Os aqueos[1] (en grego: Ἀχαιοί, Akhaioi) foron unha das catro tribos principais nas cales o pobo da Grecia clásica se dividía a si mesmo (xunto cos eolios, xonios e dorios). Segundo o mito fundacional formalizado por Hesíodo, o seu nome provén de "Aqueo", o fundador mítico da tribo aquea, quen supostamente era un dos fillos de Xuto e Creúsa medio irmán de Ión (devanceiro epónimo dos Xonios). Xuto era á súa vez o fillo de Helén, o patriarca mítico da nación dos gregos.[2]

Combate dos aqueos, Museo Pio-Clementino.

Historicamente, os membros da tribo aquea habitaron a rexión de Acaia no norte do Peloponeso. Os aqueos xogaron un papel activo na colonización grega do sur de Italia, fundando a cidade de Kroton (Κρότων) en -710. A cidade acadou a fama logo de ser o lugar onde se fundou a Escola Pitagórica.[3] Ó contrario que as outras tribos principais (xonios, dorios e eolios), os aqueos non tiñan un dialecto de seu no período clásico e falaban o grego dórico.

A Argólide converteuse no seu feudo e desde ela dominaron o resto de Grecia. Homero fala así de «Aqueos» ou de «Arxivos» para designar o conxunto dos gregos reunidos ante Troia. Os seus centros principais eran as cidades de Argos, Tirinto, Pilos, pero sobre todo Micenas, de onde vén o nome de civilización micénica para o período que vai do século XVII ao XII antes da nosa era, aproximadamente. A caída do dominio micénico atribuíuse tradicionalmente á invasión doria, pero hoxe se pensa que a grande invasión foi máis ben unha serie de pequenas incursións, espazadas no tempo.

Etimoloxía

editar

Segundo Margalit Finkelberg[4] o nome Ἀχαιοί/Ἀχαιϝοί deriva posiblemente da forma *Ἀχαϝyοί, hipoteticamente da forma grega antiga[5] para a palabra hitita Aḫḫiyawā; esta última forma aparece en arquivos hititas, como na carta Tawagalawa. Porén, Robert S. P. Beekes dubida da súa validez e suxire a forma pregrega *Akaywa-.[6]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para aqueo.
  2. Apollodorus, Library I, 7.3
  3. Peoples, Nations and Cultures. Editor John Mackenzie. Weidenfeld & Nicolson. 2005.
  4. Margalit Finkelberg, "From Ahhiyawa to Ἀχαιοί", Glotta 66 (1988): 127–134
  5. Segundo Finkelberg, esta derivación non precisa dunha orixe grega ou indoeuropea da palabra: "Obviamente, esta deducción non pode proporcionar unha proba conclusiva de que Ahhiyawa represente unha palabra grega, máis aínda cando nin sequera a etimoloxía desta palabra nin os seus cognados son coñecidos".
  6. R. S. P. Beekes, Etymological Dictionary of Greek, Brill, 2009, p. 181.

Véxase tamén

editar


Outros artigos

editar
  NODES
todo 2