Bugallo

reacción de defensa das árbores fronte a determinados insectos véspidos

Os bugallos ou bugallas,[1] tamén chamados carrabouxos, cocas ou, tecnicamente, cecidios[2], son unha reacción de defensa das árbores fronte a determinados insectos véspidos que depositan os seus ovos baixo a casca nos gromos novos dos carballos.

Carrabouxos nun carballo (Quercus robur) novo.

A definición anterior sería, realmente, aplicable só ós bugallos máis comúns e coñecidos, pero cómpre advertir que non sempre son producidos por avespas senón que en ocasións se deben a outros insectos; que non se presentan só nos carballos senón que outras moitas plantas, arbóreas ou non, poden sufrir esta parasitación; e que a causa non sempre é a resposta a unha posta de ovos, senón que poden deberse a un ataque do insecto en busca de alimentos.

En calquera caso, trátase sempre dunha reacción defensiva da planta que dá lugar a unha estrutura anormal dos tecidos vexetais (o que a diferencia da resposta a insectos fitófagos e escavadores). Nesa neoformación, a larva do insecto indutor atopará alimento e protección fronte ós seus inimigos naturais.

A forma que usualmente adopta o bugallo é esférica, coa superficie lisa ou cunha coroa de picos[3], pero noutros casos, en función do insecto indutor e da especie vexetal parasitada, os bugallos poden ter formas lenticulares, estreladas, de corno, ou ser totalmente amorfas.

Calquera parte da planta (talos, gromos, follas, flores, froitos ou mesmo raíces) é susceptible de ser atacada polo insecto.

O descubrimento da causa destas formacións vexetais, coñecidas e descritas desde a antigüidade romana, foi realizado por Malpighi no século XVII e non foi ata finais do XIX cando se coñeceu o mecanismo completo de formación do bugallo como consecuencia da acción da larva dun insecto.

Organismos responsables

editar
 
Cecidios do díptero Mikiola fagi sobre follas de faia.

Coñécense máis de 15.000 especies de organismos que poden induci-la formación de cecidias nas plantas, entre os que hai representantes dos grupos taxonómicos máis diversos: virus, bacterias, algas e fungos (que dan lugar ás chamadas fitocecidias), e protozoos, rotíferos, nematodos, ácaros e insectos (que dan lugar aos chamados zoocecidios) (Felt, 1940).

Son os insectos o principal grupo responsable da formación destas estruturas vexetais, coñecéndose unhas 13.000 especies que poden provocalas (Buhr, 1964). Segundo o mecanismo de acción (por alimentación a partir da planta parasitada ou por ovoposición e desenvolvemento das larvas), podemos clasificar estes insectos indutores de cecidias en dous grandes grupos:

As familias Cecidomyiidae e Cypinidae son as máis habituais nas nosas latitudes.

Cómpre sinalar que sempre se dá unha marcada especificidade entre a especie de insecto responsable e a especie ou xénero da planta parasitada, así como sobre o órgano ou parte da planta na que os inducen, de modo que un insecto só vai ataca-las follas dunha especie de árbore concreta, e outro só atacará as flores doutra planta diferente. Aínda así, como norma xeral, as follas son os órganos máis parasitados, aínda que os lepidópteros atacan máis os talos e gromos e os nematodos as raíces.

Os Cynipidae son insectos de pequeno tamaño (1–7 mm), de cores pouco vistosas e abdome comprimido lateralmente, no que agochan un ovipositor enrolado en espiral. Coñécense máis de 1.400 especies de cinípidos no mundo, dos que 140 especies están representadas na Península Ibérica. O 70% das especies desta familia están asociadas a árbores do xénero Quercus.

Como xa se dixo, a función do bugallo é, por unha banda, unha reacción de defensa da planta parasitada, que illa o parasito e controla dalgún xeito o seu efecto patóxeno, e, por outra, un mecanismo de mellora nutricional e de protección do insecto, tanto fronte ás condicións ambientais adversas (frío, choiva, luz, desecamento etc.) como fronte ós predadores naturais (fungos, outros insectos ou aves). Aínda así, esta estratexia defensiva non impide unha alta porcentaxe de parasitismo secundario, existindo especies de insectos que se especializaron en deposita-los seus ovos precisamente dentro dos bugallos, para que as súas larvas se alimenten da larva primaria do insecto indutor.

Mecanismo da formación dos bugallos

editar
 
Cecidia aberta na que se ve unha larva da avespa Cynips quercusfolii.

