Vina Fay Wray, nada en Alberta o 15 de setembro de 1907 e finada en Nova York o 8 de agosto de 2004, foi unha actriz canadense que desenvolveu a súa carreira nos Estados Unidos e adquiriu recoñecemento internacional pola súa interpretación do papel principal de King Kong (1933).[1] Destacou como actriz en filmes de terror que lle valeron o alcume de «A Raíña do Berro».[2]

Modelo:BiografíaFay Wray

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento15 de setembro de 1907 Editar o valor en Wikidata
Cardston, Canadá Editar o valor en Wikidata
Morte8 de agosto de 2004 Editar o valor en Wikidata (96 anos)
Manhattan (Estados Unidos de América) Editar o valor en Wikidata
Causa da mortedoenza Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio Hollywood Forever Editar o valor en Wikidata
EducaciónEscola Preparatoria de Hollywood Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoActuación cinematográfica Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónactriz de cinema, actriz de televisión, actriz, guionista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1923 Editar o valor en Wikidata -
Partido políticoPartido Republicano Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeRobert Riskin (1942–1955)
John Monk Saunders (1928–1939) Editar o valor en Wikidata
PaisJoseph Heber Wray Editar o valor en Wikidata  e Elvira Marguerite Jones Editar o valor en Wikidata
Premios

IMDB: nm0942039 Allocine: 2297 Allmovie: p77568 50836 TV.com: people/fay-wray IBDB: 65684
BNE: XX1065172 Musicbrainz: 8ea20d72-09f3-40b1-9412-bfd86a376baf WikiTree: Wray-688 Find a Grave: 9294827 Editar o valor en Wikidata

Despois de lograr breves papeis cinematográficos, gañou a atención da prensa pública cando foi seleccionada como unha das WAMPAS Baby Stars.[3] Isto levou a que Wray fose contratada por Paramount Pictures, coa que realizou máis dunha ducia de filmes, entre eles The Wedding March (1928), o seu primeiro papel como protagonista.

Despois de abandonar a Paramount, asinou contratos con diferentes compañías cinematográficas que inicialmente a lanzaron como actriz de filmes de terror; durante esa etapa, destacou polas súas interpretacións en The Bowery (1933) e Viva Villa! (1934), ambas protagonizadas por Wallace Beery.[4]

Para RKO Radio Pictures, protagonizou o seu filme máis representativo, King Kong.[4] Tralo éxito deste, Wray apareceu no cinema e na televisión con personaxes importantes ata a súa retirada definitiva como actriz en 1980. En total participou en preto de 100 filmes, tanto mudos como sonoros.

Traxectoria

editar

Infancia e mocidade

editar

A familia de Wray tiña orixes mormoas e era descendente do colono William Pynchon, fundador da cidade de Springfield, Massachusetts.[5][6] Naceu nun rancho próximo a Cardston, Alberta, no Canadá,[1] cuarta dos seis fillos de Joseph Heber Wray (1861-1930), proveniente de Kingston upon Hull, Yorkshire, e Elvina Marguerite Jones (1870-1938), orixinaria de Salt Lake City, Utah.[7] A súa familia regresou aos Estados Unidos cando Fay contaba con tres anos e trasladouse a Salt Lake City en 1912,[8] e posteriormente a Lark, Utah, en 1914.[9] En 1919, cando os seus pais se separaron,[1] Fay e os seus irmáns volveron coa súa nai a Salt Lake City debido á epidemia de gripe estendida a fianis da primeira guerra mundial que lle custou a vida a unha das irmás de Fay en 1918.[10] Máis tarde trasladáronse a California, onde Fay asistiu á Hollywood High School.[1]

Comezos da carreira

editar

En 1923, Wray apareceu no seu primeiro filme cando debutou con apenas dezaseis anos nunha curtametraxe histórica patrocinada por un xornal local.[8] Ao longo da década de 1920, conseguiu o papel principal no filme mudo The Coast Patrol (1925)[11] así como outros breves traballos para os estudos de Hal Roach,[10] en que permaneceu seis meses (despois de traballar brevemente cos estudos Century).[12]

