Constantino II de Grecia
Constantino II de Grecia, príncipe de Dinamarca (en grego, Κωνσταντίνος B', Βασιλεύς των Ελλήνων, Konstantinos II, Vasileus ton Ellinon), nado en Atenas o 2 de xuño de 1940 e finado na mesma cidade o 10 de xaneiro de 2023, foi rei dos helenos entre 1964 e 1973.
Traxectoria
editarConstantino foi fillo do rei Paulo I e Frederica de Hannover. Pertencía á Casa de Schleswig-Holstein-Sonderburg-Glücksburg, tamén chamada Casa de Glücksburg, unha rama da dinastía danesa de Oldemburg. Casou coa princesa Ana María de Dinamarca.
Foi coñecido como Constantino de Grecia, nome oficial que figura en español no seu pasaporte diplomático danés. Utilizou o título de xeito oficial en Dinamarca, ou por cortesía nalgúns países, da súa Maxestade o Rei Constantino II de Grecia, Príncipe de Dinamarca. Os títulos da familia real grega non son recoñecidos en Grecia, onde non hai títulos nobiliarios, pero son recoñecidos oficialmente en Dinamarca xa que todos os seus membros son príncipes de Dinamarca por seren descendentes do rei Cristian IX. Foi irmán da raíña emérita Sofía de España e da princesa Irene de Grecia e Dinamarca.
O seu breve reinado estivo marcado pola inestabilidade política e pola Ditadura dos Coroneis. A comezos de 1967 un golpe de Estado militar depuxo o goberno e estableceu unha xunta militar gobernamental. O xuramento de fidelidade que Constantino, como rei e xefe do Estado, tomou a xunta militar outorgoulle un forte resentimento popular. En decembro dese ano o rei fracasou no seu intento de derrocar a xunta cun contragolpe militar, e el e mais a familia marcharon ao exilio.
En xuño de 1973 o goberno militar depúxoo como rei, feito confirmado por un referendo nacional tras a restauración do goberno civil en 1974, o que significou a fin da monarquía en Grecia, aínda que Constantino xamais renunciou aos seus dereitos dinásticos ao trono.
Realizou nas últimas décadas da vida frecuentes viaxes ao país para xestións inmobiliarias e familiares, estivo en litixio co goberno grego sobre a compensación a percibir despois de que este lle incautara as propiedades da familia real. Ten unha presenza destacada en todos os actos oficiais da realeza europea coa que está estreitamente emparentado. Durante o seu exilio de 46 anos fixou a súa residencia en Londres pero en 2013 volveu morar en Grecia.[1]
En decembro de 2021, un infarto cerebral obrigou a súa hospitalización.[2] En xaneiro de 2022 debeu ser ingresado de novo logo de contaxiarse de covid-19.[3] Faleceu en Atenas o 10 de xaneiro de 2023 aos 82 anos de idade.[4] O primeiro ministro heleno, Kyriakos Mitsotakis, trasladou o seu pésame á familia, declarando que "as feridas foran sandadas" pola "conciencia libre e madura do pobo" pero tamén pola "actitude" de Constanstino tras a monarquía.[5]
Na ficción
editarConstantino II de Grecia, no telefilme adicado á vida da súa irmá, a raíña Sofia, titulado Sofía (2010), foi interpretado na ficción polo actor Yon González.[6]
Notas
editar- ↑ "Greece's former king goes home after 46-year exile". the Guardian (en inglés). 2013-12-15. Consultado o 2022-01-12.
- ↑ "King Constantine of Greece Suffers Stroke". knews.com.cy. Consultado o 2022-01-12.
- ↑ "Constantino de Grecia está hospitalizado por covid aunque con síntomas leves". www.efe.com (en castelán). Consultado o 2022-01-12.
- ↑ "Πέθανε ο τέως βασιλιάς Κωνσταντίνος". www.ertnews.gr (en grego). 2023-01-10. Consultado o 2023-01-11.
- ↑ "Δήλωση του Πρωθυπουργού Κυριάκου Μητσοτάκη". Ο Πρωθυπουργός της Ελληνικής Δημοκρατίας (en grego). 2023-01-11. Consultado o 2023-01-11.
- ↑ Yon González
Predecesor: Paulo I |
Rei dos Helenos 1964 - 1973 (exiliado desde 1967) |
Sucesor: Georgios Zoitakis |