Exposición Rexional Galega
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
As Exposicións Rexionais Galegas foron unha serie de certames levados a cabo en Galicia desde finais do século XIX até ben entrado o século XX. Tratábanse de certames de diversos tipos: agrícola, literario, artístico (pintura, escultura, arquitectura etc.), industrial, gastronómico etc.
Fronte ao urbanismo no resto da Península Ibérica, en Galicia a situación era dun atraso económico e técnico, como se pode apreciar no minifundismo, na ignorancia do labrego e no corte tradicional da industria. Con todo, coas innovacións alcanzadas nas Exposicións Universais (como a de Londres en 1851) e coa incipiente burguesía galega, conseguiuse motivar a industria e a economía, así como o interese por movementos científicos e artísticos.
Así, aparecen estas exposicións galegas, promovidas pola revista da Sociedade Económica de Amigos do País e o xornal La Esposición Compostelana. Seguindo o modelo de distintos certames que tiveron lugar en España e no estranxeiro, pretendían avaliar o alcance e a competitividade dos produtos galegos, e tamén estimular a cultura, a agricultura e a industria.[1]
A actividade da comisión mixta
editarComo núcleo organizativo estaba a comisión mixta, formada por representantes do concello e da Sociedade Económica de Amigos do País, cuxa tarefa era promocionar a exposición. Ademais, tamén era importante reclamar unha atención na sociedade e conseguir a súa adhesión (incluso se conseguiu alcanzar a adhesión da Igrexa). Para isto, contaron coa axuda do xa citado periódico La Esposición Compostelana.
Canto a súa actividade, materialízase a súa actuación na elaboración do programa dos certames, na busca dun local para as mostras e a forma máis pertinente de xuntar os obxectos expostos.
Existían dúas liñas fundamentais de actuación da comisión: a implicación colaboracionista de determinadas entidades oficiais, e facelas partícipes de solucións, ao atribuírenlles certa capacidade de decisión. Entre as entidades oficiais, destaca o empeño da Deputación provincial de Pontevedra para solicitar cartos do Goberno.
As exposicións
editarEscolas de Artes e Oficios
editarAs Escolas de Artes e Oficios eran unhas institucións educativas dedicadas á ensinanza das artes aplicadas e dos oficios artísticos que constituían un tipo de formación profesional no ámbito das actividades artesanais e artísticas. O seu obxectivo primordial consistía na formación técnica do obreiro ou artesán, e/ou perfeccionamento dun oficio. Nalgúns centros de Galicia, tamén eran obxectivos espertar o espírito de empresa e lograr a igualdade de clases.
Estes centros de educación técnica xorden en Galicia a finais do século XIX, e a súa creación débese a iniciativas oficiais (Escolas de Artes e Oficios) ou a iniciativas privadas (Sociedades Económicas de Amigos do País). En Galicia hai exemplos de todas elas: de iniciativa estatal, a de Santiago de Compostela; dunha sociedade privada de artesáns, a de Vigo; da Sociedade Económica de Amigos do País, a de Pontevedra etc.
Para facer unha relación entre as Exposicións Rexionais e as Escolas de Artes e Oficios temos de falar das excursións escolares. Como actividades didácticas e pedagóxicas –coa influencia da Institución Libre de Enseñanza–, realizáronse múltiples excursións, nas cales se asistía a diferentes exposicións.
Dentro da participación destas Escolas nas Exposicións, no ámbito galego, destaca a Escola de Artes e Oficios de Santiago (recibe o Premio de Honor en 1906), así como a Escola de Vigo, a cal tivo un papel destacado na Exposición de Arte Galega de 1924.
As Exposicións servíronlles ás Escolas para múltiples fins: dar a coñecer obras de profesores e alumnos, estudar novas tendencias, novas metodoloxías de ensinanza, entrar en contacto coas innovacións industriais, pór en manifesto a relación entre arte e industria etc.
Existía un extraordinario medio educativo con diversos obxectivos, entre os cales destacan os sociais (intercambio de experiencias, coñecemento do medio, colaboración etc.), lingüísticos (incremento do vocabulario, coñecemento doutras linguas...) e artísticos (fomento da creatividade, perfeccionamento do debuxo e da pintura…). A tarefa final dos alumnos era preparar unha memoria individual de todo o aprendido.
É importante citar que en época republicana introdúcese a coeducación, e as alumnas xa poden acudir ás excursións.
Estas excursións escolares produciron uns efectos positivos importantes na educación: modernización do currículo, dos programas de estudos e da metodoloxía.
