El Hierro

illa das Illas Canarias

El Hierro é unha illa española situada no océano Atlántico, a máis meridional do arquipélago das Canarias. Pertence á provincia de Santa Cruz de Tenerife e a súa capital é Valverde, municipio onde se sitúan o Porto de la Estaca e o Aeroporto de El Hierro. Está formada polos municipios de Valverde, La Frontera e El Pinar de El Hierro.

Modelo:Xeografía políticaEl Hierro
Imaxe

Localización
Mapa
 27°45′N 18°00′O / 27.75, -18
EstadoEspaña
Comunidade autónomaIllas Canarias
ProvinciaProvincia de Santa Cruz de Tenerife Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación10.968 (2019) Editar o valor en Wikidata (40,77 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie269 km² Editar o valor en Wikidata
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor en Wikidata
Altitude1.501 m Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoPico de Malpaso (1.500,57 m) Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Código NUTSES703 Editar o valor en Wikidata

Sitio webelhierro.es Editar o valor en Wikidata

O 22 de xaneiro de 2000 a illa foi declarada pola UNESCO como Reserva da Biosfera[1], recoñecemento que tamén ostentan as illas de La Palma e Lanzarote. Na actualidade desenvólvese un plan impulsado polo Ministerio de Fomento para convertela na primeira illa do mundo en abastecerse totalmente de enerxías renovables.[2]

Os primitivos habitantes denominábanse bimbaches.

Xeografía

editar
 
Imaxe satélite da illa de El Hierro.

A illa ten unha superficie de 268,71 km²,[3] cunha poboación de 10.679 habitantes (2017),[4] o que resulta nunha densidade de 39,7 hab./km². De orixe volcánica, o punto de maior altitude da illa é o pico de Malpaso, con 1.501 m sobre o nivel do mar. As coordenadas centrais da illa son 27° 44' N e 18° 03' W.

Punta da Orchilla é o punto máis occidental de toda España; o meridiano que por aquí pasa foi escollido por Xerardo Mercator como meridiano de referencia, é dicir, como meridiano cero.

Xeoloxía

editar

Formación da illa

editar
 
Paisaxe no oeste da illa

El Hierro, como todas as Canarias, é unha illa de orixe volcánica. Cóidase que ten unha idade xeolóxica de 1,2 millóns de anos, polo que é a illa canaria máis nova. Ao contrario do resto das illas, que se encontran nunha terceira fase de creación, El Hierro segue a manterse na primeira. Cando o magma rompeu o fondo mariño, orixinouse unha fenda en forma de "Y" pola que comezou a xurdir lava. A fase máis activa da formación da illa vénse localizando arredor do 10000 a.C. As erupcións máis recentes duraron desde o 4.000 a.C. até o 1000 a.C.. A illa foi collendo a forma de "Y" deixada polas fendas no leito mariño. As coladas de lava cubriron as zonas costeiras do Sur e do Oeste da illa, mais tamén da zona norte. As diferentes erupcións foron expulsando máis materiais, que foron acrecentando o tamaño da illa. En 1793 segundo as crónicas tivo unha serie de fenómenos sísmicos na zona de El Verodal ou Lomo Negro aínda que en ningún dos documentos da época se rexistrou erupción ningunha. El Hierro é a illa con maior densidade de volcáns das Canarias, existindo máis de 500 cráteres a ceo aberto e mais outros 300 cubertos por coladas de lava máis recentes. Actualmente existen 70 covas e tubos volcánicos catalogados, destacando a Cueva de Don Justo con 6 quilómetros de lonxitude.[5]

Zonas xeolóxicas

editar

Ao contrario do resto das illas, o norte de El Hierro posúe poucos barrancos. Na parte central da illa atópase o cume, onde se localizan os picos dos volcáns máis altos. En xeral pódense diferenciar tres rexións xeográficas distintas: a meseta ou planalto do noroeste, o val de El Golfo no nordeste e a zona de pendente moderada (El Julán) no suroeste. Existen grandes diferenzas entre unha zona dada a respecto das demais. En primeiro lugar, El Hierro é moi montañoso tendo en conta a súa área. A cima máis alta é o Pico de Malpaso con 1.500 msnm. O 90% da zona costeira presenta cantís. No centro érguese un planalto, risco no que difire do resto as Illas Canarias. É precisamente nesta zona onde se practica a agricultura. Chairas costeiras só aparecen na zona do Valle del Golfo.

