Fragas do Eume
As fragas do Eume é un parque natural galego creado o 30 de xullo de 1997[1], ademais de ZEC[2][3][4][5], que abrangue 9.126 hectáreas[6] nas beiras do río Eume. Son as fragas costeiras mellor conservadas de Europa, e un dos poucos bosques do seu tipo que quedan no continente.[7] Esténdese polos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez, todos eles da provincia da Coruña, e nel residen 521 persoas[cando?] dos cinco concellos anteriormente nomeados. A área declarada zona especial de conservación (ZEC) coinciden cos límites do parque natural.
Tipo | espazo natural protexido Zona de especial conservación parque natural | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Cabanas, España, A Capela, España, Monfero, España, Pontedeume, España e As Pontes de García Rodríguez, España | |||
Localización | Centro de Recepción: Ombre-Caaveiro, km 5. Oficina do Parque Natural: Esteiro, 23,Nogueirosa - Pontedeume | |||
| ||||
Características | ||||
Superficie | 9.178,68692 ha | |||
Categoría V da UICN: paisaxe protexida/paisaxe mariña | ||||
World Database on Protected Areas | ||||
Identificador | 389014 | |||
Área protexida da rede Natura 2000 | ||||
Identificador | ES1110003 | |||
Historia | ||||
Data de creación ou fundación | 30 de xullo de 1997 | |||
O bosque tradicional atlántico conservouse na zona en todo o seu esplendor, sendo consideradas as fragas como un dos mellores bosques atlánticos termófilos do continente europeo[8]. Malia ser a flora a alfaia das fragas, existindo raras especies de felgos que habitaban a terra hai millóns de anos, tamén destacan algunhas especies animais endémicas e en perigo de extinción, dende pequenos anfibios e réptiles, como a saramaganta, ata especies maiores, como o lobo ou diversas aves de rapina.[7]
Xeografía
editarO parque limita polo leste coa serra da Loba, na cadea dorsal galega, e polo oeste, o parque esténdese até a desembocadura do río Eume en Pontedeume. Todo o seu territorio encádrase na comarca do Eume, que limita ó norte coa de Ferrolterra e ó sur coa de Betanzos.
A morfoloxía do parque está determinada polo eixo que marca o río, que percorre a provincia da Coruña nunha dirección leste-oeste, formando un val en "V". No seu tramo inferior, ten unhas ladeiras con pendentes moi pronunciadas e desniveis de ata 400 metros.[9] As diferenzas de altitude van dende o nivel do mar até os 710 m dos montes orientais, cunha altura media de 413 m.[10]
Hidrografía
editarO río Eume atravesa o parque atravesando un profundo canón que tamén leva o seu nome. A súa conca ensancha na metade do seu curso, e é neste tramo onde recibe ós seus principais afluentes. Pola marxe esquerda os ríos Frei Bermuz (10 km) e San Bartolomeu (8 km). O caudal deste último foi aproveitado ata non hai moitas décadas para a produción de enerxía hidroeléctrica na Central do Parrote. As concas destes afluentes, xunto co curso baixo do Eume, constitúen a zona de maior interese ecolóxico.
Ademais, unha morea de caudais de auga máis ou menos longos e caudalosos, verten as súas augas no Eume. Pódense salientar na marxe dereita o rego de Montouto, preto da capitalidade do concello de Muras, e, xa na provincia da Coruña, o río Maciñeira, o máis longo de todos os afluentes (11 km) que verte a escasos metros do Parque de Carbóns da Central térmica das Pontes, o río do Pareiro, que desemboca no encoro do Eume formando un profundo entrante, e o río Sesín, que na súa confluencia co Eume, e xunto con el, rodea o outeiro onde se ergue o mosteiro de San Xoán de Caaveiro.
Na marxe esquerda son salientables o rego Felgado, que ten as súas fontes en terras de Xermade, o río Chamoselo, cunha fermosa ponte medieval preto da súa desembocadura no centro urbano das Pontes. Vertendo as súas augas no encoro do Eume despois de 10 km de percorrido, está o río Frei Bermuz, sen dúbida o máis caudaloso de todos os afluentes e que forma unha fermosa paraxe natural no lugar da Feira do Dez. Xa no esteiro, desemboca o río de Covés.
