Augusto Pinochet
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2016.) |
Augusto José Ramón Pinochet Ugarte, nado en Valparaíso o 25 de novembro de 1915 e finado en Santiago de Chile o 10 de decembro de 2006, foi un militar e ditador chileno.
Foi gobernante de Chile entre 1973 e 1990, logo de dar un golpe de Estado que derrocou o goberno de Salvador Allende o 11 de setembro de 1973, primeiro baixo o cargo de Presidente da Xunta Militar de Goberno (1973-1981), ao que sumou o título de Xefe Supremo da Nación o 27 de xuño de 1974, que lle confería o poder executivo, e que logo substituíu o 16 de decembro dese mesmo ano polo de Presidente da República. Desde 1981 asumiu o cargo de Presidente baixo a Constitución de 1980. Exerceu estes cargos en calidade de ditador, conservando ademais o de comandante en xefe do exército chileno desde 1973 ata o 10 de marzo de 1998.
Traxectoria
editarCarreira militar
editarFillo de Augusto Pinochet Vera e Avelina Ugarte Martínez, realizou os seus estudos na súa cidade natal, Valparaíso, primeiro no Seminario San Rafael, logo no Instituto Rafael Ariztía de Quillota, no Colexio dos Sagrados Corazóns de Valparaíso e finalmente na Escola Militar do Libertador Bernardo O'Higgins. Non lle foi sinxelo ingresar nesta institución pois rexeitárono dúas veces; a primeira pola súa curta idade e a segunda por non cumprir cos requisitos mínimos. Malia non ter devanceiros militares, a súa vocación levouno a optar por terceira vez, onde foi finalmente admitido e ingresou o 11 de marzo de 1933. Tiña 17 anos.
No decurso da súa carreira tivo diferentes destinos. Como alférez estivo en Concepción, e de capitán, foi destinado a Iquique por un período prolongado, durante o que estivo a cargo do campo de detención de Pisagua na época de vixencia da Lei de Defensa Permanente da Democracia. Viaxou a Ecuador nunha misión militar que tiña por obxectivo organizar a Academia de Guerra daquel país. Ao volver a Chile, logo de tres anos de permanencia, Ecuador entregoulles ao maior Pinochet e aos demais integrantes da misión a condecoración Abdón Calderón.
Tras unha destacada carreira na Infantaría, acadou o grao de xeneral de brigada e exerceu como comandante en xefe da Sexta División. En 1970 foi ascendido a xeneral de división.
O golpe de estado
editarPinochet, Prats e Allende
editarTralo asasinato do comandante René Schneider por sectores vinculados á CIA estadounidense, o xeneral Carlos Prats foi designado comandante en xefe do Exército. Con Carlos Prats, Pinochet chegaría a establecer unha relación moi próxima. Prats considerábao un soldado cento por cento, apolítico e profesional, polo que foi un dos seus máis próximos colaboradores, senón o seu segundo.
A raíz do goberno de Unidad Popular, recibido cunha férrea oposición, produciuse unha extrema polarización política da sociedade chilena. En 1973. Prats apoiaba a legalidade constitucional, e polo tanto sostiña o goberno de Salvador Allende. Pero esa opinión non era compartida por moitos militares, e o 29 de xuño produciuse o chamado «tanquetazo», protagonizado polo Rexemento Blindado N° 2, ao mando do coronel Roberto Souper. Este intento de sublevación foi sufocado por Prats e polos seus xenerais máis próximos, Pickering, Sepúlveda e Pinochet.
O 21 de agosto produciuse unha manifestación de mulleres de xenerais diante da casa do xeneral Prats, á que se sumaron tamén varios oficiais de civil. Aldraxaron e acantazaron a Prats, e aínda que os carabineiros disolveron a manifestación, esta volveuse a organizar. Cando chegaron ao lugar Pinochet, Allende e os seus ministros, todos foron abucharados. Desilusionado, Prats pediu, primeiro por intermedio de Pinochet e logo directamente, que os xenerais reafirmasen a súa lealdade a el; como só uns poucos o fixeron, renunciou á comandancia en xefe e recomendou para a súa sucesión a Pinochet, decisión que foi aceptada por Allende.
Para daquela, a polarización do país en partidarios e opositores do goberno de Unidad Popular era máxima, e a Cámara de Deputados declarou a «grave creba da orde constitucional e legal da República» o 22 de agosto de 1973. Ao día seguinte, Allende, Prats e Pinochet xuntáronse no Palacio de la Moneda da que Pinochet saíu nomeado comandante en xefe.