A pesar da súa escasa superficie, El Hierro posúe distintas zonas de vexetación, desde campos de lava desérticos até bosques de laurisilva, pasando por piñeirais, pasteiros e plantacións de plátanos e ananás. No sur da illa áchase a caverna de Cueva de Don Justo, a maior da illa. Está composta dun sistema de tubos volcánicos, formados polo arrefriamento das correntes de lava no exterior. A lava candente do interior do tubo seguiu a fluír até deixalo baleiro. Existen moitos cráteres na illa, que foron utilizados polos bimbaches como refuxios ou lugares para enterramento.

O relevo condiciona o clima de cada zona da illa[6]. Porén, é a nubosidade o factor que xoga o papel máis importante nas variacións climáticas. Os alisios e a Corrente das Canarias, unha bifurcación fría da Corrente do Golfo, que se separa nos Azores, fan que a illa non sufra un clima árido, como vén ocorrer no Sáhara que se acha na mesma latitude. A temperatura da auga mantense nos 18 °C en inverno e nos 20 °C en verán. Isto suaviza as temperaturas costeiras. No ecuador prodúcese un ascenso masivo de aire quente, orixinando unha zona de baixas presións que vén a ser ocupada por outra masa de aire, que subministran os alisios. Esas masas de aire quente que ascenden vanse arrefriando paulatinamente, diríxense a bastante altura en sentido contrario ao dos alisios, e cara ás latitudes subtropicais, de onde proceden estes. Os alisios transportan nubes cargadas de auga cara ás cimas de El Hierro, onde xeran chuvascos. A zona sur da illa, recibe ventos secos e sen nubes polo que a temperatura e a aridez é maior nesa parte.

En verán, a temperatura da costa setentrional sitúase nos 26 °C de media, sendo, porén, a media de 30 °C no sur. Valverde, que está a 600 msnm, ten unha temperatura media, en verán, de 18 °C. En inverno, a temperatura media da costa norte ponse en 20 °C mentres que na costa meridional é de 21,5 °C. En Valverde, porén, a media baixa até os 11,5 °C. As precipitacións invernais en Valverde ascenden a 80 mm mensuais, en tanto que no Sur só atinxen 25 mm mensuais. En verán apenas chove no sur, mais en Valverde rexístranse 5 mm mensuais.

A pesar de que El Hierro se atopa na zona de influencia dos ventos alisios, a vexetación non é tan frondosa como nas illas veciñas de La Palma, Tenerife e La Gomera. A razón disto é a mocidade da illa, que aínda está cuberta en gran parte por campos de lava novos. Os bosques que cubrían a meseta central da illa desapareceron debido á talla e á erosión do terreo. No entanto, aínda pervive unha gran cantidade de especies endémicas. Exemplos diso son os fósiles vivos, como o drago e os fentos. Restos fósiles mostran que a variedade de plantas existentes no pasado procedían da zona mediterránea, onde proliferaban hai un millón de anos. No Mediterráneo extinguíronse durante o Período cuaternario, co comezo da última glaciación. Debido á diferenza de condicións climáticas estas especies perduraron na zona atlántica. No Hierro, debido ao illamento, algunhas delas transformáronse ata dar lugar a endemismos. En total, na illa atópanse 150 especies endémicas das Canarias, das cales 11 só se atopan en El Hierro. Trátase de especies de crasuláceas, liques, cardóns e Echium que crecen nas paredes dos cantís.

A cota de altitude é decisiva para o desenvolvemento da vexetación. A costa árida atópase ata os 400 msnm, dos 400 a 800 metros atópase a zona semihúmida e dos 800 aos 1.500 atópase a zona húmida.

Zona árida

editar

Nas costas, as plantas nútrense principalmente do orballo nocturno, por iso as especies máis comúns son as crasuláceas, especialmente do xénero Aichryson, coñecidas como suculentas pola súa forma de almacenar auga. Outra das plantas características da zona é a tabaiba. O mollo da tabaiba doce (Euphorbia balsamifera) era usado polos bimbaches como unha especie de goma de mascar que acougaba a sede. O mollo do cardón usábano como veleno para a pesca. O cardón pódese observar en El Hierro especialmente nos riscos da zona de Las Playas, que tamén recibe o nome de Los Cardones. Tamén nas zonas costeiras crece outro xénero de plantas carnosas resistentes á escaseza de auga.

Zona semihúmeda

editar
 
Exemplar de Sabina.