Exposición de 1858
editarA celebración desta exposición debeuse á iniciativa que levou a cabo a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. O seu director, Antonio Casares, propuxo unha exposición pública, agrícola, industrial e artística, coa contribución económica do Concello. Esta proposta aprobouse e constituíuse unha comisión para a elaboración dos plans do Certame, o cal sería financiado polo Concello.
Os obxectivos principais da Exposición foron, en primeiro lugar, a necesidade de pór en relación directa aos propietarios e fabricantes para comparar o nivel dos seus traballo, da súa experiencia e coñecementos. Ademais, sería unha oportunidade para dar a coñecer a riqueza e variedade do seu solo e fomentar a formación de novas empresas. O encargado de divulgar estas propostas foi o xornal La Esposición Compostelana.
Para Domingo Gorostola, a Exposición serviría como medio para a comprobación dos recursos de Galicia para saír do seu atraso e incultura.
Para levar a cabo esta Exposición, foi necesaria a constitución da xa citada comisión mixta.
Co esforzo de todas as institucións implicadas, o certame rexional tivo lugar do 24 ao 27 de xullo de 1858. Esta Exposición constituía unha mostra do nivel de produción dos sectores primario, secundario e das Belas Artes. A intención do Concurso era a de «reunir nel mostras non só producidas en Galicia, senón tamén do que cría e utiliza nos seus vales e montes».[2]
No desenvolvemento da Exposición, interviron tamén unha serie de condicionamentos estruturais vixentes no campo galego. En primeiro lugar, a falta dunha rede viaria aceptábel, o que encarecía o transporte de mercancías. No sector primario, a subdivisión da propiedade en innumerábeis arrendatarios obstaculizaba a concorrencia masiva á Exposición. Tamén o carácter fraccionado das industrias fixo que se regulase a presenza do sector secundario no Certame.
Finalmente, a Exposición volveu abrirse ao público o día 9 de setembro, con motivo da visita da raíña Isabel II á cidade.
Exposición de 1880
editar- Artigo principal: Exposición Rexional de 1880.
A Exposición Rexional de 1880 celebrouse en Pontevedra. Foi promovida polo gobernador civil Filiberto Abelardo Díaz e desenvolvida na casa consistorial, inaugurada nese mesmo ano, concretamente no convento de San Bartolomeu (edificio que fora usado como instituto e que por entón acollía o hospicio) e na Alameda. A Exposición foi visitada por unhas 16000 persoas.
Dentro da Exposición, houbo mostras de gastronomía –instaláronse fábricas de cervexa, chocolate, queixos etc.–, curtidos, cerámica e olaría, tecidos e ferramentas. Tamén hai que destacar a orfebrería de Santiago de Compostela e o encaixe de Camariñas e Noia, así como as miniaturas, gravados e traballos tipográficos.
Ademais dun certame musical, é importante destacar a celebración dun certame literario, onde destacan Montero Ríos, Curros Enríquez e Luís Rodríguez Seoane como xurados. Dentro dos vencedores do certame, destacan Jesús Muruais, por un himno a Galicia, e Andrés Muruais, por unha oda a Pontevedra.
Exposición de 1909
editar- Artigo principal: Exposición Rexional de 1909.
O 24 de xullo de 1909, o rei Afonso XIII inauguraba en Santiago a Exposición Rexional Galega, pola que haberían de pasar máis de 50.000 visitantes (concretamente, uns 53.775), o dobre da poboación que naqueles días tiña a cidade. O acto de inauguración do certame foi todo un acontecemento social para a comunidade galega en xeral. O xornal local El Eco de Santiago publicou un número extraordinario o 25 de xullo en homenaxe á exposición, co cartel oficial desta.
Xa tiveran lugar dúas importantes exposicións en 1858 e 1875 na cidade de Santiago, mais ningunha tivo tan gran repercusión como a que se celebrou en 1909, coincidindo co Ano Santo Xacobeo, entre os meses de xullo e novembro.
Aínda que foi levada a cabo con diñeiro público, contou con moitos respaldos, como o do cardeal Martín de Herrera, e por subvencións do Estado e do Goberno e, especialmente, do ministro de Fomento, que proporcionou instalacións propias.
Aínda que supuxo unha considerable perda económica, foi un éxito en público e actividades. Ademais de para expoñer e fomentar a industria, o comercio, a arte e a historia de Galicia, o evento tamén serviu de aliciente urbanístico, pois estimulou o desenvolvemento posterior de Santiago.
Os participantes agrupábanse en tres grupos segundo a súa procedencia: en primeiro lugar, os galegos, que foron os máis numerosos e diversos; en segundo lugar, os do resto de España, principalmente cataláns, e por último, os estranxeiros, case todos latinoamericanos e estreitamente relacionados coa emigración galega.
