Esperanto

lingua auxiliar internacional creada por Ludwik Lejzer Zamenhof

O esperanto é unha lingua auxiliar artificial elaborada para servir como lingua internacional para toda a poboación mundial sen substituír as linguas naturais. O esperanto é, actualmente, a lingua artificial máis falada.

Esperanto
Esperanto
Pronuncia:[espe'ɾanto]
Creado por: L. L. Zamenhof1887
Total de falantes: As estimativas varían moito
Categoria (propósito): Lingua auxiliar
Categoria (fontes): Linguas románicas e xermánicas (vocabulario); linguas eslavas (fonoloxía). Lingua aglutinante
Escrita: alfabeto latino con algúns acentos diacríticos
Status oficial
Lingua oficial de: Ningún país, mais é usada como lingua oficial por algunhas organizacións.
Regulado por: Akademio de Esperanto
Códigos de lingua
ISO 639-1: eo
ISO 639-2: epo
ISO 639-3: epo
SIL: ESP
Mapa

Membros de asociacións estatais de esperantistas (2015).
Status

O esperanto é un idioma auxiliar internacional, concibido como segunda lingua de comunicación (despois da lingua nai). A maior parte do seu vocabulario está formado por raíces de linguas modernas de orixe indoeuropea e tamén do latín e o grego clásicos. Pola súa estrutura simplificada e case sen excepcións [1] o esperanto resulta sinxelo de aprender. Polo demais, esta lingua funciona como calquera outra.

A creación dunha lingua artificial tiña como obxectivo que ningún falante fose subordinado ou privilexiado nos necesarios contactos lingüísticos entre individuos de distintas falas, xa que deste xeito ningún posuía a lingua de intercambio como lingua materna. O obxectivo foi crear unha lingua que fose fácil de aprender para calquera persoa.

Historia

editar
 
Primeira edición en inglés de Lingua internacional (1888).

O esperanto foi desenvolvido a finais da década de 1870 e a comezos da década de 1880 polo oftalmólogo xudeu Ludwik Lejzer Zamenhof. Logo de 10 anos de traballo, que Zamenhof pasou traducindo literatura ao idioma, así como escribindo prosa e versos orixinais, a primeira gramática do esperanto foi publicada en Varsovia en xullo de 1887, asinada co nome de Doktoro Esperanto (Doutor Esperanzado).

O primeiro grupo de Esperanto apareceu en Alemaña da man de Leopold Einstein que mantiña correspondencia con Zamenhof e fora o fundador e presidente do club de Volapük de Nürnberg, ata dimitir en febreiro de 1888 por razóns de saúde, da súa man o novo presidente Christian Schmidt, tamén esperantista, levou ao club a mudar en asemblea, celebrada o 18 de decembro de 1888, a súa dedicación cara ao Esperanto[2]. O ano seguinte apareceu a primeira publicación periódica, La Esperantisto, por iniciativa do propio Zamenhof e editado por Christian Schmidt, tiña carácter mensual, mantívose ata 1895 e en 1894 tiña 717 subscritores, o 60% rusos[3].

A cifra de falantes medrou axiña durante as décadas seguintes, nun principio no Imperio ruso e na Europa oriental, logo na Europa occidental, en América, na China e no Xapón. Nos primeiros anos do movemento, os esperantistas mantiñan contacto por correspondencia e por medio de publicacións periódicas, pero en 1905 levouse a cabo o primeiro Congreso Universal de Esperanto, na cidade francesa de Boulogne-sur-Mer. Dende entón, os congresos mundiais organizáronse nos cinco continentes ano tras ano agás durante as dúas Guerras Mundiais.

