba como vía a Anastasia, de só dez anos de idade, comendo bombóns de chocolate sen preocuparse en quitarse antes os seus longos e brancos guantes de ópera, na Casa da Ópera de San Petersburgo.[13]
Anastasia e a súa irmá María, eran coñecidas na familia como "a pequena parella". As dúas rapazas compartiron habitación, e a miúdo levaban variacións do mesmo vestido e pasaban a maior parte do seu tempo xuntas. As súas irmás máis vellas, Olga e Tatiana, tamén compartían habitación e eran coñecidas como "a parella maior". As catro adoitaban asinar as súas cartas co acrónimo OTMA, resultado das iniciais dos seus nomes de pía.[9][10][11]
A pesar da súa vitalidade, Anastasia non gozaba de boa saúde. Padecía o mal chamado hallux valgus (xoanetes), que afectaba aos dous dedos gordos do pé.[14] Tamén tiña un músculo pouco cargado nas costas polo que tiña que recibir unha masaxe dúas veces por semana. A súa resistencia ás masaxes era tal que se agochaba baixo dos armarios ou camas para evitalos.[15]
A gran duquesa Olga Aleksandrovna Romanova, tía paterna de Anastasia, revelou nunha entrevista que unha das irmás de Anastasia, María, sufriu unha hemorraxia en 1914 mentres era operada de amígdalas. A propia nai, a tsarina Alexandra, tivo que ordenar ao médico que continuase coa operación. Olga Aleksandrovna pensaba que as catro nenas sangraban máis do normal e cría que eran portadoras do xene da hemofilia, transmitido pola súa nai.[16] Os portadores sintomáticos do xene, aínda que non sexan hemofílicos, poden ter os síntomas da enfermidade incluído un nivel de coagulación máis baixo do normal, o que pode levar a fortes hemorraxias.[17] As análises do ADN realizadas aos restos da familia en 2009 probaron que o tsarévich Aleksei sufrira de hemofilia B, unha variante rara da enfermidade. A súa nai e unha das irmás, identificadas alternativamente como María ou Anastasia, eran portadoras do xene. Por tanto, no caso de que Anastasia sobrevivise e tivese fillos é probable que estes tamén tivesen a enfermidade.[18]
Relación con Grigorii Rasputin
editar- Artigo principal: Grigorii Rasputin.
A nai de Anastasia, a tsarina Alexandra confiaba nos consellos de Grigorii Rasputin, un campesiño ruso que afirmaba ser un starets ou "home santo," e deu crédito ás súas oracións despois de que axudaran a aliviar as dores de Aleksei en numerosas ocasións. Anastasia e as súas irmás foron criadas para ver a Rasputin como o noso amigo e confidente. No outono de 1907 a tía das nenas, a gran duquesa Olga Aleksandrovna Romanova, foi levada polo tsar ata a habitación dos nenos para que coñecese o monxe. A gran duquesa recordaba máis adiante:
«Anastasia, as súas irmás e o seu irmán Aleksei levaban longos camisóns brancos. A todos parecía gustarlles ese home, víaselles cómodos na súa presenza.»Olga Aleksandrovna.[19]
A complicidade de Rasputin cos nenos facíase patente en moitas das mensaxes que lles enviaba. En febreiro de 1909 escribiulles un telegrama no que lles aconsellaba:
«Amade toda a intensidade de Deus e da súa Creación, en especial nesta terra. A Nai de Deus sempre estaba ocupada cosendo e recollendo flores.»Rasputin.[20]
Porén, unha das doncelas das nenas, Sofia Ivanovna Tiutcheva, horrorizouse en 1910 sobre o feito de que se lle permitira a Rasputin entrar nas habitacións das rapazas cando estas só levaban un camisón. O tsar Nicolao tivo que pedirlle ao starets que evitase facelo nun futuro. Os nenos, conscientes da situación, temeron que as palabras de Tiutcheva fixesen enfadar a súa nai:
