Mar Cantábrico

mar litoral do océano Atlántico no norte de España e a costa suroeste de Francia
(Redirección desde «Cantábrico»)

O Cantábrico (en asturiano: Cantábricu, en castelán: Cantábrico, en éuscaro: Kantauri, en francés: Cantabrique) é un mar litoral do océano Atlántico que baña a costa norte de España e a costa suroeste de Francia. Esténdese desde o Cabo Ortegal na provincia da Coruña, ata a desembocadura do río Adour nas costas do departamento Francés das Landes preto de Bayonne. Esta delimitación foi publicada pola Organización Hidrográfica Internacional na súa publicación Limits of oceans and seas (Límites de océanos e mares) en 1953, máxima autoridade internacional na materia de delimitación de mares a efecto de regular o tráfico e seguridade marítima.

Modelo:Xeografía físicaMar Cantábrico
(es) Mar Cantábrico Editar o valor en Wikidata
Imaxe
Tipomar Editar o valor en Wikidata
Parte deGolfo de Biscaia Editar o valor en Wikidata
Localización
País da cuncaEspaña e Francia Editar o valor en Wikidata
Mapa
 44°N 4°O / 44, -4
Conca hidrográficaconca do Cantábrico Editar o valor en Wikidata
Características
Profundidade4.750 km Editar o valor en Wikidata
Vista de satélite do mar Cantábrico
Temporal no mar Cantábrico. As ondas batendo contra a Illa de Mouro e o seu faro.

Na súa parte máis oriental, xunto ás costas do País Vasco recibe o nome de golfo de Biscaia ou tamén de golfo de Gascuña. Baña 800 quilómetros de costa compartida polas provincias da Coruña, Lugo, Asturias, Cantabria, Biscaia, Guipúscoa e Lapurdi, esta última en Francia.

Características

editar

Constitúe un mar de transición entre os mares fríos do Norte e os tépedos do trópico, o que fai que sexa ecotono de especies vexetais e animais de augas frías. O afloramento de augas profundas e frías existente fronte ás costas galegas fai que a temperatura da auga aumente conforme nos desprazamos cara ao Leste. Esa temperatura da auga superficial presenta unha acusada estacionalidade, así durante o inverno a temperatura da auga pode baixar ata os 11 °C, mentres que no verán alcanza os 22 °C aproximadamente. A partir dos 35 ou 40 m de profundidade a temperatura da auga mantense practicamente estable durante todo o ano. Estas temperaturas son infrecuentemente altas dada a rexión xeográfica que ocupa o mar Cantábrico, e débense aos efectos cálidos da corrente do Golfo.

Os fortes ventos do noroeste que sopran sobre el teñen a súa orixe nas baixas presións centradas sobre as Illas Británicas e o mar do Norte en combinación co anticiclón dos Azores. A distancia percorrida polo vento e o mantemento da súa dirección e velocidade constantes fai que se xeren ondas que oscilan entre 2,5 e 3 metros de altura, o que orixina un mar moi axitado. En condicións moi particulares, máis propicias nos meses de abril-maio e setembro-outubro, os ventos do oeste poden alcanzar magnitudes de galerna con ondas que chegan a superar os 9 metros de altura.

A medida que nos aproximamos á costa francesa as augas van sendo máis cálidas. Posúe unha salinidade media do 35%, aínda que este dato varía moito en función do réxime de choivas imperante na zona e a maior ou menor proximidade á costa e/ou desembocadoras de ríos caudalosos. Ten unha significativa amplitude de marea, podendo ser de 4´5 m como máximo, especialmente nas mareas vivas de marzo e é atravesado pola Corrente do Golfo.

Historia

editar

O mar Cantábrico foi bautizado polos romanos no século I a. C. como Cantabricus Oceanus en referencia a un dos pobos que poboaban as súas costas, os cántabros. Noutras citas clásicas máis antigas aparece co nome de Britannicus Oceanus e Gallicus Oceanus.[1] Nas súas costas creáronse asentamentos humanos de tribos de ástures, cántabros, autrigones, caristios e várdulos que fixeron da pesca a súa principal actividade económica, aínda que esta neses tempos primitivos non foi moi importante. Non obstante a presenza de determinados restos arqueolóxicos anteriores á conquista romana, así como investigacións no campo da xenética, demostran a existencia de contactos marítimos máis aló das costas cantábricas.[2] Achados como o do Caldeiro de Cabárceno, similar aos atopados preto de Battersea (Londres) ou en Dublín (Irlanda), parecen evidenciar que existiron intercambios comerciais marítimos polo menos 600 anos antes da chegada dos romanos entre os poboadores da zona norte da Península e os da zona atlántica europea, especialmente cos habitantes das Illas Británicas.[3]

Coa decadencia romana iníciase un período convulso e con escasas fontes historiográficas. Hidacio sinala que cara ao ano 456 d. C. a costa foi devastada por expedicións de hérulos. Durante este período o litoral cantábrico eran costas indefensas fronte ás razzias dos pobos do norte de Europa. Aínda que o mar probablemente se estaría aberto á navegación de cabotaxe, non se ten constancia da existencia de comercio ou intercambios marítimos. Descoñécese se os portos romanos seguían aínda activos, estaban abandonados ou unicamente daban servizo a intercambios locais.[4] Posteriormente rexístrase a primeira chegada dos viquingos á Península Ibérica a través do mar Cantábrico no século IX, que intentaron asaltar e saquear numerosos pobos costeiros aínda que foron derrotados en numerosas ocasións e inicialmente por Ramiro I de Asturias.[5] A pesca converteuse nunha importante actividade económica no mar Cantábrico, especialmente a captura de baleas, hoxe extintas na rexión.

O mar Cantábrico foi considerado tradicionalmente un mare tenebrosum, pechado, perigoso e de difícil tránsito. No entanto, as investigacións arqueolóxicas actualmente cuestionan esta visión.[6] Desde finais do século I d. C., das súas resgardadas baías e enseadas xurdiron asentamentos que co tempo chegaron a ter grande importancia, como demostra o xurdimento da Hermandad de las Cuatro Villas ou das Marismas, federacións de portos que conformaron un poder naval e económico de primeira orde no Arco Atlántico.

Localidades importantes

editar

Principais municipios da beira do mar Cantábrico:

Galería de imaxes

editar
  1. Plinio o Vello, III, 6; y IV, 114
  2. "Ramón Sainero: “Los celtas más antiguos se encuentran en la Península Ibérica”". Diario de Ferrol (en español). 10 de agosto de 2014. Consultado o 28 de xuño de 2018. 
  3. "El Caldero de Cabárceno". Regio Cantabrorum (en español). Consultado o 28 de xuño de 2018. 
  4. Javier Arce (2013). Bárbaros y romanos en Hispania: (400-507 A.D.). Marcial Pons Historia. ISBN 9788496467576. 
  5. José Javier Esparza (2009). La gran aventura del Reino de Asturias: Así empezó la Reconquista. La Esfera de los Libros. ISBN 978-84-9734-887-4. 
  6. Carmen Fernández Ochoa; Ángel Morillo Cerdan (2008). "La ruta marítima del Cantábrico en época romana" (pdf). Consultado o 4 de decembro de 2013. 

Véxase tamén

editar
  NODES
INTERN 2
todo 2