Distribución xeográfica

editar
 
Bandeira do movemento esperantista

Falantes

editar

As características do esperanto e os obxectivos do movemento esperantista provocaron unha propagación relativamente elevada nos seus comezos, pero a finais dos anos trinta sufriu unha dura freada, debido ás guerras e as represións políticas. É difícil dicir cantos falantes de esperanto hai na actualidade. A maioría das fontes fan referencia a dous millóns de falantes (con maior ou menor nivel de lingua) en todo o mundo. Hai tamén varios centos de falantes nativos, en moitas ocasións nacidos no seo de familias multiculturais cuxa lingua habitual no lar é o esperanto[4]. Cada ano hai centos de novos títulos (tanto traducidos como orixinais) que se publican en esperanto, así como música e ata filmes. Tamén hai un gran número de xornais, revistas e emisoras de radio que transmiten en esperanto.

Internet deulle un novo pulo á lingua, os esperantófonos teñen acceso a foros de discusión, publicacións en liña, blogs, cancións, vídeos que son accesibles tamén á poboación sen coñecemento da lingua. Así, tamén hai moitas organizacións especializadas ou de temática xeral que usan este idioma como lingua de traballo [5]

O esperanto é o que ten máis éxito de todos os idiomas planificados ata o día de hoxe. A finais de 2003, a Universala Esperanto-Asocio (Asociación Universal de Esperanto) tiña 16.978 membros en 111 países do mundo, e o Universala Kongreso (Congreso Universal de Esperanto) usualmente reúne de dous mil a catro mil esperantistas cada ano.

Actualmente, existen institucións internacionais, como a Akademio de Esperanto e a Universala Esperanto-Asocio, que se ocupan da promoción e protección da cultura esperantista.

Galiza

editar
Artigo principal: Movemento esperantista en Vigo.
 
Peche do 32º Congreso Español de Esperanto. Vigo o 20-25 de xullo de 1972.

En Galiza, a principios do século XX, había asociacións esperantistas nas cidades da Coruña, Betanzos, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Vilalba, Foz, Lugo e Vigo; na actualidade só existe unha asociación galega, a Galega Esperanto-Asocio. Da literatura galega foron traducidas integramente ao esperanto Retrincos, de Castelao, traducida por Fernando de Diego[6]; Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas[7], A ferida, de Begoña Paz[8], e Vento ferido, de Carlos Casares[9], traducidas por Suso Moinhos.

Vogais

editar

O esperanto ten cinco vogais. A lingua non fai distinción na lonxitude das vogais e tampouco existen vogais nasalizadas.

Frontal Posterior
pechada i u
Media e o
Aberta a

Hai seis ditongos decrecentes : uj, oj, ej, aj, aŭ, eŭ (/ui, oi, ei, ai, aw, /ew).

Con só cinco vogais, tolérase un alto grao de variación. Por exemplo, /e/ vai dende [e] (e pechado galego) ata [ɛ] (e aberto galego); estas diferenzas case sempre dependen da lingua nai do falante. Aínda que non é contemplado na norma da lingua, algúns falantes articulan un paro glotal [ʔ] entre vogais adxacentes, especialmente se as vogais son as mesmas, como en heroo (heroe) e praavo (bisavó).

Consoantes

editar
Bilabial Labio-
dental
Alveolar Post-
alveolar
Palatal Velar Glotal
Oclusiva p b   t d     k g  
Nasal   m     n        
Vibrante simple       ɾ        
Fricativa   f v s z ʃ ʒ   x   h  
Africada     t͡s   t͡ʃ d͡ʒ      
Aproximante lateral       l        
Aproximante           j w  

Fonoloxía do esperanto

editar

O esperanto ten 5 vogais e 23 consoantes, dúas das cales son semivogais. Non ten tons. Ao igual ca no náhuatl ou o polaco o acento tónico sempre cae na penúltima sílaba, a menos que a vogal final o sexa elidida, o cal adoita acontecer na poesía. Por exemplo, familio (familia) é [fa.mi.ˈli.o], pero famili’ é [fa.mi.ˈli].