Nesta zona, que comeza entre os 200 e 400 msnm, habitan colonias de plantas suculentas e outras plantas de folla ancha. Tamén crecen cactos e agaves. Os exemplares endémicos do xénero Aeonium son os Aeonium hierrense e Aeonium valverdense. Os especímes de ágave que se atopan nesta zona foron introducidos desde América, especialmente da zona de México. Outras especies son a palmeira canaria, a penca, e as sabinas. As poucas sabinas que quedan na actualidade atópanse deformadas polos fortes ventos que azoutan a zona. Son os restos dun antigo bosque con cubría toda a parte central da illa.

Zona húmida

editar

Nesta zona, que se desenvolve entre os 800 e os 1.500 metros de altitude é onde se rexistran as maiores precipitacións. Os bosques de laurisilva, tamén coñecidos como monteverde son a nota característica da zona. No entanto, a concentración é menor que en La Gomera e La Palma.

No interior da illa, ao norte de San Andrés, a unha altitude de 1000 metros atópase un dos símbolos da illa, o Garoé ou Árbore Santa. O Garoé era unha árbore santa para os bimbaches[7]. O exemplar actual foi plantado en 1957. O orixinal era un exemplar de tileiro que foi derrubado por unha tormenta en 1610. Hai un pequeno centro de información turística onde se explica a función que tiña esta árbore na sociedade guanche, pois debido á condensación da auga das nubes nas súas follas provía de auga aos bimbaches. O escudo actual da illa mostra ao Garoé no centro.

Réptiles

editar
 
Lagarto pequeno das Canarias (Gallotia caesaris).

Os lagartos son, xunto coas ras os animais máis comúns de El Hierro. De entre eles destaca o Tarentola boettgerio unha especie de geko endémico. Os lagartos da illa están emparentados cos do continente africano. A especie máis común é o lagarto pequeno das Canarias, unha especie endémica de El Hierro e La Gomera, que alcanza ata 35 centímetros de lonxitude. Tamén se observan colonias de lisas douradas nas zonas húmidas da illa. Nas Canarias non existe ningún tipo de serpes. Nas augas costeiras pódense observar exemplares de tartarugas mariñas, especialmente tartarugas mariñas comúns (Caretta caretta) e tartarugas de coiro (Dermochelys coriacea). Estes réptiles pódense considerar os de maiores proporcións do arquipélago.

Lagarto xigante

editar

El Hierro é coñecido polo Lagarto Xigante, unha especie de lagarto de grandes proporcións que só se atopa nesta illa. Sábese que na antigüidade se distribuía por toda a illa, debido á ausencia de depredadores. A chegada dos colonizadores españois no Século XV supuxo o retroceso desta especie. A creación de zonas de cultivo e a introdución de gando supuxo unha destrución do hábitat destes lagartos. A introdución do gato foi se cabe máis desastrosa pois comezaron a cazar lagartos debido á facilidade de apresalos. Isto orixinou que a colonia de lagartos xigantes se fose desprazando cara ao norte, ao Val do Golfo e aos Roques de Salmor. Creuse que desapareceran ata que no século XVIII se descubriu unha colonia neses lugares. Unha investigación científica de 1889 outorgoulles o nome de simonyi, en honra ao xeólogo e investigador canario Óscar Simonyi. Os espécimes atopados foron cazados e vendidos a coleccionistas, ata que se chegou a pensar que a especie desaparecera. Na década dos 70, un pastor de cabras atopou por casualidade algúns exemplares na zona de Fuga de Gorreta. A eses exemplares déuselles o nome taxonómico Gallotia simonyi machadori e creouse un lagartario para a súa conservación na zona de Guinea no municipio de Fronteira. As choivas torrenciais caídas en xaneiro de 2007 produciron a morte de moitos dos exemplares do lagartario, atrasando o prazo previsto para sacar a especie da lista de especies ameazadas[8].

O lagarto xigante, catalogado como especie protexida desde 1975, alcanza 75 cm de lonxitude. Posúe unha cola fina e longa. Aliméntase de insectos e plantas. A época de cría é en maio e un mes máis tarde, a femia deposita 12 ovos nun niño, dos que sairán as crías tras 8 semanas. Non se sabe a expectativa de vida dos lagartos pois ningún dos exemplares do lagartario superou a idade de 35 anos.

A illa de El Hierro alberga unha importante colonia de aves, tanto autóctonas como introducidas polo ser humano. Entre as especies máis comúns destacan os fríngílidos, canarios, bubelas, xílgaros, paporrubios, merlos, paseriformes, rulas, falcóns, aguias, pombas, bufos mozos, paspallás, perdices, curuxas, cernícalos, e gaivotas.

