Banda G

(Redirección desde «Bandeado G»)

As bandas G son unhas bandas escuras e claras que aparecen nos cromosomas cando se lles aplica a técnica de tinguidura chamada bandeado G, bandeamento G, bandeado Giemsa ou bandeado GTG (Giemsa-tripsina-Giemsa) que se usa en citoxenética para producir un cariotipo visible tinguindo os cromosomas condensados con Giemsa. É o método máis común de bandeado dos cromosomas.[1] É útil para identificar enfermidades xenéticas (principalmente anormalidades cromosómicas) por medio da representación fotográfica do complemento cromosómico completo.[2]

Cariograma esquemático dun humano con bandeado G, con bandas e sub-bandas anotadas. É unha representación gráfica do cariotipo humano diploide idealizado. Cada fila está aliñada verticalmente a nivel do centrómero. Mostra 22 pares de cromosomas autosómicos homólogos, así como as dúas versións do par de cromosomas sexuais, nas mulleres (XX) e nos homes (XY), e tamén o xenoma mitocondrial (na parte de abaixo á esquerda).

Método

editar

Os cromosomas metafásicos (os que máis condensados están) son primeiro tratados con tripsina (para dixerir parcialmente proteínas do cromosoma) e seguidamente tinguidos coa tinguidura Giemsa. As rexións heterocromáticas, que adoitan ser ricas en adenina e timina (ADN rico en AT) e con relativamente poucos xenes, tínguense dun ton máis escuro, xerando as bandas G. En contraste, a cromatina menos condensada (eucromatina), que adoita ser rica en guanina e citosina (rica en GC) e máis activa transcricionalmente, incorpora menos tinguidura Giemsa e esas rexións aparecen como bandas claras.[3] O padrón de bandas numérase en cada brazo do cromosoma desde o centrómero ao telómero. Este sistema de numeración permite que todas as bandas que se crean no cromosoma se poidan identificar e describir con precisión.[4] O inverso das bandas G obtense no bandeado R. A tinguidura con Giemsa dálle aos cromosomas unha cor púrpura, pero os micrógrafos adoitan convertela nunha escala de grises para facilitar a presentación de datos e facer comparacións dos resultados obtidos en diferentes laboratorios.[5]

Canto menos condensados están os cromosomas, máis bandas aparecen no bandeado G. Isto significa que os diferentes cromosomas son máis distintos na profase que na metafase. Pero o normal é aplicar a técnica na metafase, que é o estado de máxima condensación.[6]

Vantaxes

editar

É difícil identificar e agrupar os cromosomas baseándose só nunha tinguidura simple porque a cor uniforme das estruturas fai difícil diferencialos. Por tanto, desenvolvéronse técnicas como o bandeado G que fan que aparezan bandas nos cromosomas. Este padrón de bandas ten o mesmo aspecto nos dous cromosomas homólogos, o que fai doada a súa identificación.

Tipos de bandeado

editar

Ademais do bandeado G, hai outros tipos de bandeado citoxenético. Nesta táboa móstranse todos eles:

Tipo de bandeado Método de tinguidura
Bandeado C Giemsa tinguindo a heterocromatina constitutiva (centrómeros)
Bandeado G Tinguidura Giemsa
Bandeado Q Quinacrina
Bandeado R Inverso da tingidura Giemsa
Bandeado T Telomérico
  1. Maloy, Stanley R.; Hughes, Kelly (2013). Brenner's encyclopedia of genetics. San Diego, CA. ISBN 978-0-08-096156-9. OCLC 836404630. 
  2. Speicher, Michael R. and Nigel P. Carter. "The New Cytogenetics: Blurring the Boundaries with Molecular Biology." Nature Reviews Genetics, Vol 6. Oct 2005.
  3. Romiguier J, Roux C (2017). "Analytical Biases Associated with GC-Content in Molecular Evolution.". Front Genet 8: 16. PMC 5309256. PMID 28261263. doi:10.3389/fgene.2017.00016. 
  4. Nussbaum, Robert; McInnes, Roderick; Willard, Huntington (2015). Thompson & Thompson, Genetics in Medicine (Eighth ed.). Canada: Elsevier Inc. p. 58. ISBN 978-1-4377-0696-3. 
  5. Lee M. Silver (1995). Mouse Genetics, Concepts and Applications. Chapter 5.2: KARYOTYPES, CHROMOSOMES, AND TRANSLOCATIONS. Oxford University Press.  Revisado en agosto de 2004, xaneiro de 2008
  6. Nussbaum, McInnes, Willard (21 de maio de 2015). Genetics in Medicine. Elsevier. pp. 57–73. ISBN 978-1-4377-0696-3. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar
  NODES
Idea 1
idea 1
todo 6