A preparación do golpe
editarPara esa data, varios membros das Forzas Armadas preparaban un golpe de Estado. Os líderes do movemento eran o comandante da Forza Aérea Gustavo Leigh e o vicealmirante José Toribio Merino, este último amigo da infancia de Pinochet. Ademais probablemente contaban co apoio exterior da CIA e do goberno estadounidense de Richard Nixon. O 7 de setembro os xenerais fixaron a data do golpe para o 11 de setembro ás 6:30 en Valparaíso (8:30 no resto do país). Ao día seguinte o xeneral Arellano foi falar con Pinochet, quen ao decatarse da situación manifestou o seu descontento co Goberno, pero decidiu non apoiar o golpe.
A mañá do 9 de setembro Allende reuniuse co comandante en xefe e con outros xenerais. Alí explicoulles que pretendía anunciar un plebiscito para saír da situación. Foi a última vez que se viron os dous protagonistas do golpe. Ese mesmo día, Pinochet reuniuse con Leigh, o contralmirante Sergio Huidobro e o capitán de navío Ariel González para recadar a posición do exército. Finalmente, o nun principio vacilante Pinochet sumouse ao complot.
O 11 de setembro
editarO día 10 Pinochet mandou a muller e mais os fillos máis pequenos a Río Blanco, nos Andes. Ao día seguinte Pinochet chegou ás 7:40 ao mando de telecomunicacións do Exército, onde se mantivo durante o resto do golpe. Alí organizáronse as redes de comunicación cos distintos elementos insurxentes, especialmente con Leigh, que se atopa na Academia de Guerra Aérea, e con Patricio Carvajal, que foi o coordinador de todo o golpe.
Durante o acontecemento, Pinoche mantívose en contacto por radio con Carvajal. Tanto Leigh como Carvajal pretendían prender a Allende, pero a intención de Pinochet era desterralo de inmediato. Non aceptou adiamentos, agás o do bombardeo da Moneda para sacar as mulleres, en contra do que desexaba Leigh. Tras horas de enfrontamentos e bombardeos, a Moneda foi finalmente ocupada polo Exército. No seu interior, Allende suicidouse co fusil AK-47 que lle regalara Fidel Castro. Ás seis da tarde, os comandantes en xefe das Forzas Armadas e de Orde reuníronse por primeira vez na Escola Miltar para realizar o xuramento que deu inicio a 17 anos de réxime ditatorial militar.
Ditadura
editarPinochet asumiu o poder, na súa calidade de presidente da Xunta Militar de Goberno (formada por el mesmo en calidade de comandante en xefe do Exército; polo almirante José Toribio Merino, comandante en xefe da Armada; polo xeneral Gustavo Leigh, comandante en xefe da Forza Aérea e polo director xeral de Carabineros César Mendoza). A partir de ordes ditadas a través de cadea nacional de radio e televisión prohibiu os partidos políticos, disolveu o Congreso, restrinxiu os dereitos civís e políticos e ordenou a detención dos máximos líderes da Unidad Popular, declarándoa ilegal. Pinochet foi nomeado presidente da República polos demais integrantes da Xunta de Goberno o 17 de decembro de 1974. A diferenza da maior parte dos estados latinoamericanos, antes do golpe de 1973 Chile tivera unha longa tradición democrática. As intervencións militares en asuntos políticos foran moi escasas (por exemplo, o chamado «ruído de sabres» de 1924).
A violencia política
editarA violencia foi unha constante durante o goberno de Pinochet. Admirador do ditador español Francisco Franco (a quen lle foi ao enterro en novembro de 1975), cando acadou o poder, os partidarios do goberno derrocado foron brutalmente perseguidos como inimigos do Estado. Fixéronse xeneralizadas as torturas, as detencións, os asasinatos, as desaparicións ou o exilio de quen se involucrara co goberno anterior. A Comisión de verdade e Reconciliación, (coñecida tamén como Comisión Rettig) mencionou 2.095 mortos e 1.102 «detidos desaparecidos». A tortura foi tamén unha ferramenta común usada para combater os non partidarios do novo goberno, como queda consignado no Informe Valech sobre Prisión Política e Tortura (2005). Centos de milleiros de chilenos abandonaron o país para escapar do réxime. En 1994 aínda permanecían no exterior unhas 700.000 persoas segundo a Oficina Nacional do Retorno.
A policía secreta, a Dirección de Intelixencia Nacional (DINA) (1974-77), foi outra das ferramentas da ditadura. Foron asasinados o xeneral Prats o 30 de setembro de 1974 en Buenos Aires e o ministro de Relacións Exteriores do goberno de Allende Orlando Letelier, o 21 de setembro de 1976 en Washington, acedando as relacións co presidente estadounidense Jimmy Carter. Tamén se organizou a coñecida como Operación Cóndor, un plan para a cooperación mutua entre organismos de espionaxe de diferentes ditaduras militares de Latinoamérica, para desta forma continuar a persecución e o asasinato de exiliados na Arxentina e Paraguai.