Insectos

editar

Na illa existen unhas 5.000 especies de insectos. Os máis habituais son as bolboretas, cabaliños do demo, couzas, xoaniñas, lepidópteros, abellóns, abellas, avespas, saltóns e grilos. Nos anos 50 chegaron pragas de lagostas procedentes de África flotando no mar, aínda que non supuxeron ningún impacto ambiental pois foron eliminadas antes de arribar á costa.

Historia

editar

Nomes da illa

editar

O nome da illa, Hierro, provén da linguaxe aborixe (Hero ou Esero) pero, durante a conquista, transformouse por similitude coa palabra castelá.

No texto de Plinio o Vello (quen tomou como fonte a Juba II) onde se nomea ás illas Canarias, aparecen unha serie de nomes. Aínda que non hai nada que indique con seguridade que isto sexa así, adoita relacionarse a illa que aparece denominada como Capraria con El Hierro. En canto ao termo Capraria o debate vira ao redor de tres teorías: a primeira que identifica a capraria co gran número de cabras presentes na illa; a segunda fala dun erro de transcrición, e dado que na descrición que fai Plinio da illa dise poboada de grandes lagartos, poida que o termo orixinal fose Sauraria; a terceira fai referencia á existencia do etnónimo ou nome de tribo norteafricana caprarii, así como dos Montes Caprarienses.

Os antigos habitantes da illa eran os bimbaches.

Antigüidade

editar

Para o mundo grego e romano clásico, as Illas Canarias eran consideradas como un lugar paradisíaco ao lonxe, as Illas Afortunadas ou o xardín das Hespérides. É moi probable que fosen os fenicios os primeiros en ter contacto coas illas. Existen numerosos mitos e lendas sobre as illas e a súa orixe. A primeira pista atópase na Odisea do poeta grego Homero. Tamén se nomea a esas illas na obra de Hesíodo. No entanto, o estabelecer que esas illas mitolóxicas son as Canarias non pasa de ser unha opinión popular, pois non hai referencias claras que así o demostren.

Primeiros habitantes

editar

A chegada e procedencia dos primeiros habitantes de El Hierro aínda presenta moitas incógnitas. Diversos autores esgrimen que viñeron fuxindo das fames negras do Sáhara, outros fuxindo das persecucións e outros que foron deportados polos romanos. O único que se sabe de certo é que canto máis ao norte partan cos seus botes, máis rápido lograrían conectar coa Corrente das Canarias que os transportaría ás illas. Cando chegaron os conquistadores a El Hierro atopáronse cunhas tribos na Idade de Pedra illadas do resto do mundo. As diferenzas entre os habitantes de cada illa eran moi notables, pois esqueceran a arte da navegación e non tiñan contacto entre elas. A Idade de Pedra mantívose nas Canarias ata hai uns 500 ou 600 anos. Isto débese a que as illas caeron no esquecemento desde a antigüidade e non foron redescubertas ata o inicio da Idade Moderna. Como forma xenérica denomínase aos primeiros habitantes das Canarias guanches, aínda que esta denominación é propia dos habitantes de Tenerife. Os habitantes de El Hierro denomínanse bimbaches. Expertos en lingüística confirman a tese de que os primeiros habitantes procedían do norte de África debido ás similitudes entre os petróglifos canarios e os bérberes do Magreb e de Libia. Os asentamentos en El Hierro comezaron no século V antes de Cristo. Crese que tivo que ser moi difícil estabelecerse na illa debido aos altos riscos que bordean a súa costa. Os contactos coas demais illas eran practicamente inexistentes a pesar da existencia dunha lenda que explica que foi unha muller de La Gomera a que ensinou aos bimbaches o uso do lume.

Conquista da illa

editar

A conquista da illa produciuse máis ben de forma pacífica, mediante negociacións, a mans de Jean de Bethencourt. O conquistador normando tivo entre as súas filas a Augeron, irmán do monarca da illa, apresado anos atrás e agora mediador entre os aborixes e os conquistadores. A pesar que Jean de Bethencourt prometeu ao monarca respectar a liberdade do seu pobo a cambio da rendición, finalmente non mantivo a súa palabra e un gran número dos seus habitantes foron vendidos como escravos. Asentáronse logo franceses e peninsulares (principalmente galegos), xunto aos naturais da illa, estando baixo o mandato do gobernador Lázaro Biscaíño, quen sufriu un levantamento dos aborixes debido á súa política de castigo cara a eles.

