Estraperlo
O termo estraperlo é usado en España para se referir a un comercio ilegal de bens sometidos a algún tipo de imposto ou taxa polo Estado.[1] Por extensión, é unha actividade irregular ou intriga dalgún tipo e úsase, de xeito coloquial, como sinónimo de mercado negro poidendo ser de pouca relevancia ou "menudeo" ou de gran tamaño. A partir do escándalo na década de 1930, a palabra estraperlo quedou como sinónimo de chanchullo, intriga ou negocio fraudulento. Así, por extensión, denominouse tamén estraperlo, durante a posguerra española, ao comercio ilegal (mercado negro)[2] dos artigos intervidos polo Estado ou suxeitos a racionamento (decretado polo réxime de Franco desde 1936 até 1952),[3] recibindo o apelativo de «estraperlistas» os que se dedicaban a tal comercio.
A orixe da palabra reside no acrónimo dos nomes dos empresarios socios que tentaron introducir un xogo de ruleta eléctrica nun momento, na Segunda República española, no que o xogo estaba prohibido. Inicialmente, conseguiron unha primeira licenza a cambio duns pagamentos ilegais ou subornos a membros do Partido Radical, pero os problemas posteriores provocaron unha denuncia que fixo estourar un escándalo político que afundiu ao Partido Radical e levou a unha convocatoria de eleccións que gañaría a Fronte Popular.
O "escándalo do estraperlo"
editarO escándalo do estraperlo, foi un escándalo político sucedido na Segunda República Española, como consecuencia da introdución dun xogo de ruleta eléctrica de marca «Stra-Perlo», acrónimo derivado dos apelidos dos socios no negocio.
A orixe do nome
editarAínda que os xogos de azar –especialmente a ruleta– estaban prohibidos en España, así como na maioría de países europeos. Con todo, na década dos 30, popularizáronse numerosos modelos de pseudorruletas, que funcionaban alegremente nos grandes casinos de todo o continente. Daquela, dous empresarios de orixe nerlandesa[4] (outros autores, como Townson, opinan que alemá)[5] aínda que os dous con pasaporte mexicano, Daniel Strauss (que ademais falaba español) e Jules Perlowitz[6]
Non hai un acordo total sobre a orixe do nome pois mentres hai autores como Coromines que defende a teoría de que o nome de Estraperlo provén das letras dos apelidos dos socios dependendo da participación no capital da empresa e así estaría formado por Stra (de Strauss), per (de Perlowitz), lo (de Lowann, o apelido da muller de Strauss),[7] e que Lowann era un terceiro socio;[8] porén, hoxe en día, a opinión maioritaria está con Preston que defende que se formaría da suma dos apelidos dos dous primeiros socios exclusivamente,[9] opinión apoiada por varios autores ao se referir a unha estafa con ruleta eléctrica con trampa, inventada polos socios Strauss e Perl, a «Stra-Perl»®.[10]
O escándalo
editarOs dous socios intentaron introduci-la ruleta en varios lugares comezando pola Haia (polo que foron expulsados dos Países Baixos) e fracasaron tamén nos casinos de Ostende e Niza polo que volveron a súa atención cara a España. Intentárono no casino de Sitges, pero no consguiron o permiso da Generalitat.[4]
No entanto, en Madrid, o goberno estaba formado por unha alianza de partidos de centro-dereita, e varios membros do Partido Radical mostráronse moi receptivos co proxecto do straperlo. Ao longo do mes de xuño de 1934, os empresarios e os políticos chegaron a un acordo económico para explotalo no casino de San Sebastián (Guipúscoa). Varios personaxes na órbita do Partido Radical farían valer as súas influencias para consegui-la autorización, a cambio dunha porcentaxe no negocio. Segundo a versión de Strauss, Alejandro Lerroux (líder do Partido Radical) recibiría o 25 % dos beneficios; Joan Pich i Pon, un 10 %; Aurelio Lerroux (sobriño de Alejandro Lerroux), Miguel Galante e o xornalista Santiago Vinardell, un 5 %. Ademais, para se aseguraren a cooperación do ministro da Gobernación Rafael Salazar Alonso, Joan Pich i Pon comprometeuse a facerlle chegar un suborno de 100.000 pesetas, e outro suborno de 50.000 pesetas para o director xeral de Seguridade, José Valdivia e Garci-Borrón.
O xogo foi prohibido pola policía tras demostrarse que era fraudulento (pois a roda controlábase mediante un botón e, por tanto, a banca gañaba sempre que o desexaba), o que non impediu que funcionase tamén no Hotel Formentor (Mallorca), onde logo tamén foi clausurado.
O «escándalo do estraperlo» saíu á luz pública en outubro de 1935, por mor da denuncia que presentou Daniel Strauss ao presidente da República Niceto Alcalá Zamora na que esixía unha «indemnización» polos gastos de instalación do xogo coñecido popularmente como «estraperlo» nos casinos de San Sebastián e Formentor e polos subornos que dicía pagar a políticos do Partido Republicano Radical e a «familiares e amigos» do seu líder Alejandro Lerroux.
