Dólar de prata do bicentenario da Casa Branca
Dólar de prata do bicentenario da Casa Branca | |
---|---|
A/: Fachada norte da Casa Branca. Data; marca de gravador (EZS) e marca de ceca..
Lendas: THE WHITE HOUSE / 1792 1992 / IN GOD WE TRUST / LIBERTY |
R/: O arquitecto James Hoban fronte á entrada principal da Casa Branca.
Lenda: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / JAMES HOBAN / ONE DOLLAR |
|
O dólar de prata do bicentenario da Casa Branca é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1992 e cuñada polas Cecas de Denver e de West Point.
Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 102-281, do 13 de maio de 1992,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda en conmemoración do bicentenario da colocación da primeira pedra da Casa Branca, o 13 de outubro de 1792.[2]
Deseño
editarNo anverso da moeda, deseñado polo gravador Edgar Z.Steever, reprodúcese unha vista frontal da fachada norte da Casa Branca. A lenda alusiva ao motivo conmemorado é THE WHITE HOUSE, e a dobre data 1792 - 2992, a ambos os lados da bandeira, refire a un tempo ao bicentenario conmemorado e ao ano de emisión da moeda.[2][3]
Pola súa banda, o reverso, obra de Chester Y. Martin, reproduce un retrato de medio corpo de James Hoban (1755-1831), o arquitecto irlandés que deseñou a Casa Branca.[2][3]
Produción e comercialización
editarA lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 500.000 de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa de Moeda de Denver, onde se cuñaron as pezas estándar, e na Casa da Moeda de West Point, que cuñou as moedas con acabamento especial (proof)[3] e estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación desde o 17 de xullo de 1992.[2]
A súa produción foi de 123.803 moedas na súa condición estándar e 375.851 en versión con acabamento proof, o que fai un total de 499.654 exemplares, é dicir, practicamente o máximo da tiraxe autorizada.[3][4]
A moeda comercializouse aos prezos de 28 dólares en condición estándar e 32 en versión proof, e o beneficio conseguido coa súa venda destinouse á Colección de Belas Artes e Moblaxe Histórica da Casa Branca, para o mantemento das salas públicas históricas deste edificio.[2][3]
Recoñecementos
editarO dólar de prata do bicentenario da Casa Branca foi recoñecido co Premio Moeda do Ano 1994 á moeda máis popular das emitidas no mundo en 1992.[5]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Public Law 102-281 - MAY. 13, 1992". Govinfo.gov
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "White House 200th Anniversary Dollar". United States Mint.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "1 Dollar White House Bicentenary". Numista.com
- ↑ "Historical Commemorative Coin Sales Figures: 1992 White House 200th Anniversary Silver Dollar". United States Mint.
- ↑ Scarinci, D. (2015). Coin of the Year: Celebrating Three Decades of the Best in Coin Design and Craftsmanship. Krause Publications. ISBN 978-1-4402-4476-6
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- "1992 White House Silver Dollar" (ModernCommemoratives.com)