Frederico II de Sicilia
Frederico II de Aragón,[1] coñecido tamén como Frederico II de Sicilia, Frederico II de Trinacria ou Frederico III de Sicilia, nado en Barcelona o 13 de decembro de 1273 ou 1274, e finado en Paternò, preto de Catania, o 25 de xuño de 1337, foi un infante de Aragón que foi rexente aragonés en Sicilia de 1291 a 1295, rei de Sicilia de 1295 a 1302, e despois rei de Trinacria, a parte insular do Reino de Sicilia, desde 1302 até a súa morte en 1337.
Orixes familiares
editarFrederico foi o terceiro dos fillos de Pedro III o Grande, rei de Aragón e de Valencia e conde de Barcelona e dos demais Condados cataláns,[2][3][4] e de Constanza II de Sicilia, filla do rei de Sicilia Manfredo de Hohenstaufen,[5] fillo ilexítimo do emperador Frederico II de Suabia.
Coroouse como Frederico III para significar a continuidade coa dinastía suaba dos Hohenstaufen, e modificou o escudo de armas do reino de Sicilia, engadindo as armas de Aragón ás da dinastía Hohenstaufen.
Vacilacións do seu nome na historiografía
editarO nome Frederico III
editarO numeral deste rei de Sicilia debe ser II, xa que foi o segundo Frederico que reinou na illa, pero, segundo os historiadores, el elixiu o ordinal III, en homenaxe ao seu bisavó, o emperador do Sacro Imperio Frederico II de Suabia, que tamén foi rei de Sicilia e que adoitaba presentarse e asinar como Fridericus secundus imperator etc.; por iso, e como seu sucesor no trono de Sicilia, autoproclamouse Frederico III. Por mor diso, en moitas bibliografías, especialmente nas itaianas e inglesas, desígnase como Frederico III.
A denominación de Trinacria
editar- Véxase tamén: Reino de Trinacria.
En canto á denominación Frederico II de Trinacria débese a que, cando subiu ao trono do Reino de Sicilia Manfedo I de Hohestaufen, o papa Clemente IV excomungouno por ser fillo ilexítimo do seu pai Frederico II, emperador so Sacro Imperio, devolvendo o Reino de Sicilia ao papado.
En 1262, Constanza II de Sicilia, filla de Manfredo, casou con Pedro III de Aragón o Grande, rei de Aragón e de Valencia, e conde de Barcelona e dos demais Condados cataláns. Esta situación de enfrontamento entre a dinastía Hohenstaufen e a Casa de Aragón, sendo Constanza a herdeira de Manfredo, provocou a antipatía do papa francés Clemente IV, que buscou axuda en Carlos I de Anjou, irmán máis novo do seu aliado Lois IX de Francia, san Lois.
Así, as tropas de Carlos de Anjou entraron na illa e loitaron contra Manfredo de Hohenstaufen e vencérono na batalla de Benevento, e Carlos foi coroado rei de Sicilia en Roma en 1266, inaugurando a dinastía Anxevina.
Baixo Carlos de Anjou, e posteriormente do seu fillo Carlos II, o norte do terrotorio (o peninsular) favoreceuse en detrimento do sur (o insular), e así a capital do Reino trasladouse de Palermo a Nápoles. Esta situación de dominación anxevina concluíu coas Vésperas sicilianas, (Cf.I Vespri siciliani) que conduciron á división do Reino de Sicilia, que se produciu cando faleceu Carlos de Anjou en xaneiro de 1285 e de Pedro III de Aragón en novembro dese mesmo ano: o reino de Sicilia dividiuse en dúas partes de forma permanente (Regnum Siciliae ultra farum, Sicilia, tamén coñecida como Reino de Trinacria, e Regnum Siciliae citra farum, coñecida como Reino de Nápoles). Pero, como ambos os reis e os seus sucesores intitulábanse como "rei de Sicilia", para distinguilos emprégase rei de Nápoles para o da parte continental, e rei de Sicilia para o da parte insular, tamén coñecido como rei de Trinacria.[6][7][8] Os dous reinos estiveron separados até 1442.