«Teño medo de que S.I. diga... cousas malas do noso amigo (...) Espero que a nosa doncela sexa amable co noso amigo no futuro»Carta de Tatiana a Alexandra o 8 de marzo de 1910.[21]
Pouco despois a tsarina despediu a Tiutcheva.[21]
Tiutcheva informou do que vía o resto de membros da familia imperial.[22] Mentres que as visitas de Rasputin ás nenas eran consideradas polo monxe como algo completamente inocente na natureza, o resto da familia estaba escandalizada. Tiutcheva explicoulle á irmá de Nicolao, a gran duquesa Xenia, que Rasputin visitaba as nenas, falaba con elas mentres se preparaban para ir durmir e as abrazaba e acariciaba. Tiutcheva dicía que as nenas foran instruídas para non falar do monxe na súa presenza e para ocultar as súas visitas ás súas habitacións. O 15 de marzo de 1910 Xenia escribiu que non podía entender:
Na primavera de 1910 María Ivanovna Vishniakova, unha doncela real, denunciou que Rasputin a violara. Vishniakova dixo que a tsarina se negou a crela e que insistiu en que «todo o que Rasputin fai é santo». A gran duquesa Olga Aleksandrovna declarou que as acusacións de Vishniakova foron inmediatamente investigadas, porén «sorprenderon a moza na cama cun cosaco da Garda Imperial». Impediron a Vishniakova acercarse a Rasputin e en 1913 foi despedida.[23]
Os rumores continuaron, ata o punto que se dicía que Rasputin non só seducira a tsarina, senón tamén as catro grandes duquesas.[24] Estes rumores aumentaron cando o propio Rasputin divulgou as cartas que a tsarina e as súas fillas lle enviaban:
«Meu querido, fermoso, o meu único amigo (...) Cantas ganas teño de verte outra vez. Hoxe soñei contigo. Sempre lle pregunto a Mamá cando virás... Penso en ti sempre, cariño, porque es tan bo comigo...»Carta de Anastasia a Rasputin.[25]
A estas revelacións seguiron a circulación duns debuxos pornográficos que representaban a Rasputin mantendo relacións sexuais coa tsarina, as súas catro fillas e Ana Vyrubova.[26] A raíz do escándalo o tsar, a pesar da forte oposición da súa esposa, ordenou a Rasputin que abandonase San Petersburgo por un tempo, co que este marchou de peregrino a Palestina.[27] A pesar dos rumores, a unión entre a familia imperial e o monxe continuou ata o asasinato deste o 16 de decembroxul./ 29 de decembro de 1916greg..
«O Noso Amigo está moi satisfeito das nosas nenas, di que teñen pasado por duras probas para a súa idade e que as súas almas están moi desenvolvidas»
Nas súas memorias, A. A. Mordvinov escribiu que as catro grandes duquesas quedaron «visiblemente trastornadas» pola morte de Rasputin e que permaneceron sentadas «abrazadas unhas ás outras» nun sofá dun dos seus dormitorios durante toda a noite na que recibiron a noticia. Mordvinov lembraba que as rapazas estaban de moi mal humor e que parecían intuír a axitación política que xa se estaba creando en Rusia.[29] Rasputin foi soterrado cunha icona, asinada no reverso pola tsarina e as súas catro fillas. Anastasia asistiu ao seu enterro, o 21 de decembro de 1917xul./ 3 de xaneiro de 1918greg. e xunto á súa familia idearon edificar unha igrexa sobre o lugar da súa tumba.[30]
Primeira guerra mundial e Revolución rusa
editar- Artigos principais: Primeira guerra mundial e Revolución rusa de 1917.
