O cervo,[2] ou veado,[2] tamén coñecido ás veces como cervo común,[3] Cervus elaphus, é unha especie de cérvido amplamente espallada polo Hemisferio Norte. Documentáronse unhas 27 subespecies distintas cunha área de distribución que se estende dende o Magreb, a Península Ibérica e Gran Bretaña ata gran parte de América do Norte, que se diferencian entre si polo tamaño, lonxitude e cor da pelaxe e forma das cornas. As seis subespecies de uapitís norteamericanos, outrora clasificados na especie propia Cervus canadensis, clasifícanse actualmente como subespecies de Cervus elaphus. Os cervos chegan á puberdade ao ano de naceren.

Cervo, veado
Cervus elaphus

Macho

Femia
Femia

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Familia: Cervidae
Xénero: Cervus
Especie: C. elaphus
Nome binomial
Cervus elaphus
Linnaeus, 1758
Distribución de Cervus elaphus en Galicia
Distribución de Cervus elaphus en Galicia

Distribución de Cervus elaphus en Galicia
Distribución en Europa: verde escuro, actual e verde claro, histórica.
Distribución en Europa:
verde escuro, actual e verde claro, histórica.

Distribución en Europa:
verde escuro, actual e verde claro, histórica.
Subespecies
Numerosas, véxase o texto

Descrición

editar

Cervus elaphus é un cervo de gran tamaño (só superado polo alce dentro do conxunto dos cérvidos vivos), cun tamaño ordinario de 160 a 250 centímetros de lonxitude e un peso nos machos de ata 200 quilos. Esta especie presenta dimorfismo sexual, sendo as femias máis pequenas e menos corpulentas cós machos; algunhas presentan pequenas cornas. Os individuos de sexo masculino presentan cornas que renovan cada ano e, nalgunhas subespecies, unha densa melena de pelo escuro no pescozo e nos ombreiros. A cor do pelo é normalmente parda en todo o corpo agás no ventre e os glúteos, esbrancuxados, e pode variar na intensidade da súa tonalidade segundo os individuos. As cría de poucos meses presentan unha coloración avermellada, con manchas e raias brancas que lles axudan a agocharse dos depredadores.

A dieta desta especie é exclusivamente vexetariá, cun maior peso de follas que de herbas.

Vida social

editar
 
Manda de cervos

Os cervos son animais herbívoros que forman grupos en función da súa idade e altura. As femias viven en mandas de decenas de exemplares coas súas crías máis novas, namentres que os machos se moven de forma solitaria ou en grupos moito máis reducidos, de menos de 5 individuos. Só se achegan ás femias na época de celo (entre agosto e setembro, segundo zona e clima) momento no que comezan a amosar os seus desexos de reproducírense por medio da berrea[4] e loitan cos outros machos polo control dun harén.

Para iso, os cornos estivéronse desenvolvendo durante o verán, adquirindo maior tamaño, lonxitude e número de puntas conforme medra o exemplar. No outono as cornas perden a pel protectora que as recobre (o veludo), que os machos se encargan de facer desprenderse fregando a testa contra os troncos das árbores. Durante toda a época de reprodución, os machos non se alimentan e pasan todo o día loitando entre eles ou copulando coas femias que se gañaron, de tal xeito que non é raro que moitos morran de fame e puro esgotamento se o ano foi malo e non acumularon reservas abondo para afrontar o inverno. Isto afecta en maior medida aos individuos novos, que adoitan rematar a estación sen se reproduciren, derrotados por animais de maior idade e forza. Por mor disto, a esperanza de vida media para os machos desta especie é de apenas 5 ou 6 anos, aínda que con sorte poden acadar os 20.

Trala época do celo, os machos abandonan normalmente a manda conquerida, aínda que algúns fican nela durante unha tempada. Para febreiro todos os individuos perderon xa os seus cornos e procederán nos meses vindeiros a renovalos.