Flora
editarAs fragas do río Eume son un destacado representante da fase clímax[11] da vexetación galega[12]. Dominan as especies propias do clima tépedo e oceánico do suroeste de Europa, que inclúe toda a cornixa cantábrica e o noroeste peninsular. Os bosques de ribeira, dos que o parque é bo exemplo, distínguense polos seus ecosistemas de elevada biodiversidade, particularmente no que respecta á flora, que supera as 500 especies.[9] Tradicionalmente foron moi explotados polo ser humano pola riqueza e fertilidade dos solos, e por iso son ecosistemas pouco frecuentes e conservados unicamente en zonas illadas como estas fragas. As fragas forman un continuo de grande extensión e valor, xa que non existe en toda Galicia unha superficie de bosque autóctono no mesmo grao de conservación.[9]
Nas zonas máis altas do parque, os bosques son substituídos por zonas de matogueira. Estas ocupan un terzo da superficie protexida, e as queiroas que o forman están incluídas entre os hábitats a protexer pola Directiva Hábitat da Unión Europea. Nunhas zonas o toxo é máis abondoso, noutras son as queiroas, e as xestas adoitan aparecer en combinación coas dúas anteriores.
Árbores
editarA árbore con maior presenza no parque natural é o carballo. É o medidor da saúde da fraga: os exemplares máis lonxevos existen nas zonas que sufriron unha menor presión humana (a fraga do Mosqueiro ou as fragas que arrodean o río do Dez), e está sendo obxecto de repoboación en zonas fráxiles do parque, onde fora apartado recentemente polo bidueiro.
Tamén ten numerosa presenza no parque o castiñeiro, dominante nalgunhas áreas logo de roubarlle terreo ao carballo grazas a medrar máis rapidamente e prover froitos de consumo humano. O bidueiro é a terceira das especies maioritarias, e ocupa dous tipos de espazos: áreas tradicionais de bosque de ribeira, e zonas marxinais onde os carballos foron perdendo distribución, e onde medran rapidamente.
Nas proximidades dos ríos atopamos o ameneiro, que soporta ben as situacións de asolagamento, xa que suxeitan as marxes das canles impedindo o seu arrastre polas cheas, o salgueiro (con moita menor frecuencia), o freixo e o pradairo. Outras especies arbóreas das fragas son a abeleira, principalmente nas proximidades dos cursos de auga; o cerqueiro, nas zonas altas das fragas de Pena Fesa, Os Cerqueiros (topónimo que reflicte a abundancia desta árbore) e A Marola; o érbedo, o loureiro, e o umeiro, frecuente tamén nas proximidades dos ríos, como preto do mosteiro de Caaveiro. Tamén se ten sinalado a presenza do lamigueiro nas fragas, unha especie rara na zona próxima á costa. O teixo, atopa no parque a súa localización máis occidental no país, xa que a intensa actividade humana sobre esta árbore acabouna relegando principalmente ás montañas orientais galegas[12]. Finalmente, existe en abundancia o acivro, fundamentalmente como arbusto pero que chega a acadar exemplares de altura e porte, o estripeiro, o abruñeiro, a pereira brava e a maceira brava, esta última pouco frecuente noutros lugares da provincia da Coruña.
Felgos
editarNo parque están presentes unhas 28 especies distintas de felgos[9], entre as que destaca o grupo coñecido como os relictos macaronésicos. Os felgos son moi dependentes das condicións protectoras que lles brindan as fragas e concéntranse nas áreas máis húmidas e térmicas. Os fieitos constitúen unha das principais características destes bosques. Os máis comúns son:
- fento fero (Blechnum spicant),
- fento das pedras (Polypodium interjectum),
- fento femia (Athyrium filix-femina),
- fento real (Osmunda regalis),
- fento común (Pteridium aquilinum),
- Lastraea limbosperma,
- Polystichum setiferum,
- Dryopteris affinis subsp. Affinis,
- Dryopteris dilatata,
- Dryopteris aemula.