En 1926, a Western Association of Motion Picture Advertisers, unha organización estadounidense de cinema, seleccionou a Wray como unha das WAMPAS Baby Stars,[3] un grupo de mulleres escollidas por seren as máis prometedoras do panorama cinematográfico do momento.[13] A actriz atopábase nese momento baixo contrato de Universal Studios, na súa maioría como coprotagonista de westerns de baixo orzamento.[2]

 
A actriz contra 1930

O ano seguinte asinou un contrato con Paramount Pictures para realizar unha serie de filmes xunto a Gary Cooper e Jack Holt, das que destacou The Texan (1930).[2] En 1928, o director Erich von Stroheim seleccionouna para encabezar o elenco feminino principal do filme The Wedding March,[1] estreado por Paramount tras unha rodaxe extensa e difícil que destacou polo seu alto orzamento e os valores de produción.[14][15] Aínda que foi un fracaso financeiro, deulle o seu primeiro papel como protagonista. O melodrama foi dirixido e protagonizado por von Stroheim no papel dun príncipe vienés incapaz de escoller entre a muller que amaba (Wray no papel de Mitzi) por unha rapariga rica que podía asegurar o seu futuro.[3] A actriz comentou a The Guardian en 1998: «Nunca tiven outro director tan xenial como Stroheim... O seu talento era unha capacidade infinda polo coidado dos detalles... E aínda que se trataba dun filme mudo, insistiu en que os actores debían dicir liñas precisas».[14] A actriz sempre creu que se continuase a traballar con von Stroheim, a súa carreira tomaría un rumbo e unha calidade distintas.[10] Asombrouse cos seus métodos de traballo e chegou a estar namorada del, mais cando comezou a demostrar os seus sentimentos, as insinuacións de von Stroheim intimidárona.[12] Permaneceu en Paramount ata 1929 para realizar máis dunha ducia de filmes e mesmo continuou a traballar durante a transición do cinema mudo ao sonoro.[10]

Filmes de terror e King Kong

editar
 
Fay Wray e Joel McCrea en The Most Dangerous Game (1932)

Despois de abandonar a Paramount, Wray asinou contratos con varias compañías cinematográficas.[16] Foi baixo estes acordos cando foi lanzada como actriz de filmes de terror, como en The Vampire Bat (1933), Doctor X (1932) ou Mystery of the Wax Museum (1933), que lle valeron o alcume de «a Raíña do Berro».[2] Con todo, os seus filmes máis destacados estreáronse cando traballou baixo o selo da RKO Radio Pictures. O seu primeiro filme para esta compañía foi The Most Dangerous Game (1932),[16] unha adaptación da historia breve de Richard Connell coprotagonizada por Joel McCrea. As tomas —na súa maioría pola noite— foron realizadas nos mesmos estudos empregados durante o día para as secuencias da Illa Caveira de King Kong.[17] Wray e Robert Armstrong participaron en ambos os filmes.

The Most Dangerous Game foi seguido polo filme máis lembrado de Wray, King Kong, estreado no Radio City Music Hall e no Roxy Theatre.[1] De acordo con Wray, Jean Harlow era a actriz escollida inicialmente por RKO pero non estivo dispoñible debido a que MGM a puxera baixo contrato exclusivo durante a preprodución do filme.[18] O director Merian C. Cooper ofreceulle a Wray facer o papel de Ann Darrow,[3] a cativa de Kong, cun soldo de 10 000 dólares por dez semanas de traballo.[3][19] A actriz lembrou como Cooper «chamoume á súa oficina e mostroume bosquexos dunha selva. Despois díxome: "Vas traballar co galán máis alto e escuro de Hollywood". Ben, eu pensei que me falaba de Clark Gable. Porén, despois mostroume o debuxo dun simio xigantesco, do tamaño do edificio do Empire State, e díxome: "Este é o teu galán"».[20] O filme foi un éxito comercial e Wray, que só viu King Kong catro veces,[9] sentiuse orgullosa de que o seu labor salvase RKO da bancarrota.[12] O filme recadou 90 000 dólares durante os catro primeiros días, unha cifra sumamente elevada se se ten en conta que os Estados Unidos estaban a se restablecer da crise de 1929 e as entradas cinematográficas custaban 15 centavos.[14][3] O filme permaneceu ligado por sempre á carreira de Wray, que ademais foi eloxiada pola crítica pola súa combinación de sensualidade, vulnerabilidade e capacidade para berrar.[21]