Durante a primeira guerra mundial Anastasia, xunto a súa irmá María, adoitaba visitar os soldados feridos nun hospital privado situado nos terreos de Tsarskoe Selo. As dúas adolescentes, demasiado novas para pertencer á Cruz Vermella como a súa nai e as súas dúas irmás máis vellas, xogaban cos soldados para levantarlles o ánimo. Felix Dassel, que estivo alí hospitalizado, lembraba que a gran duquesa «ría coma un esquío» e que camiñaba tan rápido «que sempre parecía a punto de tropezar».[31]
En febreiro de 1917 estoupou a revolución rusa, que obrigou a Nicolao II a abdicar do trono. Anastasia e a súa familia quedaron baixo arresto domiciliario no palacio de Alexandre, en Tsarskoe Selo, pero dada a proximidade das forzas bolxeviques, Aleksandr Kerenskii, líder do goberno provisional, desprazou a familia ata Tobolsk, en Siberia durante o mes de agosto dese ano. Unha vez os bolxeviques se fixeron co control da maior parte de Rusia logo da revolución de outubro, Anastasia e a súa familia foron trasladados á casa Ipatiev, en Ekaterimburgo.[32]
O nerviosismo e a incerteza do cativerio afectou máis a Anastasia que ao resto da súa familia. «Adeus», escribiulle a un amigo durante o inverno de 1917: «Non te esquezas de nós». En Tobolsk Anastasia escribiu unha redacción para o seu titor de inglés, repleta de faltas de ortografía, sobre Evelyn Hope, un poema de Richard Browning que fala dunha moza nova: «Cando ela morreu, só tiña 16 anos», escribiu Anastasia. «Había un home que a amaba sen vela nunca, pero pese a isto coñecíaa ben. E ela tamén oíra falar del. E nunca puido dicirlle que a amaba e agora ela está morta...».[33]
En Tobolsk ela e as súas irmás esconderon xoias dentro dos seus vestidos para evitar que llas roubasen, pero os gardas rexistraron a Anastasia e ás súas irmás Olga e Tatiana en busca desas xoias mentres ían a bordo do Rus, o buque a vapor que as transportaba a Ekaterimburgo, onde estaban os seus pais e a súa irmá María, en maio de 1918. O seu titor de inglés, Sydney Gibbes, recordaba oír as grandes duquesas chorar e gritar asustadas e a súa propia impotencia ao non poder axudalas.[34] Pierre Gilliard contou o seu derradeiro encontro cos nenos en Ekaterimburgo:
O mariñeiro Nagornii, que se encargaba do pequeno Aleksei, pasou ante a miña fiestra co neno doente en brazos, detrás viñan as grandes duquesas con maletas e algúns efectos persoais. Tratei de achegarme, pero o sentinela fíxome retroceder bruscamente e fíxome afastarme da carruaxe. Volvín á fiestra. Tatiana Nikolaevna apareceu en último lugar, co seu pequeno can e arrastrando unha pesada maleta marrón. Estaba chovendo e puiden ver como os seus pés se afundían no barro a cada paso que daba. Nagornii tratou de axudala, pero un dos comisarios impediullo...[35].
Menos de dous meses despois, o 14 de xullo de 1918, sacerdotes de Ekaterimburgo prepararon un servizo especial para a familia no que, segundo dixeron despois, se axeonllaron durante o rezo aos mortos, cousa que non era o costume.[36]
Durante os seus últimos meses de vida, Anastasia intentou levar o seu cativerio do mellor xeito posible. Xunto aos demais membros da familia organizou xogos para divertir os seus pais na primavera de 1919. Segundo Sidney Gibbes, as actuacións de Anastasia «facían estoupar en gargalladas» ao resto da familia.[37] En maio de 1918, nunha carta desde Tobolsk á súa irmá María en Ekaterimburgo, describía un momento de felicidade a pesar da tristeza, a soidade e a preocupación polo seu irmán enfermo: {{cita|«Estivemos nas randeeiras, e non podiamos parar de rir, a caída era tan marabillosa! Expliqueillo tantas veces ás miñas irmás que chegaron a cansarse, pero podíao explicar mil veces máis...Que ben o pasamos! Só se podía gritar de alegría».[38] Nas súas memorias, un dos gardas da casa Ipatiev, Aleksandr Strekotin, lembraba a Anastasia como unha rapaza «moi amigable e chea de alegría», mentres que outro garda dixo que era «un demo encantador. Era travesa e poucas veces a vían cansada. Gustáballe facer números cómicos xunto aos cans, coma se estivesen nun circo».[12] Porén, outro dos gardas chamaba a Anastasia «ofensiva e unha terrorista» e queixábase de que algúns dos seus provocativos comentarios causaban tensión entre os soldados.[39]
Execución
editar- Artigo principal: Execución da familia Romanov.
