Domingo de Andrade

arquitecto galego

Domingo Antonio de Andrade, nado en Cee en 1639 e finado en Santiago de Compostela o 12 de novembro de 1712, foi un arquitecto galego de proxección universal.

Modelo:BiografíaDomingo de Andrade
Biografía
Nacemento1639 Editar o valor en Wikidata
Cee, España Editar o valor en Wikidata
Morte12 de novembro de 1712 Editar o valor en Wikidata (72/73 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoArquitectura Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónarquitecto Editar o valor en Wikidata
MovementoBarroco Editar o valor en Wikidata

Galiciana: 270485 BNE: XX904223 BUSC: andrade-domingo-antonio-de-1639-1712
Torre da Berenguela ou do Reloxo da Catedral de Santiago.

Estudou na facultade de Artes da Universidade de Santiago de Compostela con intención de ordenarse crego, aínda que se licenciou noutra universidade (posiblemente de Alcalá de Henares ou Salamanca). No ano 1669 era Aparellador Maior da catedral e en 1676 foi nomeado Mestre de Obras da catedral. Casou con Isabel Arenas de Canosa, pero quedou viúvo en 1700. Logo desta maridanza infrutuosa ordenouse sacerdote e solicitou unha praza no cabido da catedral compostelá, da que era mestre maior desde 1672. Morreu en Santiago e foi soterrado na catedral.

Arquitecto insigne

editar

Moi cedo, no ano 1676 abraiou a Galicia coa súa primeira construción significativa, se cadra a súa obra mestra: a torre do Reloxo da catedral de Santiago de Compostela. Sobre un corpo medieval no que abriu unha elegante xanela, alzou tres máis ata unha altura de 72 metros. O primeiro corpo de forma cúbica ten catro templetes nos ángulos e unha balaustrada. O segundo é octogonal con arcos de medio punto e tamén balaustrada. O terceiro colócase sobre un tambor circular e está ornamentado con oito volutas. No cume loce unha lanterna circular e remata nun pináculo coroado por unha bóla que sustenta unha cruz. A monumentalidade e a solidez en plena harmonía co conxunto catedralicio fan desta realización unha obra barroca de prestixio internacional.

No ano 1700 realizou o Pórtico Real da Quintana buscando unha compatibilidade perfectamente acadada coa torre do Reloxo e sen que a profusa ornamentación desentoe do conxunto, antes ben o realza. Na catedral tamén realizou a actual capela do Pilar na que fora a sancristía[1].

Son súas a sala capitular e a sancristía da catedral de Lugo. Nesta última obsérvanse as súas características sartas de froitas, así como o emprego do arco de medio punto. Na mesma cidade interveu no convento de dominicas de Santa María a Nova.

 
Tripla escaleira de caracol de San Domingos de Bonaval.

Volvendo a Santiago, traballou no convento de San Domingos de Bonaval, onde novamente aparecen as sartas de froitas no claustro e onde a contención da fachada trócase en virtuoso alarde na famosa escaleira de caracol.

 
Excelencias, antigüedad y nobleza de la Arquitectura.

Como Mestre de Obras municipal hai que salientar a Casa da Parra e a Casa da Conga (a súa obra póstuma ironicamente situada a carón da que fora a primeira, a torre do Reloxo), na praza da Quintana, así como a Casa das Pomas na rúa Nova e a casa da praza de Feixoo, onde destacan as escaleiras do interior.

Interveu, así mesmo, na Obra Pía de Santo Antonio, en Melide.

Tamén realizou diversas obras na Catedral de Ourense, concretamente a capela do Santo Cristo e a sancristía.

Outras actividades

editar

Deben mencionarse as súas obras en madeira, dado que foi tamén un entallador e imaxineiro brillante: retablos como o da igrexa da orde terceira no conxunto franciscano de Santiago, o da igrexa do convento das clarisas, o da parroquia de san Xoán de Tirimol[2], o relicario do convento de San Paio de Antealtares e o desaparecido baldaquino do mosteiro de Oseira falan da súa habilidade nesta faceta menos coñecida

Escribiu a obra Excelencias, antigüedad y nobleza de la Arquitectura en 1695, onde da testemuño do seu saber e na que defende a dignidade profesional e científica da arquitectura.

Brillou como organizador de grandes festas públicas con fogos de artificio (conmemoración da visita da raíña María de Neoburg) e fixo tamén un labor de enxeñeiro que saneou o urbanismo compostelán.

Domingo de Andrade foi ademais asesor do XI Conde de Lemos, ao que nunha carta de 1696 propuxo o deseño dunha bomba que provocase a peste.[3]

  1. Senén, Felipe. "As sombras do arquitecto Domingo de Andrade". Nós Diario. Consultado o 2020-04-09. 
  2. "El arte de Domingo de Andrade ya luce en Tirimol". La Voz de Galicia (en castelán). 2016-11-09. Consultado o 2020-04-09. 
  3. Arnáiz, A. (4-10-2009). "El gallego que ideó la guerra química". El Correo Gallego (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 05-10-2009. Consultado o 15-1-2009. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Intern 1
os 34
todo 1