No filme Wray interpretou a Ann Darrow, unha actriz desempregada que acepta un traballo cunha empresa de cine que se dirixe a filmar nunha illa misteriosa. King Kong é o xigantesco simio que habita na illa e se sente atraído pola actriz, motivo polo que a secuestra. Unha vez trasladado a Nova York, morre no alto do Empire State.[22] Con todo, Wray sempre foi consciente de que sería lembrada pola culminación do filme en que o simio xigante a eleva á parte superior do edificio, colócaa suavemente sobre unha cornixa, arremete con furia aos avións de combate que o criban a balazos para finalmente caer morto dende o rañaceos.[1]

Gustaríame ter papeis de carácter máis infrecuente e profundidade, e con frecuencia pensei que era demasiado mala para iso. Non obstante, é unha cousa estraña. Creo que teño polo menos un filme polo que as persoas se interesaron abondo ata o punto de facelas sentir ben. Creo que é un tipo estraño de maxia que ten King Kong. As persoas cambiaron as súas vidas a causa deste e dixéronmo.
Fay Wray[10]

Wray lembrou que a parte máis perigosa da rodaxe de King Kong foi cando sentiu que estaba a piques de caer debido á tendencia da man do gorila xigante a afrouxar as súas mans mentres estaba suspendida moi por riba dos estudos de filmación. Nesa escena implorou ao director Merian C. Cooper que a baixase ao chan para descansar uns minutos antes de ser asegurada unha vez máis na man e elevala de novo.[1]

Doutra banda, Wray pasou un día enteiro gravando de forma adicional berros estridentes e lastimosos que un editor inseriu posteriormente na banda sonora e que mesmo foron empregados para outros filmes de terror.[3] Ao preguntarlle como foi capaz de reproducir eses berros, respondeu: «Fíxenme crer a min mesma que a esperanza de rescate máis próxima posible estaba polo menos a unha milla de distancia».[1]

Wray manifestou nunha entrevista de 1993 que chegou a sentir que Kong «foi algo moi especial para moitos, pero tamén para min. Aínda que tiña unha forza tremenda e o poder de destruír, algún tipo de instinto fíxolle apreciar o que vía como tan fermoso».[1] Tamén manifestou que o filme «pode afectar os homes de todas as idades. Recentemente, un neno de 6 anos de idade, díxome: "Estiven esperando a metade da miña vida para coñecela"».[1] Nunha entrevista de 1987, Wray confesou que recibira un guión para interpretar un pequeno papel no remake de 1976 de King Kong, en que Jessica Lange era a protagonista.[14] O columnista Roderick Mann manifestou o mesmo ano que «o King Kong orixinal era tan extraordinario, tan cheo de imaxinación e efectos especiais que nunca será igualado».[1]

Carreira posterior

editar

Wray probou a escribir obras teatrais en 1939 e colaborou con Sinclair Lewis na peza Angela is 21, que foi adaptada para o cinema por Universal como This Is the Life en 1944, mais o seu esforzo apenas tivo un lixeiro éxito.[16] O mesmo ocorreu cando protagonizou en Broadway Nikki e The Brown Danube en 1931 ou cando apareceu en Golden Wings e Mr. Big en 1941.[16] Seguiu a ser protagonista de varios filmes, aínda que na década de 1940 as súas aparicións se fixeron menos frecuentes. Retirouse da interpretación en 1942[1] despois de contraer matrimonio en segundas nupcias. Con todo, debido a algúns problemas económicos, continuou a súa carreira como actriz durante o seguintes tres décadas,[19] en que traballou no cinema e de forma frecuente na televisión.