Trala chegada ao poder por parte dos bolxeviques, Rusia entrou vertixinosamente nunha guerra civil. As negociacións para a liberación da familia imperial entre os bolxeviques (cuxo brazo militar era o Exército Vermello) e o resto da familia, moitos deles importantes membros de casas reais europeas, suspendéronse.[40] O avance do Movemento Branco, cuxo brazo militar era coñecido como Exército Branco ou Garda Branca, sobre Ekaterimburgo deixaba o Exército Vermello nunha situación precaria. Os "vermellos" sabían que Ekaterimburgo caería pola superioridade e a mellor preparación do Exército Branco. Cando os "brancos" chegaron á cidade, a familia imperial simplemente desaparecera. A teoría máis aceptada foi que foran executados. A esta conclusión chegou o investigador do Movemento Branco Nicolás Sokolov, baseada no descubrimento de efectos persoais da familia imperial atopados nun pozo situado na mina Ganina Iama.[41]
O Informe Iurovski, un informe dos feitos remitido por Iakov Iurovski aos seus superiores bolxeviques trala execución, foi atopado en 1989 e reproducido no libro The Last Tsar de Edvard Radzinsky en 1992. Segundo o informe, a noite da execución espertaron a familia e solicitáronlles que se vestisen. Cando preguntaron a razón, informoulles que ían ser trasladados a un novo lugar pola súa seguridade, pola proximidade do Exército Branco e a violencia que isto podería levar. Unha vez vestida, a familia e un reducido círculo de axudantes foron levados a un dos sotos da casa, e pedíuselles que esperasen co pretexto de que ían facerlles unha foto antes de partir. A Alexandra e Aleksei permitíuselles sentar en dúas cadeiras, coa condición de que estivesen vixiados polos gardas. Pasados uns minutos, os verdugos entraron na sala liderados por Iurovski. Sen máis preámbulo, Iurovski procedeu a ler a orde de execución á familia e disparou ao tsar na cabeza. Cando o tsar caeu morto, a tsarina e a súa filla Olga trataron de facer o sinal da cruz, pero foron asasinadas coa primeira refaga ao recibir disparos na cabeza. O resto da familia imperial foi asasinada coa seguinte refaga. Tan só Demidova sobreviviu aos disparos iniciais pero foi rapidamente rematada coas baionetas contra unha das paredes do soto, mentres intentaba protexerse cunha almofada, repleta no seu interior de xoias e pedras preciosas.[42]
O Informe Iurovski engadía que unha vez o fume dos disparos permitiu ver o resultado da execución con máis claridade, descubriron que algunhas das balas quedaran incrustadas nos corsés dalgunhas das grandes duquesas. Isto debíase ás xoias e pedras preciosas que as rapazas coseran dentro das súas roupas para evitar que os gardas llelas quitaran, e que involuntariamente lles serviran armadura contra as balas. Iurovski escribiu que Anastasia e María se acurruncharon contra unha parede coas mans na cabeza, antes de ser alcanzadas polos disparos. Porén, outro garda, Piotr Iermakov, explicoulle a súa muller que Anastasia fora rematada coas baionetas. Cando levaron os corpos fóra, unha ou máis dunha das nenas empezaron a chorar, e foron rematadas con golpes na cabeza, segundo escribiu Iurovski.[42]
Rumores de supervivencia
editarDada a confusión xerada polos propios bolxeviques despois da execución da familia Romanov, comezaron a xurdir os rumores de que algún membro da familia puido sobrevivir. No caso de Anastasia, estes rumores de supervivencia foron avivados por varios informes contemporáneos que falaban de rexistros en trens e casas, por parte de soldados e a policía secreta bolxevique, na busca de "Anastasia Romanova".[43] Durante o seu breve encarceramento en Perm en 1918, a princesa Helena Petrovna, muller dun curmán de Anastasia, o Príncipe Ioan Constantinovich de Rusia, explicou que un garda levou á súa cela unha rapaza chamada Anastasia Romanova e lle preguntou se era a filla do tsar. Ante a negativa de Helena Petrovna, o garda marchou coa rapaza.[43]
