Donicela

membro da familia Mustelidae moi semellante ao armiño
(Redirección desde «Denosiña»)

A donicela[1] (Mustela nivalis), tamén coñecida como doniña[2], denociña[3], garridiña [4] ou saltaparedes[5], é un animal mamífero, membro da familia Mustelidae moi semellante ao armiño (Mustela erminea) o seu parente máis achegado. Difire deste no tamaño e sobre todo no pelame: no armiño o extremo da cola permanece negro tanto no verán como no inverno. A donicela é o mustélido máis pequeno. Prefire as paisaxes abertas, os campos, praderías, lindes dos bosques e terreos baldíos invadidos pola maleza. É un animal bastante común, que se alimenta sobre todo de pequenos roedores, aos que persegue ata nos seus tobos, debido á súa delgadez.

Donicela
Clasificación científica
Superreino: Eukaryota
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Placentalia
Orde: Carnivora
Suborde: Caniformia
Familia: Mustelidae
Subfamilia: Mustelinae
Xénero: Mustela
Especie: M. nivalis
Nome binomial
Mustela nivalis
Linnaeus, 1766
Distribución de Mustela nivalis
Distribución de Mustela nivalis

Distribución de Mustela nivalis

As donicelas poden presentar sorprendentes variacións de tamaño. Estas débense, por unha banda, ao dimorfismo sexual, xa que as femias son bastante máis pequenas que os machos e, por outra, á existencia nas poboacións de individuos de tamaño moi reducido, considerados ata hai pouco como pertencentes a unha especie autónoma.

As donicelas viven en toda Europa, excepto en Irlanda, algunhas illas do mar Mediterráneo e Islandia. Tamén se atopan no norte de África e en toda a zona tépeda asiática ata o Xapón. Vexáse o mapa de distribución en Galicia embaixo.

A donicela na mitoloxía

editar
 
O parto de Alcmena. Ó fondo á dereita vese a Ilitía castigando a Galantis (gravado para unha Metamorfose de 1581)

Zeus deixou embarazada a Alcmena de Heracles, e prometeu o trono de Micenas ó primoxénito da estirpe de Perseo, dando por suposto que sería o seu fillo. Pero Hera, a celosa esposa de Zeus, atrasou o momento do parto ordenando á súa filla Ilitía (deusa dos partos e, polo tanto, das comadroas) que o detivese, e Ilitía así o fixo, sentando no limiar da porta de Alcmena coas pernas pechadas e as mans entrelazadas diante dos xeonllos; á vez que aceleraba o parto de Euristeo, fillo de Esténelo e Nícipe. A serva de Alcmena, Galantis (ou Galántide), frustrou o intento e díxolle a Ilitía que Alcmena xa parira, polo que a deusa soltou as mans e se levantou, e así puido por fin producirse o parto. Irritada polo engano, Ilitía converteu a Galantis en donicela e condenouna a parir pola boca, por ter unha boca mentireira. Pero mentres tanto, naceu Euristeo e recibiu o trono de Micenas.

editar
Ese pesar foi por hua
bestiola que muit'amava
el Rei, que sigo tragía
e a que mui ben criava
a que chaman donezya
os galegos.[6]

Crese que a trabada da donicela é mortal, porque almacena veleno nos seus dentes [7]. Mesmo o seu bafo é daniño.

  • Se te morde a donicela, busca camisa pra terra.
  • Se te morde a donicela, busca viño e busca vela, que mañán che darán terra.
  • Se te roi un alacrán, busca a cera e mais o pan, e se te roi a adelouciña, búscaos aínda máis axiña.
  • Donicelas a trabar, campaíñas a tocar
  • Se che pica unha doniña, vas dereito para a caixiña; e se che pica un escorpión, vas para o caixón.
  • Fonte bebiades de boa gana, se non fora a donicela .[8]

Utilizouse na medicina tradicional para curar a epilepsia, bebendo o seu sangue. Tamén comer a súa carne, cocida, cura determinadas doenzas [9]. Outras crenzas admiten que se se dá de comer o corazón ou a lingua deste animal a un can, este perderá a voz e non volverá a ladrar. Ou que unha cataplasma feita coas cinzas da donicela cura a dor de cabeza e as cataratas (segundo cita Marcial Valladares).