No caso dos cecidios provocados polos insectos himenópteros da familia Cynipidae, os máis coñecidos e estudados, o proceso de formación do bugallo atravesa as seguintes fases:

  1. Trala posta dos ovos a maior ou menor profundidade nos tecidos vexetais prodúcese unha destrución das células que os rodean, por un fenómeno de lise da parede celular ante a liberación de substancias proteolíticas e pectinolíticas liberadas polos ovos do insecto.
  2. A continuación prodúcese unha metaplasia celular por inhibición do crecemento e diferenciación normais das células vexetais, é dicir, un crecemento tumoral con células non diferenciadas, con hipertrofia (aumento de tamaño anormal) e hiperplasia (multiplicación celular desordenada).
  3. Segue unha fase de diferenciación histolóxica na que as células se multiplican seguindo unha funcionalidade, de modo que se crean capas tisulares sucesivas ó redor dunha cavidade formada para acolle-lo ovo e, posteriormente, a larva: unha capa de tecido nutritivo; outra, máis ou menos lignificada, que o illa; un tecido cortical con vasos que conectan todo cos vasos da planta parasitada; e unha última capa externa, a modo de epiderme. O grosor e a estrutura destas dúas últimas capas varía moito segundo a especie de que se trate.

Efectos sobre a planta parasitada

editar

En xeral, os efectos sobre a planta non parecen provocar graves prexuízos e a maior parte das especies vexetais parasitadas desenvólvense sen problemas aparentes. Non obstante, en caso de infestacións masivas sobre cultivos agrícolas poden producirse minguas produtivas considerables, como se ten descrito co arroz no sueste asiático, co trigo no Medio Oeste americano ou coa soia no Xapón.

Aproveitamento

editar

O po do bugallo, obtido esmagando e desecando a masa interior, utilizouse amplamente na terapéutica popular. Ó ser rico en taninos (sobre todo tanino gálico) posúe acción adstrinxente, antidiarreica e hemostática, con máis efecto cá cortiza, que tamén os contén. Úsase en infusión ou cocción, coa precaución de que pode provocar irritación gástrica, precisamente pola riqueza en taninos. En uso tópico emprégase para curar queimaduras, eccemas, estomatites e hemorroides. Na medicina veterinaria tamén se usou para trata-la diarrea das vacas.

Este uso medicinal está documentado desde a antigüidade por autores como Hipócrates, Plinio e Teofrasto, que o recomendaban contra as diarreas, inflamacións bucais e contra as hemorroides. Nas ruínas de Herculano, sepultada polo Vesuvio no ano 79, atopáronse restos de bugallos á venda, probablemente para uso médico, entre os produtos do mercado (Larew, 1987).

Pola mesma razón, pola súa riqueza en tanino, tamén se utilizaron na Roma antiga outros bugallos para fabricar tinta ou para curti-las peles e tingui-lo pelo ou a roupa, polo que tiveron sona e foron obxecto dun aproveitamento comercial importante as chamadas “agallas de Alepo” ou “de Esmirna”, debidas á posta de ovos da avespa Adleria gallaetinctoriae sobre as pólas novas dun carballo propio de Asia Menor, Quercus infectoria.

Certas tribos de África Oriental e da Amazonia utilízanos como adorno persoal (para elaboración de colares) ou para facer tatuaxes.

Na illa de Creta cómense os bugallos verdes producidos na Salvia pomifera. En Galicia, Rivas Quintas,[4] di que en Mosteiro (Meis, Pontevedra), tamén os comen: "mazán de cuco. a veces los niños, tierna aún, la comen".

Denominacións

editar

A tradicional abundancia dos carballos en Galicia, xunto ó feito da presenza común dos bugallos nas súas pólas, explica a rica abundancia de denominacións que se ten usado: abogalla, agalla, bailareta, bailarete, bailarique, bogalla, bogallo, boxa, bullaca, boullaca, bugalla, bullaca (nalgúns dicionarios, escrito vullaca), caixarola, carballa, carraboca, carraboco, carrabouxa, carrabouxo, carragoucha, carragoucho, coca, coco, croca, croco, cóucara, mazacuca, mazá cuca, mazá de cuco, mazán de cuco, uvas de cuco ou uva de carballo.

