A frase latina carpe diem significa literalmente "atrapa o día" e aparece na oda I-XI de Horacio:

Carpe diem.
Dum loquimur, fugerit invida
Aetas: carpe diem, quam minimu credula postero.
(Pois mentres falamos, fuxiu o envexoso
Tempo: atrapa o día, confiando o menos posíbel no mañá)

O sentido da expresión é "divírtete encanto poidas", "goza do momento". Horacio volve sobre o tema na oda III-XXIX. O motivo atópase na poesía grega e na latina e aparece repetidamente en moitas literaturas, orixinándose na conciencia da brevidade da vida e da inevitabilidade da morte. Tense descrito como lema dos epicúreos.

No século IV, o poeta romano Ausonio introduciu o símbolo da rosa, que representa a beleza e transitoriedade da vida (como aparece en De Rosis Nascentibus). Esta simboloxía continuou durante a Idade Media e aparece relacionada co motivo do carpe diem entre os goliardos e na poesía francesa e inglesa. En certa altura, a rosa acabou por representar a virxindade e a súa morte a perda da virxindade. Os poetas dos séculos XV a XVII incorporaron frecuentemente o tema e a simboloxía nas chamadas ás súas amadas para que non os desdeñasen, como no poema de Herrick "Ás virxes, que aproveiten o tempo" ("To the Virgins, to Make Much of Time"), que comeza "Gather ye Rose-buds, while ye may" ("Recollede os casulos de rosa, encanto poidades").

O motivo do carpe diem aparece tamén nos sermóns e na literatura devota da Idade Media e máis tarde, se ben cun ton admonitorio: a vida é curta, prepárate para enfrontarte ao teu sino. Porén, o espírito máis pagán e epicúreo do motivo é o que ten resultado máis atractivo, tanto aos escritores como aos lectores.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar
  NODES
todo 1