O trazo máis característicos das baleas, á parte do seu gran tamaño, é a presenza dunhas estruturas especiais na boca que substitúen os dentes: as chamadas barbas de balea ou, simplemente, baleas.[1]

As barbas están suxeitas ao maxilar superior dos misticetos.
Barbas da baela gris.

Non se trata de dentes transformados, senón de placas de queratina (a mesma substancia que forma as nosas uñas ou o pelo, ou as plumas das aves) que penduran do bordo da mandíbula superior pechando a cavidade bucal. Cando a boca está pechada, as barbas quedan cubertas polos "labios" inferiores.

O bordo inferior de cada unha destas placas está esfiañado formando unhas a xeito de sedas ríxidas que forman unha peneira moi mesta capaz de reter os corpos sólidos presentes na auga.

O seu tamaño —en anchura e lonxitude— e o seu número son moi variábeis segundo a especie, así como a cor, e son elementos a ter en conta á hora de identificaren as distintas especies.

Os distintos tamaños das barbas, xunto a outras modificacións morfolóxicas como a maior ou menor convexidade do cranio e a presenza de máis ou menos dobras gulares (os sucos da gorxa), son consecuencia dos diferentes hábitos alimenticios destes cetáceos.

Descrición

editar
 
O tecido das barbas componse de fibras lonxitudinais de coláxeno das que resulta nun corpo elástico e flexíbel.

Os misticetos carecen de dentes (a diferenza dos odontocetos) e, no seu lugar, teñen fileiras de láminas chamadas barbas no maxilar superior. Estas láminas son lisas, flexíbeis, cos bordos esfiañados, colocadas en dúas fileiras paralelas, semellantes a enormes peites.

As barbas están compostas de queratina, a mesma substancia da que está composto o pelo, os cornos e as uñas dos mamíferos e as plumas das aves.

Segundo a especie de misticeto, unha barba pode medir desde menos de 30 cm, como no caso do rorcual alibranco , aos 4,5 m na balea de Groenlandia. O seu número oscila entre as aproximadamente 140 ou 150 da balena gris ás 375 ou 400 do xibardo ou o rorcual azul.[2]

Curiosamente os misticetos posúen pequenos dentes durante a súa fase fetal, pero van desaparecendo mentres se desenvolven e acaban sendo substituídos por barbas permanentes antes de naceren.[2]

Alimentación por filtrado

editar
 
Grupo de xibardos alimentándose.

A barbas de balea desempeñan o papel máis importante no proceso da alimentación denominado alimentación por filtrado: as baleas abren a súa boca mentres nadan, de xeito que esta se enche de auga con partículas sólidas e, despois, péchana e usan a súa gorxa e a súa lingua para que a auga volva saír da boca a través das barbas, o que permite a retención das pequenas presas (pequenos peixes, copépodos, krill) entre os finos pelos das puntas das barbas.[3]

Os misticetos son o único grupo de vertebrados que utiliza este método de alimentación (os flamengos e as focas cangrexeiras usan métodos similares, pero non teñen barbas), e con este sistema se desenvolveron até alcanzar tamaños inmensos.

Usos na industria

editar
 
Cesta esquimó feita con barbas de balea, con mango de marfil, procedente de Alasca.
Museo do home (San Diego, (California).

O tecido das barbas componse de frebas lonxitudinais das que resulta un corpo moi elástico, flexíbel de gran resistencia e duración ilimitada,[4] polo que eran utilizadas antes da invención dos plásticos e outros materiais sintéticos para a fabricación de múltiples obxectos, como as venencias [5] e outros pero, sobre todo, en corsetaría (aínda hoxe fálase das "baleas" en vestidos e corsés) e para fabricar as varas (chamadas tamén baleas) de paraugas e parasois, debido á súa solidez, lixeireza e elasticidade.[4][6]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para balea.
  2. 2,0 2,1 Spencer Wilkie Tinker (1988). Whales of the World (en inglés). Brill Archive. pp. 58–59. ISBN 0935848479. 
  3. "Baleas, preguntas máis frecuentes". My Animal Island. International Fund for Animal Welfare. Arquivado dende o orixinal o 01 de agosto de 2010. Consultado o 17 de setembro de 2013. 
  4. 4,0 4,1 "Semanario pintoresco 489. Uso de las barbas de ballena" (PDF). Semanario pintoresco español. Tomo III, núm. 102, 11 de marzo de 1838. Biblioteca Digital del Instituto de Historia del CSIC. Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes
  5. Cataviños típicos para o os viños de Xerez.
  6. Stuart Walton (200?). Atlas ilustrado de los vinos del mundo. Susaeta Ediciones. p. 146. ISBN 843055694X. Arquivado dende o orixinal o 07 de novembro de 2016. Consultado o 17 de setembro de 2013. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Carwardine, M. (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Barcelona: Omega. ISBN 84-282-1037-3.
  • St. Aubin, D. J, R.H. Stinson e J.R. Geraci (1984): "Aspects of the structure and function of baleen, and some effects of exposure to petroleum hydrocarbons". Canadian Journal of Zoology 62: 193-198.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
INTERN 1
todo 5