Dalriada

reino antigo

Dalriada,[1] ou Dál Riata foi o reino da tribo dos escotos existente no norte de Irlanda e na costa oeste de Escocia desde a fin do século V ata mediados do século IX. O derradeiro rei de Dalriada, Kenneth MacAlpin conseguiu unificar o seu reino co dos veciños pictos dando lugar ao reino que sería coñecido a partir de entón como Alba ou Escocia.

Mapa de Dalriada no ano 590. As rexións pictas están marcadas en amarelo.

Historia

editar

Tradicionalmente considérase que na fin do turbulento século V, mentres o Imperio Romano de Occidente sucumbía ante a presión dos pobos bárbaros, un extenso clan irlandés chamado Dalriada ocupaba a costa oeste da actual Escocia (onde actualmente está o Condado de Argyll) e establecía un reino. Os dalriadanos proviñan do norte da Irlanda, do Ulster e máis precisamente do Reino de Oriel. Os romanos chamaban escotos aos piratas e saqueadores de orixe irlandesa que falaban gaélico, de onde se explica porque os dalriadanos serían coñecidos posteriormente por este nome latino, que sería a orixe etimolóxica da denominación de Escocia.

Actualmente existen serias discusións sobre se os dalriadanos chegaran realmente de Irlanda na fin do século V ou comezo do VI. Extensos traballos arqueolóxicos fallaron en probar que durante esa época se produciu unha migración en grande escala do norte de Irlanda ata o oeste de Escocia. As evidencias arqueolóxicas parecen demostrar que, ao contrario, durante esa época houbo unha continuidade da poboación que habitaba a rexión. Por iso, algúns especialistas cren que os dalriadanos eran, en realidade, os habitantes nativos de Escocia occidental, e que quizais sexan os descendentes da tribo dos Epidii, mencionados polos romanos. Sexa ou non verdadeira a lenda sobre a invasión de Escocia, existe unha relación lingüística incuestionable entre os dalriadanos e os irlandeses, xa que o gaélico escocés, idioma derivado da lingua dos dalriadanos está estreitamente ligado ao gaélico irlandés.

O rei Aedan ou Áedán Mc Gabrián, que reinou entre 574 e 608 aproximadamente, construíu unha poderosa armada naval e puxo fin á política guerreira expansionista que levou ao saqueo da Illa de Man e das Órcadas. En terra tivo menos éxito, perdendo a batalla de Degsastan en 603 contra os anglos. En 637 o poder de Dalriada no Ulster diminuíu notablemente por mor dunha decisiva derrota diante dos O'Neill (Uí Néill) en 637 na batalla de Mag Rath.

Despois destas derrotas, os dalriadanos concentráronse nas súas terras da actual Escocia, aínda que conservaron unha porción do territorio irlandés. Os seus rivais eran os pictos ao nordeste e os anglos do reino de Bernicia ao leste. Polo sur, o seu reino era limítrofe co Reino de Strathclyde, un reino británico. O outeiro de Dunadd, en Argyll, foi probablemente a sede dos reis de Dalriada. Desde os seus dominios en Argyll, os dalriadanos estendéronse polo condado de Perth, despois por Lothian e, máis tarde, ata o norte por Mur e as Terras Altas. Esta expansión colocábaos en conflito coa poboación caledonia nativa, os pictos. As longas loitas e guerras entre ambos os pobos concluíron varios séculos máis tarde, cando os pictos e dalriadanos (escoceses) se uniron nunha única nación.

Dalriada estaba dividida en tres señoríos denominados “cenel” cun cuarto que se engadiu máis tarde: o Cenél nGabráin, en Kintyre, o Cenél Loairn, en Lorne, Cenél nEógan, en Islay e Jura e o Cenél Conaill en Cowal e Bute, engadido posteriormente.

A fin do reino é confusa. Parece que Dalriada foi conquistada polo reino picto e ambos os pobos, pictos e dalriadanos acabaron uníndose. Con todo e paradoxalmente, parece que os dalriadanos aculturaron aos pictos e non ao contrario, xa que o idioma gaélico escocés estendeuse polo antigo territorio picto, así como o cristianismo, xa que os dalriadanos foron os que introduciron esta relixión a partir de Irlanda, en Escocia. Kenneth MacAlpin, un dalriadano, foi o primeiro rei dos pictos e escotos, reinando de 840 a 857. O seu reino chamouse Alba (nome en gaélico utilizado para Gran Bretaña) ou Escocia, nome que, á súa vez, deriva dos escotos. Os ataques viquingos contra Escocia durante o século X cortaron as comunicacións mariñas entre Irlanda e Escocia, rachando definitivamente os vencellos entre os territorios irlandeses de Dalriada e os propiamente escoceses. Os territorios irlandeses de Dalriada formaron un novo reino chamado Ulidia.

Lista de reis de Dalriada

editar
  1. "Entrada escoto en Digalego". Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2018. Consultado o 11 de agosto de 2019. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Studies in the history of Dalriada, John Bannerman, Scottish Academic Press, 1974. tapa dura, 178 páxinas, Scottish Academic Press ISBN 0-7011-2040-1
  • The Isles, A History por Norman Davies, Oxford University Press, 1999, ISBN 0-19-514831-2
  • Saints and Sea-kings. The First Kingdom of the Scots por Ewan Campbell, Canongate Books for Historic Scotland, 1999, ISBN 0-86241-874-7
  NODES
todo 2