A bile é unha substancia líquida, verdosa-amarela, amarga, e lixeiramente alcalina producida polo fígado de moitos vertebrados. Intervén nos procesos de dixestión das graxas funcionando como emulsionante dos ácidos graxos, é dicir, converten a graxa en finas pinguiñas que poden ser atacadas con maior facilidade polos encimas dixestivos. Contén principalmente sales biliares, proteínas, colesterol, e auga (que é o maior compoñente e supón case o 97% do total).

Biopsia de fígado. As zonas amarelas son bile.

A súa produción é continua e realízase nos hepatocitos do fígado, e nos períodos interdixestivos almacénase na vesícula biliar, e vértese no duodeno tras a inxestión de alimentos. Na vesícula biliar a bile concéntrase por absorción de auga e ións e queda reducida á 10ª parte do seu volume. A intensidade da secreción de bile pode modificarse por estimulación vagal, a hormona secretina, o rego sanguíneo hepático e a presenza de moitos sales biliares no sangue. No baleiramento da vesícula biliar inflúe principalmente a hormona colecistoquinina. Cando comemos, a bile sae da vesícula biliar polas vías biliares ao intestino, verténdose na súa luz pola papila da ampola de Vater, a uns 10 cm do píloro, e mestúrase coas graxas dos alimentos. Os ácidos biliares emulsionan as graxas no contido acuoso do intestino, dun modo semellante a como actúan os deterxentes ao lavaren a graxa. Cando as graxas xa están emulsionadas, os encimas do páncreas e da mucosa intestinal dixírenas. Segréganse de 600 a 700 mL de bile diarios.[1]

Composición

editar

A bile está composta de auga, colesterol, lecitina (un fosfolípido), pigmentos biliares (bilirrubina e biliverdina), sales biliares (glicocolato de sodio e taurocolato de sodio), taurina e ións inorgánicos como o bicarbonato. Contén tamén algunhas proteínas, como a mucina e outras, pero non contén encimas, polo que o seu papel na dixestión é indirecto, como emulsionante (a excepción son algunhas aves que conteñen unha amilase).[2]

Funcións da bile

editar
 
Acción dos ácidos biliares na dixestión.

A bile ten un funcionamento parecido ao dun deterxente, axudando a emulsionar os glóbulos de graxas diminuíndo a súa tensión superficial, o que fai que se dividan en gotas máis pequenas con maior superficie en conxunto que as gotas grandes, o que facilita a acción dos encimas dixestivos, e facilita tamén así a súa absorción no intestino delgado.[1]

Os compostos máis importantes da bile son os sales biliares de ácido taurocólico e ácido desoxicólico. Os sales biliares combínanse con fosfolípidos para romperen os glóbulos de graxa no proceso de emulsión, asociando o seu lado hidrofóbico (aneis esteroides) cos lípidos e o seu lado hidrofílico (grupo carboxilo polar) coa auga circundante. Os ácidos graxos e monoglicéridos resultantes da dixestión son empaquetados en micelas polos sales biliares, retirándoos da superficie dos glóbulos de graxa en dixestión. As micelas formadas no duodeno adoitan ter 14-33 microns de diámetro. Como a bile aumenta a absorción de graxas, é importante tamén para a absorción das vitaminas liposolubles: D, E, K e A.

A dispersión das graxas incrementa a superficie de ataque por parte da lipase pancreática e a lipase entérica, encimas hidrosolubles que actúan na superficie das gotas, e dixiren os triglicéridos, dividíndoos en ácidos graxos e monoglicéridos, os cales son levados polas micelas aos villi (vilosidades) da parede intestinal, onde xa poden ser absorbidos. As micelas deixan estas substancias no bordo ciliado dos enterocitos e volven ao quimo para ser utilizadas de novo. Despois, nas células intestinais rexenéranse os triglicéridos e pasan aos vasos linfáticos (quilíferos) da parede intestinal en forma de quilomicrons. Sen os sales biliares a maior parte dos lípidos non poderían ser dixeridos.[1]

Ademais da súa función dixestiva e facilitadora da absorción, a bile serve como ruta de excreción para o produto resultante da degradación da hemoglobina (bilirrubina) orixinado no bazo, que lle dá á bile a súa cor característica. A acumulación de bilirrubina no corpo produce ictericia. Tamén axuda a neutralizar o exceso de ácidos procedente do estómago antes de que chegue ao íleo (porque ten bicarbonato).

Os sales biliares son bactericidas, e eliminan os microbios que entran coa comida e tamén son detoxificantes, en especial para o alcohol en exceso e para algúns fármacos.

A maior parte dos sales biliares da bile reabsórbense no intestino e volven ao fígado pola vea porta, onde son de novo utilizadas para producir máis bile. Esta recirculación entero-hepática dos sales biliares é importante para manter a produción constante de bile.[1]

Trastornos asociados coa bile

editar

O colesterol e os pigmentos biliares contidos na bile poden acumularse en masas na vesícula biliar, formando cálculos biliares.

En ausencia de bile, ata o 50% das graxas non se dixiren e excrétanse nas feces, o que se chama esteatorrea.[1] Neste caso, as feces non teñen a súa característica cor castaña, senón que son brancas ou cincentas, con aspecto graxento. Isto causa problemas significativos na parte distal (final) do intestino xa que normalmente todas as graxas son absorbidas antes no tracto gastrointestinal. A flora bacteriana non está adaptada ao procesamento das graxas. A esteatorrea pode orixinar unha falta de ácidos graxos esenciais e de vitaminas liposolubles.

A bile na Antigüidade

editar

Segundo as teorías médicas da antiga Grecia, que prevaleceron en Europa durante toda a Idade Media e ata tempos máis recentes, a saúde do corpo dependía do equilibrio entre catro humores corporais: sangue, flegma, bile amarela (bile) e bile negra (atrabile). O exceso dos dous últimos producía agresividade e depresión, respectivamente.

Véxase tamén: Patoloxía humoral e Hipócrates.
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 A. C. Guyton. Tratado de Fisiología Médica. Interamericana. 6ª edición. Páxinas 964-965, 970-972. ISBN 84-7605-029-1.
  2. F. Castejón, A. Fraile, F. Ponz. Fundamentos de Fisiología animal. EUNSA. ISBN 84-313-0555-X.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar
  • Bowen, R. (2001-11-23). "Secretion of Bile and the Role of Bile Acids In Digestion". Colorado State Hypertextbook article on Bile. Arquivado dende o orixinal o 29-05-2007. Consultado o 11-03-2012. 
  • Krejčí, Z; Hanuš L., Podstatová H. & Reifová E (1983). "A contribution to the problems of the pathogenesis and microbial etiology of cholelithiasis". Acta Universitatis Palackianae Olomucensis Facultatis Medicae 104: 279–286. PMID 6222611. 
  • A. Maton, Jean Hopkins, Charles William McLaughlin, Susan Johnson, Maryanna Quon Warner, David LaHart, Jill D. Wright (1993). Prentice Hall, ed. Human Biology and Health. Englewood Cliffs, New Jersey, USA. ISBN 0-13-981176-1. 

Ligazóns externas

editar
  NODES
Done 1
globi 1