No resto da Península Ibérica son tamén ben coñecidos; reciben en Portugal os nomes de bugalhos e galhas, en castelán agallas, bogallas, gállaras ou gallarones, en éuscaro kuku-sagar ou lexiak e en catalán macarulla (camarulla), ballaruga (ballaruc, ballarusca, baralluc, baralluga), camarota (macarota), cassanella, cascarra,cascar(r)ot.

O uso das formas masculinas ou femininas pode estar xustificado no diferente tamaño que presentan segundo a especie de avespa que o produce, pero as descricións non sempre coinciden segundo a zona na que se recolla a información.

Os nomes de bailareta, bailarete ou bailarique explícanse porque os bugallos serven para que os rapaces fagan con eles buxainas ou bailaretes, cravándolles un pauciño recto.

Os nomes de mazacuca, mazá cuca, mazá de cuco, mazán de cuco ou uvas de cuco pode provir de que os cucos, coma outras aves, piquen nos bugallos para come-las larvas que hai no seu interior. De feito, é fácil ver bugallos peteirados polas aves. Acevedo (1932) recolleu en Asturias nomes similares: pan de cuquiello (asturiano, en Tineo) e mazá de carballo (galego, en Grandas de Salime). Coa mesma intención, en Inglaterra: oak apples (mazá do carballo) e en Australia: mulga apple, sobre acacias, ou bush coconut, sobre eucaliptos.

A este respecto cómpre lembrar que Sarmiento, na súa Carta 62, do 16 de maio de 1759, discute se as uvas do cuco (ou uvas de carballo) e as mazáns do cuco son unha mesma cousa:

Todo roble, y en todo país, produce bugallos y bugallóns. Y eso de la uvas es cosa rarísima. Las uvas nacen de la flor y los bugallos de la madera. Los bugallos están adherentes como verrugas y no cuelgan en racimo. Los que causan bugallos y bugallons son unos insectos que picando el cutis de una rama, levantan allí una vejiga y dentro de ella depositan sus huevos, de los cuales nacen después unos insectos parecidos a los primeros. Las uvas jamás han sido efecto de insectos sino excrecencias del humor que concurría a las flores para las bellotas. Sean lo que fueren esas uvas, es cosa rarísima en los libros y por tanto espero que las uvas de carballo de Pontevedra salgan a lucir en los libros.

Por ter unha forma globular semellante tamén recibe o nome de bugallo o froito do alcipreste e, metaforicamente, o globo do ollo.

editar

Os bugallos serven de xoguete para os rapaces, que os utilizaban para xogar ás bolas e para facer buxainas. Tamén se utilizan para facer rosarios cos que adorna-los maios.

Tradición oral

editar
  • Para o máis ruín cocho a mellor bugalla.
  • Lume, lume, ve ao pan; / Dios che dea moito gran, / Cada gran como un bogallo, / Cada pé como un carballo.
    • Segundo Murguía, así cantaban os campesiños para pedir protección para os campos, bailando ó redor dunha fogueira que facían no monte na noite da véspera do primeiro de maio.
  • Mesturar o allo co bugallo (confundirse, mesturar conceptos semellantes e obter así conclusións erróneas).
    • En Portugal rexístrase tamén a mesma idea, como recolle este refrán do Comendador Núñez: "faláronlle en allos, responde en bugallos" (é dicir, que lle falan dunha cousa -allos- e responde con outra -bugallos-).

Toponimia e antroponimia

editar

Na xeografía galega existen numerosos topónimos derivados da raíz bugall-, pero non é posible asegurar que procedan etimoloxicamente deste termo.

Tamén corre en diferentes apelidos comúns en Galicia:

E, finalmente, baixo o nome de O Bugallo publícase desde 1993 o boletín do Colectivo Ecoloxista do Salnés.[5]

Galería de imaxes

editar
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bugalla.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cecidio.
  3. De feito, esta denominación popular de bugallo ou carrabouxo só se aplica a este tipo de cecidias.
  4. Rivas Quintas, Elixio (1978): Frampas. Contribución al Diccionario Gallego. Ed. Ceme, Salamanca.
  5. O Bugallo

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • López Llamas, Concha, e Molina Aragón, Ignacio: “Las agallas vegetales, defensas que se transforman en el máximo aliado de los insectos invasores” en Quercus nº 21, inverno 1985, 17-18.
  • Riguero Rodríguez, Antonio e outros (1996). Guía de plantas medicinais de Galicia. Vigo: Galaxia. pp. 126–128. ISBN 84-8288-071-3. 

Ligazóns externas

editar
  NODES
Idea 1
idea 1
todo 9