As circunstancias interromperon a miña enerxía, o meu impulso e a miña versión de min mesma... pero é así como foi e non me sinto perturbada por iso.
Fay Wray[10]
 
Fay Wray e Paul Hartman en The Pride of the Family (1953)

Wray foi escollida para a comedia de situación producida por ABC durante 1953-54, The Pride of the Family, no papel de Catherine Morrison. Paul Hartman interpretou o seu marido, Albie Morrison, mentres que Natalie Wood e Robert Hyatt interpretaron os seus fillos, Ann e Junior Morrison respectivamente.[23] Tamén apareceu en tres episodios do drama xudicial Perry Mason, o primeiro dos cales, The Case Of The Prodigal Parent, saíu ao aire o 7 de xuño de 1958. Un ano despois interpretou a Tula Marsh no episodio The Second Happiest Day da serie antolóxica Playhouse 90 da CBS. No mesmo ano interveu no episodio de Alfred Hitchcock Presents titulado The Morning After.

En 1960 apareceu como Clara no episodio Who Killed Cock Robin? da serie de detectives da ABC, 77 Sunset Trip. En 1963 interpretou a Mrs. Brubaker no episodio You're So Smart, Why Can't You Be Good? de The Eleventh Hour, un drama médico sobre a psiquiatría producido por NBC. Terminou a súa carreira como actriz co telefilme Gideon's Trumpet (1980) con Henry Fonda[1] aínda que continuou a escribir obras de teatro que se produciron en teatros rexionais.[1]

Tiven unha vida fermosa grazas aos filmes.
Fay Wray[1]

En 1989 publicou unha autobiografía titulada By the Other Hand.[24] Durante os seus últimos anos, Wray continuou a realizar aparicións públicas e mantivo unha vida activa para a súa idade, ata o punto de que con noventa anos conducía o seu automóbil.[2] Foi así como o director James Cameron se achegou para ofrecerlle o papel de Rose Calvert en Titanic (1997),[2] con Kate Winslet na versión nova da personaxe. Porén, Wray, que entón tiña noventa anos, rexeitou o papel alegando que «sería unha experiencia tortuosa». O rol foi outorgado a Gloria Stuart, tres anos máis nova que Wray.[25] Titanic obtivo once premios Óscar e posteriormente Stuart dixo que era unha das poucas actrices que «estaba dispoñible, non era alcohólica, reumática, nin se estaba esboroando».[26] Wray foi convidada especial na 70.ª edición dos premios da Academia, onde o presentador da cerimonia, Billy Crystal, a anunciou como «a beleza que cativou a besta».[2] Foi a única actriz de Hollywood dos anos 1920 que estivo presente esa noite. En xaneiro de 2003, con 95 anos, Wray asistiu ao Festival Internacional de Cine de Palm Beach para alentar o documental de Rick McKay en que participara, Broadway: The Golden Age, polo que foi galardoada cun premio Legend in Film. Durante a súa etapa final tamén visitou o edificio Empire State con frecuencia; en 1991 foi a convidada de honra no 60.º aniversario da construción e tamén en maio de 2004, menos de tres meses antes da súa morte.[20][27] A actriz escribiu nas súas memorias: «Doutra banda, cada vez que chego a Nova York e vexo o perfil da cidade e a exquisita silueta do Empire State, o meu corazón latexa con maior rapidez. En realidade, gústame esa sensación».[28] A súa última aparición pública tivo lugar en xuño de 2004 durante unha celebración no restaurante Sardi na cidade de Nova York despois da estrea do filme documental en que participara.[29]

 
Tumba de Fay Wray no Hollywood Forever Cemetery

En 2004, o director Peter Jackson ofreceulle realizar un pequeno cameo no remake de King Kong que dirixiu en 2005.[2] Wray reuniuse con Naomi Watts, que ía interpretar o papel de Ann Darrow,[30] e declinou cortesmente a proposta. Con todo, animou a Watts borboriñándolle: «Ann Darrow está en boas mans».[30] Antes de que comezase a rodaxe, Wray faleceu de causas naturais mentres durmía o 8 de agosto de 2004 no seu apartamento da Quinta Avenida de Manhattan aos 96 anos.[3] O seu amigo Rick McKay dixo que se esvaeceu silenciosamente coma se fose durmir».[20] Foi enterrada no Hollywood Forever Cemetery en California.