Traxectoria
editarPrimeiros anos
editarFrederico era o terceiro fillo varón dos tres que tiveran Pedro III e Constanza de Sicilia que aínda vivían (os outros dous eran Afonso, o primoxénito e Xaime, o segundoxénito; xa que o último fillo varón, Pedro, morrera mozo), segunbo a Crónica piniatense,[9][10] datos confirmados tamén na Historia Sicula de Bartolomeu de Neocastro (Alfonsus, Elisabeth regina Portugalli… Rex Iacobus, Dominus Fridericus, domina Violanta et dominus Petrus) e na Crònica de Ramón Muntaner (Anfós, Jacme, Frederic e Pere).[10]
O 19 de xuño de 1291, o seu irmán máis vello, o soberano da Coroa de Aragón, Afonso III, faleceu repentinamente, deixando os Reinos de Aragón e de Valencia, o Condado de Barcelona e o goberno de Mallorca ao segundo irmán, Xaime II de Aragón, o Xusto, e dispoñendo que o terceiro, Frederico, se ocupara da rexencia do Reino de Sicilia; pero Xaime, despois de ser coroado en Zaragoza no mes de xullo, como sucesor de Pedro III e non de Afonso III, non cumpriu o testamento deste, e quedou co Reino de Sicilia, en prexuízo de Frederico. O infante Frederico, o mesmo ano 1291, foi enviado, porén, como lugartenente do seu irmán Xaime II, a Sicilia, onde se reuniu coa súa nai Constanza.[10]
Nesta época aínda existía un conflito entre a Casa de Anjou e a Casa de Aragón pola posesión de Sicilia. A pesar de que Xaime II vencera no conflito, os problemas da conquista de Murcia e os ataques dos francos polo norte obrigárono a iniciar negociacións de paz con Carlos de Anjou.
Despois de diversas interrupcións provocadas pola morte de dous pontífices, baixo os auspicios do papa Bonifacio VIII, Xaime II tivo que asumir un tratado, a chamada paz de Anagni, en 1295, tratado que non o favorecía demasiado; mediante este tratado, a cambio de conseguir a posesión das illas (e Reinos) de Sardeña e Córsega, tivo que ceder Sicilia á Igrexa que, á súa vez, a devolvería á Casa de Anjou.[10]
Rei de Sicilia
editarPorén, os nobres sicilianos rexeitaron devolver o control aos franceses aos que desterrara da illa en 1282 e, o 11 de decembro dese mesmo ano de 1925, o Parlamento siciliano proclamou a Frederico II como rei de Sicilia.[10]
O papa intentou, sen éxito, convencelo de que non aceptara, ofrecéndolle privilexios e promesas, pero Frederico mantívose firme e foi coroado polos nobres na Catedral de Palermo en 1296.[10]
O perfil do rei de Sicilia
editarO carácter e o comportamento de Frederico estivo moi influído pola súa descendencia normanda-suaba: como Roxerio II de Sicilia foi o fundador dun estado, foi un comandante capaz e un bo lexislador, e como o seu bisavó Frederico II era carismático, agresivo, pro imperial e continuamente excomungado (en particular, polo papa Xoán XXII desde 1321 a 1334).
En 1296, cando foi elixido rei, promulgou as Constitutiones regales, os Capitula alia e as Ordinationes generales, e outros textos que subministraron unha base de garantías constitucionais innovadoras no medioevo, que incluían os deberes dos gobernantes e a obriga de convocar polo menos unha vez ao ano o Parlamento siciliano. En 1324, o Parlamento reunido en Enna decretou, entre outras, normas que prevían a segregación dos xudeus.
Os caracteres de Sicilia que todos coñecemos hoxe en día derivan en gran parte deste segundo reino de Sicilia, fundado en 1296 por Frederico, e que despois, pasando a través de varias rexencias, serían abolidas en 1816 por Fernando I de Borbón.[Cómpre referencia]
Durante o seu reinado acentuose sen dúbida o réxime feudal: o Parlamento estaba formado por tres estamentos (a nobreza, o clero e o "terceiro estado" ou "común"), establecuese o latifundismo e a economía entrou en crise. Pero de todos os xeitos o rei debe ser recordado polas súas reformas civís e administrativas que afectaron a Sicilia, que deron máis poder ao Parlamento (chamado os Capítulos) e a subdivision da illa en catro Vales de Sicilia (Val de Noto, Val de Demone, Val de Mazara e Val de Girgenti).
A Corte de Frederico: laboratorio de debates relixiosos e refuxio de disidentes
editarFrederico II foi íntimo amigo do catalán Arnau da Vilanova, acolleu na súa Corte aos franciscanos espirituais perseguidos e aos fraticelli (amplo grupo de herexes da Idade Media tardía (1300-1500) que teñen a súa orixe nos franciscanos espirituais que se rebelaron contra as disposicións e declaracións do papa Xoán XII referentes á pobreza franciscana). O místico Ramon Llull puxo nel moitas esperanzas nunha renovación do cristianismo. El mesmo estaba interesado na mísica, e fixo da súa Corte un foco de debates filosóficos e relixiosos, no que participaron activamente filósofos aristotélicos, pensadores xudeus, alquimistas, astrólogos e incluso practicantes da maxia. Aínda que chocou frecuentemente coas autoridades eclesiásticas, Frederico non estaba movido por un espírito cristián, senón pola ansia de adquirir coñecemento sempre novo e da convicción de que o mundo, daquela vello, se estaba renovando.[11]
O Parlamento siciliano
editarO Parlamento siciliano, composto por feudatarios, síndicos das cidades, condes e baróns, era presidido e convocado polo rei.
