Anos das Lámpadas
A Historia de Arda |
---|
Anos Valianos
|
Idades dos Fillos de Ilúvatar |
Batalla Final |
No legendarium de J. R. R. Tolkien, os Anos das Lámpadas son o primeiro dos tres grandes períodos de Arda, o mundo no que se desenvolven a maioría dos acontecementos narrados na súa mitoloxía. Os dous períodos seguintes son os Anos das Árbores e os Anos do Sol, nesa orde.
Os Anos das Lámpadas comezaron pouco despois da creación de Arda. Cando os Valar descenderon ao mundo, Arda carecía de vida e de trazos xeográficos marcados: a forma orixinal de Arda, escollida polos Valar, era un enorme continente simétrico.
Aulë, o ferreiro dos Valar, creou a estrutura das lámpadas (e tamén dos piares que as sostiñan). Despois Varda encheunas concentrando a difusa luz que iluminaba Arda daquela, e Manwë consagrounas. A lámpada chamada Illuin foi situada no extremo norte de Arda, e a outra, Ormal, no extremo sur. No medio, onde confluía a luz de ambas, atopábase un gran lago que rodeaba a illa de Almaren, onde habitaban os Valar.
O período que seguiu á creación das lámpadas coñécese como a Primavera de Arda, na que os Valar organizaron o mundo como desexaron e repousaron en Almaren. Esta é a época na que apareceron os primeiros animais e na que medraron as primeiras fragas. Melkor, o Vala maligno, que até daquela asexara alén dos Muros da Noite, aproveitou o sono de Tulkas para entrar en Arda inadvertido, xunto coa súa hoste, e construíu no norte a súa primeira fortaleza, Utumno.
As lámpadas foron destruídas nun ataque de Melkor, que supuxo a fin definitiva da Primavera de Arda, xa eivada en parte polo mal e o odio que manaban desde Utumno. Arda ficou unha vez máis ás escuras, e a caída das lámpadas estragou a perfecta simetría da súa superficie. Co cataclismo creáronse novos continentes: Aman no oeste, a Terra Media no medio, as terras inhabitadas (máis tarde coñecidas como a Terra do Sol) no leste, e a Terra Escura no sur. No lugar onde caeu Illuin formouse máis adiante o Mar Interior de Helcar, no que se atopaba a baía de Cuiviénen. A destrución das Dúas Lámpadas marcou a fin dos Anos das Lámpadas e o inicio dos Anos das Árbores.
A Galipedia ten un portal sobre: Terra Media |