Gramática

editar
 
A lingua internacional, coñecido como "O primeiro libro", editado en ruso (1887)

A gramática do esperanto baséase nas coñecidas como 16 regras do esperanto que non teñen excepcións e o seu alfabeto é fonético (a cada son corresponde unha soa letra e viceversa). Posúe unha estrutura moi regular (as mesmas terminacións de palabras para as mesmas partes do discurso, por exemplo, -o para substantivos e -a para adxectivos). O seu carácter aglutinante permite construír de forma sistemática palabras combinando raíces, prefixos e sufixos. Isto implica que, a partir dun número relativamente pequeno de raíces, pódense expresar todos os conceptos posibles, o que acelera a aprendizaxe debida ao reducido vocabulario para memorizar.

Morfoloxía

editar

Ao ser unha lingua artificial, o esperanto non está xenealoxicamente relacionado co idioma dalgún grupo étnico.

Podería ser descrito como "un idioma cuxo léxico é eminentemente latino. Dende un punto de vista morfolóxico, é predominantemente aglutinante, ao punto de ter un carácter un pouco illante".[10] A fonoloxía, gramática, vocabulario e semántica están esencialmente baseadas en linguas indoeuropeas occidentais. A escolma fonémica é eslava, malia ser principalmente románico case todo o vocabulario, cunha achega menor por parte das linguas xermánicas. Os trazos pragmáticos, entre outros, non foron definidos nos documentos orixinais de Zamenhof.

Tipoloxicamente falando, o esperanto é un idioma preposicional e a súa orde por omisión é Suxeito Verbo Obxecto e Adxectivo - Substantivo, aínda que tecnicamente calquera orde é posible grazas aos morfemas que sinalan a función gramatical de cada palabra. Pódense crear novas palabras mediante o uso de afixos:

ĝoja 'contento' - malĝoja 'triste' herbo 'herba' - herbejo 'prado' koko 'galo' - kokido 'pito'

Case a totalidade dos afixos poden ser usados tamén como morfemas con valor léxico. Seguindo os exemplos anteriores:

mala 'contrario, -a'; male - 'pola contra'; la malo - 'o contrario' ejo - 'lugar' ido - descendente, fillo; idaro - descendencia, prole

Desta forma, hai palabras formadas totalmente por afixos, como a xa mencionada idaro, ou aliĝi 'inscribirse', 'anotarse'; ilarujo 'caixa das ferramentas' etc.

Pode ser interesante comparar os sistemas de derivación regular mediante afixos do esperanto cos doutras linguas aglutinantes, como o xaponés:

xaponés esperanto significado
tabemasu, tabemono manĝi, manĝo comer, comida
nomimasu, nomimono trinki, trinko beber, bebida
kimasu, kimono vesti, vesto vestir, vestido/peza de roupa

Léxico

editar
 
Abecedario do esperanto nunha escola infantil de Mazara del Vallo, Sicilia

O vocabulario do Esperanto provén de moitas linguas. Algunhas palabras novas teñen a súa orixe en idiomas non indoeuropeos, coma o xaponés, por ser consideradas internacionais. Con todo, a gran maioría do vocabulario do esperanto procede das linguas romances (principalmente o latín, o italiano e o francés), o alemán e mailo inglés.