Convocáronse unha serie de congresos e concursos para fomentar a participación e as visitas: Congreso de Emigración, Médico, de Primera Enseñanza, de Prensa Rexional… Concurso de Carteis, hípico e rexional de gando.
Hai que resaltar a importancia da Universidade de Santiago, que proporcionou unha selección de fondos bibliográficos e documentais para a exposición.
De seguro que esta exposición serviu de impulso para os incipientes cambios tecnolóxicos que tamén se estaban a desenvolver en Galicia e que tanto darían de si desde entón; xa se podía comprobar durante o transcurso da exposición como os produtos industriais gañaban terreo verbo dos agrícolas.
A Exposición de 1909 contou cun himno oficial en castelán de autores composteláns, Juan Barcia Caballero é o autor da letra e Santiago Tafall Abad da música:
Cantemos al trabajo |
Como en ella nuestro Apóstol |
Exposicións nacionais e universais
editarAo elevado número de exposicións que se dan en Galicia (e España) no século XIX a nivel rexional e provincial, pódeselles aplicar o comentario que mereceu a Grande Exposición Universal de Londres de 1851, exemplo do progreso humano. Esta exposición deixou patente a potencialidade do Estado británico no resto do mundo. Quizais, a característica máis sobresaínte foi a de servir como laboratorio ou experimento dos cambios urbanos que se ían dar nas grandes capitais europeas coa aparición dos primeiros ensanches contemporáneos.
Tamén foi importante a Exposition Universelle de 1889, simbolizada na súa emblemática Torre Eiffel. Sobre esta exposición, a autora galega Emilia Pardo Bazán deixou constancia do
“progreso general muy efectivo, aunque lento y casi insensible, en las naciones atrasadas (…). Pero eso no tingue España por su exhibición industrial. Caldos, aceites, chocolates…; en eso sí nos llevamos la palma (…). Pero eso no es industria: lo brinda la propia naturaleza, lo regalan el sol, el aire y la rutina laboriosa de una raza agrícola por excelencia.”
Outras influencias para as Exposicións galegas foron as celebradas en España, a nivel nacional e internacional, aínda que a tardanza de aparición dunha convocatoria internacional de certame expositivo é un dos síntomas da pouca integración que España tiña no comercio europeo e, polo tanto, do seu atraso industrial en relación directa con estados como Francia ou Inglaterra.
Así, aparece a Exposición Universal de Barcelona de 1888, como vehículo de propaganda da cidade, propaganda da burguesía catalá, propaganda da festa da cidade.
Máis tarde, a seguinte Exposición Internacional foi a de Zaragoza en 1908, sendo precedente moi importante para os organizadores da Exposición Rexional Galega de 1909, así como da exposición celebrada ese mesmo ano na cidade de Valencia.
Outras exposicións
editarAdemais das xa desenvolvidas anteriormente, leváronse a cabo outras exposicións de carácter rexional, como a Exposición Rexional e Industrial e Artística de Galicia de Santiago de Compostela en 1875, a Exposición de Lugo de 1877, que contou cun certame literario, a Exposición Rexional de Lugo en 1896, a Exposición Rexional de Arte Galega de 1917 celebrada na Coruña ou a Exposición Rexional de Belas Artes de 1923.
Exposición de Lugo de 1877
editarO certame literario dividíase en dous grupos. No primeiro, os temas a tratar eran o estudo histórico sobre o privilexio da catedral de Lugo; os escritos de Juan Francisco de Castro; estudos sobre poesía, música e baile galegos; e lendas, novelas e dramas da tradición galega. O segundo grupo centrouse na realización de memorias de temas como as reformas dos cultivos, os viños da comarca, a importancia da piscicultura ou as augas minerais de Galicia.
Para cada un dos puntos expresados habería un premio (pluma, lirio, medallas...), un accésit (exemplares das obras premiadas) e mencións honoríficas (diplomas). As obras debían estar escritas en castelán, agás as relativas ás lendas e novelas da tradición galega, que poderían ser escritas en galego. O xurado consideraría como defecto capital as composición que presentasen ofensas á relixión do Estado e á moral, ou tendesen á excitación de certas ideoloxías políticas.
O papel da muller nas Bellas Artes
editarComo artista, tampoco tiene recursos la mujer española. La costumbre y su falta de conocimientos le cierran las puertas de la arquitectura y la escultura; como pintora, hace algunas copias, pinta abanicos, cajas o loza; pero sus obras, de escaso mérito, puede decirse que son una rara excepción, porque la regla general es que las de esta clase las hacen los hombres.Concepción Arenal, 1895
Ao longo da historia da arte galega, as mulleres, aínda que formaron parte da produción artística, foron protagonistas “invisíbeis”. Na ideoloxía da época, o papel da muller consistía en ser nai, esposa ou encargada do fogar.