Visita de Colón

editar
 
Ermida de Virxe dos Reyes (1577).

Na súa segunda viaxe a América, Cristovo Colón fixo escala en La Gomera e en El Hierro. Nesta última illa realizou a escala para proverse de alimentos e auga así como para esperar ventos mellores. En total, pasou 17 días na illa esperando a unha mellora nos alisios que permitise á súa frota de 17 buques avanzar máis rápido. O 3 de outubro de 1493 partiu desde a Baía de Naves ao Novo Mundo.

Emigración

editar

Os habitantes da illa tiveron que emigrar en diversas ocasións por motivos ben distintos. A maioría facíao en casos de crise política, longas secas ou fames negras. Os principais destinos da emigración foron Cuba, Venezuela e Porto Rico. Ata os anos 1949 e 1950 partían barcos de vela desde El Hierro ata América de forma clandestina. Algúns dos emigrantes retornaron recentemente coa mellora das condicións económicas e sociais da illa.

Desterro

editar

O século XIX supuxo que El Hierro, do mesmo xeito que Fuerteventura se volvese interesante para Madrid como lugar de desterro de políticos, militares e liberais indesexados. No entanto, que a illa se convertese nunha especie de cárcere flotante foi beneficioso para os insulares, pois grazas a iso, chegou desterrado Leandro Pérez por motivos políticos, converténdose no primeiro médico da illa. A poboación era a encargada de vixiar os desterrados.

Meridiano Cero

editar

Durante varios séculos foi referencia do meridiano "0" xa que era o extremo máis occidental do mundo coñecido. O meridiano fixouse na Punta de Orchilla, durante varios séculos ata que se trasladou a referencia ao meridiano de Greenwich. Por esta causa tamén se coñece a illa de El Hierro como a illa do meridiano.

Século XX

editar
 
Ermida da Virxe da Caridade.

En xullo de 1899 un incendio arrasou o concello de Valverde destruíndo o arquivo que se creou en 1553. Con el destruíronse importantes documentos sobre a historia da illa. Tamén nese tempo destapouse unha epidemia de vexigas e unha longa seca seguida de anos moi chuviosos e con inundacións frecuentes. En 1912 creáronse os concellos de Valverde e Fronteira. Coa creación dos Cabidos Insulares, a illa adquiriu autogoberno. A primeira guerra mundial non supuxo ningún cambio especial para a illa. Durante a Segunda República (1931-1936) construíuse o Porto de la Estaca, melloráronse as estradas, as conducións de auga e construíronse escolas. A segunda guerra mundial, ao contrario que nas demais illas, tampouco se deixou sentir en El Hierro. En 1948 outra longa seca provocou a emigración de gran parte da poboación cara a Venezuela e cara á illa de Tenerife.

Lanzadeira espacial civil e radar militar

editar

Nos anos 90, o Goberno español e o Goberno das Canarias planearon instalar na illa unha lanzadeira espacial civil. A ESA, con sede en Madrid planeou lanzar dous satélites de investigación ao ano, ata completar un total de quince. Por razóns de seguridade deberíase evacuar as poboacións próximas. Isto desatou protestas masivas dos habitantes da illa, que preferían conservar a natureza da illa intacta. En febreiro de 1997, a maioría do Parlamento das Canarias rexeitou o proxecto.

O segundo proxecto, instalar un radar militar no pico de Malpaso aínda segue sen resolverse. A situación xeográfica da illa é un aliciente para a súa instalación. Desde 1986 sucédense as protestas dos herreños, ano no cal o Ministerio de Defensa comunicou os seus plans ao concello de Fronteira. En xuño de 2005, o Ministro de Defensa, José Bono, anunciou que se podería tratar dun radar móbil que non afectaría á orografía da zona[9]. Dos 70 mil metros cadrados orixinais, só farían falta 3.500 metros, pero sería necesaria a construción dunha estrada de acceso ao mesmo. Esta estrada cruzaría polo camiño histórico ao Santuario da nosa Señora dos Reyes, patroa da illa, o que para os herreños é impensable e inalterable. Por este motivo, aínda continúan as protestas, non só na illa senón tamén en illas veciñas como Tenerife onde se atopa unha poboación de herreños.

Actividade volcánica en 2011

editar
Artigo principal: Erupción de El Hierro de 2011.