Exemplos etimolóxicos

editar
  • do latín e as linguas romances:
    • do latín: abio, sed, tamen, okulo, akvo, vulpo (abeto, pero, non obstante, ollo, auga, raposo)
    • do francés: dimanĉo, fermi, ĉe, frapi, ĉevalo, butiko (domingo, pechar, en, bater, cabalo, tenda)
    • do italiano: ĉielo, fari, voĉo (ceo, facer, voz)
    • do castelán: ĉarlatano (charlatán)
    • do portugués: saŭdado (saudade)
    • de varias: facila, fero, tra, verda (doado, ferro, a través de, verde)
  • das linguas xermánicas:
    • do alemán: baldaŭ, bedaŭri, haŭto, jaro, fraŭlino, nur (cedo, lamentar, pel, ano, señorita, só)
    • do inglés: birdo, mitingo, spite, suno, teamo, ŝi (ave, mitin, a despeito, sol, equipo, ela)
    • de varias: bildo, fiŝo, fremda, grundo, halti, hasti, hundo, ofta, somero, ŝipo, vintro (imaxe, peixe, estranxeiro, chan, parar, bulir, can, frecuente, verán, barco, inverno)
  • das linguas eslavas:
    • do polaco: celo, ĉu, krado, luti, moŝto, piĉo (obxectivo, (partícula interrogativa), reixa, soldar, alteza, cona)
    • do ruso: barakti, serpo, vosto (forcexar, fouciño, rabo)
    • de varias: klopodi, krom, prava (tentar, ademais de, acertado)
  • doutras linguas indoeuropeas:
    • do grego antigo: hepato, kaj, biologio, politiko (fígado, e, bioloxía, política)
    • do lituano: du, ju, tuj (dous, canto máis, inmediatamente)
    • do sánscrito: budho, nirvano (buda, nirvana)
  • das linguas saamis: samea, boaco, jojko (saami, reno, joik -música tradicional lapoa-)
  • das linguas urálicas:
    • do finés: lirli, saŭno (cantaruxar -a auga-, sauna)
    • do húngaro: cinci, ĉako, ĉardo, ĉardaŝo, ĉuro (chiar -os ratos-, gorro alto de uniforme, taberna húngara, chardas, leitada -seme-)
  • das linguas semíticas:
    • do árabe: kadio, kaido (cadí, caíd)
    • do hebreo: kabalo (cábala)
  • doutros idiomas:
    • do xaponés: cunamo, utao, zeno, obio, getao, toŭfuo, sakeo, kakemono (tsunami, uta -composición poética xaponesa-, zen, obi -cinto do quimono-, sandalia xaponesa, tofu, sake, pintura colgante xaponesa)

Criterios para a escolla do vocabulario

editar

Os días da semana están tomados do francés (dimanĉo, lundo, mardo,...), moitos nomes de partes do corpo do latín (hepato, okulo, brako, koro, reno,...), as unidades de tempo do alemán (jaro, monato, tago,...), os nomes de animais e vexetais, en ocasións, dos nomes científicos en latín (fenikoptero, urso, fringilo), aínda que abundan os procedentes das linguas nacionais (muŝo, kokcinelo, hundo, fiŝo).

Pódese inferir o significado de moitas palabras pola súa semellanza con outros idiomas (moito máis detallado no libro Etimologia vortaro de Esperanto, "Dicionario etimolóxico do esperanto", de Ebbe Vilborg)

  • abdiki (abdicar) como en inglés, latín, italiano, galego e castelán.
  • abituriento (bacharel) como en alemán ou ruso.
  • ablativo (ablativo) como en latín, inglés, italiano e castelán, pero tamén é recoñecible por alemáns entendidos en gramática.
  • funto (libra -unidade de peso-) como en polaco, ruso, yiddish e alemán.
  • ŝnuro (corda) como en alemán, polaco e checo.

Ademais, Zamenhof creou coidadosamente unha pequena base de palabras radicais e afixos, a partir da cal é posible formar unha cantidade moito maior de palabras. Grazas a isto, pódese adquirir un alto nivel comunicativo tendo aprendido unha cantidade relativamente pequena de palabras (entre 500 e 2.000 palabras e afixos).

Exemplos de frases

editar
Galego Esperanto AFI
Ola   Saluton [saˈluton]
Si   Jes [jes]
Non   Ne [ne]
Bo día   Bonan matenon [ˈbonan maˈtenon]
Boa noite (á tardiña)   Bonan vesperon [ˈbonan vesˈperon]
Boa noite   Bonan nokton [ˈbonan ˈnokton]
Até logo   Ĝis (la) revido [ˈd͡ʒis (la) reˈvido]
Chámome Marko   Mia nomo estas Marko [ˌmia ˈnomo ˌestas ˈmarko]
Como estás?   Kiel vi fartas? [ˈkiel vi ˈfartas]
Estou ben   Mi fartas bone [mi ˈfartas ˈbone]
Falas esperanto?   Ĉu vi parolas esperante? [t͡ʃu vi paˈrolas espeˈrante]
Ben   Bone [ˈbone]
Grazas   Dankon [ˈdankon]
De nada   Ne dankinde [ˌne danˈkinde]
Por favor   Bonvolu [bonˈvolu]
Desculpe   Pardonu min [parˈdonu ˌmin]
Saúde!   Sanon! [ˈsanon]
Parabéns!   Gratulon [ɡraˈtulon]
Quérote   Mi amas vin [mi ˈamas ˌvin]
Unha cervexa, por favor   Unu bieron, mi petas [ˈunu biˈeron, mi ˈpetas]
Onde está o cuarto de baño?   Kie estas la necesejo? [ˈkie ˈestas la ˌnet͡seˈsejo]
Que é iso?   Kio estas tio? [ˈkio ˈestas ˈtio]
Iso é un can   Tio estas hundo [ˈtio ˈestas ˈhundo]