A súa función principal era a defensa da integridade territorial de Sicilia, como valor máximo, incluso contra o absolutismo do rei, en interese de todos. O rei non podía concertar acordos de calquera tipo (político, militar ou económico) ou declarar a guerra sen antes consultar e obter o consentimento do Parlamento que, pola Constitución, tiña que ser convocado polo menos unha vez ao ano no día de Todos os Santos.
O Parlamento, constitucionalmente, tiña as competencias de elixir o rei, e de ser o órgano garante do correcto funcionamento da xustiza ordinaria exercida por verdugos, xuíces, notarios e outros oficiais do Reino.
Descendencia
editarDa súa unión matrimonial con Leonor de Anjou naceron nove fillos; ademais se lle atribúen polo menos outros cinco fillos naturais nacidos dunha relación coa nobre de Catania Sibila Sormella.[3][10][12]
De Leonor tivo:[13]
- Pedro (1304-1342), que o herdou como rei de Trinacria;
- Roxerio (1305-?), morto xove;
- Constanza (1305-despois do 19 de xuño de 1344, que casou en primeiras nupcias, en 1306, con Roberto de Francia (1297-1307), fillo do rei de Francia Filipe IV o Belo; máis terde, o 16 de outubro de 1317, caou en segunas nupcias, con Henrique II de Chipre (1270-1324), na igrexa de Santa Sofía de Nicosia; despois, o 29 de decembro de 1331, casou con León V de Armenia (1310-1341) e, finalmente, en 1343, con Giovanni de Lusignano (1329/1330-1375);
- Manfredo (1306-1317), duque de Atenas;
- Isabel (1310-1349), que casou en 1328 co duquea Estevo II de Baviera;
- Guillerme (n. 1312-1338), príncipe de Tarento, duque de Atenas e de Neopatria;
- Xoán de Aragón (1317-1348), duque de Atenas e de Neopatria, e rexente de Sicilia (1338-1348);
- Catarina (1320-1342), abadesa do convento de Santa Chiara de Messina;
- Margarida (1331-1377), que casou en 1348 con Rodolfo II do Palatinado.
De Sibila Sormella tivo:[14]
- Afonso Frederico de Sicilia, (ca. 1294 - entre 1334 e 1339), señor de Salona, conde de Gozo e de Malta, que foi rexente dos Ducados de Atenas e de Neopatria;
- Orlando (ou Rolando) de Sicilia (ca. 1296 - abril/maio de 1361, na batalla de Caltanissetta), barón de Avola;
- Isabel de Sicilia (ca. 1297-1341), que casou co conde d Empúries, Poncio VI, e despois, en segundas nupcias, con Raimundo Peralta, conde de Caltabellotta;
- Leonor de Sicilia (ca. 1298), comprometida con Roxerio, fillo do almirante Roxerio de Lauria, e despois casou co conde de Modica, Giovanni de Chiaramonte;
- Sancho de Sicilia (ca. 1300 - ca. 1334), barón de Militello, que casou coa señora de Cammarata, Macalda Palizzi.
Antepasados
editar16. Afonso II de Aragón | ||||||||||||||||
8. Pedro II de Aragón | ||||||||||||||||
17. Sancha de Castela | ||||||||||||||||
4. Xaime I de Aragón | ||||||||||||||||
18. Guillerme VIII de Montpellier | ||||||||||||||||
9. María de Montpellier | ||||||||||||||||
19. Eudoxia Comnena | ||||||||||||||||
2. Pedro III de Aragón | ||||||||||||||||
20. Bela III de Hungría | ||||||||||||||||
10. André II de Hungría | ||||||||||||||||
21. Inés de Antioquía | ||||||||||||||||
5. Violante de Hungría | ||||||||||||||||
22. Pedro II de Courtenay | ||||||||||||||||
11. Iolanda de Courtenay | ||||||||||||||||
23. Iolanda de Flandres | ||||||||||||||||
1. Frederico II de Sicilia | ||||||||||||||||
24. Henrique VI de Suabia | ||||||||||||||||
12. Frederico II Hohenstaufen | ||||||||||||||||
25. Constanza de Hauteville | ||||||||||||||||
6. Manfredo de Sicilia | ||||||||||||||||
13. Branca Lancia | ||||||||||||||||
3. Constanza II de Sicilia | ||||||||||||||||
28. Tomé I de Savoia | ||||||||||||||||
14. Amedeo IV de Savoia | ||||||||||||||||
29. Margarida de Xenebra | ||||||||||||||||
7. Beatriz de Savoia | ||||||||||||||||
30. Hugo III de Borgoña | ||||||||||||||||
15. Margarida de Borgoña | ||||||||||||||||
31. Beatriz de Albon | ||||||||||||||||
Notas
editar- ↑ "Frederico na Guía de nomes da RAG". academia.gal. Consultado o 8 de xullo de 2022.