A partir do 19 de xullo de 2011 empezaron a sentirse gran número de tremores na illa, o que atraeu a atención de numerosos especialistas á zona. Ao aumentar a intensidade e a frecuencia dos sismos, alertouse á poboación dunha posible erupción. A primeira erupción observada por medios indirectos percibiuse en mar aberto a 5 quilómetros da illa o día 10 de outubro de 2011.

Organización político-administrativa

editar

El Hierro, como parte da Comunidade Autónoma das Canarias, depende -en función das distintas competencias atribuídas- do Goberno de España, do Goberno das Canarias e do Cabido Insular de El Hierro.

Dirección Insular de El Hierro

editar

A cargo de Antonio Padrón Casañes, esta institución é a encargada de representar ao Goberno de España na illa e de xestionar todas aquelas competencias que non sexan transferidas ao Goberno das Canarias, ao cabido ou aos municipios. A sede da Dirección Insular atópase no municipio de Valverde.

Cabido Insular de El Hierro

editar

Os cabidos, formados a partir da Lei de Cabidos de 1912, son as formas gobernativas e administrativas propias das Illas Canarias e cumpren dúas funcións principalmente. Por unha banda, prestan servizos e exercen competencias propias da Comunidade Autónoma e por outra, son a entidade local que goberna a illa. Nas eleccións de 2003 saíu elixido como presidente Tomás Padrón Hernández, de Coalición Canaria, 49,66% dos votos, seguida do PSOE cun 20,3%. Coalición Canaria ten no cabido 7 conselleiros, PSOE 3, PP 2 e o Partido Nacionalista Canario 1.

A sede do cabido está situada na localidade de Valverde.

Municipios

editar

A illa divídese en 3 municipios cos seus respectivos concellos, integrados na FECAM, rexidos pola lexislación básica de réxime local e os seus respectivos regulamentos orgánicos.

Os municipios, formados por varias poboacións, son os seguintes:

Arte e cultura

editar
 
Ermida da Virxe dos Reyes, patroa de El Hierro.

Folclore

editar

O folclore do Hierro é moi similar ao do resto das illas aínda que presenta unha serie de variacións como o uso das frautas así como de bailes propios da illa. O baile máis característico de El Hierro é o que levan a cabo os bailaríns da virxe durante a romaría da Virxe dos Reis, que leva a imaxe por todos os puntos da illa. Desde o goberno local inténtase impulsar o folclore dándose subvencións ás agrupacións. Actualmente en El Hierro existen 6 agrupacións folclóricas que realizan exhibicións tanto na illa como no resto das Canarias. Estas agrupacións son:

  • Agrupación Folclórica Armiche
  • Agrupación Folclórica Joapira
  • Agrupación Folclórica La Frontera
  • Agrupación Folclórica Sabinosa
  • Agrupación Folclórica Taicares
  • Agrupación Folclórica Taros

Festas

editar

A festa máis importante de El Hierro é a Baixada da Virxe dos Reyes que se celebra cada catro anos o primeiro sábado do mes de xullo. Durante a festa trasládase a patroa da illa desde o seu santuario á capital da illa, facendo un percorrido de 44 quilómetros (camiño da Virxe) que atravesa todas as localidades de El Hierro. A imaxe acompáñana os bailaríns que realizan o tradicional baile da virxe ataviados con traxes brancos e vermellos con gorros de cores rechamantes e usando chácaras e pitos (unha especie de frauta). A duración da festa é de aproximadamente un mes. A ela acoden case todos os habitantes da illa ademais duns 4 mil visitantes. Ademais das festas patronais, todos os anos se celebran as seguintes festividades locais:

Festas
Data Nome Localidade
25 de abril Festa dos pastores La Dehesa
3 de maio A cruz El Pinar
15 de maio San Sidro Valverde
1º domingo de xuño A apañada San Andrés
24 de xuño San Xoán La Restinga e Las Puntas
16 de xullo Virxe do Carme La Restinga
15 de agosto Virxe da Candeloria Frontera
12 de setembro A Paz El Pinar
24 de setembro Virxe dos Reis La Dehesa
28 de outubro San Simón Sabinosa

Artesanía

editar

A diferenza das demais illas, a artesanía segue sendo unha das principais fontes de ingresos de El Hierro. A artesanía está baseada principalmente na herdada dos bimbaches, sendo as principais localidades onde se produce Sabinosa e El Pinar, aínda que tamén -pero en menor medida- Frontera, Valverde, El Mocanal e Guarazoca.