Cultura

editar
 
A novelista croata Spomenka Štimec

A cultura en esperanto ten tantos anos como ten a lingua. Unha das súas manifestacións máis destacables é a existencia dunha literatura propia, que comeza ao mesmo tempo que en Galiza se desenvolve o Rexurdimento e que chega até hoxe. Destacan, na primeira metade do s. XX, a escola de Budapest, con poetas como Kálmán Kalocsay e Lajos Tárkony; despois das guerras mundiais, a escola escocesa, con William Auld (que foi candidato ao premio Nobel durante varios anos) e Marjorie Boulton, e a xaponesa, con Miyamoto Masao; a partir dos anos 90 desenvolve a súa actividade literaria a escola ibérica, con Jorge Camacho, Miguel Fernández, Miguel Gutiérrez Adúriz (Liven Dek) ou Gonçalo Neves. Alén desta última, no panorama actual cómpre mencionar tamén os escritores Mao Zifu (chinés), Sten Johansson (sueco), Anna Löwenstein (inglesa), Spomenka Štimec (croata), Nicola Ruggiero (italiano), Mikaelo Bronŝtejn (ruso) etc.

 
Barbara Pietrzak, locutora da Radio Polaca na Rede

As emisións internacionais de radio teñen unha grande importancia na cultura esperantista desde os inicios do século XX. Actualmente emiten en esperanto a Radio Internacional da China (con programas diarios dunha hora), Radio Habana Cuba e Radio Vaticana. As emisións da Radio Polonia foron anuladas en 2011 polo goberno do país, pero desde entón o equipo continúa a emitir, en Internet e coa mesma profesionalidade, tres programas semanais de media hora de duración[11]. No pasado houbo outras emisións internacionais en esperanto, como a Radio Suíza Internacional, Radio Corea, Radio Zagreb, Radio Austria Internacional, Radio Estonia, Radio Roma, Radio Río de Xaneiro ou Radio Moscova. Algunhas delas desapareceron ao deixar de existir o bloque comunista. A chegada dos podcasts facilitou o xurdimento de novas radios, como Varsovia Vento. A aplicación Muzaiko permite escoitar varias emisoras en esperanto en dispositivos móbiles.

 
Os cantantes Ĵomart kaj Nataŝa (Uzbekistán/Suecia)

A música é outro elemento destacable da cultura en esperanto. Algúns dos grupos e solistas actuais abranguen estilos moi diversos, como Kajto e Kapriol', que teñen musicado algúns poetas esperantistas cun estilo próximo ao folk, o cantante Martin Wiese (antigo compoñente dos grupos Persone e Amplifiki, Ĵomart kaj Nataŝa (de Uzbekistán, actualmente vivindo en Suecia), a polaca Suzana Kornicka, Asorti, JoMo, o conxunto brasileiro de rock BaRok', o grupo cubano Amindaj, os cataláns de Kaj Tiel Plu, Konga Espero (música do Congo) etc.

 
O director polaco Roman Dobrzyński

Sen apoio oficial, as producións cinematográficas en esperanto son moi escasas. Cabe destacar o filme Angoroj (Angustias, Jacques-Louis Mahé, 1964), os documentais de Roman Dobrzyński ou os feitos pola cooperativa Literatura Foiro. Téñense dobrado algúns filmes ao esperanto, como os húngaros En Eŭropo ie... (Nalgures en Europa, de Géza Radványi, 1947, dobrado en 1987) ou Mefisto (de István Szabó, 1981, dobrado en 1988).

