A anatomía humana é a ciencia —de carácter práctico e morfolóxico principalmente— dedicada ao estudo das estruturas macroscópicas do corpo humano, de maneira que se deixa o estudo dos tecidos á histoloxía e das células á citoloxía e bioloxía celular. A anatomía humana é un campo especializado dentro da anatomía xeral (animal).

Deseño anatómico dos músculos humanos da Encyclopédie

Baixo unha visión sistemática, o corpo humano —como os corpos dos animais—, está organizado en diferentes niveis segundo unha xerarquía. Así, está composto de aparellos, integrados por sistemas, que á súa vez están compostos por órganos, que están compostos por tecidos, que están formados por células, que están formados por moléculas etc. Outras visións (funcional, morfoxenética, clínica etc.), baixo outros criterios, entenden o corpo humano dunha maneira algo distinta.

Recensión histórica

editar
 
Estudos anatómicos de Leonardo da Vinci.

Historicamente tense constancia de que a anatomía era ensinada por Hipócrates no século IV antes de Cristo. Atribúese a Aristóteles o uso por primeira vez da palabra grega ἀνατομία (‘anatomía’) derivada do verbo ἀνατέμνειν anatémnein, isto é, cortes (ténnein) abertos (ána) co significado de disecar (separar as partes cortadas).

Bartolomeo Eustachio, tamén coñecido co seu nome latino Eustachius, foi un dos fundadores da ciencia da anatomía humana. Leonardo da Vinci realizou estudos anatómicos artísticos, reflectidos en variados bosquexos e debuxos, como o modelo do corpo humano chamado o Home de Vitruvio. No século XVI, Andreas Vesalius reformou e reivindicou o estudo da anatomía para a medicina, corrixindo os erros interpretativos de Galeno, quen disecaba monos e cans, coa súa magna opus De Humani Corporis Fabrica (Sobre as funcións do corpo humano). Posteriormente, no século XVII, William Harvey, médico inglés, descubriu a circulación sanguínea.

Ramas e divisións

editar

Algunhas ramas ou disciplinas como a osteoloxía, a mioloxía, a artroloxía, a anxioloxía ou a neuroanatomía cercan os límites de estudo do corpo humano dunha maneira máis particular. Así, a mioloxía realiza o estudo específico dos músculos, as súas características e funcións; e a neuroanatomía realiza o estudo do sistema nervioso en forma extensiva.

  • A anatomía sistemática ou descritiva: esquematiza o estudo do corpo humano fraccionándoo nas mínimas partes constituíntes, e organizándoas por sistemas e aparellos.
  • A anatomía topográfica ou rexional: organiza o estudo do corpo por rexións seguindo diversos criterios. A anatomía rexional tende a un arranxo máis funcional e práctico, baixo un entendemento máis xeral das relacións entre as diferentes estruturas. A anatomía de superficie é unha área esencial no estudo, pois os recadros de anatomía de superficie ofrecen unha información visible e táctil sobre as estruturas que se sitúan debaixo da pel.
  • A anatomía clínica: pon énfase sobre o estudo da estrutura e a función en correlación a situacións de índole médico-clínica (e outras ciencias da saúde). Aquí importan diferentes áreas como: a anatomía cirúrxica; a anatomía radiolóxica e ultrasonográfica en relación ao diagnóstico por imaxes; a anatomía morfoxenética que se relaciona coas enfermidades conxénitas do desenvolvemento; a anatomopatoloxía etc.
  • A anatomía artística: trata das cuestións anatómicas que afectan directamente á representación artística da figura humana. Por exemplo, os músculos que aparecen superficialmente e as súas tensións segundo as diferentes posturas ou esforzos; as transformacións anatómicas que se producen en función da idade, da "raza" (ou mellor dito clina ou fisiotipo), das enfermidades; as transformacións anatómicas debidas ao xesto ou as emocións estúdanse nunha subdivisión da anatomía humana artística denominada fisionomía ou ben fisionómica.

Hai outras modalidades: anatomía comparada, anatomía funcional etc.

Sistemas e aparellos do corpo humano

editar
Conceptos clave

Sistema: é un grupo de órganos asociados que concorren nunha función xeral e están formados predominantemente polos mesmos tipos de tecidos. Por exemplo: o sistema esquelético, o sistema cardiovascular, o sistema nervioso etc.

Aparello: é unha agrupación de sistemas que desempeñan unha función común e máis ampla. Por exemplo o aparello locomotor, integrado polos sistemas muscular, esquelético, articular e nervioso.

Anatomía topográfica

editar

Baixo un criterio topográfico, o corpo humano estúdase por rexións, esquematicamente (entre paréntese os universalizados nomes en latín):

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Maimone, Giuseppe, 1992: Anatomía artística, Edizioni Scientifiche Italiane.
  • Goldscheider, Ludwig, 1953: Michelangelo, The Paidon Press, Londres.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
todo 1