Ballet
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
O ballet ou danza clásica é un xénero dramático cuxa acción se representa por medio de pantomimas e danzas. É, tamén, o nome específico dado a unha forma concreta de danza e a súa técnica. Segundo as épocas, os países ou as correntes o espectáculo coreográfico pode incluír ademais de danza e música (de orquestra e coral), mímica, texto, decorados e maquinaria. Tamén se utiliza o termo ballet para designa-la peza musical composta a posta para que sexa interpretada por medio da danza. O ballet está considerado como unha das artes escénicas.
Xeneralidades
editarO balé existe en tanto que peza autónoma, pero pódese intercalar, tamén, entre as escenas dunha ópera ou dunha obra de teatro a modo de divertimento. O balé cortesán francés, é contemporáneo dos primeiros ensaios da monodía dramática de Florencia (os intermedios, de finais do século XVI. Das representacións dos balés da corte nacen as óperas-balé e comedias-balé de Lully e de Molière.
O balé intercalado, inserido nunha ópera, é específico da arte lírica francesa, como se reflicte nas representacións das traxedias líricas de Lully e de Rameau. A reforma de Noverre (balé de acción) e incluso as de Gluck.
O balé moderno comprende unha sucesión de episodios que se encadean de maneira continúa. As concepcións wagnerianas xa non contemplan a práctica do balé intercalado.
No século XX, o balé é obxecto de toda clase de renovacións. A estrea en 1913 da Consagración da primavera de Igor Stravinskii cunha coreografía de Vatslav Nizhinskii provocou un dos maiores escándalos da historia da música e a danza.
O balé moderno, así a todo, mantén unha linguaxe máis clásica (Maurice Ravel La Valse 1920), que coa súa estilización retoma as concepcións do balé clásico: Richard Strauss, suite de danzas "Le Bourgeois gentilhomme"; Igor Stravinskii, Apollon musagète
Historia
editarOs primeiros antecedentes do ballet sitúanse nas cortes dos reis de España e Portugal e logo na Italia do Renacemento. Non obstante, adóitase tomar 1581 como data do seu comezo, coa representación do Ballet cómico da raíña en Francia, ó se-lo primeiro que combinou nunha unidade, música, baile e argumento.
O obxectivo do balé desa época era o entretemento da aristocracia e os bailaríns acostumaban levar disfraces e traxes acordes coa acción e coa época.
O ballet cortesán
editarCatarina de Medici, soberana florentina, amante das festas e da arte, chegou a Francia para casar con Henrique II e con ela levou numerosos artistas, músicos e mestres de danza, todos eles italianos. Catalina producirá en 1572 e 1573, trala morte do seu primoxénito e o seu marido, dous dos ballets precursores do ballet de corte ou cortesán («Ballet de Cour»), A Defensa do Paraíso e o Ballet dos Poloneses.
O Ballet Cómico da Raíña
editarCatalina, en 1581, con ocasión da voda do duque de Joyeuse, irmán de Henrique II, encargou a Baldassarino da Belgiojoso a creación dun ballet. Baldassarino concibiu o seu ballet como unha acción falada, cantada e danzada, cunha duración aproximada dunhas cinco horas. Tomou como tema "Os Encantos de Circe" e aínda que a obra non puido estar lista a tempo, presentouse o 15 de outubro, na gran sala de Borbón do Louvre, en París. O ballet coñecido como Ballet Comique de la Reine converterase no arquetipo do ballet cortesán ou «Ballet de Cour» e será o máis coñecido e o que fixará o xénero.
Durante o reinado de Lois XIII, o ballet cortesán chegou ó seu pleno apoxeo, é a época dos ballets mitolóxicos, intercalados con outros burlescos. Algún dos máis coñecidos dese período foron: O Triunfo de Minerva, Ballet da Viúva Herdeira de Billebahaut ou o Ballet das Fadas do Bosque de Saint-Germain.
A Academia Francesa
editarLois XIV, o chamado Rei Sol, foi un grande afeccionado á danza e mesmo chegou a practicala. Debido a este gusto pola danza, promoveu a fundación da Academia Real de Danza, a primeira en desenvolver profesionalmente a arte do baile clásico, que abriu as súas portas en 1661. Algúns autores consideran esta data como o punto de partida da historia do ballet[Cómpre referencia].
