Feira Franca Medieval de Betanzos

A Feira Franca Medieval é un acontecemento festivo que ten lugar no casco antigo de Betanzos, recreando durante tres días un mercado medieval. Celébrase con carácter anual, a segunda fin de semana de xullo.

Historia

editar

Na vila viña celebrándose desde o século XIII a feira de Betanzos. Un dos favores acadados pola cidade de Betanzos do rei Henrique IV foi a autorización para celebrar unha feira anual cunha duración de trinta días, libre de impostos, tributos, portádegos e alcabalas. Tal acontecemento tería lugar entre os días 1 e 30 de novembro, e foi formalizado por medio dunha carta de privilexio datada en Cuéllar, o 3 de xullo de 1467, e confirmada polos Reis Católicos o 12 de abril de 1475, en Valladolid. A feira celebraríase ata finais do século XVIII, e constituía todo un evento comercial no Reino de Galicia.[1]

Actualidade

editar

A tradición foi recuperada en 1998, cando se celebrou a primeira edición da actual "Feira Franca Medieval", entre os días 10 e 12 de xullo. Desde entón, a segunda fin de semana dese mes a cidade retorna ó pasado: as rúas engalánanse con estandartes, instálanse decenas de postos para artesáns e organízanse actividades e actuacións ó aire libre, como por exemplo a queima das meigas (coa inquisición en todo o seu esplendor), xustas medievais con loita de guerreiros a cabalo, exhibicións de cetraría e de tiro con arco, ou representacións de feitos históricos ou lendarios. A afluencia de público e masiva, téndose superado en ocasións os 150.000 visitantes:[2] a xente implícase activamente na Feira, e moitos deles vístense con roupas da época. Así, é doado atoparse polas rúas con nobres de alto rango, monxes beneditinos e ata leprosos marxinados.

Dende 2013, o evento está declarado Festa de Galicia de Interese Turístico.[3]

  1. Núñez Lendoiro, José Raimundo (1985). "Las ferias y mercados de Betanzos". Untia 1. Consultado o 24/6/2013. 
  2. "Betanzos-La Feira Franca Medieval triplicó el censo de la ciudad durante los tres días de actividades". El Ideal Gallego (en castelán). 12 de xullo de 2011. Consultado o 2022-04-10. 
  3. Diario Oficial de Galicia, ed. (12/12/2013). "Resolución do 2 de decembro de 2013, da Dirección da Axencia Turismo de Galicia". Consultado o 17/12/2013. 
  NODES
Idea 1
idea 1
todo 3