 
A actriz croata Vida Jerman no Congreso Universal de Esperanto en Gotemburgo, 2003

O teatro ve limitada as súas posibilidades pola itinerancia dos grupos, que actúan en festivais e congresos. Isto condiciona, por exemplo, a escenografía, que ha ser transportable e lixeira, e tamén as procedencias dos compoñentes, que para ensaiaren deben preferentemente pertencer a unha mesma cidade ou rexión. Por esta última razón non son raros os actores que frecuentemente optan por monólogos, como as actrices profesionais Vida Jerman (1939-2011), Jadwiga Gibczyńska (1924-2012) ou o actor e cantante Georgo Handzlik. O proxecto da compañía Studio P en Toruń, Polonia, dirixido por Lucyna Sowińska, presenta o interese de seguir os pasos do teatro pobre de Jerzy Grotowski. O grupo Bulgara Esperanto-Teatro, fundado en 1957 e actualmente inactivo, deixou interesantes espectáculos levados a cabo por actores profesionais como Belka Beleva (1927-2012)[12]. No seo da comunidade esperantófona naceu o PIF (Pupteatra Internacia Festivalo, Festival Internacional de Teatro de Monicreques), que cada verán desde 1968 reúne en Zagreb espectáculos de compañías dos cinco continentes, dos cales algúns son en esperanto[13].

Oficialidade

editar

O esperanto non ten status oficial en ningún país; pódese estudar como materia nuns poucos centros oficiais de ensino de todo o mundo[14].

Durante os anos 80 e até o curso 1991-92 ensinouse esperanto no Instituto de Idiomas da Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2018 é posible estudalo no Centro de Idiomas da UNED[15].

 
Facultade de filoloxía moderna da Universidade Adam Mickiewicz

Na Universidade Adam Mickiewicz de Poznań, Polonia, existe o curso de posgraduación Estudos de interlingüística, con duración de tres anos lectivos e con 120 ECTS. As aulas son enteiramente en esperanto, o profesorado e alumnado son internacionais, e os contidos equivalen aos dunha filoloxía do esperanto[16].

A Universidade Eötvös Loránd (ELTE) de Budapest, Hungría, a través do seu centro de linguas ELTE Origó Nyelvi Centrum, realiza exames de esperanto dos niveis B1, B2 e C1 (segundo o MCER), aprobados pola ALTE en 2008. Mediante un acordo coa Asociación Universal de Esperanto (UEA), ditos exames son feitos, ademais de en Hungría, en varios lugares do mundo escollidos pola UEA e aprobados pola ELTE.[17]

Houbo plans de establecer a comezos do século XX o primeiro Estado esperantista en Moresnet, e na efémera illa artificial-estado de Illa das Rosas (en esperanto: Respubliko de la Insulo de la Rozoj) usouse o esperanto como idioma oficial en 1968. Na China, durante a revolución Xinhai de 1911, houbo grupos que consideraron a idea de declarar o esperanto idioma oficial, pero máis tarde esta medida refugouse por insostible.

A Asociación Universal de Esperanto ten relacións oficiais coas Nacións Unidas e a Unesco.

Persecución política

editar

Moitos réximes perseguiron e prohibiron o esperanto durante o século XX.

Adolf Hitler citou no seu libro Mein Kampf o esperanto coma unha lingua que podería ser empregada para a dominación do mundo por unha conspiración xudía internacional.[18] Como resultado desa animadversión, produciuse a persecución dos esperantistas durante o Holocausto[19].

Stalin denunciou o esperanto como "lingua de espías" producíndose execucións de esperantistas na Unión Soviética[20]. Durante as purgas estalinistas, a partir do 1937, moitos esperantistas da URSS foron executados ou enviados aos gulags[21].

