Anos das Árbores
A Historia de Arda |
---|
Anos Valianos
|
Idades dos Fillos de Ilúvatar |
Batalla Final |
No legendarium de J. R. R. Tolkien, os Anos das Árbores son o segundo dos tres grandes períodos de Arda, o mundo no que se desenvolven a maioría dos acontecementos narrados na súa mitoloxía. Suceden aos Anos das Lámpadas e anteceden aos Anos do Sol, e comprenden varias idades, incluído o comezo da Primeira Idade.
Historia
editarPouco despois da destrución das Dúas Lámpadas e do reino de Almaren, os Valar abandonaron a Terra Media e trasladáronse ao continente de Aman, onde fundaron o seu Segundo Reino, Valinor. Yavanna creou as alí as Dúas Árbores, chamadas Telperion (a árbore de prata) e Laurelin (a árbore de ouro), que iluminaban Aman, deixando a Terra Media na escuridade.
Os Anos das Árbores divídense en dúas épocas en Valinor. As primeiras dez idades, coñecidas como os Anos da Dita, estiveron caracterizadas pola paz e a prosperidade en Valinor. Nesta época foron concibidos os Ents, as Aguias e os Ananos, por parte de Yavanna, Manwë e Aulë respectivamente, aínda que foron sumidos nun letargo até o Espertar dos Elfos.
As dez idades seguintes, coñecidas como o Cénit do Reino Abeizoado, viron como Varda reavivou as estrelas sobre a Terra Media. Esta foi a primeira vez desde os Anos das Lámpadas en que a Terra Media recibiu luz. Nesta época os primeiros Elfos espertaron en Cuiviénen, cara ao nordés da Terra Media, o cal marcou o comezo da Primeira Idade dos Fillos de Ilúvatar. O Inimigo, Melkor, non tardou en pórse en contacto con eles, coa esperanza de escravizalos; ao descubríreno, os Valar e mais os Maiar entraron na Terra Media, derrotaron a Melkor na Guerra dos Poderes e levárono cativo para Valinor. Nese momento comezou o período da Paz de Arda.
Após a Guerra dos Poderes, o Vala Oromë convocou aos Elfos a Aman, e moitos deles accederon a acompañar a Oromë na Grande Viaxe cara ao Oeste. Polo camiño quedaron varios grupos dos Elfos, entre os que salientan os Nandor e os Sindar. Os tres clans que chegaron até Aman foron os Vanyar, os Noldor e os Teleri, que estabeleceron o seu lar en Eldamar.
Cando Melkor foi liberado, logo de pasar tres idades de servidume e dar mostras de arrepentimento, sementou unha profunda discordia entre os Elfos, e incitou a rivalidade entre dous dos fillos do Rei Noldorin Finwë: Fëanor e Fingolfin. Coa axuda de Ungoliant, asasinou a Finwë e roubou da súa cámara de ferro os Silmarils, tres xoias creadas por Fëanor que contiñan a luz das Dúas Árbores dos Valar, que tamén destruíu.
Resentido pola inactividade dos Valar, Fëanor e a súa estirpe marcharon en persecución de Melkor, ao que maldiciron co nome de "Morgoth". A eles seguiu unha hoste aínda maior liderada por Fingolfin. Os Noldor chegaron a Alqualondë, a cidade portuaria dos Teleri, que lles prohibiron coller os seus barcos para navegar até a Terra Media. O resultado foi a Matanza de Aqualondë, o primeiro masacre fratricida entre Elfos, que desembocou na maldición imposta sobre os Noldor para sempre.
A hoste de Fëanor partiu nos barcos, deixando atrás á de Fingolfin, que chegou á Terra Media atravesando o estreito xeado de Helcaraxë no extremo norte, con multitude de baixas. A seguir librouse a Guerra das Grandes Xoias, que durou até a fin da Primeira Idade.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarA Galipedia ten un portal sobre: Terra Media |