Citrus maxima

especie de planta

Citrus maxima é unha árbore perennifolia da familia das Rutaceae[1] orixinaria do sueste asiático e cultivada polo seu froito. É unha das tres especies, xunto coa cidreira e a mandarineira, da que se derivan todos os cítricos coñecidos[2][3].

O nome galego e portugués é zamboa[4]. En xaponés o seu nome é zamboa ou zambón (ザンボア, en kanji 朱欒), unha das palabras xaponesas de orixe galego-portuguesa.[5]

O froito ás veces é confundido coa lumia, e é coñecido ás veces como pomelo[6]; con todo, cómpre non confundir co verdadeiro pomelo (Citrus × paradisi).

Morfoloxía

editar
 
Interior do froito da Citrus maxima

A C. maxima é unha árbore de 5 a 15 m de altura, co fuste retorcido e ramaxe irregular e densa. Ás veces espiñento nos rebentos novos, e mostra unha pilosidade distintiva. As follas son simples, alternadas, de oblongas a ovaladas, de até 20 cm de longo, de superficie coriácea e cor verde escura pola face e máis clara e pilosa polo envés. Produce flores hermafroditas, fragrantes, solitarias ou en acios terminais de até 10 flores, de 4 a 5 pétalos, cos estames brancos moi visíbeis e anteras de cor laranxa.

A Citrus maxima é o membro da familia Citrus co froito máis grande, xa que este pode medrar ata 30 cm de diámetro e pesar ata 10 kg. Ao contrario dos outros cítricos, o seu froito non é esférico ou lixeiramente aplanado, senón que presenta un aspecto piriforme, oblongo ou globoso. A casca é suave e grosa, de cor amarela ou verdella, ás veces, rosada; con glándulas oleosas pequenas pero ben visíbeis e lixeiramente pubescente. Típico do froito desta especie é abundante presenza baixo da pel dunha materia branca esponxosa  (chamada o albedo), que, como na maioría dos cítricos non é comestible; de feito, de albedo está formada toda a parte superior do froito, é dicir, a parte estreita da "pera". A polpa pode ir dunha cor amarela pálida a rosa e mesmo chegar ao vermello. Ten de 11 a 18 dentes, moi grandes, zumarentos, doces ou acedos segundo a variedade, lixeiramente amargos. Cada dente contén sementes, normalmente pequenas e escasas.[7]

O froito, moi común na China, onde se consome ao natural ou confeitado, utilízase tamén para a produción de zume (en Israel) e para condimentar ensaladas de froita ou verduras. A casca, pola súa parte, é empregada na industria para a obtención de aceites esenciais. Ademais, coas follas faise en Asia unha decocción curativa para úlcera e as feridas.

Historia

editar

A Citrus maxima é nativa do sur de Asia e Malaisia,[8] onde é coñecida desde hai máis de catro mil anos. Foi introducida ao redor do 100 a.C. na China, onde se estendeu e continúa a crecer, mesmo espontaneamente ás beiras dos ríos. Cultívase nas rexións do sur (Jiangsu, Jiangxi, Fujian) e, maiormente, en Tailandia. Tamén hai plantacións en Taiwán e no Xapón, no sur da India, Malaisia, Indonesia, Nova Guinea e Tahití.

Alén de en Asia, é cultivada en California, en Israel e América do Sur.

A Citrus maxima foi introducida en Xamaica no século XVIII polo capitán inglés Shaddock, que ademais deu localmente o seu nome á froita.[9]

Valores nutricionais

editar

O froito da Citrus maxima ten cerca de 30-40 Kcal por cada 100g. Ten un baixo contido de proteínas e lípidos, as calorías proveñen sobre todo dos glícidos simples, en particular, da frutosa[10]. Ten un alto contido de vitamina C, ao redor de 60 mg, un bo contido de vitamina A e trazos de B1, B2, B3 e B6[11]. A vitamina C axuda na asimilación e a absorción de ferro.

Entre os sales minerais destaca o potasio. Contén ademais ácido fólico e betacaroteno.

Galería de imaxes

editar
  1. "Citrus maxima". The Plant List (en inglés). Consultado o 24 de maio de 2016. 
  2. "A genealogy of the citrus family" (PDF). Nature Biotechnology (en inglés). Consultado o 2 outubro de 2015. 
  3. "Papà mandarino e nipote limone". Scienza in cucina (en italiano). Consultado o 2 outubro de 2015. 
  4. "Dicionario de dicionarios; zamboa". sli.uvigo.es. Consultado o 2022-04-06. 
  5. "Which Japanese words come from Portuguese?". www.sljfaq.org. Consultado o 2022-04-06. 
  6. Nome vulgar dado á especie en diferentes fontes: Os cultivos agrícolas en Vocabulario do medio agrícola, Santiago de Compostela, Dirección Xeral de Política Lingüística, 1988; Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004; Vocabulario de ciencias naturais, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991
  7. "Déverdissement des agrumes (froid, absence de relation couleur/maturité)". Hesperides (en francés). Consultado o 21 de marzo de 2019. 
  8. "Pummelo". Hort.purdue.edu. Consultado o 7-1-2012. 
  9. American Heritage Dictionary, 1973.
  10. Características nutricionais do froito da Citrus maxima (en italiano)
  11. Vitaminas no froito da Citrus maxima (en italiano)

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Idea 1
idea 1
todo 4