O senador estadounidense Joseph McCarthy, coñecido polo seu anticomunismo, considerou o coñecemento do esperanto como "case sinónimo" de simpatía cara ao comunismo.[22]

Durante a Guerra Civil española morreron moitos esperantistas en ambos os lados, principalmente no bando republicano. Nas Brigadas Internacionais había esperantistas procedentes doutros países. Despois da guerra, a cadea, o medo ás persecucións, o exilio de moitos falantes, ou as necesidades materiais, fixeron que o esperanto quedase reducido á esfera privada durante unha década. Só pouco a pouco se foi reorganizando o movemento esperantista. No entanto, os incidentes contra as asociacións e os falantes da lingua, levados a cabo por parte de grupos ou autoridades sucedéronse aínda durante varios anos despois[23].

  1. Wells, John (1978): Lingvistikaj aspektoj de Esperanto. Rotterdam: Universala Esperanto-Asocio.
  2. Korzhenkov, Aleksandr (2009). Zamenhof: The Life, Works and Ideas of the Author of Esperanto. New York: Mondial, p. 20.
  3. Bibliografio de Internacia Lingvo 1929, p. 306
  4. Corsetti, Renato. "A Mother Tongue Spoken Mainly by Fathers", en Language Problems & Language Planning, vol. 29, number 3, 1996, pp. 263-273.
  5. Universala Esperanto-Asocio (2017): Jarlibro 2017. Rotterdam: Universala Esperanto-Asocio.
  6. Rodríguez Castelao, Alfonso (1983): Viveroj. Santiago de Compostela: Universitato de Santiago de Compostela.
  7. Neira Vilas, Xosé (2017): Memoraĵoj de kampara knabo. Nova York: Mondial.
  8. Paz, Begoña (2019): La vundo. Nova York: Mondial.
  9. Casares, Carlos (2019): Vundita vento. Partizánske: Espero.
  10. Blank, Detlev (1985). Akademie-Verlag, ed. Internationale Plansprachen. Eine Einführung ("Linguas planexadas internacionais: Unha introdución"). ISSN 0138-55 X. 
  11. "La ĉefa voĉo de Esperantujo rememoras — Libera Folio". www.liberafolio.org (en esperanto). Consultado o 2019-02-04. 
  12. "Esperanto-teatro". esperanto-teatro.blogspot.com (en esperanto). Consultado o 2019-02-04. 
  13. "NASLOVNICA - Međunarodni festival kazališta lutaka – PIF, International Puppet Theatre Festival – PIF". www.pif.hr. Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2017. Consultado o 2019-02-04. 
  14. "No liceo 38 de Kiev forma parte do currículo escolar". Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2007. Consultado o 08 de agosto de 2009. 
  15. Centro de Idiomas da UNED.
  16. "Interlingvistiko - UAM". interl.amu.edu.pl. Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2019. Consultado o 2019-02-04. 
  17. "ELTE Origó Nyelvi Centrum de la Universitato Eötvös Loránd (ELTE ONYC)". Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2019. Consultado o 04-feb-2019. 
  18. Adolf Hitler (1924). "Mein Kampf". Volume 1, Chapter XI. Arquivado dende o orixinal o 17 de decembro de 2008. Consultado o 21 de setembro de 2008. 
  19. "About ESW and the Holocaust Museum". Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2008. Consultado o 21 de setembro de 2008. 
  20. "Asociación de Esperanto de Irlanda". Arquivado dende o orixinal o 04 de decembro de 2008. Consultado o 21 de setembro de 2008. 
  21. Lins, Ulrich (1990): La danĝera lingvo. Studo pri la persekutoj kontraŭ Esperanto. Moscova: Progreso
  22. "Esperanto - Questions, Answers, Fun Facts, Information". Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2008. Consultado o 21 de setembro de 2008. 
  23. "La utiligado de esperanto dum la hispana intercivitana milito". www.nodo50.org. Consultado o 2019-02-04. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Idea 2
idea 2
Intern 24
iOS 11
mac 3
multimedia 1
OOP 1
os 223
todo 7