As femias preñadas durante o outono paren unha cría ou dúas 8 meses despois, a comezos do verán. Os cervatos poden erguerse e seguir á súa nai ao pouco de nacer, pero ela adoita agochalos entre a vexetación do bosque e acudir regularmente para lles dar de mamar, cousa que fan ata os 3 meses. Aos 2 anos as femias xa son adultas, mentres que os machos acadan a madurez aos 3, mais tardarán uns anos máis en poder vencer a resistencia dos veteranos e aparearse.

Depredadores

editar

Cervus elaphus é presa de múltiples carnívoros. Os adultos e crías poden caer vítimas de linces, lobos, osos, tigres e leopardos (en Siberia e Manchuria), e pumas (en América). Os individuos moi novos, ademais, son cazados tamén por raposos, gatos salvaxes, coiotes e aguias. Ante estes animais só teñen o recurso da fuxida e no caso dos máis pequenos a camuflaxe, pois os machos de cando en vez empregan os seus cornos para loitar contra eles por ser pouco efectivos contra os carnívoros.

No entanto, estas ameazas non son suficientes para poñer en perigo a especie. En zonas onde se exterminaron un gran número de carnívoros, os cervos poden chegar a ser unha praga e ameazar a poboación de certas plantas. Por iso a súa caza é moi común en todo o mundo, aínda que tende a ser regulada para que non resulte excesiva: as subespecies que vivían nos Montes Apalaches, o val do Río Mississippi e o sur das Montañas Rochosas extinguíronse no século XIX precisamente polo exceso de capturas, e varias subespecies máis corren perigo de desaparecer. Entre as subespecies ameazadas están as de Andalucía (C. e. hispanicus), Córsega (C. e. corsicanus), Bactriana (C. e. bactrianus), os montes Tian Shan (C. e. songaricus) e Yellowstone (C. e. nelsoni).

Subespecies

editar
 
Distribución do cervo en Europa.
 
Cervos loitando testa contra testa.
 
Un uapití, cervo norteamericano.

Existen outras seis subespecies (dúas extintas en tempos recentes) nativas de América do Norte, que reciben o nome de uapitís. Clasificadas inicialmente como unha especie á parte (Cervus canadensis), na actualidade considéranse subespecies de Cervus elaphus:

Mitoloxía

editar
 
Diana, copia romana dun orixinal grego atribuído a Leocares (Museo do Louvre)

O cervo é o animal representativo da deusa Ártemis, ou Artemisa (Diana na mitoloxía romana), deusa da caza.

Capturar viva á Cerva de Cerinia foi o cuarto traballo que tivo que realizar Heracles para expiar o seu pecado de asasinato. Esta cerva era un enorme animal que asolaba as colleitas, con cornos de ouro e pés de bronce. Corría con asombrosa rapidez e nunca cansaba, e Heracles tivo que perseguila durante todo un ano sen darlle alcance. Por fin, feriuna levemente cunha frecha nas patas, entre o óso e o tendón, e así puido capturala [5]

Tamén na mitoloxía grega houbo unha muller, Ifimedia, que se namorou do deus do mar Poseidón. Ía unha e outra vez á beira do mar e. alí botaba auga no seu colo, ata que foi posuída por Poseidón e enxendrou dous fillos, Oto e Efialtes, chamados os Alóadas polo nome do esposo de Ifimedia, Aloeo. Oto e Efialtes intentaron asaltar o ceo colocando montañas sobre o monte Olimpo, pero Artemisa se transformou en cerva e saltou entre eles dous que, ó intentar matar á cerva coas súas frechas, se mataron un ó outro.[6]

Acteón andaba un día de caza polos bosques de Beocia e atopouse por casualidade con Artemisa, que se estaba a bañar espida nun manancial. Acteón quedou fascinado pola súa beleza, pero Artemisa alporizouse ao se dar de conta, e castigouno transformándoo en cervo e acirrando contra el aos seus propios cans, que terminaron devorándoo sen recoñecer ao seu amo.[7]

editar

O cervo, a pesar da abundancia que tivo que ter nas montañas de Lugo e Ourense, non quedou reflictido na cultura popular galega e os etnógrafos non recolleron refráns, nin cantigas nin contos.

