Dawn
Dawn é unha sonda espacial da NASA pertencente ó programa Discovery e lanzada o 27 de setembro de 2007 mediante un foguete Delta II 7925H desde a rampla SLC-17B do Centro Espacial de Cabo Cañaveral.[1][3][4]
Dawn | |
---|---|
Logo da misión Dawn | |
Tipo | Sonda espacial |
Organización | NASA |
Contratistas principais | Orbital Sciences Corporation |
Destino actual | Fóra de servizo arredor de Ceres. |
Data de lanzamento | 27 de setembro de 2007, 11:34 GMT[1][2][3] |
Foguete portador | Delta II 7925H[4][5] |
Sitio de lanzamento | Centro Espacial de Cabo Cañaveral, plataforma SLC-17B[2][3][4] |
Obxectivo da misión | Exploración do asteroide 4 Vesta e do planeta anano Ceres.[2][3][4] |
NSSDC ID | 2007-043A |
Masa | 747,1 kg en baleiro (1217,7 kg con propelente)[5] |
Dimensións | Forma aproximada de caixa de 1,64 x 1,27 x 1,77 m.[5] |
Características
editarO obxectivo de Dawn era caracterizar a estrutura interna de Vesta e Ceres, así como as súas densidades, forma, tamaño, composición e masa, e obter datos sobre as súas morfoloxías supeficiais, os seus cráteres e magnetismo. A finalidade é determinar as súas historias térmicas, o tamaño dos seus núcleos, o papel da auga na evolución de ámbolos dous corpos e cales dos meteoritos atopados na Terra puideron ter a súa orixe neles, o cal axudará a entender as condicións e procesos que tiveron lugar no sistema solar primitivo e o papel da auga na evolución planetaria.[5]
Dawn obtiña datos en forma de imaxes, de cartografía espectrométrica, de abundancia de elementos, de perfís topográficos, medicións dos campos gravitatorios e a medición de posibles restos de magnetismo nos dous corpos.[5]
Nave
editarA nave ten forma aproximada de caixa cunhas medidas de 1,64 m x 1,27 m x 1,77 m. A estrutura está feita de aluminio e de composto de grafito cunha masa en baleiro de 747,1 kg e de 1217,7 kg con propelente. O núcleo da nave está formado por un cilindro de composto de grafito cos tanques de xenon (do que leva 425 kg) e hidracina (45,6 kg), feitos de titanio, no seu interior. Os paneis que compartimentan a estrutura básica son de aluminio.[5]
A alimentación eléctrica era proporcionada por un par de paneis solares que, unha vez despregados, lle daban á nave unha lonxitude total de 19,7 metros. Os paneis están formados por células solares de tripla unión de indio-galio-fósforo e indio-galio-xermanio. Cada un ten forma rectangular de 2,3 m de alto por 8,3 m de longo e proporcionan 10,3 kW de potencia á distancia da Terra ao Sol e de 1,3 kW a unha distancia de 3 UA. Alimentaban o sistema eléctrico da nave, que usa voltaxes de entre 22 e 35 V, e o propulsor iónico, que funcionaba a entre 80 e 140 V. A enerxía eléctrica era almacenada nunha batería de níquel-hidróxeno cunha capacidade de 35 Ah.[5]
As comunicacións tiñan lugar mediante unha antena parabólica fixa alta ganancia e 1,52 metros de diámetro situada no mesmo plano que os paneis solares e mediante tres antenas de baixa ganancia situadas en diversas partes da nave. O sistema de comunicacións usaba a banda X tanto no enlace de subida como no de baixada e consomía ata 100 W de potencia. As velocidades de subida ían de 7,8 a 2,0 bps e as de baixada variaban entre 10 bps e 124 Kbps. O sistema de datos e comandos usaba un procesador RAD6000 e un sistema de almacenamento de 8 Gb de capacidade.[5]
Da parte superior do corpo da nave estendíase un mastro que afastaba o magnetómetro da nave para evitar erros nas medidas do campo magnético. A baía de instrumentos estaba situada tamén na parte superior, aloxando as cámaras, o espectrómetro cartografiador, o altímetro láser, os seguidores de estrelas e o espectrómetro de neutróns e raios gamma.[5]
Dawn estaba propulsada por tres motores iónicos baseados no motor da sonda Deep Space 1. Usaban xenon como propulsante, que era ionizado e acelerado por eléctrodos. O impulso máximo de cada motor, cando era alimentado por 2,6 kW de potencia, era de 92 mN, cun impulso específico de entre 1900 e 3200 s. Cada motor medía 30 cm de diámetro e ía sobre un cardán con dous eixos de movemento situado na base da nave. O control de actitude tiña lugar mediante volantes de inercia e mediante doce pequenos motores alimentados por hidracina e cun pulo de 0,9 N cada un.[5]
A nave obtiña información sobre a súa propia orientación mediante seguidores de estrelas e xiroscopios. O control térmico usaba persianas e radiadores polos que corría amoníaco, e usaba 200 W a 3 UA de distancia do Sol.[5]
Perfil da misión
editarTralo lanzamento o día 27 de setembro de 2007 ás 11:43 GMT, Dawn foi inxectada nunha órbita cara ao cinto de asteroides aproximadamente unha hora despois. Tras unha etapa de cruceiro duns catro anos que incluíu unha sobrevoo de Marte a 542 km de altura o día 18 de febreiro de 2009, Dawn chegou ás inmediacións de Vesta, entrando na súa órbita o día 14 de agosto de 2011. Tras varios cambios de órbita desde as cales fixo observacións do asteroide, partiu cara ao planeta anano Ceres o 5 de setembro de 2012, chegando ao mesmo o 6 de marzo de 2015. Tras case tres anos de observar, medir e analizar Ceres, Dawn finalizou programadamente o contacto coa Terra o 31 de outubro de 2018. A órbita final da nave arredor de Ceres é estable, polo que pasarán varios séculos antes de que Dawn se estrele contra a superficie.[5]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "DAWN" (en inglés). Consultado o 6 de xuño de 2012.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Note verbale dated 13 November 2007 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (07-89382). 21 de decembro de 2007: 16. Consultado o 6 de xuño de 2012.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Mark Wade (2011). "Dawn" (en inglés). Consultado o 6 de xuño de 2012.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Gunter Dirk Krebs (2012). Gunter's Space Page, ed. "Dawn (Discovery 9)" (en inglés). Consultado o 6 de xuño de 2012.
- ↑ 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 NASA (14 de maio de 2012). "Dawn" (en inglés). Consultado o 6 de xuño de 2012.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dawn |