Tamén se poden atopar especies de gran valor ben pola súa escaseza ou ben por darse lonxe da súa área normal de distribución, coma:
- fento do botón (Woodwardia radicans),
- fento negro (Asplenium adiantum-nigrum),
- Cystopteris diaphana,
- Dryopteris guanchica,
- fento do cabeliño (Culcita macrocarpa)[13].
Algunhas destas especies están relacionadas cunha antiga vexetación subtropical que poboou as marxes do mar de Tetis na era terciaria. A calor e a humidade permitiron o desenvolvemento dunha exuberante flora, similar á que na actualidade atopamos no arquipélago neozelandés ou na Florida. Porén, hai dous millóns de anos, os procesos de glaciación nos polos e a desertización nos trópicos foron recortando a distribución desa flora que, incapaz de adaptarse ós cambios, quedou reducida a zonas pequenas situadas entre os 25º e 40º de latitude: Illas Canarias, Illas dos Azores e Madeira, e en menor extensión nas serras de Alxeciras (provincia de Cádiz) ou o Parque Natural das Fragas do Eume.[14]
Musgos e liques
editarNo estrato muscinal está presente case a metade da flora briofítica galega (musgos e hepáticas) particularmente importante nas zonas húmidas e sombrizas, con máis de 220 especies diferentes (136 de musgos e 85 de hepáticas).[10] Entre elas atópanse catro citas únicas para a brioflora española e sete máis considéranse raras dentro da flora ibérica. Destacan a Cololejeunea microscopica e a Lepidozia cupresana.
A flora liquénica garda tamén un notable catálogo de máis de 240 especies, entre as que figuran tres citas novas para a Europa continental e 24 novas para España. Son características dos bosques maduros outras especies menos raras pero moi ligadas a estes ecosistemas: a Lobaria scrobiculata, a Pannaria rubiginosa e a Usnea articulata.[14]
Fauna
editarOs bosques de ribeira son un ecosistema caracterizado por unha ampla biodiversidade.
Anfibios
editarAs fragas, polo seu carácter húmido e sombrizo, son un ambiente idóneo para os anfibios. No Eume viven 13 das 15 especies existentes en Galicia. A píntega común e a súa subespecie galega son moi frecuentes xa que as masas forestais caducifolias son o seu biótopo natural. Tamén están presentes outras especies coma o sapiño comadrón, o sapo común, a ra patilonga (que vive nos regatos afluentes do Eume na conca baixa, coma o Sesín), e a ra vermella, que é posible atopar nos prados da serra de Sanguiñedo. Nas pozas estacionais atópanse as tres especies de pintafontes, o común, o palmado e mailo pintafontes verde, pero é especialmente valiosa a saramaganta (Chiglossa lusitanica), endemismo do noroeste ibérico que mantén nas fragas unha das súas máis nutridas poboacións.
-
Sapo común Bufo bufo.
-
Saramaganta Chioglossa lusitanica.
-
Píntega común (Salamandra salamandra)
Aves
editarEntre as aves da fraga, con máis de 100 especies coñecidas,[10] destacan as rapaces que se alimentan de micromamíferos, adaptadas a cazar no interior do bosque: o azor, o lagarteiro, o gabián eurasiático, o bufo pequeno, a curuxa, o moucho común, a avelaiona, o miñato queimado, a tartaraña cincenta, o miñato real e o abelleiro europeo. En espazos máis abertos habita tamén o falcón peregrino, o miñato común e o bufo real. Entre as pequenas insectívoras destacan o gabeador azul, o gabeador común, a avenoiteira, o ferreiriño abelleiro, o ferreiriño bacachís, o peto real, o peto verde, a estreliña riscada, a estreliña do norte, o picafollas e maila arcea. Nas ribeiras dos cursos de auga do parque destaca o merlo rieiro e o picapeixe.
Mamíferos
editarEntre os mamíferos destacan a londra, a martaraña, a garduña, o gato montés, o armiño e a xeneta. Abondan tamén os corzos, os raposos, os xabarís, os cervos, as donicelas e os teixugos. Tamén existen poboacións de lobo nas zonas máis elevadas e apartadas dos núcleos de poboamento humanos.