En 1977, a DINA foi disolta e creouse a Central Nacional de Intelixencia (CNI), coas mesmas funcións. O seu primeiro director foi o xeneral Odlanier Mena. A CNI como organismo represivo foi notoriamente menos violento, aínda cando axentes seus figuran involucrados en casos emblemáticos, como o asasinato do líder sindical, e presidente da ANEF (Asociación Nacional de Empregados Fiscais), Tucapel Jiménez, en 1982.
O 11 de maio de 1983, a Confederación de Traballadores do Cobre (CTC) organizou a primeira protesta nacional, e o 22 de agosto argallouse a primeira fronte de oposición multipartidista que englobaba a todo o arco político moderado, e que se chamou a Alianza Democrática. En 1985 a oposición democrática adoptou o Acordo Nacional para a Transición da Plena Democracia.
En setembro de 1986 Pinochet foi vítima dun frustrado intento de asasinato, adxudicado á Frente Patriótico Manuel Rodríguez (FPMR), ideoloxicamente ligado ao proscrito Partido Comunista de Chile. Pinochet só sufriu feridas leves, pero faleceron cinco gardacostas e catro resultaron gravemente feridos. O paradoiro dos supostos implicados no acto é, ata hoxe, descoñecido, aínda que se presume que emigraron a Arxentina como turistas. En represalia, as forzas de seguridade asasinaron a 4 opositores esa mesma madrugada. A resposta do Goberno concluíu coa chamada «operación Albania» (tamén coñecida como a «matanza de Corpus Christi»), en 1987, onde foron asasinados 12 membros do FPMR.
O liberalismo económico
editarA política económica do goberno de Allende, que se dirixía cara a unha planificación central, procuraba a nacionalización da propiedade de moitas compañías chave, especialmente as mineiras, de capital estadounidense. A resposta do goberno de Pinochet foi promover o desenvolvemento dun mercado menos protexido, segundo as súas propias palabras «para facer a Chile non unha nación de proletarios, senón unha nación de empresarios».
Pinochet realizou profundas reformas económicas que levaron a falar dunha «milagre económica chilena», e que suprimir o serio problema da hiperinflación. Para formular a súa política de estabilización económica, Pinochet confiou nos chamados Chicago boys, economistas neoliberais con posgraos na Universidade de Chicago, fortemente influenciados polas políticas monetarias de Milton Friedman. Reduciuse o gasto público nun 20%, despediuse o 30% dos empregados públicos, aumentaron os impostos ao consumo, privatizouse a maior parte das empresas estatais liquidáronse os sistemas de aforro e de empréstitos de vivenda. Os efectos iniciais foron duros: caeu o PIB nun 12%, a taxa de desemprego medrou ata ao 16% e o valor das exportacións reduciuse nun 40%. Pero o sistema empezouse a afianzar a partir de 1977, cun boom, con cifras positivas en todos os ámbitos. Un dos indicadores máis simbólicos, o prezo do dólar, foi establecido a taxa de cambio fixa, en 39 pesos, e mantívose estable ata iniciada a década de 1980. Unha excepción a esta bonanza foi a taxa de desemprego, sempre alta (ao redor do 20%) debido principalmente aos despedimentos masivos nas empresas privatizadas. Unha das súas consecuencias foi unha brusca deterioración social, cunhas clases medias e baixas empobrecidas e que perderan progresivamente o seu poder adquisitivo.
Nos anos 1980, coa rápida deterioración da economía (un dos alicerces do Réxime Militar), sucedéronse constantes protestas e manifestacións organizadas pola oposición e movementos laborais, provocando violentas reaccións das forzas de seguridade.
En 1982 produciuse a maior crise económica desde os anos 1930, consecuencia en parte da recesión mundial de 1980 (fronte á que Chile estaba desprotexido pola súa excesiva dependencia do mercado externo), o excesivo endebedamento privado e a fixación do dólar a 39 pesos. Un dos primeiros síntomas foi a creba do sistema bancario e financeiro nacional, que obrigou o Goberno a intervir numerosos bancos. Simultaneamente, tomouse a decisión de apreciar o peso, que, unha semana máis tarde, caera á metade do seu valor. Ante a chegada da crise, Pinochet abandonou as teses dos Chicago Boys e regresou ao keynesianismo. Con todo, pasada a parte máis crúa da crise, volveu ao sistema neoliberal co novo ministro de Facenda, Hernán Büchi en 1985, quen, con reformas menos ortodoxas cás dos seus predecesores, logrou revitalizar a economía. A isto chámaselle a «segunda milagre de Chile».
