Bacterium
Bacterium é o nome dun xénero histórico de bacterias, que actualmente xa non se considera válido. Bacterium foi un taxon descrito en 1828 por Christian Gottfried Ehrenberg. A especie tipo deste taxón era orixinalmente Bacterium triloculare, pero as mostras perdéronse, polo que foi cambiada por Bacterium coli (hoxe coñecida como Escherichia coli).[1] En 1951 e definitivamente en 1954 o xénero Bacterium foi eliminado da taxonomía ao ser recoñecido como nomen generum rejiciendum, o que significa "nome de xénero rexeitado", o cal tamén se aplicou á familia Bacteriaceae.[2][3]
Mentres estivo en vigor, o xénero incluía a bacilos que non forman esporas cuxa relación con outras especies era escura (era un "caixón de xastre da taxonomía"). Diferenciábase daquela do xénero Bacillus, constituído por bacilos formadores de esporas (sensu Cohn 1872[4]).
O termo introducido por Ehrenberg, tomado do grego "βακτήριον" ("pequeno bastón"), acabou utilizándose dun modo máis amplo para denominar en xeral a todos os procariotas (despois separáronse as arqueas), e para denominar a un dos dominios de seres vivos, as Bacteria (bacterias).
Especies
editarNeste antigo xénero Bacterium incluíronse moitas especies. Como o xénero foi abolido no proceso de formación do Código Bacteriolóxico non existe actualmente unha lista oficial das especies que inclúe. As que se indican nesta lista son as especies aceptadas como pertencentes ao xénero por Breed e Conn en 1935:[1]
- Bacterium radiobacter, máis tarde chamada Agrobacterium tumefaciens e hoxe chamada Rhizobium radiobacter
- Bacterium aerogenes, despois coñecida como Aerobacter aerogenes e hoxe como Enterobacter aerogenes
- Bacterium violaceum, hoxe chamada Chromobacterium violaceum
- Bacterium amylovorum, actualmente denominada Erwinia amylovora
- Bacterium zopfii, hoxe Kurthia zopfii
- Bacterium monocytogenes, hoxe Listeria monocytogenes
- Bacterium pneumoniae, hoxe Klebsiella pneumoniae
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Breed, R.; Conn, H. (1936). "The Status of the Generic Term Bacterium Ehrenberg 1828". Journal of bacteriology 31 (5): 517–518. PMC 543738. PMID 16559906. //www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC543738/.
- ↑ International Bulletin of Bacteriological Nomenclature and Taxonomy. Volume 4, 15 de outubro, 1954 Nos. 3-4 pp. 141-158.
- ↑ Bacteriological code Appendix 5 J.O. 4
- ↑ COHN (F.): Untersuchungen über Bakterien. Beitrage zur Biologie der Pflanzen Heft 2, 1872, 1, 127-224.