Na illa séguense confeccionando cubrecamas, cobertores, tapices e as tradicionais taleigas usando la ou tiras de tea, que as mulleres herreñas fían a man e tecen con teares de madeira. A madeira, tanto de moreira como de piñeiro, faias e castiñeiros utilízase para tallar cuncas e culleróns ademais de barricas para o viño, chácaras e pinzas para coller tunos. Nas localidades de Valverde, Guarazoca e El Pinar aínda traballan tres ceramistas que, usando barro da illa e arxila importada crean obras de cerámica, especialmente tallas guanches para vender como recordos da illa. Para rematar, a cestería tamén é típica de El Hierro. Os cesteiros, como se coñece a estes artesáns, fan cestos de vime, que previamente tivo que ser abrandado durante semanas en auga de mar. Os forxados e bordados son máis escasos na illa.

Gastronomía

editar

Na cociña herreña, como na do resto das Canarias, o peixe ocupa un lugar principal debido á riqueza faunística das augas que rodean á illa. De entre os primeiros pratos destacan a potaxe, o pucheiro e o rancho con papas. O peixe adóitase preparar frito, guisado ou á prancha, usándose como guarnición as papas engurradas e os mollos vermello e verde. De entre as carnes destacan o coello e o cabrito ou chibo, que é como se denomina na illa. As carnes adóitanse acompañar de mollo vermello e papas guisadas ou engurradas.

As quesadillas, un doce cuxa base principal é o queixo, son a sobremesa típica máis famosa de El Hierro. O queixo prodúcese na central queixeira e tanto este como o viño que se produce na cooperativa vinícola do Golfo, son exportados ao resto do país. O viño séguese elaborando en prensas tradicionais, o que lles confire unha elevada gradación. Para rematar, como no resto das Canarias, o gofio é a principal fonte de alimentación dos herreños.

Transportes

editar

Aeroporto

editar

O aeroporto de El Hierro atópase situado no municipio de Valverde. Parte da pista atópase en terreo gañado ao mar, debido á especial orografía da illa. A pista posúe 1.250 metros de lonxitude e está asfaltada. A través do Aeroporto de El Hierro pódese acceder á illa desde La Palma, Tenerife (Tenerife Norte) e Gran Canaria. Binter Canarias é a compañía que realiza o servizo. Debido ao pequeno tamaño da pista, os avións chárter non poden operar. No ano 2005, 150.981 pasaxeiros usaron o aeroporto de El Hierro.

Portos

editar

As comunicacións marítimas de El Hierro realízanse a través do Porto de La Estaca, no municipio de Valverde. Este peirao foi ampliado recentemente para permitir a escala de buques maiores. Concretamente, o 23 de xuño de 2006 foi inaugurado o novo porto[10]. A través del realízase o tráfico de pasaxeiros e de mercancías. Desde principios dos anos 90 hai transbordadores regulares que conectan a illa coas veciñas. Liñas Armas e Fred Olsen Express realizan os traxectos desde o Porto de la Estaca ao Porto de Los Cristianos en Tenerife. Noutros puntos da illa existen pequenos portos pesqueiros e deportivos, como o porto de La Restinga, onde teñen a súa base os pescadores que traballan no Mar das Calmas. Ao porto e ao aeroporto pódese acceder facilmente a través de liñas regulares de guaguas e de taxis.

Estradas

editar

A rede de estradas atópase en boas condicións polo que se pode acceder a todas as poboacións sen ningunha dificultade. A estrada principal é a que une Valverde con Frontera. Mediante un túnel atravésase o cume, reducíndose xa que logo a duración do traxecto. Outra das vías principais é a que accede desde a capital ata o Porto de la Estaca. O resto da illa atópase comunicada mediante estradas asfaltadas ou pistas forestais.

Economía

editar

A economía de El Hierro baséase no sector primario e o terciario. O Cabido de El Hierro é o encargado de regular e promocionar os catro alicerces dos que depende a economía herreña, é dicir, a agricultura, a gandería, a pesca e o turismo.

Agricultura, gandería e pesca

editar

A cabana gandeira herreña está constituída por ovellas e cabras, destacando estas últimas por seren descendentes da especie caprina que criaban os bimbaches. A produción de carne é, con todo escasa, debido a que a gandería se desenvolve principalmente para a produción de leite, que se recolle na Cooperativa de Gandeiros de Isora, e que é empregada para elaborar queixos que logo se exportarán ao resto das illas e á península.