Alcalá Zamora recibiu o informe completo con toda a trama de corrupción que lle enviou Strauss a principios de setembro de 1935 e ensinoullo a Lerroux, que entón era o presidente do goberno, pero este non lle deu importancia e, ao parecer, díxolle que sería moi difícil probar os seus presuntos contactos con Strauss.[11] Trala crise de goberno que se produciu a mediados de setembro en que Lerroux renunciou a seguir encabezándoo (segundo o historiador Gabriel Jackson porque Alcalá Zamora obrigouno a dimitir ao coñecer o informe de Strauss) o presidente da República a comezos de outubro trasladou a denuncia ao novo goberno radical-cedista presidido por Joaquín Chapaprieta, no que Lerroux era ministro, e obrigou a que o caso fose debatido nas Cortes, onde se formou unha comisión parlamentaria.[12] O ditame da mesma sinalou que existiran actuacións «que non se axustaron á austeridade e á ética que na xestión dos negocios públicos suponse». O 28 de outubro de 1935 as Cortes votaron a culpabilidade dos acusados pola comisión (agás Salazar Alonso, exministro da Gobernación que foi quen asinou o permiso), todos eles destacados membros do Partido Radical: Emiliano Iglesias, Joan Pich i Pon, Sigfrido Blasco-Ibáñez, Aurelio Lerroux e Eduardo Benzo (subsecretario do Ministerio da Gobernación que xestionara o permiso).
Ao día seguinte, Alejandro Lerroux tivo que abandona-lo goberno porque aínda que, en palabras de Gil Pecharromán, "o escándalo (era) pouco importante en si mesmo, puxo de relevo a existencia dun certo grao de corrupción entre os cadros do Partido Republicano Radical".[13] Porén, Townson, mantén que este caso de corrupción, xunto co que estalou pouco despois, o denominado escándalo Nombela (que el prefire chamar "escándalo Tayá"), supuxo a caída do Partido Radical e a convocatoria das eleccións xerais de febreiro de 1936,[5] que puxeron fin ao denominado «bienio conservador» ao seren gañada pola Fronte Popular.
Xeneralización do termo
editarA partir deste escándalo a palabra "estraperlo" quedou como sinónimo de extorsión, intriga ou negocio fraudulento. Así, por extensión, na posguerra española, o comercio ilegal (mercado negro) de artigos incautados polo Estado ou suxeitos a racionamento (decretado polo franquismo de 1936 a 1952) foi tamén denominado mercado negro, recibindo o nome de "estraperlistas" os que se dedicaban a ese comercio.
Notas
editar- ↑ "Estraperlo". digalego.xunta.gal. Consultado o 4-6-2020.
- ↑ Tudela, Ana (2-4-2009). "Hambre, cartilla y estraperlo: España no come escrúpulos". publico.es (en castelán). Consultado o 9-6-2020.
- ↑ Torres Fabra (2005), p. 49 e ss
- ↑ 4,0 4,1 Tarín, Santiago (12-8-2019). "El escándalo del estraperlo". lavanguardia.com (en castelán). Consultado o 9-6-2020.
- ↑ 5,0 5,1 Townson (2000), p. 31
- ↑ "Korruption erschüttert Mallorca: Und das schon vor über 80 Jahren". mallorcamagazin.com (en alemán). 3-1-2015. Consultado o 4-6-2020.
- ↑ Corominas (1954), p. 445
- ↑ Van den Brule, Álvaro (17-5-2014). "El estraperlo, una estafa colosal". elconfidencial.com (en castelán). Consultado o 9-6-2020.
- ↑ Preston (2013), p. 112
- ↑ Nieto Sánchez (2016) p. 48
- ↑ Casanova (2007), pp. 148–149
- ↑ Jackson (1976), p. 167
- ↑ Gil Pecharromán (1997), pp. 97-98
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Casanova, Julián (2007). República y Guerra Civil (en castelán). (Vol. 8 da Historia de España, dirixida por Josep Fontana e Ramón Villares). Barcelona: Crítica/Marcial Pons. ISBN 978-84-8432-878-0.
- Corominas, Joan (1954). "Estraperlo". Diccionario crítico etimológico de la lengua castellana (en castelán). (edición de Gredos -1999- ISBN 9788424913618). Berna: Francke. ISBN 9788424913618.
- Jackson, Gabriel (1976). La República Española y la Guerra Civil, 1931-1939 (en castelán). Barcelona: Crítica. ISBN 84-7423-006-3.
- Gil Pecharromán, Julio (1997). La Segunda República. Esperanzas y frustraciones. (en castelán). Madrid: Historia 16. ISBN 84-7679-319-7.
- Nieto Sánchez, José A. (2016). Historia del Rastro. III: De la Guerra Civil al siglo XXI (en castelán). Madrid: Vision Libros. ISBN 9788416284627.
- Preston, Paul (2013). The Spanish Holocaust: Inquisition and Extermination in Twentieth-Century Spain (en inglés). Londres: HarperCollins. ISBN 978-0-00-638695-7.
- Roglan, Joaquim (2006). 14 d'abril: la Catalunya republicana (1931-1939) (en catalán). Valls: Cossetània Edicions. ISBN 9788497912037.
- Torres Fabra, Ricard Camil (2005). Autarquia i estraperlo: L'economia en un espai rural del País Valencià durant el franquisme (en catalán). Valencia: Universidade de Valencia.
- Townson, Nigel (xullo-decembro 2000). "La ruptura de un consenso: los escándalos «Straperlo» y «Tayá»". Historia y política (en castelán) (4): 31–42. ISSN 1575-0361.