Para os tecidos estromáticos ou estromas de distintos órganos véxase Estroma (tecidos).

O estroma do cloroplasto é a matriz fluída incolora interna que está no interior dos cloroplastos (e outros plastos) no espazo que encerra a membrana interna do orgánulo.[1]

Esquema dun cloroplasto.

O líquido do estroma baña os tilacoides que enchen o interior do cloroplasto. Nos tilacoides ten lugar a fase luminosa da fotosíntese e no estroma a fase escura.[2][3]

Aínda que o estroma non participa na fase luminosa, si ten unha participación indirecta nela, xa que os protóns que as plastoquinonas e o citocromo b6f introducen nos tilacoides proceden do estroma, e a ferredoxina-NADP+ redutase e o NADPH producido por esta última están na parte estromática da membrana tilacoidal, e a ATP sintase tilacoidal asoma ao estroma, producindo o ATP no lado estromático. O pH do estroma é bastante máis básico ca o dos tilacoides durante a fase luminosa.

Pero a misión máis específica do estroma na fotosíntese é realizar a fase escura, xa que nel están o encima rubisco, que realiza a fixación do CO2, e os demais encimas do ciclo de Calvin, que producen os azucres que son o produto final da fotosíntese.

No estroma encóntrase o ADN cloroplástico, ARN, ribosomas, proteínas, ións e diversos metabolitos, e nel almacénanse gránulos de amidón, onde se almacenan as moléclas de glicosa formadas na fotosíntese. No estroma teñen lugar a tradución dalgunhas das proteínas cloroplásticas (aínda que moitas outras proceden do citosol), e a transcrición do seu ADN e a replicación do seu ADN circular. Entre as rutas bioquímicas que teñen lugar no estroma dos cloroplastos das plantas podemos salientar a síntese dos ácidos graxos da planta.[1]

O estroma deriva do citosol das antigas bacterias que deron orixe ao cloroplasto por endosimbiose, pero actualmente é moi diferente del.

  1. 1,0 1,1 Bruce Alberts et al. Biología Molecular de la Célula. Omega. 1986. Páxinas 547, 559. ISBN 84-282-0752-6
  2. Campbell, Neil A.; Brad Williamson; Robin J. Heyden (2006). Pearson Prentice Hall, ed. Biology: Exploring Life. Boston, Massachusetts. ISBN 978-0-13-250882-7. 
  3. Kramer & Scott Cell Concept iv. 80 1979
  NODES
INTERN 2
todo 1