Isoforma

(Redirección desde «Glicoforma»)

En bioloxía molecular denomínase isoforma ou isoforma proteica ás distintas formas dunha mesma proteína, que difiren na secuencia de aminoácidos pero presentan grande homoloxía, e que se orixinan das seguintes maneiras:

  • A partir de dous xenes distintos pero moi relacionados, orixinados por duplicación, que diverxiron algo. Os xenes teñen que estar moi relacionados, xa que o concepto de "mesma proteína" non ten senso para parálogos que diverxiron moito e que se orixinaron a partir dun só xene ancestral que se duplicou hai moitos millóns de anos e despois diverxiu moito en secuencia, estrutura e funcionalidade.[1]
  • A partir do mesmo xene por splicing alternativo. A distinta maduración do ARNm durante o splicing dá lugar a proteínas procedentes do mesmo xene que difiren nalgunhas seccións, que faltan nalgunha das isoformas, porque se eliminaron os exóns correspondentes a esas seccións durante a maduración do ARNm.[1]
  • A partir do mesmo xene polo uso de distintos promotores durante a transcrición, que fan que se orixinen ARNm nos que non se transcribiron certos exóns. Como os promotores son específicos de tecido, en distintos tecidos vanse expresar distintas isoformas desas proteínas. Neste caso, a diferenza do splicing alternativo no que a diferenza se produce despois da transcrición, aquí prodúcese durante a transcrición.[2]
  • O termo tense usado tamén para referirse aos alelos dun mesmo xene e SNPs, pero actualmente o termo non se adoita a aplicar a alelos, senón a parálogos e proteínas resultantes de splicing alternativo.

Outro xeito de orixinárense distintas formas dunha mesma proteína é por edición do ARN ou por sufrir modificacións postraducionais diferentes.

Un exemplo de proteína con isoformas é a actina G, a cal, malia a súa natureza moi conservada, ten varias isoformas, que nos mamíferos son polo menos seis.

A existencia de isoformas podería explicar o pequeno número de xenes codificantes de proteínas atopados no xenoma humano comparado coa diversidade atopada no proteoma, xa que as isoformas codificadas por un mesmo xene incrementarían esa diversidade. As isoformas a nivel do ADN poden estudarse pola técnica do ADNc, entre outras. Porén, para a gran maioría dos transcritos formados por splicing alternativo así atopados, non hai evidencias da súa posterior tradución, pregamento e estabilidade ou función ao nivel de proteína, e en moitos casos poden ser simplemente "ruído transcricional" ou erros de splicing.

Glicoformas

editar

Unha glicoforma é unha isoforma dunha glicoproteína que se diferencia doutra só polo número ou tipo de glicanos unidos a ela. As glicoproteínas a miúdo teñen varias glicoformas, que presentan alteracións nos sacáridos ou oligosacárido que levan unidos. Estas modificacións poden orixinarse por diferenzas na biosíntese durante o proceso de glicosilación, ou debidas á acción de glicosidases ou glicosiltransferases. As glicoformas poden detectarse por medio de análises químicas detalladas, ou por reacción diferencial con lectinas, como na cromatografía de afinidade de lectinas e a electroforese de afinidade de lectinas. Exemplos típicos de glicoproteínas con distintas glicoformas son moitas proteínas sanguíneas como a orosomucoide, a antitripsina, e a haptoglobina. Unha glicoforma pouco usual é a da molécula de adhesión celular neural (NCAM) na que están implicados ácidos polisiálicos, PSA.

Isoformas en química

editar

En química o termo isoforma pode utilizarse de forma xeral para referirse a moléculas de composición idéntica pero de diferente construción en comparación con outras.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
  NODES
todo 1