Dous días despois da súa morte, as luces do Empire State foron apagadas durante quince minutos na súa memoria.[31]

Vida persoal

editar

Wray casou tres veces, cos escritores John Monk Saunders (1897-1940) e Robert Riskin (1897-1955) e o neurocirurxián Sanford Rothenberg (1919-1991). Tivo tres fillos nos seus dous primeiros matrimonios: Susan Saunders (n. 1936), Robert Riskin Jr. (n. 1943, propietario da tenda de guitarras McCabe) e Victoria Riskin (n. 1946, presidenta do Writers Guild of America, West). Tamén mantivo un longo romance con Clifford Odets e foi cortexada por Sinclair Lewis.[1]

O seu primeiro esposo, John M. Saunders, foi guionista dos filmes Wings e The Dawn Patrol. Estiveron casados dende 1928 a 1939 e confesou que «tiña esta cuestión na súa vida de vivir perigosamente e morrer nova».[1] Saunders era mullereiro, alcohólico e drogadicto. Wray divorciouse despois de que lle inxectase drogas mentres durmía. Finalmente Saunders vendeu a súa casa e os seus mobles, gardou os cartos e desapareceu por un tempo coa filla pequena de ambos, Susan,[1] que foi recuperada máis tarde por Wray nun hotel neoiorquino. Durante os once anos que permaneceron casados, cada un gañou medio millón de dólares mais nada quedou deles.[1] Saunders aforcouse en 1940 tras un período de enfermidade.[1]

O seu segundo marido, Robert Riskin, co que estivo casada dende 1942 a 1955, escribiu as comedias de Frank Capra It Happened One Night e Mr. Deeds Goes to Town.[1] En 1950, Riskin padeceu unha seria apoplexía e debeu ser internado nun sanatorio, período en que Wray o acompañou ata a súa morte cinco anos despois.[12]

Durante a súa estadía en California, cando Wray contaba con 14 anos, estivo acompañada durante un breve lapso polo mozo dunha das súas irmás, o fotógrafo William Mortensen (1897-1965), quen lle confesou o seu amor e manifestoulle que tiña sentimentos firmes por ela que non experimentara nunca coa súa irmá. Nunha ocasión, Mortensen tomou fotografías artísticas de Wray na praia e estas chegaron á súa nai, Elvina, que chegou alporizada a California para esixir unha explicación.[32] Un dos irmáns de Wray, Joseph, foi internado nun sanatorio debido a un trastorno mental pero escapouse e suicidouse lanzándose ás vías do tranvía en Stockton, California, o 4 de xuño de 1928.[2] Os seus outros irmáns foron Victor, Richard, Vaida e Willow.[33]

