Enerxías renovábeis en Alemaña
As enerxías renovábeis na Alemaña representaban en 2005 máis do 8% da subministracilón eléctrica do país[1]. Os plans do Goberno federal son que en 2010 supoñan un 13% e cheguen ao 20% en 2020[2]. A importancia económica desta industria aumentou notabelmente. En 2004 había 130.000 persoas empregadas no sector das enerxías renovábeis no país, especialmente en empresas pequenas e de mediano tamaño.
Política
editarO sector das enerxías renovábeis viuse beneficiado pola entrada de Os verdes (Bündnis 90 / Die Grünen) no Goberno federal entre 1998 e 2005, especialmente pola lei que obriga as empresas a comprar prioritariamente electricidade xerada por fontes renovábeis. Aqueles que producen enerxía na súa propia casa teñen a garantía por parte do Estado de que poden vender o seu “produto” a prezos fixos durante 20 anos. Iso creou un grande auxe na produción de enerxía limpa.
Para o período 2005-2010 o Goberno Federal destinou preto de 800 millóns de euros á investigación científica no país. Esta investigación vai estar enmarcada en políticas de desenvolvemento duradeiro.
Adicionalmente, en 2001 aprobouse a lei que prevé que todas as centrais nucleares se pechen tras un período de 32 anos. A idea é que en 2020 non se utilice a enerxía nuclear en ningunha parte do país.
A política enerxética alemá enmárcase dentro da da Unión Europea, así no Consello Europeo de marzo de 2007 en Bruxelas aprobou un plan enerxético obrigatorio que inclúe un recorte do 20% das súas emisións de dióxido de carbono antes do ano 2020 e consumir máis enerxías renovábeis para que representen o 20% do consumo total da UE (contra o 7% en 2006)[2]. O acordo recoñeceu indirectamente o papel da enerxía nuclear - que non é renovábel - na redución da emisión de gas de efecto invernadoiro, correspondendo a cada Estado membro decidir se recorrerá ou non a esta tecnoloxía.
Por outra parte, estableceuse o compromiso de lograr unha cota mínima dun 10% de biocombustíbeis no consumo total de gasolina e gasóleo de transporte en 2020.
Enerxía eólica
editarAlemaña é o país líder do mundo en enerxía eólica (con 20,622 MW instalados a 01/01/07). Un terzo da enerxía eólica do mundo estase xerando neste país, que en 2005 comezou a construción da súa primeira planta eólica mariña alemá no Mar do Norte na Illa Borkum[3].
O crecemento medio anual do mercado europeo da enerxía eólica é dun 35%. Ademais Europa achega o 75% da enerxía eólica mundial, con Alemaña e España como países líderes. O mercado eólico axudou a xerar na Unión Europea (UE) máis de 50.000 postos de traballo.
Segundo Greenpeace, a enerxía eólica mariña podería fornecer todos os fogares europeos en 2020. A instalación de 50.000 turbinas eólicas nos mares europeos poderían xerar abonda enerxía para satisfacer as necesidades de 150 millóns de fogares europeos. Ademais, o desenvolvemento de todo este potencial permitiría crear tres millóns de empregos en toda Europa.
Alemaña iguala en enerxía eólica a toda a enerxía eléctrica convencional xerada na Arxentina. No Estado federado máis setentrional, Schleswig-Holstein, situado entre o Mar do Norte e o Báltico, a enerxía eólica cobre aproximadamente unha cuarta parte do consumo neto de electricidade; a escala nacional, esta marca é do 3,5 por cento.
No 2002 a industria eólica logrou un superávit do 22%. Empresas como Nordex, Plambeck ou Energiekontor cotizan en bolsa, onde lograron recadar millóns de euros para a súa expansión. A empresa máis importante do sector é Enercon.
As turbinas alemás modernas son 30 veces máis potentes que as de hai 20 anos. Nos parques eólicos rexístrase unha onda rexuvenecedora á que se bautizou como repowering.
Os terreos para fundar novos parques eólicos vanse acabando, polo que en vez de crear novos o que se está facendo é modernizalos. O subproduto deste proceso é un crecente número de muíños desprazados. Moitos teñen menos de 10 anos de uso e funcionan perfectamente. A pesar diso, boa parte é desmontada.
A maior parte da maquinaria desmontada véndese a países de Europa do Leste, que aproveitan estas instalacións para se iniciar no campo da xeración de enerxía eólica. Tamén se rexistran as primeiras mostras de interese por parte de países do sueste Asiático como Vietnam, China e Sri Lanka.
Alemaña negocia coa India unha cooperación bilateral na área das enerxías eólicas. Enercon India (filial do líder alemán na enerxía eólica) alcanzou en 2004 unha participación do 25 % no mercado das instalacións de enerxía eólica na India.
En 2004, as exportacións alemás de plantas eólicas foron por primeira vez maiores que as vendas no mercado interno. Segundo prognósticos do Instituto Alemán da Enerxía Eólica, a xeración global de enerxía eólica duplicarase de agora ao 2012 e os investimentos neste sector atinxirán os 130.000 millóns de euros.