Para conseguir a reactivación, Büchi tomou as seguintes medidas:
- Forte redución do gasto no sector público, coa rebaixa do gasto social e das xubilacións.
- Política de depreciación do peso en función do dólar moi forte, por riba da inflación. Deste xeito, co dólar alto, favorecíanse as exportacións e restrinxíanse as importacións.
- Privatizacións das empresas que seguían sendo estatais: empresas do aceiro (CAP), eléctricas (Enersis, Endesa), comunicacións (Entel, CTC), azucre (IANSA), aviación (LAN Chile), Laboratorios Chile etc.
- Privatización dos bancos intervidos polo goberno durante a crise.
- Control das taxas de interese polo Banco Central e xa non polo mercado.
- Descenso controlado dos aranceis.
O plebiscito
editarO 21 de outubro de 1980, tras un plebiscito realizado un mes antes, que fora apoiado polo 67% da poboación (segundo cifras do Goberno) aprobouse unha nova Constitución elaborada por unha Comisión nomeada pola mesma Xunta de Goberno. Este plebiscito foi bastante cuestionado, tanto polos seus opositores como pola comunidade internacional, baixo acusacións de fraude electoral e de violar principios básicos das eleccións democráticas (voto libre, informado e secreto). Entre as disposicións transitorias da nova carta fundamental, establecíase o período presidencial de Pinochet por oito anos, a partir do 11 de marzo do ano seguinte.
Conforme isto, un plebiscito debía ser levado a cabo en 1988 para aprobar ou rexeitar o candidato que o Réxime Militar lle propuxese ao país. Polo que marcaba o articulado transitorio da Constitución, o plebiscito non sería controlado polo Tribunal Cualificador de Eleccións (Tricel), organismo estatal independente, senón que sería o mesmo goberno o que proporía un candidato, organizaría o plebiscito e controlaría os escrutinios. Polo tanto, facíase infrutuoso calquera intento de derrotar o candidato gobernamental. Con todo, contra todas as expectativas, o Tribunal Constitucional, daquela afín a Pinochet, constatou unha contradición entre o articulado transitorio, xa descrito, e o permanente, que sostiña que unha elección presidencial debía ser controlada polo Tricel. O Tribunal considerou que o plebiscito era equivalente a unha elección presidencial, polo cal non rexía a letra do articulado transitorio, senón o do permanente. Esta foi a primeira derrota de Pinochet, motivada por un certo pudor democrático dalgúns dos seus partidarios, que resultou clave anos máis tarde.
Pinochet foi oficialmente designado pola Xunta Militar como candidato único á Presidencia para o plebiscito que se levaría a cabo o 5 de outubro dese ano, polo que se propuña o seu mantemento no poder desde 1989 ata decembro de 1997, é dicir, por un novo período de oito anos.
A aposta de Pinochet baseouse nun control total dos medios de comunicación e no temor da poboación a manifestarse contra el. Gran parte da súa propaganda consistiu en ameazar co regreso do comunismo e da desorde previa á ditadura se Pinochet non vencía. Con todo unha oposición sorprendentemente organizada nunha soa gran coalición, a Concertación de Partidos polo NON, decidiu actuar dentro do marco legal que a Constitución lle outorgaba, e aproveitar ao máximo todos os espazos dispoñibles para a democratización, como, por exemplo, os escasos minutos de televisión que lle foron concedidos (que se coñeceu como la franja). Cada noite millóns de chilenos vían con abraio como na televisión era posible falar en contra do férreo réxime de Pinochet.
O 5 de outubro unha extensa rede de apoderados vixiou o que sucedía en cada mesa de votación e os dirixentes opositores instalaron un completo sistema de contaxe de votos paralelo ao oficial. A primeira hora da tarde xa se sabía que Pinochet fora derrotado pero nin o goberno de Chile, a través do seu voceiro Alberto Cardemil, nin a Televisión Nacional de Chile deron información ningunha ata que na madrugada o xeneral do Aire, Fernando Matthei, membro da Xunta Militar (poder lexislativo), recoñecíaa derrota.
Os resultados oficiais da consulta proporcionaron un 52,2% de votos a prol do Non fronte ao 47% do Si. Durante ese ano, tras un acordo entre a Concertación e o Goberno, se plebiscitaron reformas para democratizar a Constitución. Tempo máis tarde, chamouse á primeiras eleccións democráticas desde o golpe de Estado, o 14 de decembro de 1989, nas que resultou elixido o democratacristián Patricio Aylwin á fronte dunha ampla coalición opositora, chamada Concertación de Partidos pola Democracia. Ese día elixiuse tamén a totalidade do Parlamento, disolto ao comezo da ditadura.
Coa atención internacional centrada no especial caso chileno de transición pacífica á democracia, Pinochet entregou a presidencia da nación a Aylwin o 11 de marzo de 1990, aínda que seguiu no posto de comandante en xefe do Exército ata marzo de 1998, data en que pasou a retiro.
