Esgallo

(Redirección desde «Escallo»)

Un esgallo[1] ou escallo[2] ou tano é un anaco novo dunha planta (xeralmente unha póla) que se introduce na terra para que naza outra nova, logo, cunha finalidade reprodutiva. O termo esgallo refírese tamén ao anaco de póla dunha planta que se introduce noutra para facer un enxerto (puga).

Videira (Vitis vinifera) micropropagada na substancia proveniente das oucas: ágar-ágar mediante unha técnica de microesgallado.

Pódense cortar anacos de talo e introducilos na terra para produciren raíces. As plantas enraizadas deste xeito serán idénticas ás súas proxenitoras, é dicir, formarán con elas un clon. Existen diferentes xeitos de facer esgallos, segundo a fase do período de crecemento en que se corten:

  • De gromos: estes esgallos córtanse na primavera das puntas de gromos de crecemento rápido.
  • De pólas tenras: córtanse algo máis tarde que os anteriores, cando o crecemento apical dos gromos se fixo máis amodo, mais aínda fican verdes.
  • De pólas semilignificadas: estes esgallos córtanse a finais do verán, cando o crecemento diminuíu e os talos son máis grosos e rexos.
  • De pólas lignificadas: tómanse de árbores e arbustos de folla caduca durante o período de latencia, cando a póla é lígnea. Coñécense tamén co nome de "epeques" ou" tanos".

Reprodución por esgallos

editar

A reprodución por medio de esgallos é asexual polo que só se necesita un proxenitor.

Pasos:

  • Cortar un anaco tenro e vivo da planta proxenitora.
  • Pór nun balde con auga até desenvolver raíces. Este paso pode ser omitido, e continuar se cómpre co seguinte, xa que o talo de certos esgallos dalgunhas plantas poden podrecer antes de desenvolveren raíces. En caso de dúbida, habería antes que experimentar. O máis probábel é, porén, que ambos os dous pasos funcionen.
  • Soterrar o esgallo e facer unha rega moi abondosa.

Se as condicións e materiais son axeitados, nuns poucos días, ha agromar a nova planta completamente independente da súas proxenitora.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para esgallo.
  2. "escallo". bUSCatermos. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar
  NODES
todo 1