Réptiles
editarO parque natural acolle catorce especies de réptiles, a metade das que viven en Galicia.[7] Atópanse nas zonas máis secas e nas zonas de mato, onde teñen máis zonas onde quedar á raxeira. Algunhas especies, como é o caso do lagarto das silvas ou da cobra de colar son comúns nas zonas húmidas.
Peixes
editarEntre os peixes, dos que están inventariados 8 taxa, destaca a presenza de dúas especies consideradas vulnerables, o endemismo noroccidental ibérico Pseudochondrostoma duriense e o reo (Salmo trutta trutta).
Invertebrados
editarEntre os invertebrados destacan algunhas especies como o caracol de Quimper (Elona quimperiana), terrestre e endémico dos bosques atlánticos, a caramecha de río (Belgrandiella rolanie) a lesma (Geomalacus maculosus). No verán, durante o día, é frecuente observar a bolboreta Apatura iris e pola noite a endromis dos salgueiros (Endromis versicolora). Outros coleópteros destacables son o escaravello Carabus galicianus asociado ós cursos de auga rápidos e limpos, e que é tamén un endemismo do noroeste peninsular, e mais o escaravello dourado (Chrysocarabus lateralis), ben distribuído por todo o territorio das fragas, e a vacaloura ou escornabois (Lucanus cervus), cada vez máis escasa nas fragas galegas. Nos ríos do parque destaca a presenza do mexillón de río (Margaritifera margaritifera).
Xeoloxía
editar- Artigo principal: Canón do Eume.
A área presenta unha xeoloxía variada. No seu percorrido, o río atravesa diferentes tipos de materiais xeolóxicos, granitos no tramo inferior, orogneis cara ao leste, e xistos do período Cámbrico. Ademais, tamén poden atoparse materiais ácidos como a cuarcita, pedra de gra, filitas e incluso o chamado ollo de sapo.
Clima
editarO clima do parque caracterízase por ser oceánico e pola súa elevada pluviosidade. As diferenzas de temperatura entre estacións son menos acusadas, con veráns tépedos e invernos non moi fríos. As temperaturas medias anuais van desde os 11,7 aos 15,1 °C. Ademais, ten unha característica de termicidade que implica a ausencia de xeadas, o cal favorece a aparición dalgunhas especies vexetais no val do Eume.
Por outra banda, os rexistros de pluviosidade roldan os 1 200 litros/m²/ano na ría de Pontedeume ata os máis de 1 700 litros/m2ano que se poden recoller nas partes central e oriental.[9] O seu patrón de distribución ó longo do ano é moi semellante ó do resto de Galicia.
Presenza humana
editarA dificultade de acceder á fraga, o cal favorece o seu illamento, foi a característica buscada por unha serie de eremitas para fundar os mosteiros medievais de Monfero e Caaveiro.
Mosteiro de Caaveiro
editar- Artigo principal: Mosteiro de San Xoán de Caaveiro.
O mosteiro de San Xoán de Caaveiro estableceuse no ano 934 nas fragas do Eume para acoller aos numerosos anacoretas que vivían dispersos na zona. Na segunda metade do século XI, en tempos do abade Tedón, de bieito convértese en mosteiro de cóengos regulares de santo Agostiño. Non chegou a ter máis de nove habitantes, número que se reduciu a seis na Idade Moderna.[7]
Pronto importantes doazóns de san Rosendo (907-977), e outros nobres engrandecen o seu patrimonio recibindo este a maior parte das terras cultivables existentes á dereita do río Eume e tamén lle conceden a xurisdición sobre vilas e freguesías eximíndoo da autoridade do arcebispado de Santiago de Compostela. Entre 1220 e 1259, etapa na que conclúe a expansión e chega o momento dos foros, estivo á fronte do mosteiro o prior Martín Rodríguez, quen conseguiu a ampliación do couto ata a ponte sobre o río Eume coa incorporación de Cabanas e Irís.
Dentro dos límites do parque atópanse numerosas pegadas da actividade humana, como os foios para facer carbón vexetal e grandes troncos cortados a rentes do chan. Tamén hai restos de interese histórico e de arquitectura tradicional, como cruceiros, pontes, ermidas. Destaca como curiosidade a presenza na zona do oso pardo, extinguido da xeografía galega, e da aguia real case extinta, na época na que se construíu o mosteiro.