Fóra do poder
editarSegundo as disposicións transitorias da Constitución de 1980, Pinochet debería seguir oito anos máis no posto de comandante en xefe do Exército, de perder o plebiscito.
A investigación sobre dereitos humanos
editarAylwin, malia a opinión de moitos en contra, decidiu abordar o tema dos Dereitos Humanos, encargándolle un informe sobre a situación a unha comisión de persoas independentes. Presidiuna Raúl Rettig, e entregou o seu informe en febreiro de 1991. O Informe Rettig detallou caso a caso 1.151 mortes, e 979 detidos desaparecidos. O impacto do informe na sociedade foi moi forte, e preparouna para o inicio dos xuízos por estes crimes.
Estaba en vigor a Lei de Amnistía para todos os crimes políticos cometidos antes de 1978, polo que a Corte Suprema podía amnistiar inmediatamente a calquera militar acusado destes delitos, sen investigar. O presidente instou a Corte Suprema a unha nova fórmula (a chamada «doutrina Aylwin») na que debía investigarse primeiros os feitos ocorridos, para despois determinar se correspondía aplicar a amnistía. A Corte Suprema non o fixo, pero si varios xuíces e a Corte de Apelacións. A Corte Suprema marcou un precedente en 1992 ao considerar os casos de «detidos desaparecidos». como de «secuestro permanente», delito que continúa no tempo e que polo tanto era inamnistiable, de xeito que a única causa para conceder o perdón era a aparición dos cadáveres. Así, empezáronse a tramitar xuízos contra militares da desaparecida DINA.
Entre todos os casos, o máis emblemático foi o de Manuel Contreras, o antigo director do organismo de Intelixencia, que estaba sendo procesado polo homicidio de Orlando Letelier en Washington, e que a amnistía explicitamente non incluía. Foi condenado, xunto ao seu segundo, o ex brigadier xeral Pedro Espinoza, a 7 e 6 anos de prisión, respectivamente, en novembro de 1993. Corresponderíalle ao goberno de Eduardo Frei seguir o xuízo de Contreras e a súa resistencia ao arresto.
Os procesamentos polo caso Degollados, e a «operación Albania» (ambos fóra da amnistía) avanzaban rapidamente, e empezaron a aparecer os primeiros culpables. O goberno construíu un cárcere especial para os militares culpables, Punta Peuco., onde debían entrar como primeiros convictos Manuel Contreras e Pedro Espinoza. Pero Contreras non estaba disposto a ir ao cárcere e refuxiouse durante dous meses nunha leira, con gardas privados protexéndoo día e noite, ata que ao final, por medio dunha longa estrataxema para evitar a vexación de Contreras polos seus detractores, entrou en Punta Peuco en outubro de 1995.
Ademais dos xuízos, as relacións entre o Goberno e Pinochet serían tensas e difíciles. Para empezar, Pinochet tiña pésimas relacións co ministro de Defensa, Patricio Rojas, que en varias oportunidades o instou a renunciar ao seu posto de comandante en xefe. Evitaba no posíbel o contacto co ministro e trataba os temas importantes directamente co presidente. Por outra banda, Pinochet contaba no Goberno con Enrique Correa Ríos, secretario xeral do executivo, e home da súa corda, ata tal punto que Pinochet dixo que de coñecelo antes o tería situado nese mesmo posto onde estaba.
Foi tamén fonte de conflito o ascenso dos xenerais, pois o Goberno decidiu sacar do Exército os individuos máis involucrados co réxime anterior. Desta forma seleccionábanse tamén as cinco primeiras antigüidades do exército de entre as que se nomearía o sucesor de Pinochet.
Os «pinocheques»
editarEn 1988, realizouse unha transacción comercial entre a sociedade anónima P.S.P. (Proyectos Integrados de Producción) e o exército por medio do CMI (Comando de Industria Militar e Ingeniería), que posuía o 49% das accións. A sociedade era produtora de armas, pero había anos que non estaba en funcionamento, e era unha empresa só no papel. A transacción comercial consistiu na compra do 51% restante das accións desta empresa virtual por parte do Exército, por un valor próximo aos tres millóns de dólares. Pagáronse en cheques nominativos, a nome de Augusto Pinochet Hiriart. O memorando do Exército dicía que o 43% das accións correspondían a Pinochet Hiriart, que negou os cargos argumentando que se separara da firma anos atrás. Este episodio coñeceuse popularmente co nome dos «pinocheques».
Fotocopias destes cheques chegaron ao Goberno, e a Rojas, que viu nel unha forma de provocar a renuncia de Pinochet. A nova chegou á prensa con grande escándalo e con esixencias de crear unha comisión investigadora no Congreso.
