Clemente VII, antipapa
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2017.) |
Roberto de Xenebra, nado en Genève 1342 e finado o 16 de setembro de 1394, foi un nobre e relixioso da casa de Savoia, elixido papa da Igrexa católica polos cardeais franceses que se opuñan a Urbano VI, converténdose no primeiro antipapa do Cisma Occidental, co nome de papa Clemente VII.
Traxectoria
editarEra fillo de Amadeu III, conde de Xenebra. Foi ordenado bispo de Thérouanne en 1361, arcebispo de Cambray en 1368, e cardeal en 1371.
En 1377, mentres servía como legado papal, dirixiu persoalmente as tropas prestadas ao papado por John Hawkswood para reducir a pequena cidade de Cesena no territorio de Forlì, que obtivera recentemente a súa independencia dos territorios pontificios; alí supervisou o masacre de 4.000 civís, unha atrocidade dadas as regras de guerra do momento, polo que foi coñecido co alcume de carniceiro de Cesena.
Entre 1305 e 1377 os papas residiron en Avignon. En 1378, o papa Gregorio XI decidiu intentar o regreso do papado a Roma a instancias de Catarina de Siena. Aínda que prognosticou que o experimento sería un fracaso, morreu pouco despois da súa chegada. O dereito canónico indicaba que o novo papa debía ser elixido no lugar onde morrera o antigo papa, polo que debía ser elixido na cidade de Roma. A poboación romana reuniuse e ameazou con reaccionar de modo violento ante os cardeais se non se elixía un italiano como Pontífice. O 8 de abril de 1378, Roberto de Xenebra votou a prol do arcebispo Bartolomeu Prignano de Bar (que non era cardeal) como papa Urbano VI.
Urbano VI, pola súa banda, estivo en desacordo co colexio cardinalicio dende o inicio do seu pontificado. Roberto e trece cardeais franceses formaron unha coalición que buscaba substituír a Urbano ao declarar que a súa elección fora inválida, xa que o conclave fora celebrado baixo a ameaza de violencia por parte do pobo romano, polo que realizaron outra elección, na que Roberto foi elixido papa en Fondi o 20 de setembro de 1378. Os reinos de Francia, Escocia, Castela, Aragón, Navarra, Portugal, Dinamarca, algúns estados alemáns, Noruega, e os territorios dos Savoia, recoñecérono como papa, pero os italianos non, apoiando o papado oposto de Urbano VI. Roberto consecuentemente fixou a súa sé en Avignon, como Clemente VII, e cedeu a maior parte dos Estados Pontificios a Lois II de Anjou.
Con Roberto de Xenebra iniciouse o Gran Cisma de Occidente, a segunda das grandes escisións dentro da Igrexa Católica, que durou até 1417. A lexitimidade do papado de Avignon foi grande, mesmo entre teólogos e relixiosos de renome; Pierre d'Ailly, Philippe de Maizieres, Jean Gerson, Nicolao de Clemanges, san Vicente Ferrer, o beato Pedro de Luxemburgo e santa Colette de Corbie, entre outros, defenderon o dereito de Clemente.
Coa reunificación do papado en Roma polo Concilio de Constanza, fixouse a posteriori que a liña de Avignon se consideraría non canónica.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Clemente VII, antipapa |