Houbo máis testemuñas que afirmaron ver en Perm a Anastasia, a súa nai e as súas irmás despois do asasinato, aínda que a día de hoxe considérase que non foi máis que un rumor sen ningunha evidencia palpable.[44] Un informe que reviste máis credibilidade por parte dalgúns historiadores, asegura que oito testemuñas viron como gardas armados capturaban unha moza que intentaba fuxir da plataforma 37 dunha estación de ferrocarril ao noroeste de Perm, en setembro de 1918. As citadas testemuñas foron Maxim Grigoriev, Tatiana Sítnikova e o seu fillo Feodor Sitnikov, Ivan Kuklin e Matriona Kuklina, Vasili Riabov, Ustinia Barankina, e o doutor Pavel Utkin, un médico que tratou a rapariga despois do incidente.[45] Algunhas destas testemuñas identificaron a rapariga como Anastasia cando lles foron mostradas fotos da gran duquesa por detectives do Exército Branco. O doutor Utkin tamén explicou aos detectives do Exército Branco que a rapariga ferida, á que tratou na oficina da Cheka en Perm, lle dixo: «Son a filla do soberano, Anastasia». Utkin conseguiu unha receita dunha farmacia para un paciente chamado «N», custodiado pola policía secreta. Máis tarde, detectives do Exército Branco atoparon rexistros desa receita.[46] Durante ese mesmo período, mediados de 1918, numerosos mozos finxiron ser membros da familia Romanov que presuntamente terían escapado dos bolxeviques. Boris Solosiev, marido dunha das fillas de Rasputin, Maria, estafou a importantes familias rusas ao pedirlles cartos para que un falso Romanov puidese fuxir a China. Solosiev tamén atopou numerosas rapazas dispostas a facerse pasar por algunha das grandes duquesas para beneficiarse das familias que estafara.[46]
Algunhas teorías apuntan a que houbo posibilidade de que un ou máis gardas puidesen axudar algún supervivente. Iakov Iurovski ordenou aos gardas que se presentasen na súa oficina para devolver os obxectos roubados trala execución. Apúntase a que durante un largo espazo de tempo os corpos permaneceron sen vixilancia no camión que os transportaba, no soto ou nos corredores da casa Ipatiev. Tamén se apunta a que varios soldados, que non participaron na matanza e que mostraron certa empatía cara ás grandes duquesas, puideron estar no soto xunto aos corpos.[47] Anna Anderson, a máis famosa pretendente a ser a gran duquesa Anastasia, afirmaba que se fixera pasar por morta entre os corpos da súa familia e os criados, e que puido escapar grazas á axuda dun garda compasivo que a rescatou ao ver que aínda estaba viva.[48] Anderson foi unha das polo menos dez mulleres que afirmaban ser Anastasia. Algunhas menos coñecidas foron Nadezhda Ivanovna Vasilieva[49] e Eugene Smith.[50] Dúas rapazas que afirmaban ser Anastasia e a súa irmá María foron encontradas por un sacerdote dos montes Urais, onde viviron como monxas ata a súa morte en 1964 e foron enterradas baixo os nomes de Anastasia e María Nikolaevna.[51]