Ademais, son escasos os estudos historiográficos da muller pintora, sen ter en conta a súa colaboración na evolución artística das vangardas.
Como xa puxeron de manifesto autores como Manuel Murguía, as posibilidades de que a muller aspirase a unha vida laboral artística eran escasas. É por iso que, ante a dificultade da muller cara a súa incorporación ás Belas Artes, aparecen institucións como a Sociedade Económica de Santiago de Compostela (1784) e a Academia provincial de Belas Artes da Coruña, así como outras Escolas de Artes e Oficios.
Se les enseñará con preferencia el dibujo de adorno, como más necesario a las labores de su sexo, quedando no obstante en libertad la que quiera dedicarse al dibujo natural previo consentimiento de sus padres o encargados.
Por outra parte, algunhas mulleres tamén optaron pola ensinanza particular, como foi o caso de Carmen Babiano, Elina Molíns, María Corredoira, Elvira Santiso e Lolita Díaz Baliño.
Hai que ter en conta que todas estas mulleres tiveron que renunciar a unha vida familiar para poder exercer a súa vocación. Ademais, non é de pouca importancia, o feito de que pertencían a unha clase media burguesa.
Ao longo da segunda metade do século XIX e primeiros anos do século XX vanse desenvolver en Galicia unhas exposicións de carácter provincial e rexional, nas cales a porcentaxe de participación feminina apenas superará o 9 %.
Algunhas precursoras da pintura galega que se dan a coñecer nas Exposicións Rexionais de arte no século XIX son as seguintes[4]:
- Exposición rexional galega de Santiago de 1858: Genoveva de A. Rodríguez
- Exposición rexional de Santiago de 1875: 7 mulleres participantes
- Exposición rexional de Lugo de 1877: 5 mulleres participantes
- Exposición rexional de Pontevedra de 1880: Carmen Babiano
- Exposición rexional de Lugo de 1896: 15 mulleres participantes
Entre as participantes das Exposicións Rexionais do século XX encontramos nomes como os xa citados de Carmen Babiano, Elina Molíns, Elvira Santiso, Lolita Díaz Baliño e María del Carmen Corredoira. Outras das participantes son Oria García Ramírez, Elena Olmos Mesa e Concha Vázquez.
Notas
editar- ↑ Barral Martínez, Margarita (3/4/2015). "A Exposición Rexional de 1909 como medio de educación social: tendencia europea, rexeneración española e identidade galega" Murguía.
- ↑ "«Sesión de Esposición». La Esposición Compostelana, n.º 3, 16 de maio de 1858". Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2020. Consultado o 18 de marzo de 2020.
- ↑ "Aquella Compostela de 1909" El Correo Gallego, 9/9/2009 (en castelán).
- ↑ "Mulleres pintoras na arte galega" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de abril de 2017. Consultado o 16 de abril de 2017.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- VV.AA. (2010). Exposición Galega de 1909. Conmemoración do 1º Centenario. Exposición Regional Gallega. Santiago 1909. Museo do Pobo Galego / Consorcio de Santiago / IEGPS. p. 346. ISBN 978-84-934415-8-6.
- Alvarellos Casas, Henrique (2009). Santiago, 1909. Centenario da Exposición Rexional Galega. Limiar de Margarita Barral. Alvarellos Editora / Consorcio de Santiago. p. 138. ISBN 978-84-89323-33-9.
- Durán Rodríguez, Mª Dolores (2012). Las Exposiciones Universales y Regionales como recurso didáctico en las Escuelas de Artes y Oficios (1886-1939) (PDF). Sarmiento (en castelán). pp. 143–166. ISSN 1138-5863.
- Fernández Casanova, María del Carmen (1982). La Exposición Regional de Santiago de 1858 (PDF). Revista de Historia Contemporánea (en castelán) (Universidad de Sevilla). pp. 108–137. ISSN 0212-4416.
- Pereira Bueno, Fernando (24-7-2009). "Mulleres pintoras na arte galega (segunda metade do século XIX e primeiro terzo do século XX). Unha historia de invisibilidade" (PDF). CCG, Comisión de Igualdade. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17-04-2017. Consultado o 16-04-2017.
Ligazóns externas
editar- Centenario exposición 1909Arquivado 8 de marzo de 2016 en Wayback Machine. El Correo Gallego.
- Alvarellos, Quique (24 de abril de 2016). "O poder emigrante da exposición de 1909". La Voz de Galicia.