Ligazón: En alemán e Inglés
Enerxía solar fotovoltaica
editarAlemaña é desde 2004 o primeiro produtor mundial de enerxía solar fotovoltaica (363 MW), superando ao Xapón (280 MW), con preto de 10 millóns de metros cadrados de colectores de sol, que representa menos do 1% da súa produción enerxética total. As vendas de paneis fotovoltaicos creceron no mundo ao ritmo anual do 20% na década dos novenda. Na UE o crecemento medio anual é do 30%, e Alemaña ten máis do 80% da potencia instalada.
A maior central de enerxía solar do mundo inaugurouse en xullo de 2005 en Franconia, Baviera. O complexo chámase Bavaria Solarpark e os seus paneis solares cobren unha superficie de 250.000 m². A empresa Siemens liderou este proxecto que xera enerxía para un total de 3.500 fogares tras unha investimento superior aos 70 millóns de euros provenientes do sector privado[4][5].
A segunda central máis grande do mundo tamén está en Alemaña, preto de Leipzig. Con 33.500 paneis solares modulares monocristalinos e unha capacidade de produción de 5 megavatios, a central será suficiente para fornecer 1.800 fogares. O investimento ascendeu a 20 millóns de euros, segundo Shell Solar e Geosol, as empresas construtoras.
Pola súa parte, a Estación Central de Berlín que se inaugurara en 2006 cubrirá máis do 50 % das súas necesidades enerxéticas grazas a paneis fotovoltaicos instalados na súa cuberta.
O maior fabricante europeo de produtos fotovoltaicos é a compañía alemá RWE SCHOTT Solar con sede en Alzenau (Baviera). Esta compañía posúe a planta de produción fotovoltaica máis moderna e completamente integrada do mundo. En 2003, a compañía xerou unhas vendas netas de 123 millóns de euros e ten máis de 800 empregados.
Ademais Friburgo é a sede de ISES (Sociedade Internacional de Enerxía Solar) e conta coa maior cantidade de paneis instalados do continente. Poboacións próximas como Schönau im Schwarzwald posúen unha densidade aínda maior de instalacións solares.
Biocombustíbeis
editarO Ministerio alemán de Protección do Consumidor, Alimentación e Agricultura (BMVEL) conxuntamente co Instituto Worldwatch iniciaron un proxecto para investigar o potencial global da utilización a grande escala de biocombustíbeis para o transporte motorizado.
No proxecto participan tamén a Axencia alemá de Cooperación Técnica GTZ e a Axencia de Recursos Renovábeis. O proxecto que finalizará en xullo de 2006 busca a través dunha guía crear as bases para os responsábeis políticos sobre como minimizar os costos e maximizar os beneficios do desenvolvemento desta fonte de enerxía como un primeiro paso para aproveitar a enerxía solar, eólica e biolóxica.
Alemaña prevé que nun prazo medio se poida cubrir unha cuarta parte da súa demanda de combustíbeis con produtos como os refugallos biolóxicos, a palla ou o álamo.
Na actualidade o Brasil é o líder mundial na implementación desta clase de combustíbeis, contando cun 40% do parque automotor equipado con motores a base de alcohol de cana de azucre. Esta medida tendente a diminuír as emisións de CO2 vese complementada con automóbiles propulsados con gas que, a pesar das vantaxes tributarias desta clase de coche -pois o imposto ao gas é menor que o da gasolina-, segue sendo relativamente custoso. Estímase que para o 2007 sexan preto de 1.000 as estacións distribuidoras de gas vehicular en toda a Alemaña.
Nesta mesma liña o consorcio DaimlerChrysler entregou en agosto de 2004 ao ex-chanceler federal, Gerhard Schröder, un Necar 5 que funciona con hidróxeno. Porén, as novas tecnoloxías baseadas no uso de hidróxeno apenas estarán bastante desenvolvidas para o ano 2010.
Outras iniciativas
editarUmweltbank é un banco especializado en proxectos ecolóxicos. Con sede en Núremberg, o banco logrou en 2004 un superávit de cerca do 40 por cento grazas a un crecemento do 10 por cento na súa carteira de clientes. A entidade inviste exclusivamente en proxectos ecolóxicos, como a construción de fogares ecolóxicos, proxectos de enerxía solar e eólica.
Un exemplo da cooperación con outros países é Ökocity, un proxecto xermán-xaponés que planifica o establecemento dunha urbanización de construción ecolóxica na metrópole industrial Kitakyushu. En 2006 iniciouse a construción dunha urbanización con 30 a 50 casas. O proxecto compleméntase mediante un intercambio científico con estancias de investigación de expertos alemáns e xaponeses en ambos os países. Por parte de Alemaña, participan o Centro Ecolóxico de Renania do Norte-Westfalia e como coordinador do proxecto a empresa alemá ECOS Japan Consult.
Notas
editar- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2007. Consultado o 26 de xuño de 2007.
- ↑ 2,0 2,1 "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2007. Consultado o 26 de xuño de 2007.
- ↑ [1][Ligazón morta]
- ↑ [2]
- ↑ [3]