Os cultivos de froiteiras están concentrados no val do Golfo, onde se cultivan ananases, papaias, aguacates, plátanos, mangas etc, de cuxa distribución e comercialización se encarga a Cooperativa do Campo e a comercializadora Mercahierro. Os figos secos ou "pasados" hai séculos que son considerados como os mellores das Canarias e danse sobre todo na zona de El Pinar. Cultívanse outras froitas aínda que destinadas ao consumo local e que dependen da época. Estas froitas son as ameixas, albaricoques, mazás e cítricos.

El Hierro tamén produce viño, a través dunha cooperativa que reúne aos viticultores. Existe unha denominación de orixe El Hierro. Os viños desta illa destacan pola súa alta gradación.

La Restinga é o principal porto de pescadores da illa, que traballan no Mar das Calmas. As capturas máis importantes son as de bonito listado e outros túnidos ademais da pesca de litoral que inclúe vellos, cabrillas, moreas etc.

Turismo

editar

A illa está moi afastada do concepto de Turismo de Masas, e segundo a opinión dos seus habitantes débese manter así. Estímase que o número máximo de camas que a illa podería soportar é de 2000. A dificultade de acceder e a ausencia de grandes praias faina pouco atractiva para as visitas familiares. En 1984 creouse o Padroado de Turismo con sede en Valverde. Este padroado depende do Cabido de El Hierro e é o encargado da promoción exterior da illa. Desde 1996 publicáronse varias cuñas publicitarias a nivel nacional utilizando o slogan Illa da tranquila diferenza. As autoridades de El Hierro defenden a idea de que a calidade debe estar por diante da cantidade. Como norma xeral, os turistas que se achegan á illa fano de forma individual para practicaren sendeirismo ou o denominado turismo rural.

En El Hierro existen poucas praias. Na costa occidental atópase unha praia de area avermellada (Praia do Verodal) duns 100 metros de lonxitude. Debido ás correntes, o baño só é aconsellado a nadadores expertos. No Val do Golfo, na zona noroccidental da illa, existen piscinas naturais protexidas das correntes por un rompente artificial. Tamén se pode practicar o baño na pequena cala situada nas proximidades do Porto de La Restinga, protexida polo dique. Ao noroeste de La Restinga atópase a praia de Tacorón, famosa entre os herreños. O deporte máis popular de El Hierro é o submarinismo, debido á limpeza das augas e á gran variedade de fauna, que se concentra especialmente no Mar das Calmas. Na actualidade, son aptas para o baño as seguintes praias: Maceta, Tacorón, Tamaduste, Caleta, Puerto Estaca, Restinga e Timijiraque. O 16 de novembro de 2006 o Servizo Canario de Saúde do Goberno das Canarias emitiu un informe sobre a calidade da auga de dúas praias herreñas.

Os sitios máis transitados polos turistas son os miradoiros, que permiten vistas de todos os puntos da illa. Os máis famosos son o miradoiro das Praias na zona oriental e o Miradoiro da Pena construído por César Manrique. Nel atópase un restaurante con vistas ao Val do Golfo.

  1. "El Hierro, Reserva de la Biosfera". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 06 de maio de 2007. 
  2. «El Hierro será la primera isla del mundo que se abastecerá al 100% con energías renovables»
  3. Instituto Geográfico Nacional: Islas e islotes con superficie superior a 1 Km² Arquivado 15 de xaneiro de 2017 en Wayback Machine.
  4. "Real Decreto 1039/2017, de 15 de diciembre, por el que se declaran oficiales las cifras de población resultantes de la revisión del Padrón municipal referidas al 1 de enero de 2017" (PDF). 
  5. "Historia geológica de El Hierro". Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2015. Consultado o 07 de maio de 2007. 
  6. "Clima de El Hierro". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 07 de maio de 2007. 
  7. "Lenda do Garoé". Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2018. 
  8. País, Ediciones El (2007-03-21). "La recuperación del lagarto gigante de El Hierro se retrasa seis o siete años". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2018-07-28. 
  9. "La instalación de un radar móvil en El Hierro, refuerzo para la seguridad de los ciudadanos". www.canarias7.es (en castelán). Consultado o 2018-07-28. 
  10. 2004, CASA PAPEL Alexander Geistlinger. "Puerto Estaca - EL HIERRO. Islas Canarias - Noticias - Nachrichten - News". www.elhierro.tv. Consultado o 2018-07-28. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
admin 3
Idea 1
idea 1
todo 7