Durante unha sesión do xuízo celebrado en Alemaña, entre 1964 e 1967, para probar a verdadeira identidade de Anna Anderson, o xastre vienés Heinrich Kleibenzetl, que vivía e traballaba fronte á casa Ipatiev, declarou que puido ver unha ferida Anastasia inmediatamente despois do masacre de do 17 de xullo de 1918. A moza estaba sendo atendida pola súa caseira, Anna Boudin, nunha casa situada xusto diante da casa Ipatiev. Segundo recolleu Peter Kurth, no seu libro The Riddle of Anna Anderson, Kleibenzetl declarou que escoitou disparos desde o interior da casa na que estaban retidos os Romanov e unha das rapazas que gritaba «Mamá», e fuxiu correndo de alí. Estivo unha hora e media camiñando polo lugar e ao regresar viu como a súa caseira enchía un caldeiro con auga: «Non entres na túa habitación» díxolle, para despois dicirlle «Meu Deus, en ti podo confiar. É Anastasia, a gran duquesa, está na túa habitación. Está ferida. Estou intentando que beba un pouco de té». Kleibenzetl díxolle que a axudaría e subiu as escaleiras ata a súa habitación: «A parte inferior do seu corpo estaba cuberta de sangue, tiña os ollos pechados e estaba pálida como unha folla», declarou. «Lavámoslle o queixo, Frau Ánushka e mais eu, e a rapaza xemeu. Debía ter os ósos rotos. E entón abriu os ollos durante un minuto». A rapaza permaneceu na casa durante tres días, ata que o mesmo Garda Vermello que a trouxera regresou para levala con el. Kleibenzetl nunca máis volveu a saber dela.[52]
Tamén chegaron noticias desde Bulgaria da posible supervivencia de Anastasia e do seu irmán máis novo Aleksei. En 1953 Peter Zamiatkin, presunto membro da garda da familia imperial rusa, explicoulle a un mozo de 16 anos, que convalecía no hospital con el, que levou a Anastasia e o seu irmán Aleksei á súa localidade natal, preto de Odesa, seguindo as ordes do tsar. Despois do asasinato do resto da súa familia, Zamiatkin levaría os nenos en barco desde Odesa até Alexandría. Os supostos "Anastasia" e "Aleksei" viviron baixo nomes falsos na cidade búlgara de Gabarevo, preto de Kazanlak. A Anastasia búlgara facíase chamar Eleonora Albertovna Kruger e morreu en 1954.[53]
Devanceiros
editarNotas
editar- ↑ "Anastasia" é un nome grego (Αναστασία), que significa "da resurrección", un feito ás veces mencionado nas historias posteriores relativas á súa suposta supervivencia trala execución da familia.
- ↑ A nena recibiu o título de "Gran Princesa", aínda que nas traducións do ruso a outras linguas adoitase traducir como "Gran Duquesa".[5]
- ↑ Os khlistii (en ruso Хлысты́), flaxelantes ou azoutados; tamén chamados Xente de Deus. Grupo sectario separado da Igresxa Ortodoxa Rusa, escisión da Igrexa dos Vellos crentes. Fundado por Daniil Filippovič, en 1631, na provincia de Kostromá, Rusia.
- ↑ Massie 1997, p. 192-229.
- ↑ Massie 1972, p. 153.
- ↑ Rappaport 2014, p. 59-60.
- ↑ 4,0 4,1 Eagar, Margaret (1906). "Six Years at the Russian Court". alexanderpalace.org. Consultado o 11 de decembro de 2006.
- ↑ Zeepvat 2004, p. xiv.
- ↑ Kurth 1983, p. 309.
- ↑ Massie 1972, p. 134.
- ↑ 8,0 8,1 King & Wilson 2003, p. 50.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 Výrubova.
- ↑ 10,0 10,1 Gilliard, Pierre (en inglés). Thirteen Years at the Russian Court. alexanderpalace.org. Consultado o 13 de decembro 2006.
- ↑ 11,0 11,1 Dehn, Lili (1922). The Real Tsaritsa. alexanderpalace.org. Consultado o 13 de decembro de 2006.
- ↑ 12,0 12,1 King & Wilson 2003, p. 250.
- ↑ Lovell 1991, p. 35-36.
- ↑ Kurth 1983, p. 106.
- ↑ Maylunas & Mironenko 1997, p. 327.
- ↑ Vorres 1965, p. 115.
- ↑ Zeepvat 2004, p. 175.
- ↑ Price, Michael (2009). "Case Closed: Famous Royals Suffered from Hemophilia". Science. Consultado o 26 de marzo de 2016.
- ↑ Massie 1972, p. 199-200.
- ↑ Maylunas & Mironenko 1997, p. 321.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 Maylunas & Mironenko 1997, p. 330.
- ↑ Massie 1972, p. 208.
- ↑ Radzinsky 2003, p. 129-130.
- ↑ Mager 1998.
- ↑ Sams, Ed. ""Victoria's Dark Secrets"". alexanderpalace.org. Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2007. Consultado o 31 de decembro de 2006.
- ↑ Christopher, Kurth & Radzinsky 1995, p. 115.
- ↑ Christopher, Kurth & Radzinsky 1995, p. 116.