O ministro mobilizouse e empezáronse conversas sobre a posible renuncia de Pinochet. Ballerino, o seu interlocutor con Rojas, propúxolle unha renuncie en 1995, pero a Rojas pareceulle un prazo excesivo. Ballerino informou a Pinochet de que Rojas lle dera un ultimato (o 15 de abril de 1991) para a súa renuncia, que debía responder nun prazo de 8 horas, pero isto foi negado polo ministro. Sexa como for Pinochet reaccionou acuartelando todo o Exército baixo a escusa de realizar «exercicios de seguridade, preparación e enlace», termo nunca antes usado. O Goberno cedeu. A Comisión investigadora, logo de longos meses, só chegou a conclusións ambiguas e afirmando que non existía ningunha responsabilidade do comandante en xefe. Pero o caso dos pinocheques aínda non rematara.
O boinazo
editarA paralización do caso Pinocheques durou ata 1993. Ese ano, o Consello de Defensa do Estado decidiu emprender unha denuncia contra os culpables do delito. O presidente Frei partira a unha xira internacional, e quedara no cargo Enrique Krauss, ministro do interior, como vicepresidente. A denuncia marchaba por bo camiño, sen sobresaltos, ata que nunha das edicións do diario La Nación saíu en primeira plana a citación ao xulgado de oito oficiais.
Pinochet novamente reaccionou rapidamente, convocou os xenerais ao edificio de Defensa, en roupas de combate. Tropas do Exército vixiaron o edificio e patrullaron a zona, usando no seu traxe unha boina negra, polo que o movemento que viría ser coñecido como o boinazo.
Nas rápidas conversas participaron Ballerino novamente polo Exército e Krauss e Correa polo goberno. O exército solicitou a fin da citación e a substitución de Rojas. O ambiente arrefriou, o goberno destituíu o subsecretario Marcos Sánchez e os «pinocheques» seguirían conxelados, ata que Frei instou o Consello de Defensa do Estado a non proseguir o tema, aducindo «razóns de Estado».
A sucesión
editarPinochet preparou a súa sucesión en conversas co novo ministro de Defensa Edmundo Pérez Yoma, con quen si se entendía. Designaron a Ricardo Izurieta, militar profesional e sen vinculación con violacións dos Dereitos Humanos. O 10 de marzo de 1998 o Capitán xeneral Pinochet fixo entrega do mando do Exército a Ricardo Izurieta, e rematou así a súa época como militar.
Senador vitalicio
editarAo día seguinte de entregar o mando marchou a Valparaíso, para ocupar o seu asento de senador vitalicio, posto que lle correspondía conforme a Constitución. Os seus opositores manifestáronse en contra de Pinochet cando este fixo o seu xuramento, colocando carautas de caveira e mostrando pancartas e fotos dos «detidos desaparecidos», ademais de no exterior do Congreso.
Con todo, Pinochet mantívose á marxe da política activa e non se acudiu moito polo Congreso. A súa acción máis destacada como parlamentario foi o acordo co presidente da Cámara Andrés Zaldívar para eliminar o día 11 de setembro como festivo oficial (Día da Liberación Nacional), e substituílo polo Día da Unidade Nacional.
A detención en Londres
editarEn setembro de 1998, Pinochet viaxou a Londres (Inglaterra) xunto ao seu neto, para someterse a unha operación de hernia. Ademais da súa enfermidade, Pinochet gustaba moito de viaxar, pero durante o seu goberno non realizara case ningunha viaxe. Londres era a súa cidade favorita. O Exército e o Goberno chileno advertírono de que non fóra, pois existían demandas contra el no estranxeiro, pero non lles prestou atención, xa que posuía o foro de senador da República. O voo saíu o 21 de setembro e chegou o día seguinte a Londres.
O xuíz español Baltasar Garzón reclamou a súa detención para xulgalo polas mortes de cidadáns españois en Chile durante a ditadura. Para iso ditou unha orde internacional de detención e fíxoa chegar ao Reino Unido. Pinochet foi internado nunha clínica privada, a London Clinic, o 8 de outubro, e o 16 estando en cama, foi informado da aceptación británica da solicitude e da súa orde de arresto, determinada polo xuíz metropolitano de Londres, Nicholas Evans.
O goberno recibiu a nova como «un bochorno internacional para Chile», polo que Frei, xunto aos seus sucesivos chanceleres José Miguel Insulza e (desde maio de 1999) Juan Gabriel Valdés iniciaron accións para lograr a súa extradición. O seu argumento era que os crimes do Réxime Militar se cometeran en Chile, e polo tanto lle correspondía xulgalo a este país e a ninguén máis. Esta política non era apoiada por todos os membros da Concertación, especialmente certos sectores do Partido Socialista e o PPD, que manifestaban o seu apoio á detención do ditador.