Nesta época o ballet empezou a se popularizar no resto de Europa. Creáronse compañías en Londres, Viena e Italia, onde se desenvolveron gran cantidade de novos temas e pasos. Os mestres Domenico da Piacenza, Guglielmo Ebreo e Antonio Cornazano, sentaron os principios básicos da composición coreográfica, e estableceron pasos e regras, subordinándoos á métrica musical.
Características do balélet cortesán
editar- O ballet cortesán era un baile organizado para divertir á aristocracia con ocasión de vodas entre reis, príncipes ou nobres. Os seus intérpretes son os nobres e algúns bailaríns afeccionados.
- Represéntase unha acción dramática, na cal a mitoloxía proporcionaba a maior parte dos temas, aínda que son frecuentes os ballets burlescos e a galantería pastoril.
- As Entrées ou arias reservábanse para temas específicos ou tradicionais.
- A coreografía ten como fonte de inspiración as danza de corte xa existentes: a alemanda, a pavana... Os divertimentos rematan cun gran Ballet Final, no cal a danza é xeométrica, utilizando en xeral, só catro direccións, as perpendiculares á sala.
- Dáse grande importancia ó vestiario, que é moi suntuoso, con tecidos de ouro, prata, sedas etc. É frecuente a utilización de máscaras.
- O decorado é aínda estático e empezarase a usar maquinaria, que de seguida será perfeccionada, como o uso do carro.
O século XIX: O ballet romántico
editarCo Romanticismo tomouse o ballet como un bo medio de expresión da nova ideoloxía. De acordo con este movemento, moitas das obras trataban sobre temas da cultura popular de cada país.
Herdeira da danza barroca practicada na Europa occidental dende o século XVII, a danza clásica fundaméntase, principalmente, nos dehors, o equilibrio, o rigor e a precisión dos exercicios. O seu tecnicismo non deixa de se desenvolver dende a fundación da Academia real. A danza e o seu vocabulario vanse enriquecendo continuamente utilizando, sempre, palabras francesas. Con A Sílfide (1832) operouse un gran cambio: o ideal romántico inunda a escena e a danza tórnase aérea, precisa, elaborada e esencialmente feminina.
Co novo movemento, a participación das bailarinas cobra especial relevancia, substituíndo ós bailaríns masculinos, predominantes ata a data. A bailarina é o centro de tódolos ballets, os partenaires masculinos serven para apoiar á bailarina e facer de portadores. O equilibrio, os pas de deux e as elevacións poñen de relevo as novas calidades técnicas. A palabra clásico fai a súa aparición cos Ballets Russes (1910), palabra que xa acompañará, para sempre, á danza.
Nesta fase, o ballet consegue unha importante presenza en España, aparecendo destacados coreógrafos e bailaríns. No resto de Europa, moitas obras ambiéntanse en España e no seu imperio colonial, que dende o centro do continente vese como misterioso e exótico. Nesta etapa esténdese a visión dunha España pasional, de toureiros, castañolas, xitanas e bandoleiros, moi acorde coa visión romántica que marca os pasos da arte en Europa.
A finais do século XIX, Rusia convértese nun dos maiores centros do ballet europeo, en parte grazas ó coreógrafo francés Marius Petipa que foi nomeado director do Ballet Imperial Ruso e dotou de coreografía a obras de Tchaikovsky como A bela dormente, O lago dos cisnes e O crebanoces. Neste período sitúase o inicio da danza moderna.
O século XX: O ballet actual
editarTras dun período de estancamento, o ballet recobrou forzas no período de entreguerras, especialmente en EEUU e Alemaña. Neste período os coreógrafos e bailaríns tratan de innovar, rompendo cos vellos esquemas. Algunhas das bailarinas máis célebres neste período foron: Martha Graham e Mary Wigman.
Na segunda metade de século o principal foco do ballet mundial volve ser Rusia, esta vez baixo o réxime soviético. A chegada das obras rusas a occidente impresionou pola súa expresividade e técnica. Algúns coreógrafos e bailaríns máis destacados desta etapa foron: Rudolf Nureyev ou Natalia Makarova.
Actualmente o ballet internacional segue moi activo e non deixou de innovar e de crear novas formas de expresión artística, pero tamén de traballar e reescribir algúns clásicos.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Balé |
A Galipedia ten un portal sobre: Ballet |
- Danzadance.org
- Danza Ballet
- Ballet Nacional de España Arquivado 05 de agosto de 2007 en Wayback Machine.