Escola de ferrado

As escolas de ferrado foron un sistema de ensino galego do século XVIII. Impartíano os denominados escolantes, mestres non titulados habitualmente con escasa formación. O servizo pagábase cun ferrado de cereal, costume do que as escolas obteñen o seu nome.

Características

editar
 
Ferrado para medi-lo millo no muíño da seca de Cambados.

Os pais pagaban, para a escolarización dos seus fillos, un ferrado, ben fose de centeo, trigo ou millo; este pago equivalía aproximadamente a 12-18 quilos por rapaz.[1] O espazo da casa que se escollía, acostumaba ser a lareira ou o comedor, aínda que tamén se podían empregar palleiros e cortes. Dispoñían dun mobiliario e material rudimentario e limitábanse normalmente ao ensino do básico: ler, escribir e contar, seguindo procedementos didácticos tradicionais como o ditado.

Os escolantes podían ser labregos que completaban os seus ingresos dando clases aos nenos do seu lugar, cregos, vellos ou ben xente sen oficio nin recursos que subsistía grazas a darlles clases aos nenos.[2] Os estudantes tiñan que compaxinar o ir á escola co traballo, xa que na maioría dos casos os rapaces eran imprescindibles nas casas para traballar.

Cara ao comezo do século XX, comezouse a pagar en diñeiro o que sería o valor dun ferrado de trigo. Coa suba dos prezos do trigo, aló polos anos 40 do século XX, houbo unha proliferación de mestres e mestras de ferrado.

Ademais deste pago, os mestres tamén recibían a mantenza e mais o lugar onde durmir durante o mes que estaban na escola, o cal remataba cun día de festa. Malia a súa escasa preparación pedagóxica e o limitado da súa cultura, os escolantes ensinaban a ler, escribir e contar aos nenos da zona rural que doutra maneira dificilmente terían a oportunidade de aprender. As escolas de ferrado eran temporais, xa que só funcionaban no inverno -época en que o traballo no campo era menos intenso- e normalmente establecíanse nas cortes, choupanas e ás veces ía o escolante de casa en casa. Os horarios eran de luns ata o sábado e dende as primeiras horas da mañá ata ben entrada a noite. Malia todas estas carencias, subliñadas pola administración escolar e a pedagoxía, as escolas de ferrado cumpriron unha importante función, pois nelas aprendeu a ler e a escribir unha boa parte da poboación rural galega. Este sistema persistía sobre todo nas zonas rurais de Lugo e Ourense.

Os materiais educativos eran escasos e o mestre adoitaba levalos de aldea en aldea. Eran textos escritos á man, que ás veces o propio escolante convertía nun pequeno libro, até que xa no século XX se foron incorporando os libros de texto, fundamentalmente as enciclopedias, as de Álvarez e a de Dalmau; en ocasións tamén empregaban mapas. O alumnado empregaba unha pequena lousa para facer as contas e os primeiros ensaios de escritura e posteriormente escribíase xa en papel.

O ensino era moi básico: contas (para medir e contar o número de leiras), as letras para ler ou escribir os contratos de compra e venda, ditados, e nalgún caso nocións de xeografía. A técnica que usaban para o ensino era moi simple: a repetición; saía un neno ao encerado e os demais copiaban o que el escribía.

  1. Gabriel, Narciso de (2001). Escolantes e escolas de ferrado. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-8302-713-4. 
  2. Narciso de Gabriel, As escolas de ferrado no século XIX nas III Xornadas de Historia de Galicia, Ourense, 1986 páx. 135

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
iOS 2
mac 1
os 58
text 2
todo 2