- ↑ Reis de Aragón en Medieval Lands (en inglés).
- ↑ 3,0 3,1 Barcelona - Genealogy Arquivado 15 de outubro de 2017 en Wayback Machine. (en inglés).
- ↑ Pedro III de Aragón - genealogie Arquivado 13 de abril de 2009 en Wayback Machine. en mittelalter (en alemán).
- ↑ Constanza de Hohenstaufen, aínda que se coñece como Constanza II de Sicilia, non debe confundirse con Constanza de Hauteville, tamén chamada Constanza de Sicilia, que foi bisavoa da primeira.
- ↑ José María de Francisco Olmos (2003): El «Coronato» napolitano. Una moneda documental y propagandística. Arquivado 24 de setembro de 2016 en Wayback Machine. Revista General de Información y Documentación, Vol. 13, núm. 1. Universidad Complutense de Madrid, páx. 58.
- ↑ John Platts (1825): A universal biography: chronologically arranged.... Sherwood, Jones & Co., Vol. 3, páx. 473.
- ↑ Gaetano Moroni (1854): Dizionario di erudizione storico-ecclesiastica. Vol. XLV, páx. 199.
- ↑ A Crónica piniatense é unha crónica historiográfica, encargada polo rei de Aragón Pedro IV, do Reino de Aragón, desde as súas orixes como Condado até o establecemento da Coroa de Aragón (1336, morte de Afonso IV de Aragón).
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 10,6 Reis de Sicilia en Medieval Lands (en inglés).
- ↑ Antonio Oliver (1963): "Heterodoxia en la Mallorca de los siglos XIII-XV". Boletín de la Sociedad Arqueológica Luliana 79: 175.
- ↑ Federico III de Sicilia genealogie mittelalter Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine. (en alemán).
- ↑ Frederico III e Eleonora - familyhistory Arquivado 16 de novembro de 2017 en Wayback Machine. (en inglés).
- ↑ Frederico III e Sibilla - familyhistory Arquivado 16 de novembro de 2017 en Wayback Machine. (en inglés).
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Frederico II de Sicilia |
Bibliografía
editar- Cardini, Franco e Marina Montesano (2006): Storia medievale. Firenze: Le Monnier. Col. Università/Storia. ISBN 88-00-20474-0.
- Correnti, Santi (1999): Storia della Sicilia. Roma: Newton & Compton. ISBN 88-8289-264-6.
- Fodale, Salvatore (1989): Lexikon des Mittelalters. Voz: Friedrich III (II) von Aragòn, vol. IV pp. 944–945, Mónaco-Zúric (en alemán).
- Fodale, Salvatore (1995): Federico III (II) d'Aragona, re di Sicilia (Trinacria) en Dizionario Biografico degli Italiani Volume 45. Roma: Treccani (en italiano).
Outros artigos
editar- Pedro III de Aragón
- Constanza II de Sicilia
- Casa de Anjou
- Casa de Aragón
- Reino de Sicilia
- Reino de Nápoles
- Vésperas sicilianas
- Lista de soberanos de Sicilia e Nápoles
Ligazóns externas
editar- Federico III e gli Aragonesi di Sicilia. La guerra dei 90 anni con Napoli en Il Portale del Sud (en italiano). Consultada o 14 de novembro de 2017.
- Frederick III., King of Sicily na Encyclopædia Britannica, Volume 11, 1911 (en inglés). Consultada o 14 de novembro de 2017.
- Liber constitutionen federiciana en Treccani (en italiano). Consultada o 25 de setembro de 2016.
- Federico II e il Liber augustalis en Treccani (en italiano). Consultada o 25 de setembro de 2016.
Predecesor: Xaime II de Aragón |
Rey de Sicilia 1295 - 1337 |
Sucesor: Pedro II de Sicilia |