O conxunto foi declarado no ano 1975 Monumento Histórico-Artístico pola súa importancia arquitectónica. En 1986 apróbase o expediente de expropiación que converte o mosteiro e os seus arredores en propiedade da Deputación provincial da Coruña.[7]
Mosteiro de Monfero
editar- Artigo principal: Mosteiro de Santa María de Monfero.
As orixes do mosteiro de Monfero remóntanse ao século X, cando se fundou un cenobio ao pé dunha ermida dedicada a san Marcos. O mosteiro foi fundado en 1134 baixo a Orde de San Bieito, e reconvertido en cisterciense en 1147. A súa vida monástica prolongouse ata a exclaustración de 1835.
Posúe unha igrexa barroca comezada a construír en 1622,[7] e tres claustros. Agás a igrexa o resto de dependencias monacais atópase en estado ruinoso.
A importancia social destes mosteiros baséase no feito de que durante moitos anos serviron de eixo vertebrador da vida económica, social e relixiosa da comarca.
Impactos ambientais
editarDesde a década de 1960 as fragas sufriron cambios por presión antropoxénica. O abandono de cultivos e a construción do encoro modificaron a tipoloxías dos solos. Ademais, as plantacións forestais con especies alóctonas, en particular o Eucalyptus, supuxeron un desprazamento das especies de bosque atlántico europeo, como Quercus robur ou Castanea sativa, ou os fieitos. A expansión do eucalipto foi significativa en especial desde 1998 e aumentou a fragmentación dos hábitats do parque.[15][16][17][18][19]
A fragmentación de hábitats e o tipo de especie invasora, as do xénero Eucalyptus, favorecen a propagación de incendios.[18][19] Así, houbo incendios como o do 31 de marzo de 2012 que comezou nun lume no concello da Capela, que destruíu parte do parque e que non foi extinguido ata o día 3 de abril. A superficie queimada estimouse nun total dunhas 750 hectáreas [20], das que unhas 350 corresponderon ó Parque[21].
Accesos e rutas
editarExisten catro entradas ou portais de acceso ó espazo natural: o Portal de Caaveiro, o da Capela, o do encoro do Eume e o de Monfero.
- O itinerario polo Portal de Caaveiro discorre pola estrada LC-151 dende Pontedeume ata as proximidades de Caaveiro. Pódese chegar ata o mosteiro cruzando a ponte colgante de Cal Grande na mesma LC-151 e camiñar río arriba pola "Ruta dos Encomendeiros".
- Dende As Neves accédese ó Portal da Capela, que conduce polo canón do Eume ata conectar co Portal de Monfero no mesmo mosteiro. Tamén é posible facer este percorrido a pé pola ruta de sendeirismo GR-50.
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes do Parque natural das Fragas do Eume.
-
Regato no parque.
-
Fervenza.
-
Centro de interpretación, portal de Pontedeume.
Notas
editar- ↑ Decreto 211/1996, do 2 de maio, polo que se aproba o Plan de ordenación dos recursos naturais do espazo natural das Fragas do Eume (DOG nº 110, do 5.06.1996) e Decreto 218/1997, do 30 de xullo, polo que se declaran o parque natural das Fragas do Eume (DOG nº 153, de 11.08.1997).
- ↑ "Decisión da Comisión, do 7 de decembro de 2004, polaa que aproba, de conformidade coa Directiva 92/43/CEE do Consello, a lista de lugares de importancia comunitaria da región bioxeográfica atlántica [notificada co número C(2004) 4032]. «DOUE» núm. 387, de 29 de dicembro de 2004, páxinas da 1 á 96 (96 págs.) DOUE-L-2004-83030.". Consultado o 2017-07-07.
- ↑ "DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. Decreto do DOG nº 62 do 2014/3/31 - Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Xunta de Galicia". Consultado o 2017-07-07.
- ↑ "DECRETO 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados Espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais. Consellería de medio ambiente, Xunta de Galicia". Consultado o 2017-07-07.
