Casa das Caras

pazo renacentista-barroco en Pontevedra, España

A Casa das Caras, tamén coñecida como Pazo de Barbeito e Padrón, é un edificio do século XVI situado en pleno centro histórico de Pontevedra. Coñécese como a Casa das Caras polos bustos renacentistas que decoran a súa fachada no piso superior.

Casa das Caras
Fachada da Casa das Caras na praza da Estrela
Edificio
Nome inicialPazo de Barbeito e Padrón
EstiloBarroco, Renacentista
EnderezoPraza da Estrela, 4
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°25′54″N 8°38′38″O / 42.431666666667, -8.6438888888889
PropietarioEnrique Barreiro Álvarez[1]
Uso(s)Vivenda
Construción
Inicioséculo XVI
Remodelaciónséculo XVIII, século XIX
Dimensións
Plantas4 (planta baixa, 2 andares + ático abufardado)
editar datos en Wikidata ]

Localización

editar

O edificio está situado na Praza da Estrela 4, ao norte da Praza da Ferrería en Pontevedra.[2]

Historia

editar

A Casa das Caras foi construída por orde de D. Juan Barbeito e Padrón a finais do século XVI para servir de vivenda. Posteriormente, pasou a ser propiedade de D. Pedro Aldao, valente militar, Gran Maestre de Campo. Debido á vinculación dos Barbeito cos Aldao, a casa pasou co morgado aos Gayoso-Aldao e destes aos Condes de San Román e aos Marqueses de Atalaya.[3] Tiña catro fachadas, as dous principais que daban á praza da Estrela e á rúa Figueroa e outras dúas que daban ao actual xardín da parte traseira. A casa foi remodelada nos séculos XVIII e XIX, momento no que adoptou a súa configuración actual.

A casa foi durante moito tempo unha posta e no exterior atábanse os cabalos ás ferraduras da fachada, mentres os viaxeiros descansaban. No século XVIII, cando se construíu a pousada La Estrella á beira, a casa reformouse. En 1725, construíuse un longo balcón nun lado da casa.

No século XIX cegáronse os arcos da fachada principal da Praza da Estrela, que orixinalmente tiña soportais. Este cegamento realizouse entre 1840 e 1860 para dar maior estabilidade ao edificio. Tamén se recuou o gran balcón lateral da rúa Figueroa. De 1880 a 1908, a casa foi a vivenda e o laboratorio do prestixioso fotógrafo Francisco Zagala, un dos primeiros cronistas da cidade.[4][5]

No século XX, o fotógrafo Ramón Barreiro alugouna en 1910 ao seu regreso da emigración de México.[6][7] Na planta baixa instalou o seu estudo fotográfico. Cando se construíu o edificio dos sindicatos, o arquitecto Enrique Barreiro viuse obrigado a completar a fachada común de ambos os edificios.

A mediados da década de 1980, o seu fillo, arquitecto e actual propietario do edificio, levou a cabo unha reforma completa para converter a casa na súa residencia. Durante esta remodelación recuperáronse elementos da arquitectura do edificio.[6]

Descrición

editar
 
Escudo de armas da Casa das Caras

A casa é de planta cadrada e de estilo barroco e elementos renacentistas. Ten unha sobria fachada do século XVIII[6] de dous pisos e unha planta baixa. Os dous andares superiores teñen cinco fiestras con orelleiras superiores e inferiores.

Entre as ventás do segundo piso da fachada principal hai catro bustos renacentistas do século XVI cuxo significado é incerto. A teoría máis aceptada é que pertencen á familia nobre de Barbeito e Padrón, propietaria do pazo. Unha destas figuras leva lentes. Estes medallóns con efixies ou caras de pedra son a orixe do nome popular do edificio.[8]

No centro da primeira planta hai un balcón xunto ao que se atopa o escudo de armas de Juan Barbeito e Padrón, no que se distribúen as armas das liñaxes dos Padrón, Mariño, Valladares e Barbeito.[9]

Na fachada principal aínda se pode ver o contorno das arcadas orixinais, que foron cegadas. Na fachada lateral hai un balcón que se prolonga ata a rúa Figueroa. Na fachada traseira, o actual propietario recuperou durante a reforma algunhas ménsulas de gran tamaño, así como as baixantes no lado onde paraban as cabalarías. No interior, a casa ten lareiras en diferentes plantas pero no mesmo nivel. As chemineas teñen dous tiros diferentes para cada unha delas.[10]

Cultura

editar

A historia da Casa das Caras aparece na novela Xa vai o griffón no vento, do escritor Alfredo Conde, onde as personaxes que a habitan están vinculadas á Inquisición española. Bartolomé, fillo de Juan Barbeito e Padrón, foi nomeado Gran Inquisidor en 1678.[11]

No número 30 da rúa Real hai outra casa con dez caras na súa fachada, que tamén pertenceu á familia Barbeito.

Galería

editar

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
iOS 3
mac 1
multimedia 1
os 50
todo 1
web 2