A defensa de Pinochet apelou o arresto, alegándose que tiña inmunidade diplomática como expresidente e senador, apelación que foi recibida por un primeiro Tribunal, que aceptou a inmunidade de Pinochet. Á súa vez, esta resolución foi apelada, polo que se recorreu a un Comité Xudicial integrado por cinco membros da Cámara dos Lores, que invalidou en novembro a inmunidade diplomática de Pinochet. Entre as poucas figuras destacadas que apoiaron a Pinochet destaca Margaret Thatcher, quen revelou que Pinochet cooperara con Inglaterra durante a guerra das Malvinas. Con todo, a defensa de Pinochet descubriu que un dos lores era membro de Amnistía Internacional, polo que lle supuña interese en que se xulgase a Pinochet: un novo comité de lores tivo que formarse e anular a sentenza anterior.
Este emitiría o seu fallo o 24 de marzo de 1999, reducindo os cargos contra Pinochet, e considerando fóra de inmunidade os actos cometidos despois do 8 de decembro de 1988. Só había un delito cometido logo desa data na demanda, relacionado cun mozo ao que se acusou de roubo e que amenceu morto na súa cela. Pero con rapidez o ministro do interior Jack Straw logrou reunir máis casos (uns 60).
Mentres se atopaba baixo arresto domiciliario, Pinochet residía nunha casa particular en Virginia Waters; mentres tanto, a súa saúde deteriorábase, xa que tiña diabetes e hipertensión, ao que se lle sumaban microinfartos cerebrais. Isto empezou a preocupar os dirixentes británicos e españois. Se se seguía co proceso, Pinochet podería morrer en Gran Bretaña, cousa que non favorecía o goberno laborista dirixido por Tony Blair, especialmente considerando a proximidade das eleccións. Os gobernos buscaron outras solucións,como a que se presentou cando a defensa do xeneral argumentou razóns de saúde para eximilo do xuízo. O ministro do Interior británico Jack Straw, ditaminou o 22 de decembro que se lle realizasen exames médicos. Someteuse o 5 de xaneiro a exames neurolóxicos e xeriátricos, os que revelaron o seu deteriorado estado de saúde.
Considerando o informe e a idade, Straw decidiu liberar a Pinochet por razóns humanitarias o 2 de marzo. Ese mesmo día regresou a Chile e aterrou o día 3 en Pudahuel, onde foi recibido polo comandante en xefe Ricardo Izurieta. Aí ergueuse da súa cadeira de rodas, camiñou triunfante e saudou co caxato en alto aos partidarios que foron a recibilo.
Os xuízos en Chile
editarDe volta a Chile, Pinochet atopou que o xuíz Juan Guzmán Tapia iniciara o seu proceso de desaforo, por considerar que existían suficientes probas na súa contra para investigar a súa presunta responsabilidade no secuestro de 18 persoas polo norte do país, e que foi coñecida como a operación Caravana da morte.
O 3 de maio o pleno da Corte de Apelacións decidiu proceder coa desaforo, por 13 votos contra 9. A defensa de Pinochet apelou ante a Corte Suprema, que validou a decisión anterior por 14 votos contra 6. A defensa tentou daquela que se sobresese a causa por razóns médicas, ao igual ca no estranxeiro. Logo dos exames, detectouse que sufría demencia vascular subcortical, e foi sobresido en xullo de 2002.
Despois do veredicto, Pinochet renunciou á cadeira senatorial, e retirouse á vida privada, sen realizar aparicións públicas. Dous anos despois, o 28 de maio de 2004, a Corte de Apelaciones revogou o sobresemento por demencia, e a Corte Suprema confirmouno por 9 votos contra 8 o 26 de agosto, co que quedou en posición de ser xulgado pola súa eventual participación na denominada «operación Cóndor». Con todo, ao analizarse o fondo do asunto, o procesamento ditado contra Pinochet foi deixado sen efecto o 7 de xuño de 2005.
O 6 de xullo de 2005 a Corte de Santiago abriu a porta a unha nova fonte de conflitos legais, ao desaforar a Pinochet para posibilitar o xuízo da súa responsabilidade no caso «operación Colombo» pola desaparición de 15 opositores ao seu réxime. Como consecuencia disto, o xuíz Víctor Montiglio ordenou unha serie de exames psicolóxicos, neurolóxicos e psiquiátricos.