- ↑ "Fragas do Eume Código ZEC ES1110003. Rede galega de espazos protexidos. Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia.". Consultado o 2017-07-07.
- ↑ A superficie total protexida é exactamente de 9.125,65 ha, segundo o Decreto da Xunta de Galicia polo que se aproba o PORN do Parque, das que 3.253 ha corresponden á zona de fragas propiamente dita e o resto a zonas de reserva, de mato e pasto, de aproveitamento agropecuario e maila rede fluvial.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Xunta de Galicia (ed.). "Guía Informativa - Fragas do Eume" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de febreiro de 2016. Consultado o 29 de xaneiro de 2016.
- ↑ Guía de espacios naturais de Galicia, páx. 111.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Íñigo pulgar Sañudo, Javier Amigo Vázquez, Joaquín Giménez de Azcárate Cornide (2006). Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, ed. "Guía da flora das Fragas do Eume" (PDF). Consultado o 28 de xaneiro de 2016.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Cmati/Xunta de Galicia (ed.). "Descrición do espazo natural" (PDF). Consultado o 28 de xaneiro de 2016.
- ↑ Na sucesión ecolóxica dos ecosistemas. A sucesión produce ecosistemas cada vez máis estables e máis resistentes ás perturbacións, así que adoita describirse como un proceso de maduración. O estado máis ou menos ideal ao que apuntan os cambios da sucesión do ecosistema chámase clímax.
- ↑ 12,0 12,1 Guía de espacios naturais de Galicia, páx. 113.
- ↑ A presenza desta última especie confire especial valor ó parque e obriga a especiais medidas de protección, ó estar incluída na lista de especies vermellas en perigo crítico de extinción e protexida pola Directiva Hábitat.
- ↑ 14,0 14,1 Martiño Negreira Souto: "Fragas do Eume. 2- Os bosques do Eume" en NaturezaDixital.com Xornal da Natureza Galega.
- ↑ Alberto L. Teixido, L.G. Quintanilla, F. Carreño (2009). "Fragmentación del bosque y pérdida del hábitat de helechos amenazados en el Parque Natural Fragas do Eume (NW de España)". Ecosistemas: Revista científica y técnica de ecología y medio ambiente 18 (1). ISSN 1697-2473.
- ↑ Cidrás, Diego. "19. Reimagining (Un)Protected Areas. An Analysis of Eucalyptus Consolidation in Fragas do Eume Natural Park (Galicia, NW Iberian Peninsula)".
- ↑ "Reimagining (Un)Protected Areas. An Analysis of Eucalyptus Consolidation in Fragas do Eume Natural Park (Galicia, NW Iberian Peninsula)". Conference: Infinite Rural Systems in a Finite Planet: Bridging Gaps towards SustainabilityAt: Santiago de Compostela. Xullo de 2018.
- ↑ 18,0 18,1 Teixido, A.L., Quintanilla, L.G., Carreño, F. (2009). "Fragmentación del bosque y pérdida del hábitat de helechos amenazados en el Parque Natural Fragas do Eume (NW de España)". Ecosistemas 18 (3): 60–73.
- ↑ 19,0 19,1 Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación y Medio Ambiente. "Dictamen del Comité Científico - Consulta: CC 30/2017 Título: Solicitud de dictamen sobre la posible inclusión de Eucalyptus camaldulensis, E. globulus, E. nitens y cualquier otra especie del género Eucalyptus en el Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras regulado por el R.D. 630/2013, de 2 de agosto y remitida al MAPAMA por el Alcalde del Ayuntamiento de Teo (A Coruña)." (PDF).
- ↑ Permanece activo el incendio de las Fragas do Eume tras arrasar 750 hectáreas Europa Press, 2/4/2012 (en castelán)
- ↑ Mapa da área queimada La Voz de Galicia.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fragas do Eume |
Bibliografía
editar- Xosé M. Penas Patiño, Carlos Pedreira López e Carlos Silvar (2004). Guía das aves de Galicia, Baía Edicións, ISBN 84-96129-69-5.
- Ignacio González Rodríguez, Roberto Fernández González e Rafael Salvadores Ramos (1995), Guía de espacios naturais de Galicia, Galaxia, ISBN 84-8288-002-0.