Demótico exipcio

O termo demótico (do grego demotika, "popular", acuñado por Heródoto) designa unha escrita usada para a lingua exipcia, así como o estado desta lingua durante o tempo en que se utilizou.

Texto en demótico nunha réplica da Pedra de Rosetta.

A escrita demótica constituíuse durante a época saíta do Antigo Exipto e impúxose durante a época tolemaica. O seu testemuño máis antigo é contemporáneo de Psammético I (664-610 a.C.). O demótico é unha simplificación da escrita hierática, ela mesma unha simplificación da escrita xeroglífica, creada posibelmente no marco das reformas administrativas afrontadas durante a XXVI dinastía. A multiplicación dos documentos producidos polos escribas esixía unha escrita aínda máis cursiva e rápida. Nacido en Sais, o demótico estendeuse a todo o Exipto para a burocracia e a literatura e o hierático ficou reducido aos documentos relixiosos, de onde lle ven o nome. Ao contrario que o hierático, o demótico si que se gravaba en pedra e madeira. A comezos do século IV, o demótico foi definitivamente substituído polo grego e o seu último uso data de 451, sobre os muros do templo de File.

Como lingua, o demótico caracterízase pola abundancia de formas verbais analíticas e de sufixos e substantivos compostos.

O demótico foi unha das tres escritas empregadas na Pedra de Rosetta, conxuntamente coa grega e a xeroglífica, o que lle permitiu a Jean-François Champollion descifrar esta última.

O alfabeto copto, creado a partir do grego uncial, tomou varios signos demóticos para representar sons non presentes no grego.

Véxase tamén

editar
  NODES
design 1
Done 1