Segundo as conclusións de seis peritos do Servizo Médico Legal que se encargaron dos exames, entregadas ás partes o 16 de novembro de 2005, Pinochet estaría en condicións psiquiátricas de afrontar un xuízo. Aínda que desde o punto de vista neurolóxico se mantiña a diagnose de demencia subcortical, este feito non lle impediría participar nun proceso. O 24 de novembro de 2005 , Montiglio ditou o procesamento de Pinochet por tres delitos de secuestro cualificado no marco da «operación Colombo». O 20 de xaneiro de 2006 a Corte de Apelacións de Santiago desaforábao por 13 votos contra 5 nun preito por torturas ás vítimas da ditadura.
Os delitos económicos
editarA estes problemas legais agregóuselle o descubrimento, por parte do Senado dos Estados Unidos, de contas secretas de Pinochet no Banco Riggs, usadas durante o proceso de Londres. O Banco Riggs é coñecido pola súa participación en lavado de diñeiro. Por estes motivos o Consello de Defensa do Estado presentou unha querela criminal contra Pinochet, por evasión tributaria, causa que foi a mans do xuíz Sergio Muñoz. Este descubrimento provocou un afastamento de sectores da dereita chilena da figura de Pinochet.
O 23 de novembro de 2005 , foi ordenado o procesamento de Pinochet por enriquecemento ilícito e falsificación de documentos. A cifra ocultada ao fisco podería ascender aos 25 millóns de dólares, na súa maioría procedentes do cobro de comisións sobre compras de armas realizadas na ditadura.
A principios de 2006, esta investigación levou a que se procesase como cómplices de delitos tributarios o seu fillo, Marco Antonio Pinochet, e a súa muller, María Lucía Hiriart de Pinochet. Marco Antonio pasou a prisión preventiva e Hiriart tivo que ser internada no Hospital Militar.
O 25 de outubro de 2006 os diarios El Mercurio e La Nación publicaron que Augusto Pinochet mantiña ocultos nun banco de Hong Kong uns 9.500 quilos de ouro en lingotes, valorados de forma preliminar nuns 160 millóns de dólares. Con todo, o banco HSBC (Hong Kong Shanghai Banking), presunto depositario dos fondos, emitiu un comunicado indicando que os documentos que pretendían acreditar eses fondos na entidade «eran falsos». A entidade alemá Schell Security gmbH comprobou que existía un depósito polo importe indicado, pero vinculado a un número, non un apelido. A defensa do xeneral argumentou que toda esta polémica era unha farsa e un intento de difamación realizada polo goberno de Michelle Bachelet para desviar a atención do país. A xustiza chilena dispuxo o envío de solicitudes de información dirixidas tanto ás autoridades de Hong Kong como de Alemaña para solicitar información sobre os supostos lingotes.
A súa morte
editarO 3 de decembro de 2006 foi internado no Hospital Militar de Santiago, logo de sufrir un infarto ao miocardio e presentar un edema pulmonar que obrigou a sometelo a unha anxioplastia, co que foi mellorando no correr dos días. Unha semana despois, o 10 de decembro de 2006, informouse dunha posible alta médica, pero sufriu unha súpeta descompensación cardíaca que agravou o seu estado, e faleceu ás 14:15 hora local (17:15 UTC).
Ata o lugar chegaron persoeiros políticos de dereita, ex colaboradores e autoridades militares, ademais de milleiros de partidarios do falecido. Mentres, unha manifestación de detractores reunía varios milleiros de persoas en praza Baquedano celebrando a morte de Pinochet. O 12 de decembro de 2006 foi despedido coa participación de máis de 50.000 persoas, pero sen honras de xefe de estado. Durante a cerimonia, o seu neto Augusto Pinochet Molina, un oficial en exercicio do Exército, realizou un polémico discurso onde afirmou que o seu avó "derrotara en plena guerra fría o modelo marxista" e criticou duramente a políticos e xuíces. Tras estas declaracións, sería dado de baixa polo Exército.
Obras
editar- Síntesis Geográfica de Chile, Argentina, Bolivia y Perú (1953)
- Geografía Militar (1957)
- Geopolítica (1968)
- Ensayo de un Estudio Preliminar de una Geopolítica de Chile (1965)
- La Guerra del Pacífico, Campaña de Tarapacá (1972)
- El Día Decisivo (1979)
- Política, Politiquería y Demagogia (1984)
- Transición y Consolidación Democrática 1984-1989 (1989)
- Camino Recorrido, Memorias de un Soldado Tomo 1 (1990); Tomo 2 (1991); Tomo 3 Volumen 1 (1993); Tomo 3 Volumen 2 (1994)
- Principales Discursos del Comandante en Jefe del Ejército (1995)
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Augusto Pinochet |
A Galicitas posúe citas sobre: Augusto Pinochet |
Presidente de Chile | ||
---|---|---|
Segue a: Salvador Allende |
Augusto Pinochet | Precede a: Patricio Aylwin |