Pero si que están presentes nunha lenda e nun romance. A lenda da muller cerva, recollida en terras de Cervantes, conta a historia de Aldara, unha doncela filla dun noble do castelo de Doiras, que desapareceu un bo día sen que fose posible dar con ela por máis que o pai, o irmán e o prometido, xunto ós criados, a buscasen por canto sitio hai. Pasados os anos e xa case esquecida a súa memoria, o irmán foi de caza polos arredores do castelo e deu cunha fermosa cerva totalmente branca, á que abateu dun certeiro frechazo. Como lle era imposible cargar co corpo do animal, cortoulle unha pata e memorizou o lugar para regresar máis tarde con axuda. Chegado ó castelo quixo mostrar ó pai o trofeo conseguido, pero o que sacou do zurrón foi un brazo humano cun anel na man que todos recoñeceron como pertencente a Aldara. Cando foron correndo ó lugar do bosque onde deixara o corpo da cerva, atoparon o cadáver de Aldara, ó que lle faltaba un brazo.[8]

O romance, de orixe francesa, é coñecido como A caza de don Celinos. Na versión galega máis coñecida trátase dunha muller nova que engana ó marido, vello, co seu amante Celinos, e entre os dous argallan unha argucia para matar o marido. Ela, que estaba preñada de Celinos ou finxe estalo, pídelle ó home a cabeza dun cervo que anda no bosque, ó que ten que ir cazar sen armas, e dille que abortará se non llela trae. O home sae a cazar o cervo pero atópase con Celinos, armado, que quere matalo, aínda que ó final é el quen lle dá morte ó amante. Comprendendo a artimaña da esposa, corta a cabeza a Celinos e lévaa onda ela que, aínda que intenta defenderse, termina tamén decapitada. Finalmente, o home coloca as dúas cabezas á par e dilles: "Bicaivos e abrazaivos / qu'agora déixovos lugar".[9]

Da similitude coa corna do cervo xorden nomes populares de dúas plantas:

  • corno de cervo: o estramonio (Datura stramonium).[10]
  • cerviña, lingua de cervo, lingua cerviña, lingua cervoa, lingua cervúa: un fento (Asplenium scolopendrium, tamén designado como Phyllitis scolopendrium).[11]
  1. Lovari, S.; Lorenzini, R.; Masseti, M.; Pereladova, O.; Carden, R. F.; Brook, S. M. & Mattioli, S. (2018): Cervus elaphus na Lista vermella da UICN. Versión 2020-1. Consultada o 30 de marzo de 2020.
  2. 2,0 2,1 cervo no Dicionario da RAG.
  3. Definición de cervo no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  4. Carranza, J. (2004). Ciervo – Cervus elaphus. En: Enciclopedia Virtual de los Vertebrados Españoles. Carrascal, L. M., Salvador, A. (Eds.). Museo Nacional de Ciencias Naturales, Madrid. http://www.vertebradosibericos.org/
  5. PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, Libro II, 5, 3.
  6. PSEUDO-APOLODORO, Libro I, 7, 4.
  7. Pierre Grimal: Diccionario de mitología griega y romana, Paidós 1981 (7ª reimpr. 2017).
  8. Fermín Bouza-Brey: "El tema romancesco del ciervo del pie blanco en la novelística popular gallega", en Cuadernos de Estudios Gallegos fasc. LV, 1963 (tomado de Etnografía y Folklore de Galicia, tomo I, Xerais, Vigo 1982, 241-263).
  9. Xosé Ramón Mariño Ferro: Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza, Nigratrea, Vigo 2010, s. v. cervo.
  10. Losada Cortiñas, E.: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, 1992, px. 23-24.
  11. Losada Cortiñas, 1992, px. 95.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
design 1
Done 1
orte 10
Todos 2