HMS Bounty
O HMS Bounty foi un barco de vela da armada británica no que tivo lugar o 28 de abril de 1789 un motín. O barco fora un cargueiro, ata que dous anos antes a armada adquiriuno co fin de transportar froitos do pan desde Tahití ata o Caribe. Os froitos do pan debían constituír un alimento barato para os escravos que traballaban nas plantacións de cana de azucre.
HMAV Bounty | |
---|---|
Réplica do Bounty en Sydney. | |
Historial | |
Estaleiro | Blaydes shipyard |
Tipo | Cargueiro armado |
Operador | Reino Unido |
Posta en grella | 1783 |
Asignado | 15 de outubro de 1787. |
Baixa | 23 de xaneiro de 1790 (incendiado). |
Características xerais | |
Desprazamento | 220 toneladas |
Eslora | 27,7 m |
Manga | 7,4 m |
Calado | 2,5 m |
Cubertas | 1 |
Aparello | 3 paus de velas cadradas |
Armamento | 4 canóns de catro libras 10 canóns lixeiros de cuberta |
Propulsión | Vento |
Tripulación | 44 |
O barco, "HMAV Bounty" (HMAV = His Majesty's Armed Vessel, ou sexa, veleiro armado da súa maxestade), partiu o 23 de decembro de 1787 desde Inglaterra, baixo o mando do capitán William Bligh, que tiña 33 anos de idade e servira como navegante ás ordes do capitán James Cook. A tripulación estaba formada por 44 homes. A ruta que se lle indicou ao capitán para chegar pronto a Tahití foi a que pasa polo sur de América, rodeando o Cabo de Fornos. Con todo, Bligh atopouse alí cunha tempestade que lle impediu avanzar, de maneira que logo de 30 días de intentalo abandonou e tomou a ruta alternativa polo sur de África. O Bounty chegou finalmente a Tahití o 25 de outubro de 1788, logo de dez meses de navegación, e varios meses máis tarde do previsto.
Debido ao atraso en chegar, Bligh e os seus homes tiveron que permanecer cinco meses na illa, xa que non era a época na que podían trasplantarse botóns do froito do pan. A tripulación comezou a habituarse aos costumes dos nativos e a esquecerse da súa condición de mariñeiros ingleses. Moitos deles estableceron relacións con mulleres de Tahití. O primeiro oficial, Fletcher Christian, casou ata cunha delas.
Finalmente puideron recollerse botóns do froito do pan e, moi a pesar dunha parte da tripulación, o Bounty partiu rumbo ao Caribe o 4 de abril de 1789. Na mañá do 28 de abril produciuse a rebelión, capitaneada por Fletcher Christian. 11 homes seguiron a Christian, mentres que 31 foron leais a Bligh. Os amotinados embarcaron ao capitán, xunto con 18 mariñeiros leais, nun bote, provisto dunha vela, un sextante e un reloxo. Os outros 13 mariñeiros leais ao capitán tiveron que permanecer a bordo do Bounty por falta de espazo no bote.
Bligh realizou unha fazaña de navegación e chegou logo de 41 días ata a illa de Timor, por onde pasaban barcos ingleses. Percorrera unhas 5.800 millas e perdera un só home, morto nun enfrontamento con nativos hostís dunha illa, onde intentara recalar para recoller auga e víveres. Cando chegou a Londres, o almirantado deu a razón a Bligh e confirmoulle no seu posto na armada real.
En canto a Christian e os amotinados, volveron a Tahití, onde quedaron 16 homes á espera de que chegase un barco inglés e lévaraoos á patria. Christian partiu de novo no Bounty, levando consigo oito mariñeiros, así como seis homes e once mulleres de Tahití, unha delas cun bebé. Os homes nativos axudarían nas tarefas do barco. Debían esconderse para non ser apresados xamais por un barco da armada británica, xa que os amotinados eran condenados á morte.
De forma casual, Christian e os seus homes avistaron a illa de Pitcairn, no extremo oeste do arquipélago de Tahití, que por aquel entón figuraba nas cartas mariñas nunha posición errónea. Decidiron ocultarse alí, xa que o erro cartográfico reduciría a probabilidade de que fosen localizados. O 23 de xaneiro de 1790 queimaron o Bounty, para que non se visen os seus mastros de lonxe e para borrar toda pegada material do motín.
En 1808 apareceu o primeiro barco, que resultou ser americano. Christian e algúns outros morreran. Con todo, aínda hoxe viven en Pitcairn descendentes dos amotinados do Bounty e das súas mulleres tahitianas.