- ↑ Maylunas & Mironenko 1997, p. 489.
- ↑ Maylunas & Mironenko 1997, p. 507.
- ↑ Maylunas & Mironenko 1997, p. 511.
- ↑ Kurth 1983, p. 187.
- ↑ King & Wilson 2003, p. 78-102.
- ↑ Kurth 1983, p. xiv.
- ↑ King & Wilson 2003, p. 140-141.
- ↑ Bokhanov et al., p. 310.
- ↑ King & Wilson 2003, p. 276.
- ↑ Christopher, Kurth & Radzinsky, p. 177.
- ↑ Maylunas & Mironenko 1997, p. 619.
- ↑ King & Wilson 2003, p. 251.
- ↑ King & Wilson 2003, p. 203.
- ↑ King & Wilson 2003, p. 353-367.
- ↑ 42,0 42,1 Radzinsky 1993, p. 380-393.
- ↑ 43,0 43,1 Kurth 1983, p. 44.
- ↑ Kurth 1983, p. 43.
- ↑ Occleshaw 1993, p. 46.
- ↑ 46,0 46,1 Occleshaw 1993, p. 47.
- ↑ King & Wilson 2003, p. 314.
- ↑ Kurth 1983, p. 33-39.
- ↑ Massie 1997, p. 145-146.
- ↑ Massie 1997, p. 157.
- ↑ Massie 1997, p. 146.
- ↑ Kurth 1983, p. 339.
- ↑ ""Gabarevo"". Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2007. Consultado o 17 de maio de 2018.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Anastasia Nikolaevna Romanova |
Bibliografía
editar- Alexandrov, Víctor (1974). El fin de los Románov. Bruguera, S. A. ISBN 84-02-03412-8.
- Berry, Steve (2005). La profecía Románov. Columna Edicions, Llibres i Comunicació, S. A. ISBN 84-664-0677-8.
- Bokhanov, Alexander; Knodt, Manfred; Oustimenko, Vladimir; Peregudova, Zinaida; Tyutynnik, Lyubov (1993). The Romanovs: Love, Power, and Tragedy. Londres: Leppi Publications. ISBN 0-9521644-0-X.
- King, Greg; Wilson, Penny (2003). The Fate of the Romanovs. Wiley. ISBN 0471727970.
- Kurth, Peter (1983). Anastasia: The Riddle of Anna Anderson. Boston: Back Bay Books. ISBN 0-316-50717-2.
- Lovell, James Blair (1991). Anastasia: la princesa perdida. Plaza & Janés Editores, S. A. ISBN 8401351839.
- Maylunas, Andrei; Mironenko, Sergei, eds. (1997). A Lifelong Passion, Nicholas and Alexandra: Their Own Story. Doubleday. ISBN 0-385-48673-1.
- Massie, Robert K. (1972). Nicolás y Alejandra. Plaza & Janés Editores, S. A. ISBN 84-01-33029-7.
- Massie, Robert K. (1997). Los Románov: capítulo final. Editorial Thassàlia, S. A. ISBN 84-8237-077-4.
- Occleshaw, Michael (1993). The Romanov Conspiracies: The Romanovs and the House of Windsor. Orion Publishing Group Ltd. ISBN 1-85592-518-4.
- Radzinsky, Edvard (2003). Rasputín: los archivos secretos. Círculo de Lectores, S. A. ISBN 84-672-0149-5.
- Radzinsky, Edvard (1994). El último zar. Plaza & Janés. ISBN 9788401451300.
- Rappaport, Helen (2014). The Romanov Sisters. New York: St. Martin's Press. ISBN 1250020204.
- Summers, Anthony (1978). El expediente sobre el zar: el destino de los Románov. Plaza & Janés Editores, S. A. ISBN 84-01-33144-7.
- Vorres, Ian (1965). The Last Grand Duchess. Scribner. ISBN 1552633020.
- Výrubova, Ana. Memories of the Russian Court. alexanderpalace.org.
- Zeepvat, Charlotte (2004). The Camera and the Tsars: A Romanov Family Album. Stroud: Sutton Publishing. ISBN 0-7509-3049-7.