Alistado, albacora, bonito,
listado, serra
Sarda sarda

Bonito adulto [1]
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[2]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Osteichthyes
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Orde: Perciformes
Suborde: Scombroidei
Familia: Scombridae
Tribo: Sardini
Xénero: Sarda
Especie: S. sarda
Nome binomial
Sarda sarda
(Bloch, 1793)

O bonito,[3] Sarda sarda, tamén coñecido en Galicia como alistado, albacora, listado e serra,[4] é un peixe osteíctio da orde dos perciformes e familia dos escómbridos, mariño, de grande interese pesqueiro e gastronómico. É de carne rica en graxa (é un dos chamados peixes azuis).

Lámina n°46 do libro "Le règne animal distribué d'après son organisation" de Georges Cuvier (Tomo 8, 2ª ed., 1828), na que se representa, abaixo, a especie Thynnus brachypterus (hoxe Sarda sarda).

Non é moi frecuente en Galicia, aínda que ás veces pode verse nas lonxas.[5] Captúrase principalmente nos mares Mediterráneo e Báltico.[6]

Recibe ás veces tamén a denominación de bonito atlántico ou bonito do sur, para diferencialo do bonito do norte (Thunnus alalunga), o que chamamos en Galicia bonito por antonomasia,[4] moi semellante pero moito máis apreciado, gastronómica e economicamente.

Taxonomía

editar

Descrición

editar

Esta especie foi descrita por primeira vez en 1793, co nome de Scomber sarda,[7] polo médico e naturalista alemán, Marcus Elieser Bloch, que está xeralmente considerado como un dos máis importantes ictiólogos do século XVIII, na súa monumental obra Allgemeine Naturgeschichte der Fische publicada en Berlin entre 1782 e 1795, en 12 volumes. Posteriormente foi reclasificado dentro do xénero Sarda.

Sinónimos

editar

Ademais de polo nome orixinario que lle adxudicou Bloch, e do actualmente válido, ao longo do tempo a especoe foi coñecida polos sinónimos seguintes:[2][7][8]

 
Bonitos expostos á venda (aínda que aparezan etiquetados como atún).
  • Palamita sarda (Bloch, 1793)
  • Pelamis sarda (Bloch, 1793)
  • Pelamys sarda (Bloch, 1793)
  • Sarda mediterranea (Bloch & Schneider, 1801)
  • Sarda pelamis Brünnich, 1768
  • Scomber mediterraneus Bloch & Schneider, 1801
  • Scomber palamitus Rafinesque, 1810
  • Scomber ponticus Pallas, 1814
  • Scomber sarda Bloch, 1793 (protónimo)
  • Thynnus brachypterus Cuvier, 1829
  • Thynnus sardus (Bloch, 1793)

Etimoloxía

editar

O nome do xénero, Sarda (e o específico sarda), talvez deriva do latín tardío sardina, diminutivo de sarda, termos probablemente de orixe grega: σάρδη sárdē, σαρδήνη sardénē, σαρδῖνος sardĩnos. Tradicionalmente asóciase o termo coa illa mediterránea de Sardeña (en latín Sardinia, en grego antigo Σαρδώ Sardó), cerca da que probablemente se capturarían estes peixes.[9]

Características

editar
 
Exemplar capturado preto de Bermeo.

De corpo alongado, fusiforme, lixeiramente comprimido, a súa cabeza é cónica, coa boca terminal, grande, e con numerosos dentes cónicos. Os ollos son relativamente grandes.
As aletas pectorais son pequenas, as dorsais alongadas, non falciformes (é dicir, en forma de fouciño); a primeira longa, con de 20 a 23 raios espiñosos, e a caudal gallada, con pedúnculo provisto de dúas series de pínnulas (unha dorsal e outra ventral) e de dúas quillas laterais. O dorso é de cor azul escura sobre o que destacan, no adulto, entre 7 e 10 bandas lonxitudinais, estreitas, negras, lixeiramente oblicuas; o ventre e a parte inferior dos costados son dun prateado case branco. Os individuos novos presentan de 10 a 12 bandas transversais escuras.
Ten o corpo cuberto de pequenas escamas, agás na zona pectoral. Non posúe vexiga natatoria.
Distribúese polo Atlántico tropical, chegando até o golfo de Biscaia, e no Mediterráneo.
Pode acadar até 90 cm de lonxitude e 10 kg de peso, pero nas nosas costas non pasa dos 60 cm e de 1 a 4 kg.[5][6][10][11]

Bioloxía

editar
 
Exemplar xuvenil.

Hábitat e distribución

editar

É unha especie peláxica que habita en cardumes preto das costas en todo o océano Atlántico,[6] na franxa comprendida entre os paralelos 55º norte e 45º sur, desde Noruega e as illas Británicas até Suráfrica, e incluíndo o Mediterráneo, até o mar Negro no Atlántico oriental, e desde Nova Escocia até o sur do Brasil e na Arxentina no occidental, incluíndo o golfo de México, e aínda que está xeralmente ausente no mar Caribe, rexistrouse en Colombia e Venezuela; falta no nordeste e o centro do Brasil.[2]

Costumes

editar

Como o resto dos túnidos, é unha especie peláxica, gregaria e de alimentación carnívora, sendo predador doutros peixes como sardiñas, xardas ou xurelos. Cando van perseguindo os bancos de peixes adoitan saltar fóra da superficie da auga.

Reprodución

A desova prodúcese xa en xuño, en augas costeiras e cálidas. Unha vez realizada, os bancos divídense en grupos máis pequenos que regresan a mar a fóra espallándose por todo o Atlántico.

Especies semellantes

editar
 
Bonito austral (Sarda australis)

Á parte da semellanza que xa se mencionou co bonito do norte, outras especies de bonito de interese comercial son as seguintes:

  • Sarda australis: bonito austral ou bonito raiado de Australia. Habita unicamente nos mares de Oceanía. Presenta bandas horizontais escuras no dorso e máis finas no ventre.
  • Sarda chilensis: bonito do Pacífico, bonito de California. Presenta bandas verticais escuras.
  • Sarda orientalis: bonito mono, propio dos océanos Pacífico e Índico.

Aproveitamento pesqueiro

editar

As poboacións de bonitos achéganse á costa no momento da reprodución, entre xuño e xullo. Este fenómeno é aproveitado polos pescadores para a súa captura, nas chamadas costeiras do bonito, mediante artes de palangre ou de arrastre.

O bonito na alimentación

editar
Véxase artigo principal: Túnidos.

A carne dos bonitos adoita ser máis clara que a doutras especies e o seu contido graxo é bastante máis baixo (da orde do 6%). En consecuencia, as calorías que achega á dieta tamén son moito menores: 138 calorías por 100 gramos.

En Galicia

editar

A primeira cita deste especie en augas galegas débese ao ictiólogo e oceanógrafo español De Buen, en 1930, en "Ictiología española. I. Scombriformes y Thunniformes". Bol. Pesc. 162: 34-53.[12]

Nomes galegos

editar

En galego existe bastante confusión sobre o nome desta especie. No dicionario da RAG en liña a definición de bonito é ambigua: «Peixe da familia dos escómbridos de corpo alongado, tamaño grande e xeralmente de cor azul escura prateada, que se consome fresco ou en conserva e do que existen varias especies. Algúns bonitos caracterízanse por ter bandas negras e prateadas no ventre. O bonito é un peixe común no Atlántico»,[3] xa que existen «varias especies» de bonitos no Atlántico.

Por iso nas enciclopedias e grandes dicionarios galegos achamos numerosas contardicións. Para a Gran enciclopedia gallega, o bonito é a especie Germo alalunga[13] —hoxe coñecida cientificamente como Thunnus alalunga—, mentres que para o Diccionario enciclopédico galego universal é Sarda sarda.[14][15] Loxicamente, tamén é Sarda sarda para o Dicionario de galego de Ir Indo,[16] Porén, para o Gran dicionario Cumio da lingua galega, o Gran dicionario Século21 da lingua galega e máis o Gran dicionario Xerais da lingua galega o bonito é Thunnus alalunga.[17][18][19]

Segundo Ríos Panisse, Sarda sarda coñécese como alistado en trece portos de Galicia, albacora en nove, bonito en seis , listado en tres, serra noutros tres, e bonito alistado nun (Abelleira). E para a outra "especie conflitiva", Germo alalunga (hoxe Thunnus alalunga), recolleu o nome de bonito nada menos que en corenta e nove localidades costeiras (ademais de albacora en catro, mono —ao pequeno— en dezaseis, e surdo en dúas.[4]

Nas obras ictiolóxicas e terminolóxicas publicadas en galego dan, para Sarda sarda, os nomes de alistado,[5] bonito,[10] e os de bontito do Atlántico, bonito do norte e bonito de lombo raiado.[20]

Á outra especie, Thunnus alalunga, danlle os autores anteriormente citados os nomes de bonito e bonito de ala larga,[5] albacora,[10] e bonito.[20]

  1. Autor do debuxo: Sherman Foote Denton, en State of New York Annual Report of the Commissioners of Fisheries, Game, and Forests (1895-1906).
  2. 2,0 2,1 2,2 Collette, B. et al. (2011): Sarda sarda na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2015-4. Consultada o 22-02-2016.
  3. 3,0 3,1 bonito no Dicionario da RAG. Cómpre sinalar que a definición no dicionario da RAG é algo imprecisa, xa que di que hai «varias especies».
  4. 4,0 4,1 4,2 Ríos Panisse, M. C. (1977)
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Rodríguez Solórzano, Manuel et al. (1983)
  6. 6,0 6,1 6,2 Muus, Bent J. et al. (1998)
  7. 7,0 7,1 Sarda sarda (Bloch, 1793) no WoRMS.
  8. Eschmeyer, W. N., ed. (2015): Catalog of Fishes, Scomber sarda en California Academy of Sciences. Institute for Biodiversity Science and Sustainability.
  9. Romero, P. (2002): An etymological dictionary of taxonomy. Madrid, non publicado.
  10. 10,0 10,1 10,2 Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995)
  11. Daviña Facal, L. (1999)
  12. Solórzano, Manuel R. et al. (1988)
  13. VV. AA. (1974): Gran enciclopedia gallega, tomo IV. Gijón/Santiago: Silverio Cañada, Editor. ISBN 84-7286-039-6.
  14. VV. AA. (2003): DEGU. Diccionario enciclopédico galego universal. Vigo: Ir Indo Edicións / La Voz de Galicia. Volume 10. ISBN 84-7680-439-3.
  15. Curiosamente, segundo este dicionario, o bonito do norte (adaptación do castelán bonito del norte) é o atún branco (tradución do castelán atún blanco que figura nas etiquetas das conservas da especie Thunnus alalunga, que é o bonito ou atún máis apreciado), e que (case) todos os mariñeiros galegos (e moitos que non o son) denominan bonito, a secas.
  16. VV. AA. (2004). Dicionario de gelego. Vigo: Ir Indo Edicións. ISBN 84-7680-504-7.
  17. VV. AA. (2004): Gran dicionario Cumio da lingua galega. Vigo: Edicións do Cumio. ISBN 84-2889-304-1.
  18. VV. AA. (2006): Gran dicionario Século21 da lingua galega. Vigo: Editorial Galaxia/Edicións do Cumio. ISBN 84-8288-874-7 (Galaxia) / 84-8289-341-6 (Cumio).
  19. VV. AA. (2009): Gran dicionario Xerais da lingua. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9914-070-4.
  20. 20,0 20,1 Lahuerta e Vázquez (2000)

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Argiles, Alfredo: "El pez errante", en El País, 18.08.2007.
  • Daviña Facal, L. (1999): Lingua e ciencia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-8302-355-5. Artigos "¿Bonito, ou "Bonito do Norte?", pp. 134–136, e "Alistados", pp. 139–140.
  • Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • March, Lourdes (1993): La cesta de la compra. Alianza Editorial, Madrid.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Pivnicka, Karel e Cerny, Karel (1990): El gran libro de los peces. Susaeta Ediciones, Madrid.
  • Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0
  • Zudaire, Maite e Yoldi, Gema (2005): Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia).

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
iOS 4
mac 1
multimedia 1
os 132
todo 4