Augardente de herbas

bebida destilada

A augardente de herbas é unha bebida de alta graduación (aínda que menor cá da augardente branca) típica de Galiza, e tamén de Cantabria e León. Elabórase a partir da destilación do bagazo (residuo da uva despois de espremela e tirarlle o mosto) xunto con herbas aromáticas. O resultado é un licor dun ton intenso amarelo averdado característico.

Un gotiño de augardente de herbas.

Ten denominación de orixe local amparada na Denominación Xeográfica Augardente de Galicia xunto coa augardente branca e o licor café[1]. Segundo a devandita denominación, o seu contido en azucres debe ser inferior a 100 g/L[2]. As herbas empregadas na súa elaboración adoitan ser menta, macela, herba luísa, romeu, ourego, tomiño, coandro, flor de laranxeira, fiúncho, regalicia, noz moscada e canela[2].

Unha bebida similar na Galiza é o xastreu, licor propio da comarca de Verín.

A destilación é unha práctica moi antiga, xa empregada no Antigo Exipto, e que trouxeron a Galiza os pobos árabes. De feito, palabras coma alcol ou alambique (ou alquitara) son de orixe árabe. Crese que a destilación de bagazo entra na Galiza no século XVII a través das ordes relixiosas e o Camiño de Santiago[3].

Actualmente, a súa produción industrial está amparada pola Denominación Xeográfica de Augardente de Galicia.

Consumo

editar

Acostúmase consumir en forma de copiña despois dun xantar, ou mesturado co café, popularmente coñecido na Galiza como café con gotas. Noutrora, entre o campesiñado galego, portugués e brasileiro adoitábase tomalo despois do almorzo, antes do traballo no campo ao amencer, e aínda existen persoas de avanzada idade que conservan este costume.

Actualmente é moi frecuente o seu consumo en restaurantes de toda España despois dos xantares, xa que dispón de propiedades dixestivas.

  1. Denominación de Orixe Augardente de Herbas
  2. 2,0 2,1 "Orujo de Galicia - Definición". Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2021. Consultado o 12 de decembro de 2014. 
  3. "Orujo de Galicia - Historia y tradición". Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2014. Consultado o 12 de decembro de 2014. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES