Chaleco antibalas

Un chaleco antibalas[1] é unha prenda protectora que absorbe o impacto de balas disparadas ao torso e esquirlas provenientes de explosións. Os chalecos están feitos de varias capas de fibras laminadas ou de tecido sintético e protexen a persoa que o usa de proxectís disparados por armas de fuego e da metralla dalgúns artefactos explosivos como granadas de man. Cando se lle agregan placas metálicas ou cerámicas a un chaleco antibalas este tamén pode protexer o usuario de proxectís disparados por un fusil. En combinación con pezas metálicas ou capas de tecidos sumamente densos, o chaleco antibalas ofrece ao usuario certa protección ante un ataque con coitelo. Protexen ata certo punto, mais non son impenetrables debido á gran variedade de calibres das armas de fogo. Os chalecos antibalas son utilizados comunmente pola policía, persoal de seguridade privada e civís, mentres que os chalecos con compoñentes reforzados son levados en combate por soldados e polas unidades especiais da policía.

Oficial de policía en Londres cun chaleco antibalas
Composición dun chaleco do Corpo de Marines dos Estados Unidos de América

Unha armadura moderna pode combinar un chaleco antibalas con outras prendas protectoras, como un casco. Os chalecos antibalas para policías e soldados tamén poden incluír proteccións inguinais, ombreiras, colo e defensas laterais.

Características

editar

Os chalecos antibalas utilizan capas de fibra resistentes para capturar e deformar a bala, esparexendo a súa forza sobre unha gran superficie do chaleco. Este absorbe a enerxía do proxectil deformable, deténdoo antes de que perfores por completo o chaleco. Algunhas capas poden ser penetradas, mais mentres a bala se deforma a enerxía absórbese por unha superficie cada vez maior.

A pesar de que o chaleco poida evitar a penetración da bala, tanto o chaleco como a persoa que o emprega absorben a enerxía do proxectil. Mesmo sen penetración, as balas de pistola modernas conteñen suficiente enerxía para causar un trauma na zona do impacto. As especificacións do chaleco inclúen a resistencia de penetración e a cantidade de enerxía que chega ao corpo da persoa. Os chalecos antibalas ofrecen unha pequena protección contra coitelos, frechas ou balas non deformables. A forza do impacto destes obxectos concéntrase nunha área relativamente pequena, polo que pode penetrar nas capas do chaleco.

Os chalecos poden incluír capas de metal (como aceiro ou titanio), cerámica ou polietileno, que achegan protección extra ás áreas vitais. Estas capas adicionais son efectivas contra todas as pistolas e contra algúns fusís. Estes agregados son comúns nos chalecos militares, xa que os ordinarios non son eficaces contra a munición militar. Os gardas dos cárceres adoitan usar chalecos especiais deseñados especificamente contra coitelos e obxectos afiados, incorporando capas de texidos sintéticos densos ou tecidos sintéticos laminados e compoñentes metálicos.

Historia

editar

Idade moderna

editar

En 1538, Francesco Maria della Rovere encargou a Filippo Negroli crear un chaleco a proba de balas. En 1561, Maximiliano II puxo a proba a súa armadura contra unha arma de fogo. De igual xeito, en 1590 Sir Henry Lee esperaba que a súa armadura Greenwich fose a proba de balas, aínda que a súa eficacia era polémica neses tempos.[2] A finais do século XVI, a expresión "a proba de balas" empregábase para designar unha armadura en que se podía observar o vulto producido por unha bala que demostraba a súa resistencia ante a penetración de proxectís.

1800-1930

editar

O primeiro chaleco antibalas lixeiro, Myunjebaegab, foi inventado en Joseon en 1860 un tempo despois da campaña francesa contra Corea. Heungseon Daewongun ordenou a confección de chalecos antibalas polo incremento de ameazas de parte dos exércitos occidentais. Kim Gi-Doo e Gang Yoon descubriron que o algodón podía protexer contra proxectís se era suficientemente denso, deseñando chalecos compostos de 30 capas de algodón. Estes chalecos utilizáronse en batalla durante a expedición dos Estados Unidos a Corea, cando a Armada dos Estados Unidos atacou a illa de Ganghwa en 1871. O exército dos Estados Unidos capturou un dos chalecos antibalas e levouno aos Estados Unidos, onde foi gardado no Instituto Smithsoniano ata 2007. O chaleco foi devolto a Corea e está exposto ao público.

O primeiro uso da protección antibalas do que se ten constancia tivo lugar en 1879, cando unha banda de prófugos australianos dirixida por Ned Kelly fabricou armaduras a partir de chatarra. A armadura cubría os seus torsos, antebrazos e coxas, incluíndo un casco. Os traxes artesanais pesaban 44 kg, dificultando os movementos dos membors da banda durante unha redada policial en Glenrowan en 1880. O seu uso resultou ser inútil, xa que os traxes non protexían as pernas.

A principios da década de 1880, o doutor George Emery Goodfellow de Tombstone, Arizona, comezou a facer investigacións con chalecos de seda[3] parecidos aos gambesóns medievais, que tiñan entre 18 e 30 capas de tea para protexer o usuario das frechas.[4][5] O interese do doutor Goodfellow en chalecos antibalas de seda aumentou despois de coñecer varios casos en que a tea de seda aminorou o impacto de balas no corpo de persoas que foron atacadas con armas de fogo.

O polaco Kazimierz Żegleń baseouse nos achados de Goodfellow para desenvolver un chaleco antibalas feito de tea de seda a finais do século XIX, que podía deter as balas relativamente lentas disparadas por pistolas que empregaban cartuchos con pólvora negra.[6] Estes chalecos custaban 800 dólares cada un en 1914, unha pequena fortuna nesa época. O 28 de xuño de 1914, o arquiduque Francisco Fernando, herdeiro do trono Austro-Húngaro, levaba un chaleco antibalas de seda cando foi atacado por un pistoleiro. Como o disparo impactou no pescozo, o chaleco non o protexeu. Un chaleco similar, fabricado por Jan Szczepanik en 1901, salvara a vida de Afonso XIII cando un atacante disparou sobre el.[7]

Durante a primeira guerra mundial, os Estados Unidos desenvolveron varios tipos de blindaxe corporal, incluíndo o Brewster Body Shield en aceiro ao cromo-níquel, que estaba composto por un peto e un casco que podían resistir as balas de metralladora Lewis (cunha velocidade de 820 m/s), mais pesaba 18 kg e dificultaba o movemento do soldado. Tamén se deseñou un chaleco composto por escamas de aceiro superpostas e fixadas a un forro de coiro; este pesaba 5 kg, ía pegado ao corpo e estaba considerado máis cómodo.

A finais da década de 1920 e comezos da seguinte, os pistoleiros das bandas criminais que operaban nos Estados Unidos comezaron a empregar chalecos antibalas menos custosos, feitos de tea e reenchidos con algodón. Estes primeiros chalecos podían absorber o impacto de balas de pistola tales como .22 Long Rifle, .25 ACP, .32 S&W, .32 S&W Longo, .380 ACP e .45 ACP, que viaxan a velocidades maiores de 300 m/s. Para afrontar estes chalecos, os axentes do FBI comezaron a empregar o novo e máis potente cartucho .38 Super e máis tarde, o .357 Magnum.

Segunda guerra mundial

editar

Durante as primeiras etapas da segunda guerra mundial, os Estados Unidos deseñaron armaduras para os soldados de infantaría, mais a maioría dos modelos eran demasiado pesados e limitaban o movemento en combate, ademais de seren incompatibles cos elementos de protección existentes. As forzas armadas derivaron os seus esforzos en desenvolver chaquetas flak para as tripulacións dos bombardeiros. Estas chaquetas estaban feitas de tea de nailon[8] con placas de aceiro no seu interior e eran capaces de deter as esquirlas dos proxectís antiaéreos, e tamén podían deter balas de pequeno calibre a unha distancia moderada, mais non foran deseñadas para deter balas de metralladora.

O exército británico, así como o canadense (2.ª División Canadense de Infantaría), dotaron os seus médicos destacados na Europa noroccidental con armaduras. O Exército Imperial xaponés produciu uns cantos tipos de armaduras para a infantaría durante a segunda guerra mundial, mais non tiveron un emprego moi extenso. A mediados de 1944 reiniciouse nos Estados Unidos o desenvolvemento das armaduras. Producíronse varios chalecos para as forzas armadas estadounidenses, tales como o T34, o T39, o T62E1 e o M12.

O Exército Vermello empregou varios tipos de armaduras, incluído o SN-42 (Stalynoi Nagrudnik, en ruso "peto de aceiro", fabricado no ano 1942). Todos eles foron probados, mais só se produciu o SN-42. Este consistía en dúas placas de aceiro prensadas que protexían o peito e o baixo ventre. O peto tiña un grosor de 2 mm e pesaba 3,5 kg. Esta armadura era subministrada aos SHISBr (enxeñeiros de asalto) e os "Tankodesantniki" (tropas de asalto que ían sobre os tanques) dalgunhas brigadas de tanques. A armadura SN protexía o usuario das balas de 9 mm disparadas por un subfusil MP-40 a uns 50 metros, facéndoo útil nas batallas urbanas como a batalla de Stalingrado. Mais o peso do SN facíao pouco práctico para ser empregado pola infantaría en campo aberto.

Os Estados Unidos desenvolveron un chaleco de Doron, unha lámina feita a base de fibra de vidro comprimida con resinas. Estes chalecos eran unha combinación de teares de nailon que no seu interior sostiñan as placas de fibra de vidro, e foron empregados por primeira vez durante a batalla de Okinawa en 1945.[9] Na batalla demostraron que podían deter balas de pequeno calibre e esquirlas de granadas, aínda que en xeral resultaban moi pouco efectivos en contra das balas de alto calibre disparadas por fusís e metralladoras.

1950-1970

editar

Durante a guerra de Corea producíronse varios chalecos novos para as forzas armadas estadounidenses, incluíndo o M-1951, que estaba composto por segmentos de plástico reforzado con fibras ou de aluminio, intercalados nun chaleco de nailon. Estes chalecos representaban unha gran mellora no que a peso respecta, mais non eran eficaces para deter balas e esquirlas, a pesar de que oficialmente eran capaces de deter balas de pistola Tokarev de 7,62 mm disparadas a queimarroupa. Desenvolvidos por Natick Laboratories e introducidos en 1967, os portaplacas T65-2 foron os primeiros chalecos deseñados para levar placas cerámicas duras, facéndoos capaces de deter balas de fusil calibre 7,62 mm. Estas "Chicken Plates" fabricáronse con carburo de boro, carburo de silicio ou óxido de aluminio. Foron subministrados ás tripulacións de aeronaves que voaban a baixa altitude, como o UH-1 e o UC-123 durante a guerra de Vietnam.[10][11]

En 1969 fundouse a American Body Armor, que comezou a producir unha combinación patentada de nailon acolchado con múltiples placas de aceiro. Este tipo de armadura foi vendido ás axencias policiais estadounidenses por Smith & Wesson baixo a marca "Barrier Vest". O chaleco Barrier foi o primeiro chaleco policial amplamente utilizado durante operacións de alto risco.

A mediados da década de 1970, DuPont introduciu a fibra sintética kevlar, que era tecida e aplicada en capas.[12] O kevlar foi inmediatamente incluído nun programa de avaliación do National Institute of Justice, que procuraba armaduras lixeiras e facilmente ocultables para un grupo de proba composto por axentes de policía, ao mesmo tempo que buscaba determinar se era posible que o usasen a diario. Lester Shubin, un administrador de programas da NIJ, levou este estudo de factibilidade cunhas cantas grandes axencias policiais seleccionadas, determinando que os chalecos de kevlar podían ser utilizados diariamente polos policías, salvando así vidas.

En 1975, Richard A. Armellino, fundador de American Body Armor, promocionou un chaleco feito totalmente de kevlar chamado K-15, que estaba composto por quince capas de kevlar e que incluía unha placa de aceiro balístico "Shok Plate" de 5"×8" situada verticalmente sobre o corazón, recibindo a patente estadounidense número 3,971,072 por esta innovación.[13] Aínda continúan a empregarse hoxe placas de trauma de tamaño e localización similar nos paneis balísticos frontais da maioría dos chalecos ocultables, reducindo o trauma por impacto e aumentando a protección contra balas no centro-masa da zona corazón/esterno.

En 1976, Richard Davis, fundador de Second Chance Body Armor, deseñou o primeiro chaleco feito totalmente de kevlar por esta empresa, o modelo Y. A industria dos chalecos antibalas lixeiros e ocultables comezara e esta nova forma de protección diaria para o moderno axente de policía foi adoptada rapidamente. Contra mediados e finais da década de 1980, unha media dun terzo á metade dos axentes de policía que patrullaban vestían diariamente chalecos ocultables. Para 2006, documentáranse máis de 2000 salvamentos debido ao uso de chalecos policiais, validando o éxito e a eficacia das armaduras lixeiras e ocultables como peza estándar do equipo policial de uso diario.

Dende 1990

editar
 
Pastor alemán con chaleco antibalas durante un adestramento militar en Afganistán

As armaduras brandas de kevlar teñen as súas limitacións, porque se esquirlas grandes ou balas de alta velocidade impactan no chaleco, a enerxía destes pode causar un severo trauma por impacto en áreas vitais específicas. O Ranger Body Armor foi desenvolvido para as Forzas Armadas estadounidenses en 1991. A pesar de ser a segunda armadura militar estadounidense moderna capaz de deter balas de fusil e ao mesmo tempo ser o suficientemente lixeira para os soldados de infantaría en combate, aínda tiña defectos: "É máis pesada ca a armadura antiesquirlas PASGT (Personal Armor System for Ground Troops; sistema de armadura personal para tropas terrestres) empregada pola infantería regular e [...] non posúe o mesmo grao de protección balística arredor do pescozo e dos ombreiros". O formato do Ranger Body Armor (e doutras armaduras máis recentes subministradas ás unidades especiais estadounidenses) resaltan o dilema entre protección e mobilidade que as modernas armaduras deben facer fronte en cada unidade das forzas armadas.

As armaduras máis recentes subministradas a un gran número de tropas estadounidenses inclúen o Interceptor Body Armor, o Improved Outer Vest do Exército Estadounidense e o máis avanzado Modular Tactical Vest do Corpo de Marines. Todos estes sistemas están deseñados co chaleco como protección contra esquirlas e balas de pistola. Placas de cerámica dura, como o Small Arms Protective Insert empregadas co Interceptor Body Armor, protexen os órganos vitais de ameazas maiores. Estas ameazas son as balas de fusil de alta velocidade e antiblindaxe. Chalecos similares foron adoptados por exércitos modernos de todo o mundo.

Desde a década de 1970, desenvolvéronse diversas fibras novas e métodos de construción para tecidos paralelamente ao kevlar fiados, como o Dyneema de DSM, os GoldFlex e Spectra de Honeywell, o Twaron de Teijin Twaron, o Dragon Skin de Pinnacle Armor e o Zylon de Toyobo; este último é controvertido, xa que novos estudos demostran que se degrada rapidamente, deixando os usuarios con menor protección que a agardada. Estes novos téxtiles son publicitados como máis lixiros, delgados e resistentes que o kevlar, aínda que son moito máis custosos. As Forzas Armadas estadounidenses desenvolveron armaduras para os cans de traballo que axudan os soldados de infantaría en combate.[14] Segundo o adestrador canino Michael Thomas, os "novos chalecos son unha mellora" sobre os anteriores, que só protexían contra as coiteladas. Estes novos tamén protexen contra as balas.

Coa introdución da tecnoloxía Dyneema Force Multiplicador en 2013, a compañía neerlandesa DSM deu un gran paso adiante no desenvolvementeo de teas de alto rendemento para chalecos antibalas. Os materiais fabricados coa tecnoloxía Dyneema Force Multiplicador como Dyneema SB-115 e Dyneema SB-117 permiten aos fabricantes de chalecos reducir o peso do mesmo nun 25 %. Actualmente, a maioría dos fabricantes usan a tecnoloxía Dyneema Force Multiplier para ofrecer os produtos máis liviáns.[15]

Estándar NIJ

editar

A norma establecida pola NIJ é amplamente coñecida e aceptada polas axencias policiais de todo o mundo. Polo tanto, o estándar NIJ proporciona o nivel de rendemento para a maioría dos chalecos antibalas. O estándar NIJ especifica cales son os requisitos mínimos de blindaxe que foron probados baixo os seus protocolos de rendemento, e avalía e clasifica os diferentes tipos de chalecos de acordo cos niveis de ameaza.[16]

Protección contra explosións

editar

As brigadas antiexplosivos empregan grandes armaduras deseñadas para a protección contra moitos dos efectos dun artefacto explosivo de tamaño moderado, como as bombas usadas nos atentados terroristas. Estas armaduras son basicamente un casco completo, que á súa vez cobre a cara e o pescozo, certo grao de protección nos xenitais e unha armadura moi resistente no torso. Tamén contén protección para a columna en caso de que a explosión faga voar o artificieiro. A visibilidade a mobilidade da persoa que usa estes traxes é moi reducida, así como o tempo que poden traballar co artefacto explosivo.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chaleco.
  2. Williams, Allan (2003). The Knight and the Blast Furnace: A History of the Metallurgy of Armour in the Middle Ages & the Early Modern Period. Boston: Brill Academic Publishers. ISBN 978-90-04-12498-1. 
  3. Hollington, Kris. "Staying Alive". Arquivado dende o orixinal o 3 de maio de 2007. Consultado o 4 de marzo de 2013. 
  4. Erwin, Richard E. (1993). The Truth about Wyatt Earp (2nd ed.). Carpinteria, CA: O.K. Press. ISBN 9780963393029. 
  5. Edwards, Josh (2 de maio de 1980). "George Goodfellow's Medical Treatment of Stomach Wounds Became Legendary". The Prescott Courier. pp. 3–5. 
  6. Oleksiak, Wojciech. "The Monk who Stopped Bullets with Silk: Inventing the Bulletproof Vest". Culture.Pl. Culture.Pl. Consultado o 9 de decembro de 2018. 
  7. Hollington, Kris (2008). Wolves, Jackals, and Foxes: The Assassins Who Changed History. St. Martin's Press. ISBN 9781429986809. 
  8. Stephan, Restle (1997). Ballistische Schutzwesten und Stichschutzoptionen. Bischofszell: Kabinett Verlag, p.61.
  9. King, Ludlow (xaneiro–febreiro de 1953). "Lightweight Body Armor". Ordnance. Arquivado dende o orixinal o 06 de outubro de 2021. Consultado o 2008-11-12. 
  10. Barron, Edward R.; Park, Alice F; Alesi, Anthony L (xaneiro de 1969). "Body Armor for Aircrewman". U.S. Army Natick Laboratories. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de maio de 2012. Consultado o 2008-11-12. 
  11. "Who are you calling Chicken?". VietnamGear.com. 2006-07-03. Consultado o 2008-11-12. 
  12. "Stephanie L. Kwolek". Science History Institute. xuño de 2016. Consultado o 20 de marzo de 2018. 
  13. "US Patent 3971072 – Lightweight armor and method of fabrication". PatentStorm LLC. 1976-07-27. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2011. Consultado o 2008-11-12. 
  14. Ransford, Cheryl (2005-02-25). "Canine Units in Afghanistan Issued New Protective Vests". DefenseLINK. American Forces Press Service. Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2008. Consultado o 2008-01-25. Army Sgt. 1st Class Erika Gordon, kennel master for the 25th Military Police Company, uses a building for cover while her military working dog, Hanna, clears a doorway at the military-operations-in-urban-terrain training site at Bagram Air Base, Afghanistan recently. 
  15. "BodyArmorNews.com". Consultado o 12 de agosto de 2017. 
  16. "Estándar de Blindaje NIJ". Consultado o 12 de xuño de 2017. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
admin 1
chat 1
todo 6