Crese que a mirada da donicela ten carácter hipnótico, así como que pode transmitir mal de ollo (pero este pode evitarse se é a persoa quen a ve primeiro, antes de que sexa a donicela quen mire á persoa).

A donicela é quen de curarse da picadura dunha víbora. Para iso busca unha herba chamada saramago, sobre a que se refrega e come algunhas follas, curando completamente.

Nomes en galego

editar

A donicela recibe en galego múltiples nomes, donicela e as súas variantes derivan do latín domina que deu dona en galego e da súa variante domnicilla que deu doncela, aínda que se perdeu a identificación coa orixe etimolóxica, o que se manifesta na gran cantidade de formas deturpadas.[10] Derivadas de dona: adelociña, delonciña, delosiña, delunciña, denidela[11], denociña, denosiña, denosiña, denouciña, denuciña, denunciela, denunciña, dernicela, dinicela, dinoncela, dinucela, dinuciña, dolosiña, dona, dona das paredes, dondicella[12], donexina, donicella[12], donidela[13], doniña, donirla, donisela, donociña, donosiña, donuciña, dunicela, durusiña[14], denunciña, dorronciña, berrenciña, zaranciña, filliña, dindela, dinderela, dinderiña, ou gunicela. Relacionada coas anteriores está a forma dama das paredes.[15] Mais tamén recibe nomes de orixes diferentes como farridiña, feiticeira, galana, galaniña, garridiña, listiña, lusiña das paredes, pombiña, preciosiña ou ruliña.

Tamén se lle chama borrallenta, como se observa nestas fórmulas protectoras [16]

  • "Denociña, borrallenta, come pan e non sementa"
  • "Donicela, torresmeira, borrallenta, donicela calderona, malo raio que te coma"

En todo caso, tamén se di que non se debe pronunciar o seu nome, porque facelo atrae a mala sorte. En Irlanda crese isto mesmo, pero aplicado concretamente ós mariñeiros que saen a pescar; e en Alemaña chámana, por este mesmo motivo, a besta sen nome [17].

Non existe en galego derivado ningún do mustela latino malia incluír Cuveiro mustela no seu dicionario, non se rexistrou en ningunha recollida léxica.[18]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para donicela.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para doniña.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para denociña.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para garridiña.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para saltaparedes.
  6. Cantiga 354 das Cantigas de Santa María.
  7. Obviamente, nin existe tal veleno nin a mordedura resulta mortal.
  8. Artigo sobre a donicela no Portal das Palabras da RAG.
  9. Vítor Vaqueiro, 178.
  10. Ana Acuña e José Luis Garrosa “Os nomes dos animais, das doenzas e doutros elementos relacionados coas crenzas en Galicia: estudo comparativo” Culturas Populares nº 2 (maio-agosto 2006)
  11. Recollida en Hermisende (Zamora): Luis Cortés Vázquez (1954) El dialecto galaico-portugués hablado en Lubián (Zamora). Toponimia, textos y vocabulario Universidad de Salamanca
  12. 12,0 12,1 Recollido en Boal: Menédez Pidal Orígenes del español, p. 401
  13. Recollida en Calabor (Zamora) Luis Cortés Vázquez (1954): El dialecto galaico-portugués hablado en Lubián (Zamora). Toponimia, textos y vocabulario Universidad de Salamanca
  14. "Arantxa Román Domínguez "Contribución ao léxico do galego exterior. O Val do Río Ellas (Cáceres)"" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de xullo de 2014. Consultado o 01 de setembro de 2018. 
  15. Recollida en Pías (Zamora) Luis Cortés Vázquez (1954) El dialecto galaico-portugués hablado en Lubián (Zamora). Toponimia, textos y vocabulario Universidad de Salamanca
  16. Vítor Vaqueiro, px. 178.
  17. Vítor Vaqueiro, px. 177.
  18. Emilio Montero "El eufemismo en Galicia. Su comparación con otras áreas romances" Verba Anexo: 17-18, p.156

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 3ª ed. 2003.
  • VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, Galaxia, Vigo 2011.

Ligazóns externas

editar
  NODES
iOS 2
mac 3
multimedia 1
os 54
text 3
todo 4