Wray converteuse en cidadá naturalizada dos Estados Unidos a principios da década de 1930.[2] Na súa autobiografía, By the Other Hand (1989), confesou que simpatizaba co Partido Republicano.[34][2]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 1,19 1,20 1,21 "Fay Wray, Beauty to Kong's Beast, Dies at 96" (en inglés). The New York Times. 9 de agosto de 2004. Consultado o 3 de xaneiro de 2013. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 «Biography por Fay Wray» (en inglés) IMDb.com. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Luther, Claudia (10 de agosto de 2004). "Fay Wray, 96; Actress, Object of Ape's Desire in 'King Kong'" (en inglés). Los Angeles Times. Consultado o 3 de xaneiro de 2013. 
  4. 4,0 4,1 Bernstein, Adam (9 de agosto de 2004). "Fay Wray Dies at Age 96" (en inglés). The Washington Post. Consultado o 4 de xaneiro de 2013. 
  5. «Fay Wray: Leading Lady King Kong» (en inglés) ldsfilm.com. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
  6. LaPointe 2011, p. 274.
  7. "Ancestry of Fay Wray" (en inglés). Wargs.com. Consultado o 3 de xaneiro de 2013. 
  8. 8,0 8,1 The Salt Lake Tribune, 26 de xaneiro de 2009, «Utah-Hollywood connection runs deep», p. B2
  9. 9,0 9,1 "Obituary: Fay Wray" (en inglés). BBC News. 10 de agosto de 2004. Consultado o 3 de xaneiro de 2013. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 "Fay Wray - Northern Stars" (en inglés). Northernstars.ca. Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2011. Consultado o 3 de xaneiro de 2013. 
  11. «Ficha de The Coast Patrol (1925)» (en inglés) IMDb.com. Consultado o 3 de xaneiro de 2013.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 "Fay Wray by Kendahl Cruver" (en inglés). Things-and-other-stuff.com. Consultado o 3 de xaneiro de 2013. 
  13. Wollstein, Hans J. "The WAMPAS Baby Stars" (en inglés). b-westerns.com. Consultado o 4 de xaneiro de 2013. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 Luther, Claudia (9 de agosto de 2004). "Fay Wray, King Kong's darling, dead at 96" (en inglés). The Chicago Tribune. Consultado o 4 de xaneiro de 2013. 
  15. Koszarski, Richard (1983). "La marcha nupcial". Filmoteca de Andalucía. Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2013. Consultado o 4 de xaneiro de 2013. 
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 Kinnard, Roy (1987). "Fay Wray Text Archive - Films In Review" (en inglés). shillpages.com. Consultado o 4 de xaneiro de 2013. 
  17. «Most Dangerous Game (1932)» (en inglés) Amazon.com. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
  18. Parish 1978, p. 203.
  19. 19,0 19,1 "Fay Wray" (en inglés). Emol.org. Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2012. Consultado o 3 de xaneiro de 2013. 
  20. 20,0 20,1 20,2 "King Kong heroine is dead at 96" (en inglés). BBC News. 9 de agosto de 2004. Consultado o 3 de xaneiro de 2013. 
  21. "Murió la novia de King Kong". BBC Mundo. 9 de agosto de 2004. Consultado o 3 de xaneiro de 2013. 
  22. «Synopsis for King Kong (1933)» (en inglés) IMDb.com. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
  23. "The Pride of the Family" (en inglés). IMDb. Consultado o 3 de xaneiro de 2013. 
  24. "Fay Wray Writes The Story of Her Life" (en inglés). The New York Times. 20 de febreiro de 1989. Consultado o 3 de xaneiro de 2013. 
  25. "Fay Wray refuse Titanic" (en francés). linternaute.com. Arquivado dende o orixinal o 01 de setembro de 2013. Consultado o 4 de xaneiro de 2013. 
  26. Harmetz, Aljean; Berkvist, Robert (27 de setembro de 2010). "Gloria Stuart, an Actress Rediscovered Late, Dies at 100" (en inglés). The New York Times. Consultado o 4 de xaneiro de 2013. 
  27. "Fay Wray visits the Empire State Building minus King Kong" (en inglés). UPI.com. Consultado o 3 de xaneiro de 2013. 
  28. «Murió la "novia" de King Kong a los 96 años» El Universal, 10 de agosto de 2004. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
  29. «Imdb.com - Photos of Fay Wray» (en inglés) IMDb.com. Consultado o 3 de xaneiro de 2013.
  30. 30,0 30,1 «Naomi Watts' Troubled Meeting With 'King Kong's' Fay Wray» (en inglés) Starpulse.com, 7 de decembro de 2005. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
  31. "Fay Wray - Empire State Building To Dim Lights In Remembrance Of Actress Fay Wray" (en inglés). UPI.com. Consultado o 3 de xaneiro de 2011. 
  32. Stone, Tammy. «Fay Wray» (en inglés) things-and-other-stuff.com. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
  33. «Vina Fay Wray (1907-2004)» (en inglés) Geni.com. Consultado o 4 de xaneiro de 2013.
  34. Wray 1989, p. 134.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
Association 1
HOME 1
Intern 5
iOS 10
mac 1
multimedia 1
OOP 4
os 173
text 1
todo 6